Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 1995 Páx. 2.468

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de febreiro de 1995 pola que se declara de interese galega a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Ortegal e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 21 de febreiro de 1995 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 20 de decembro de 1994 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Ortegal, adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

O padroado da fundación, en sesión extraordinaria celebrada o día 25 de decembro de 1994, adoptou por unanimidade o acordo de modifica-los artigos 17.1, 17.2 e 17.5 dos seus estatutos, engadindo ademais un novo artigo (23 bis) que integrará a sección terceira do capítulo IV, do consello asesor, e faculta-lo presidente, o vicepresidente e o secretario da fundación para que calquera deles, indistintamente, eleven a públicos os acordos tomados.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 5 dos seus estatutos ten por obxecto pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único

1.-Declarar de interese galego a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Ortegal ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2.-Ordena-la inscrición da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Ortegal no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública