Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 21 de xuño de 1995 Páx. 4.789

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 14 de xuño de 1995 pola que se fixan as normas ás que se deben ate-los visitantes das illas de Ons.

As illas de Ons están integradas polas illas de Ons e Onza ou Onceta, e polos illotes da Freitosa e Centolo. Propiedade do Estado, a súa administración e xestión foron transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polos reais decretos 167/1981, do 9 de xaneiro, 1234/1983 de 20 de abril e 1535/1984, do 20 de xuño.

O 18 de xullo de 1985 publicouse a Orde do 3 de xullo de 1985, fixándose normas ás que se debían ate-los visitantes das illas de Ons.

O 15 de xullo de 1994 publicouse, así mesmo, a Orde do 4 de xullo de 1994, pola que se modificaban os artigos 5, 8, 9, dela co fin de evita-lo impacto en certas zonas de elevada fraxilidade.

Tralos últimos estudios para fixa-la capacidade de carga nas illas e a teor das actuacións realizadas para mellora-las condicións na zona de acampada de Chan de Pólvora, e co fin de actualiza-la normativa de aplicación ós visitantes e adecua-la xestións.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-O ámbito territorial de aplicación do contido desta orde correspóndese coas illas Ons e Onza ou Onceta e cos illotes da Freitosa e Centolo.

Artigo 2º.-Quedan prohibidas as novas construccións, incluídas aquelas que poidan ter carácter provisional, como son casetas, vivaques ou calquera outro tipo de refuxios.

Artigo 3º.-Será necesaria autorización especial:

a) Para o acceso ás illas de Onza ou Onceta e os illotes da Freitosa e Centolo.

b) Para pernoctar na illa de Ons, agás para os que dispoñan de vivenda nela ou convivan con eles.

c) Para a entrada de vehículos de motor na illa de Ons.

Artigo 4º.-Na illa de Ons queda autorizado o tránsito de persoas e animais domésticos a excepción das zonas sinaladas, nas que unicamente se poderá facer polas sendas habilitadas para ese fin.

Artigo 5º

1. Será necesario permiso previo para acampar na única zona autorizada para tal fin nas illas de Ons, coñecida como Chan de Pólvora.

2. Tales permisos, persoais e intransferibles, serán gratuítos e dunha duración máxima de 7 días.

3. O número máximo de prazas será de 200 persoas.

4. O período de acampada abranguerá desde o día primero de xullo ata o día 30 de setembro de cada ano.

Artigo 6º.-As autorizacións especiais e os permisos serán expedidos pola Xefatura Provincial de Medio Ambiente Natural de Pontevedra e polo Centro de Informática de Curro, na illa de Ons.

Artigo 7º.-O aproveitamento cinexético nas illas de Ons, será regulado por esta consellería.

Artigo 8º

1. Para o uso do lume haberá que atarse ó disposto pola orde anual desta consellería sobre incendios forestais.

2. Quedan prohibidas as fogueiras, incluso na zona de acampada, onde se poderá facer uso de aparellos productores de luz ou calor, mediante gases líquidos inflamantes.

Artigo 9º.-Non se poderá guindar lixo nin refugarlles fóra dos contedores destinados para este fin, e sempre en bolsas de plástico pechadas.

Artigo 10º.-A inobservancia ou infración destas normas será sancionada, segundo proceda en cada caso de acordo co previsto na Lei 4/1989, de conservación de espacios naturais e da flora e fauna silvestres, e as disposicións que poidan ser de aplicación.

O incumprimento destas instruccions, así como as alteracións de orde pública, poderán comporta-la expulsión inmediata das illas, sen prexuízo das responsabilidades administrativas, civís ou penais que poidan ser esixidas de conformidade co previsto na lexislación vixente.

Disposicións derradeiras

1. A partir da data de entrada en vigor da presente orde quedan derrogadas:

A Orde do 3 de xullo de 1985, na que se fixan as normas ás que se deben ate-los visitantes das illas Ons, a Orde do 4 de xullo de 1994, pola que se modifica a Orde do 3 de xullo de 1985.

2. A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes