Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 1995 Páx. 3.595

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 28 de abril de 1995 pola que se crea o Complexo Hospitalario Santa María Madre-Dr. Cabaleiro Goás de Ourense.

Polo Real decreto 1995/1985, do 9 outubro, foron traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios en materia de sanidade (AISNA), que foron asumidos e asignados á Consellería de Sanidade en virtude do Decreto 240/1985, do 31 de outubro, figurando no inventario de bens inmobles o Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás, en Toén (Ourense).

Polo Decreto 22/1993, do 28 de xaneiro, aprobouse o acordo de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia do Hospital Santa María Madre dependente da Deputación Provincial de Ourense, xunto coa escola universitaria de enfermería situada no devandito centro.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, crea o Servicio Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Sanidade, tendo como finalidade a xestión dos servicios sanitarios de carácter público dependentes da Comunidade Autónoma, asignándolle entre as súas funcións (artigo 3. d, reformado pola Lei 8/1991), a xestión dos centros, servicios e establecementos sanitarios do Servicio Galego de Saúde e os adscritos funcionalmente a el.

Pola Resolución do 8 de maio de 1992, da Dirección Xeral do Servicio Galego de Saúde, adscribiuse o Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás ó Complexo Hospitalario Cristal Piñor.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, vén plasmar normativamente a vontade de que a saúde mental e a asistencia psiquiátrica, tanto extra como intrahospitalaria, se integre no conxunto de plans e accións de saúde xeral, establecendo concretamente que as unidades de Hospitalización psiquiátrica estarán integradas nos hospitais xerais como un servicio destes, adaptando a súa estructura orgánica ás características da súa especialización.

Seguindo este criterio no Hospital Santa María Madre instalouse a unidade psiquiátrica de agudos de referencia para toda a poboación da provincia e concorrendo a conveniencia de reunir tódolos dispositivos baixo un só órgano de dirección e xestión, resulta aconsellable que tódolos dispositivos de saúde mental da provincia de Ourense se adscriban funcionalmente a ese centro hospitalario.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren o artigo 4 da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

DISPOÑO

Artigo único.-Créase o Complexo Hospitalario Santa María Madre-Dr. Cabaleiro Goás de Ourense como estructura que agrupa os actuais centros asistenciais Hospital Santa María Madre e Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás.

Disposicións adicionais

Primeira.-A integración establecida na presente orde non afectará o réxime xurídico do persoal que actualmente presta servicios no Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás.

Segunda.-O réxime xurídico e económico do persoal que, a partir da entrada en vigor da presente disposición, sexa contratado con cargo ó orzamento diferenciado do Hospital Dr. Cabaleiro Goás, con excepción das substitucións do persoal non estatutario do cadro de persoal deste centro asistencial, será o correspondente ó estatuto xurídico do persoal que en cada caso resulte de aplicación, e demais normativa aplicable con carácter xeral ó persoal estatutario das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde.

Terceira.-A dirección do Hospital Psiquiátrico Cabaleiro Goás dependerá da Dirección-Xerencia do Hospital Santa María Madre.

Disposición transitoria

Sen prexuízo do establecido no artigo único da presente disposición, o Hospital Psiquiátrico Cabaleiro Goás de Toén poderá manterse como centro de gasto diferenciado para os efectos da xestión orzamentaria.

Disposición derrogatoria

Quedará derrogada a Resolución do 8 de maio de 1992, da Dirección Xeral do Servicio Galego de Saúde, pola que se adscribía o Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás ó Complexo Hospitalario Cristal Piñor de Ourense.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais