Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 1995 Páx. 2.448

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 13 de marzo de 1995 pola que se regulan as subvencións para a creación de iniciativas locais de emprego e proxectos piloto de acción rural para 1995 e cofinanciada polo Fondo Social Europeo.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma, en coherencia co artigo 149.1.7 da Constitución, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios que neste ámbito e no nivel de execución ostenta actualmente o Estado (Art.29.1).

Á alta taxa de desemprego xuvenil debe engadirse o feito de que a inmensa maioría dos mozos que obteñen un emprego o fan de xeito temporal, amparados por vantaxes derivadas de determinados tipos de contratación, e con poucas posibilidades de consolidarse como ocupados estables.

Así mesmo debe mencionarse tamén o caso dos mozos traballadores baixo o chamado «emprego familiar», que en Galicia é particularmente elevado, e a aparición, acentuada nos tempos de crise, de distintas formas da chamada economía somerxida.

Coa finalidade de tentar poñerlle freo ó alto índice de desemprego na nosa comunidade, estableceuse o Plan Galego de Emprego Xuvenil.

Unido ós datos anteriormente citados, atopámonos con que neste momento, a taxa de emprego en Europa é a máis baixa dos países industrializados do mundo. O desemprego de longa duración converteuse nun mal endémico da comunidade. Máis da metade dos desempregados levan sen traballo máis dun ano, sendo un problema que afecta especialmente ós mozos.

Por todo isto, a política de emprego da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, prevé, entre outras medidas o cofinanciamento, xunto con diversos poderes públicos dos estados membros, de programas tendentes á consecución do emprego coa finalidade de intentar palia-la elevada taxa de desemprego na comunidade.

Para a posta en marcha dos proxectos presentados ante o precitado Fondo, e unha vez aprobado o texto definitivo do Plan de Emprego Xuvenil, por acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de abril de mil novecentos noventa e catro, é preciso dicta-las normas que regulen a concesión de axudas do citado plan, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1995 e cos fondos que se reflictan no Marco Comunitario de Apoio da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

Os programas que se desenvolven na presente orde axustaranse así mesmo ó disposto nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1995, no Decreto 52/1994, do 4 de marzo e na presente orde de convocatoria.

Os devanditos programas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.222A.772 dos citados orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 1995, e aqueloutras que se creen como consecuencia dos créditos correspondentes ó cofinanciamento do Fondo Social Europeo.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-

A presente orde ten por obxecto o establecemento dos programas «Iniciativas Locais de Emprego» e «Proxectos Piloto de Acción Rural», contemplados no Plan Galego de Emprego Xuvenil, a desenvolver por esta Consellería de Familia, Muller e Xuventude durante o exercicio económico de 1995.

CAPÍTULO PRIMEIRO

PROGRAMA DE INICIATIVAS

LOCAIS DE EMPREGO

Artigo 2º.-Obxecto

1. O obxecto deste programa é proporcionar axudas á creación de novas iniciativas locais de emprego formuladas a través das corporacións locais, no exercicio de 1995, e que leven á creación dunha actividade económica baixo a forma de sociedade mercantil ou cooperativa, con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, de interese socioeconómico para o seu contorno e que resulte viable económica e financeiramente, supoñendo xeración de emprego.

2. Os ditos proxectos empresariais deberán ser promovidos, cofinanciados ou participados polas corporación locais, tendo en conta a súa capacidade e a incidencia da iniciativa no seu ámbito territorial, manifestando o seu apoio expreso a ela.

Artigo 3º.-Requisitos

Os proxectos empresariais mencionados deberán estar promovidos polo menos por tres traballadores desempregados cunha antigüidade mínima de 3 meses, con empadroamento nalgún concello desta Comunidade Autónoma e tendo en conta que, como mínimo, a metade dos promotores serán mozas desempregados menores de 30 anos.

A antigüidade no desemprego exceptúase naqueles traballadores que nese período de tempo participasen en programas de formación da Xunta, ou cando a situación de desemprego se produza pola finalización dun contrato temporal ou como consecuencia dun expediente de regulación de emprego.

Artigo 4º.-Axudas

1. Estas axudas consistirán nunha subvención a fondo perdido de ata un 60% dos gastos para o funcionamento e posta en marcha da actividade, en función dos postos de traballo xerados, volume de investimento do proxecto e do beneficio económico e social no seu ámbito de influencia, sen que en ningún caso exceda de cinco millóns de pesetas (5.000.000 Pts.) o importe total dos gastos da subvención.

2. Naqueles proxectos que supoñan gastos totais de pouca contía as axudas consistirán nunha subvención, a fondo perdido, destinada a financia-los gastos da posta en marcha e funcionamento dos seis primeiros meses.

3. Excluiranse dos gastos subvencionables para o funcionamento e posta en marcha da actividade,

citados no punto primeiro do presente artigo, os derivados de obrigas tributarias, taxas por autorizacións administrativas, stocks, construcción de edificios, leassing, etc.

Artigo 5º.-Devolución de axudas

Se nun prazo inferior a dous anos, contados a partir da data da concesión da subvención, se producise a liquidación da empresa, os socios deberán devolve-lo importe da subvención concedida.

Artigo 6º.-Solicitudes

1. A solicitude, acompañada de toda a documentación citada no punto 3 do presente artigo, deberá presentarse ante a corporación local que promova o proxecto, a cal a remitirá dentro do prazo establecido no artigo 14 desta orde, conxuntamente co documento acreditativo do acordo adoptado polo órgano competente da mesma no que se manifeste a súa participación no proxecto, na forma e prazo previstos no artigo 13.

2. Así mesmo, os promotores presentarán na delegación provincial da consellería o documento acreditativo da presentación da solicitude na corporación local.

3. Á solicitude deberáselle xuntar por triplicado exemplar, a documentación seguinte:

a) Memoria explicativa do proxecto, que incluirá obrigatoriamente un estudio da súa viabilidade.

b) Orzamento detallado dos gastos que se van realizar, indicando as fontes de financiamento, debendo especificar a que gasto vai ser destinada a presente subvención, tendo en canta o indicado no artigo 4º.3.

c) Documento orixinal ou fotocopia compulsada que acredite a constitución da empresa, ou o compromiso de constitución, no exercicio de 1995.

d) Fotocopia da tarxeta de demandante de emprego de cada un dos membros da sociedade, ou declaración xurada do traballador que se pretenda contratar da súa situación real de desemprego.

e) Fotocopia do documento nacional de identidade e certificado de empadroamento de tódolos membros da sociedade.

CAPÍTULO SEGUNDO

PROGRAMA DE PROXECTOS PILOTO

DE ACCIÓN RURAL

Artigo 7º.-Obxecto

1. A finalidade desta programa é a concesión de axudas para apoiar e promove-los proxectos piloto de acción rural, entendéndose como tales aquelas actividades que, xerando emprego para mozos desempregados menores de 30 anos, promovan o maior aproveitamento dos recursos endóxenos da zona, ou a mellara das estructuras productivas xa existentes, perseguindo con iso o seu desenvolvemento económico e social.

2. As accións e medidas incluídas nos proxectos piloto deberán ter carácter innovador na zona na que se implanten e consideraranse de especial interese aqueles que persigan obxectivos tales como a mellara das estructuras productivas e as rendas agrarias, a conservación e desenvolvemento do medio rural, así como a elevación do benestar social.

Artigo 8º.-Requisitos

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas, asociacións ou comunidades legalmente constituídas con veciñanza administrativa e domicilio social en Galicia, sempre que as súas actividades ou os fins estatutariamente establecidos estean relacionadas co mundo rural e o seu desenvolvemento económico e social.

2. Os proxectos poderanse levar a cabo en tres fases diferentes, tendo en conta que cada unha delas non poderá superar un exercicio orzamentario, e que será requisito imprescindible para solicita-la fase seguinte ter rematado na súa totalidade a anterior, tendo en conta que a segunda ou sucesivas fases do proxecto estarán suxeitas tanto ós resultados obtidos e á necesidade de continualos como á continuidade desta programa nos próximos exercicios orzamentarios.

Artigo 9º.-Axudas

1. Estas axudas alcanzarán un máximo equivalente ó 50% do custo da medida a implantar, e a súa concesión será compatible con calquera outra axuda establecida con cargo a outros programas elaborados por outras consellerías, institucións e organismos, sen que a suma total das axudas percibidas para o desenvolvemento do presente programa poidan supera-lo 100% do custo total do proxecto, unha vez computadas o resto das axudas obtidas.

2. As axudas previstas neste programa terán a natureza de subvencións non reintegrables en tódolos casos, e a súa contía fixarase segundo os seguintes criterios:

a) O interese da acción que se vai executar desde o punto de vista do desenvolvemento económico da área beneficiada.

b) O carácter innovador e demostrativo do proxecto piloto, e a súa coherencia, viabilidade e calidade técnica.

c) Os límites establecidos pola normativa da CEE que sexa de aplicación en cada caso.

3. Excluiranse do custo das medidas, para efectos da presente axuda, aqueles que se deriven de obrigas tributarias, taxas por autorizacións administrativas, o custo dos proxectos, estudios e informes, leassing, etc.

Artigo 10º.-Solicitudes.

A solicitude deberá ser presentada antes do inicio do gasto, e irá acompañada da documentación seguinte, por triplicado exemplar:

a) Acreditación da personalidade e representación, se é o caso, do solicitante.

b) Memoria descritiva do proxecto da actividade, na que se farán constar: localización, relación e contía dos gastos, características técnicas e económicas, número de postos de traballo que se crean inicialmente, así como os previstos á súa finalización, programa de financiamento previsto, orzamentos xerais do proxecto e previsión de prazos para a execución do proxecto; deberase especificar a que gasto vai ser destinada a presente subvención, tendo en conta o establecido no artigo 9º.3

c) Relación de subvencións que se soliciten ou se obtiveran da Administración da CEE, central, local ou outras consellerías desta Comunidade Autónoma, tanto para o proxecto que se vai realizar neste

exercicio ou, de se-lo caso, para o xa realizado no exercicio anterior, de tratarse dunha segunda fase.

Artigo 11º.-Obrigas.

A entidade solicitante, no caso de obte-la subvención prevista neste programa, quedará obrigada a comunicar calquera variación orzamentaria que se produza na execución do proxecto.

CAPÍTULO TERCEIRO

NORMAS DE PROCEDEMENTO COMÚNS

Artigo 12º.-Incompatibilidades

As subvencións descritas na presente orde serán incompatibles con outras que polos mesmos conceptos poidan outorgar outras administracións públicas, excepto as previstas no capítulo segundo, Proxectos Piloto de Acción Rural.

Artigo 13º.-Presentación de solicitudes

As solicitudes para ámbolos dous programas recollidos na presente orde presentaranse no rexistro xeral das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou na forma prevista no art. 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa documentación esixida en cada caso, así como coa documentación seguinte:

a) Ficha de transferencia bancaria, en modelo oficial, que será facilitada nas respectivas delegacións provinciais.

b) Certificado bancario de existencia de conta.

c) Declaración pola que se expresa a aceptación ás actuacións de comprobaci6n da Consellería de Familia, Muller e Xuventude previstas no artigo 14.2 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 14º.-Prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de outubro. Sen embargo, e por razóns de eficacia, no mes seguinte a cada trimestre, excepto no cuarto, que se resolverá en novembro, resolveranse as solicitudes presentadas no trimestre anterior.

2. No suposto de que as solicitudes non cumpran os requisitos sinalados para cada programa na presente orde ou a documentación aportada sexa insuficiente ou conteña erros, procederase da forma prevista no artigo 10.2 do decreto citado anteriormente.

3. Unha vez completos os expedientes, a delegación provincial emitirá un informe preceptivo que remitirá xunto coa solicitude e a documentación á Dirección Xeral de Formación e Emprego.

Artigo 15º.-Valoración

1. Unha vez recibidos os expedientes na Dirección Xeral de Formación e Emprego, remitiranse á comisión de valoración, para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación perante o órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no presente artigo, a comisión de valoración estará composta polo subdirector de Emprego, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Promoción de Emprego, que

actuará como secretario, e o xefe da Sección Técnica do F.S.E.

Artigo 16º.-Tramitación

Para a concesión das axudas teranse en conta aquelas accións que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego na actividade que se pretenda desenvolver, así como as promovidas por mulleras desempregadas, tendo en conta o indicado nesta orde nos artigos 2 e 7, respectivamente.

Artigo 17º.-Resolución

1. A resolución das subvencións, unha vez emitido informe sobre elas pola comisión de valoración e fiscalizadas as propostas polas respectivas intervencións, corresponderalle ó director xeral de Formación e Emprego, e deberán ser notificadas ós interesados.

2. Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, a Conselleira de Familia, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de subvencións para accións que se desenvolvan naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellen.

Artigo 18º.-Requisitos para aboamento

Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobro, os beneficiarios das subvencións reguladas nos programas da presente orde, terán que acreditar:

a) No programa de Iniciativas Locais de Emprego certificación expedida polo concello correspondente de que os gastos para os que se concedeu a subvención foron efectuados.

b) Para as subvencións do programa de Proxectos Piloto de Acción Rural, certificacións de que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pago ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como documentación xustificativa de que os gastos para os que se concedeu a subvención foron efectuados.

Artigo 19º.-Aboamento

O aboamento das subvencións farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata un 50% do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, no momento no que a Dirección Xeral de Formación e Emprego reciba certificación do concello responsable na que se notifique o inicio das actividades, con indicación dos gastos necesarios para o dito comezo, no caso das Iniciativas Locais de Emprego; e certificación da entidade responsable notificando o inicio das actividades, así como acreditación da necesidade de efectuar pagos inmediatos para o seu comezo, no caso dos Proxectos Piloto de Acción Rural.

b) O resto, unha vez recibida a documentación indicada no artigo anterior, tendo en conta que a xustificación deberá realizarse, en todo caso, antes do día 10 de novembro de 1995.

Artigo 20º.-Publicidade

Nas accións que se leven a cabo nos devanditos programas deberá figurar, no lugar onde se realicen, de forma visible, un cartel publicitario no que se indique que esa acción está cofinanciada pola Xunta

de Galicia, Consellería de Familia, Muller e Xuventude, e o Fondo Social Europeo, ámbalas dúas denominacións cos seus respectivos anagramas.

Disposicións adicionais

Primeira.-

Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo no Ministerio de Traballo e Seguridade Social, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude podará realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6 da Lei 11/1992.

Terceira.-

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-

A concesión das subvencións reguladas na presente orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para 1995 da Comunidade autónoma para o fin que perseguen e os compromisos que se reflictan no Marco Comunitario de Apoio provenientes do Fondo Social Europeo.

Quinta.-

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Formación e Emprego, e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Facúltase o director xeral de Formación e Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude