Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 21 de xuño de 1995 Páx. 4.790

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 1995, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector da dobraxe da Comunidade Autónoma galega.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito intracomunitario do sector da dobraxe, que se subscribiu con data do 13 de marzo de 1995, entre a representación da empresa e representación dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90, apartados 2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito

de convenios colectivos de traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 1995.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio Colectivo Galego

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito territorial.

O presente convenio regula as relacións entre as empresas de dobraxe e sonorización, tanto entre as existentes como entre as que se establezan nun futuro, que teñan o seu centro de traballo situado en Galicia, e os seus traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará á totalidade do persoal integrante da profesión encadrado nos distintos grupos profesionais.

Artigo 3º.-Ámbito temporal, revisión e denuncia.

Este convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 1994 ata o 31 de decembro de 1995. Só terá carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 1994 para efectos de incrementa-las retibucións no 4,9% os conceptos salariais do ano 1993, o resto do articulado entrará en vigor a partir da sinatura do convenio.

Quedará prorrogado por períodos anuais se, polo menos cun mes de antelación ó seu vencemento, non fose denunciado por calquera das partes.

Tanto para o caso de ser prorrogado o presente convenio como para o de ser denunciado e, neste, sen prexuízo do que se decida na negociación correspondente, as retribucións terán un aumento igual ó experimentado polo IPC do ano anterior a partir do 1 de xaneiro. En calquera dos casos o convenio seguirá en vigor en toda a súa amplitude namentres non sexa substituído por outra redacción definitiva.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O pactado neste convenio non altera condicións máis beneficiosas que os traballadores poidan desfrutar en determinadas empresas, que serán mantidas estrictamente ad personam.

Artigo 5º.-Descolgue salarial.

Este convenio, no ámbito da súa aplicación, entenderase, sempre, como de mínimos. Polo que calquera traballador/a independentemente da súa modalidade contractual, sempre quedará acollido como mínimo a tódolos dereitos que recolle este convenio, tanto sociais como económicos. De acordo coa actual lexislación, calquera empresa que necesite facer un descolgue salarial terá que negocialo, en primeiro termo, cos representantes dos traballadores, tanto no caso de que haxa ou non acordo, terá que ser transmitido á comisión paritaria do convenio, para que esta nun prazo máximo, de dous meses decida se procede ou non o descolgue e en que condicións. Transcorrido este tempo, de non haber acordo, ámbalas partes someteranse ós mecanismos do AGA I.

Enténdese que as empresas que necesitasen facer utilización desta fórmula, terán que entregar toda a documentación que sexa requirida pola citada comisión paritaria.

Capítulo II

Rama técnico-administrativa

Artigo 6º.-Antigüidade.

A contía dos trienios estipúlase no 5% do salario base.

Respectaranse as porcentaxes que se viñeran percibindo nalgunhas empresas sempre que se produzan condicións máis beneficiosas para o traballador.

O traballador, ó ascender de categoría profesional, conservará os trienios acreditados con anterioridade.

Artigo 7º.-Nocturnidade.

No caso de xornada nocturna, entre as 22.30 horas e as 7.30 horas, as retribucións correspondentes terán un incremento do 25%.

Cando o tempo de traballo nocturno supere o 50% da xornada, considerando día a día, aplicaráselle o incremento a toda a xornada, como se esta fose, na súa integridade, nocturna.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Quedan establecidas para tódalas empresas dúas gratificacións extraordinarias que se satisfarán os días 15 de xullo e de decembro.

Artigo 9º.-Enfermidade.

Establécese que no caso de enfermidade debidamente acreditada o persoal terá dereito, e por un ano, a que as empresas lles completen a diferencia existente entre as indemnizacións que deben percibir e o importe dos salarios establecidos.

Artigo 10º.-Desprazamentos e gastos de comida.

Cando por necesidades das empresas sexa preciso o desprazamento a un centro de traballo de concello distinto do centro de traballo habitual aboaránselles os traballadores, en concepto de axudas de custos, as seguintes cantidades: 24 ptas./km de desprazamento, 1.762 ptas./comida, ou 8.800 ptas./día por manutención e aloxamento.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

Na rama técnica a xornada de traballo, no seu cómputo semanal, será de 35 horas de luns a venres,

ámbolos dous inclusive, en horarios de 7.45 a 14.45 horas ou de 15.45 a 22.45 horas.

O persoal de administración e producción terá unha xornada laboral semanal máxima de 39 horas. O horario será de mañá ou tarde ou de mañá e tarde.

Nos casos de xornada continuada, establécese un tempo de descando de 15 minutos, que se considerará tempo de traballo efectivo.

En todo caso, tódolos traballadores e traballadoras, terán que ter un descanso, mínimo, ininterrompido de día e medio á semana.

Calquera modificación do horario terá que ser negociado entre os representantes legais dos traballadores e a empresa, e a posteriori terá que ser ratificada pola comisión paritaria do convenio.

Artigo 12º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de 30 días naturais para tódolos traballadores, e desfrutaranse entre os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, salvo que mediase causa para o seu desfrute en mes distinto; de ser esta allea ó traballador, incrementarase o período vacacional en cinco días.

Artigo 13º.-Táboas mínimas de contratación.

Os salarios base deste convenio transcríbense a continuación por categorías; terá carácter de táboa mínima para os efectos de contratación. As categorías figuran definidas no anexo I. Os ascensos de categoría faranse de acordo co Estatuto dos traballadores.

Artigo 14º.-Normas complementarias.

No non previsto no presente convenio aplicarase o disposto pola legalidade vixente.

Capítulo III

Rama Artística

Artigo 15º.-Aspecto laboral.

A) Establecerase a xornada laboral permanente de luns a venres agás festivos, mediante convocatorias (CX) que dure como máximo seis horas e media, de 8 a 14.30 ou de 16 a 22.30 horas.

B) O persoal contratado fixo ou temporal terá un horario de mañá ou tarde para a súa xornada laboral de seis horas e media. O resto das horas ata completa-las 37.30 horas, realizaranse de mañá ou tarde, segundo os casos.

C) No caso de xornada nocturna, as retribucións terán a mesma consideración que no artigo 7º do presente convenio. Nas xornadas festivas, sábados e domingos as retribucións terán un incremento do 200%.

D) Nunha mesma CX non se incluirán «takes» de diferentes películas, de capítulos ou episodios de series diferentes, sexa cal for a súa metraxe, formato ou medio de explotación.

E) Tampouco se incluirán nunha mesma CX capítulos ou episodios diferentes dunha mesma serie salvo no caso de que a suma total dos tempos de proxección real non superen os trinta minutos.

Artigo 16º.-Dimensión do «take».

Os «takes» terán como máximo nove liñas en total e cinco por personaxe, sen perder en ningún caso a continuidade do texto ou da imaxe. O «take» non poderá conter orixinais de máis de trinta segundos. Se por necesidades técnicas se superan estas medidas ata un máximo de 16 liñas en total, 10 por personaxe ou 60 segundos, contabilizarase un «take» máis a cada personaxe que repita intervención nas liñas seguintes. O mesmo sucederá se houbese máis de 10 segundos de silencio entre as intervencións dun mesmo personaxe.

A) Da liña:

a) Unha liña equivale a sesenta espacios mecanografados.

b) Unha liña incompleta considerarase enteira aínda que só conteña unha palabra ou fracción dela.

c) Non se completarán liñas acumulando pés de diálogo.

d) Calquera expresión sonora do personaxe que se está a dobrar (risos, prantos, respiracións, etc.) contabilizarase a razón dunha liña por «take».

B) Cancións.

Os «takes» que impliquen ser cantados total ou parcialmente contaranse como «takes» dobres para os actores que canten.

C) Así mesmo, tamén serán considerados dobres para o actor ó que correspondan aqueles «takes» que conteñan unha liña ou máis en idioma non oficial en Galicia.

Artigo 17º.-Definición de rolo.

Entenderase por rolo o equivalente a un máximo de 10 minutos de proxección real en calquera formato. Para efectos de medida de pagamento a axustadores, calquera fracción de rolo considérase como rolo enteiro, excepto no último rolo de cada producción que só se considerará rolo novo cando o posible exceso dos 10 minutos supere 1 minuto (só no caso de que non coincidan nunha mesma persoa a dirección e o axuste). En caso de que o director realice o traballo de axuste a unidade de facturación será o minuto para para os dous traballos, a dirección e o axuste.

Artigo 18º.-Probas de voz, repartos.

O rexistro de escenas ou «takes» dunha película para seleccionar voces será retribuído con unha convocatoria (CX) e un «take», independentemente do número de «takes» que se realicen, sempre e cando estes non sexan comercializados, en caso contrario facturarase o número real de «takes» realizados.

Artigo 19º.-Publicidade.

As tarifas para a dobraxe de traballos publicitarios acordaranse cos interesados cando sexan as empresas as que, directamente, contraten os servicios co persoal artístico. O tratamento económico será sempre superior ó que teña que ser pagado de acordo coa CX e «take».

Artigo 20º.-«Trailers» e «retakes».

A) Os «trailers» ou avances dunha película (sexa cal for o sistema utilizado na súa producción e proxección) só poderán incluirse na convocatoria da propia película acumulando ós desta os «takes>> dobrados para o «trailer». Se a convocatoria se fixera unicamente para o «trailer», pagarase, ademais dos «takes», a correspondente CX.

B) Para os efectos de axuste e dirección os «trailers» serán retribuídos de acordo coa súa duración real no caso de director-axustador. No caso de axustador serán considerados sempre como un «rolo» máis, independentemente daqueles que formen a película.

C) Os «retakes» serán considerados como convocatoria á parte. A CX só será retribuída no caso de que o traballador sexa convocado especificamente para este fin. En tódolos casos os «retakes» sempre serán retribuídos de acordo co tratamento económico do «take» que establece a táboa salarial do presente convenio.

Artigo 21º.-Repetición de papeis.

Un mesmo actor o actriz, calquera que sexa a súa forma de contratación, só poderá dobrar unha mesma película, capítulo ou episodio a máis de un personaxe cando a suma total dos «takes» nos que interveña non exceda do número de oito. Nunca será xustificable superar este número nin sequera percibindo unha nova CX. Para estes efectos non serán computables os chamados «ambientes» nin os títulos.

Artigo 22º.-Ambientes.

Enténdese por ambientes:

As expresións sonoras concretas e breves emitidas por persoas integrantes dun grupo, como tales, sen

se singularizar nin se individualizar e, por iso, sen esixir sincronía.

Os ambientes serán aboados como «takes».

Artigo 23º.-Dobraxe de documentais.

A dobraxe de documentais ou semellantes que, sen esixir sincronía, esixan individualización, terá o tratamento en CX e «takes» que establece o presente convenio.

Considerarase «take» o dobre da medida establecida en liñas para o «take» dramático (artigo 16º) sen superar nunca os 30 segundos de duración.

Terá una tratamento establecido no artigo 16 a dobraxe de personaxes que si esixan sincronía.

Artigo 24º.-Dobraxe de películas sen son de referencia.

As tarifas salariais establecidas no presente convenio para «takes», dirección e axuste, incrementaranse nun 100% nas dobraxes de películas ou fragmentos desta especialidade.

Nesta categoría non entrarán aquelas películas con son axeitado para a dobraxe, entendéndose por tal aquel que sendo audible e intelixible, teña correspondencia sincrónica con labios do correspondente personaxe ou, no caso de narradores, exista, e podéndose da-lo caso de personaxes e/ou «takes» con son axeitado e outros que non o teñan, sendo de aplicación a estes últimos o establecido no primeiro parágrafo deste artigo.

Artigo 25º.-Director de dobraxe.

O director de dobraxe será responsable da dobraxe da película ante a empresa. Son súas as seguintes funcións:

A) Ver previamente a película encomendada para dobrar.

B) Propo-los actores e actrices que intervirán na dobraxe.

C) Propor co departamento de producción os plans de traballo para cada convocatoria.

D) Dirixir técnica e artisticamente ós actores e actrices. Ficará na sala durante as convocatorias.

E) Efectua-la visión de control de cada dobraxe que lle fose encomendada cos representantes da empresa e co cliente.

Os dereitos e deberes do director de dobraxe defínense no anexo II.

Artigo 26º.-Axustador de diálogos.

É a persoa que, baseándose nunha traducción propia ou allea dos diálogos orixinais da película, os axusta e axeita ó propio ritmo narrativo da producción a dobrar posibilitando a sincronía de cada personaxe. Son funcións súas:

A) Ver previamente a película que a empresa lle encomenda para o seu axuste.

B) Colaborar co director de dobraxe e, se é o caso, co traductor, para unha mellor realización do seu traballo.

C) Facer que o guión da película chegue á sala en perfectas condicións de axuste.

D) As cancións rimadas e sincronizadas terán o tratamento económico que se acorde en cada caso, non estando incluídas no axuste normal.

E) A retribución polo traballo de axuste será independente de calquera outra que perciba o traballador que o realice.

Artigo 27º.-Contratación de profesionais.

A) Poderán outorgarse contratos de traballo de duración indefinida, temporal, ou por tempo certo ou obra determinada nas condicións establecidas no Estatuto dos traballadores.

B) Para os contratos indefinidos e temporais serán aplicables os artigos 6º, 7º, 8º, 9º, 10º e 12º do presente convenio.

Artigo 28º.-Remuneración.

A) Actores.

Contratación por obra: 4.811 ptas./CX e 457 ptas./take.

Contratación temporal ou indefinida: as súas retribucións serán as mesmas cás dos contratados por obra, tomándose como unidade de facturación a CX e o «take» dos actores. En todo caso garantiráselles un salario mínimo mensual de 152.503 ptas.

B) Directores.

Contratación por obra: 545 ptas./minuto dirección.

Contratación temporal ou indefinida: as súas retribucións serán as mesmas cás dos contratados por obra, tomándose como unidade de facturación o minuto de dirección e axuste. En todo caso garantiráselles un salario mínimo mensual de 236.856 ptas.

C) Axustadores.

Contratación por obra: 4.146 ptas./rolo axuste ou 415 ptas./minuto axuste, en caso de que coincidan nunha mesma persoa os traballos de dirección e axuste.

Contratación temporal ou indefinida: as súas retribucións serán as mesmas cás dos contratados por obra, tomándose como unidade de facturación o rolo de axuste. En todo caso garantiráselles un salario mínimo mensual de 152.503 ptas.

Artigo 29º.-Forma de cobro.

As formas de cobro para os traballadores eventuais serán as seguintes:

A) Pago inmediato no día de traballo.

B) Pago mensual ata o día 10 de cada mes, no que se pagarán os traballos realizados o mes anterior.

Ó remate da CX a empresa expediralle ó traballador un recibo no que conste o traballo realizado e a remuneración correspondente.

Artigo 30º.-Medidas cautelares.

A) Os traballadores deberán ser convocados cun mínimo de 48 horas de antelación sempre que sexa posible.

B) A desconvocataria de traballadores deberalles ser comunicada polas empresas ós interesados cun

mínimo de 24 horas de antelación sobre a hora de comezo da convocatoria prevista, e de 48 horas de ser para personaxe fixo nunha serie.

C) O incumprimento do devandito obrigará a empresa ó pagamento dunha CX ós afectados como compensación parcial polos prexuízos que puidesen ocasionar.

D) O plan de traballo de convocatoria deberá estar exposto en lugar visible polos traballadores.

E) Comunicaráselle ó traballador o número de «takes» de que consta a súa convocatoria no momento de ser convocado.

F) A convocatoria para os actores con personaxe fixo nunha serie deberá facerse cun mínimo de unha semana de antelación.

G) A empresa entregará unha fotocopia da convocatoria a realizar ós traballadores que a soliciten.

Capítulo IV

Rama artística, traductores

Artigo 31º.-Funcións.

A) O traductor é o responsable da traducción correcta do guión da película que se lle encomende a calquera idioma, destinado a dobraxe na empresa.

B) Deberá colaborar co director de dobraxe e co axustador para unha mellor comprensión do seu traballo.

C) Terá opción a asumi-las funcións de axustador de diálogos como xeito máis idóneo de realización do seu traballo, manténdose sempre como categorías distintas pata tódolos efectos, excepto se se establecen polivalencias en traballadores contratados por tempo indefinido ou temporal nestas dúas categorías.

D) Por razóns de calidade e unidade de estilo, o traductor do primeiro capítulo dunha serie terá opción a traducir toda a serie.

Artigo 32º.-Aspecto laboral.

A) O persoal contratado terá un horario de mañá ou de tarde, na súa xornada continuada, ou de mañá e tarde para realiza-la súa jornada laboral semanal de 39 horas.

B) No caso de xornada-festiva ou nocturna as retribucións incrementaranse segundo a lexislación vixente.

C) A empresa dotará ó traductor do material necesario para o desenvolvemento do seu traballo, segundo as indicacións desta.

Artigo 33º.-Dimensións do folio.

O folio constará dun máximo de 20 liñas mecanografadas. Un folio incompleto considérase folio enteiro.

Da liña: artigo 16º.

Artigo 34º.Contratación de profesionais.

A) O persoal contratado por tempo certo ou indefinido terá unha xornada laboral semanal de 39 horas.

B) A este persoal seranlle aplicables os artigos 6º, 8º, 9º, 10º, 12º e 26º do presente convenio.

Artigo 35º.-Remuneracións.

Contratación por obra: 763 ptas./folio.

Contratación temporal ou indefinida: 152.503 ptas./mes.

Artigo 36º.-Forma de cobro.

Aplicarase o artigo 29 do presente convenio agás no que se refire a «ó remate da CX» onde se empregará o concepto «ó se face-la entrega do traballo».

Artigo 37º.-Medidas cautelares.

A) A traducción farase a partir de guión e vídeo correspondentes.

B) No caso de ter que ser realizadas unicamente a partir do vídeo as tarifas incrementaranse un 100%.

C) De se-la traducción, total ou parcialmente, para subtítulos, e ser realizados estas polo traductor, as tarifas incrementaranse un 100% nos folios correspondentes.

D) A entrega ó traductor de guión e vídeo para traducir será feita cun mínimo de 3 días hábiles de antelación para tódolos casos que non superen os 50 minutos.

E) No caso de que a traducción teña que ser feita exclusivamente sobre vídeo e sen guión, a entrega deberase realizar cun mínimo de 4 días de antelación para tódolos casos que non superen os 50 minutos.

F) De solicita-la empresa a traducción para o día hábil seguinte, as tarifas incrementaranse nun 100%.

Capítulo V

Outras disposicións

Artigo 38º.-Seguridade e hixiene no traballo.

Empresas e traballadores están obrigados a cumpri-la lexislación vixente en materia de seguridade e hixiene.

Artigo 39º.-Comisión mixta paritaria.

A) Constitúese a comisión mixta paritaria que entenderá e resolverá preceptivamente cantas cuestións poidan derivarse da aplicación e interpretación do convenio, incluídas as referentes á seguridade e hixiene no traballo. O seu domicilio será a sede do Consello Galego de Relacións Laborais, praza de Vigo, 2, baixo, Santiago de Compostela.

B) Reunirase con carácter ordinario unha vez cada seis meses; e con carácter extraordinario cando así o requira unha das partes en forma indubidable, fixando na convocatoria a orde dos asuntos que se tratarán.

C) Os representantes das partes da comisión mixta paritaria, perante a denuncia de calquera anomalía, estarán facultados para levar a cabo as comprobacións pertinentes en relación co establecido no apartado A).

D) A comisión mixta paritaria estará composta por cinco persoas da parte empresarial e cinco persoas da parte social.

E) É intención das partes, xerar unha formación continua do colectivo de traballadores existentes, para isto a comisión será a encargada de organizar e controla-la formación. Os cursos, de cara ó exterior, terán que ser acordados no seo da comisión paritaria aque, en todo momento, terá que basearse para toma-las súas decisións en criterios de racionalidade, por necesidade de novas «cordas» e, en ningún caso, en criterios exclusivamente economicistas.

Artigo 40º.-Pagamentos.

As empresas están obrigadas a pagar con recibo oficial tódalas nóminas e convocatorias repercutindo nelas os descontos legais correspondentes.

Artigo 41º.-Dereitos sindicais de orde xeral.

A) Os delegados do persoal terán os dereitos recoñecidos pola lei.

B) As centrais sindicais terán acceso ás empresas para informar ós traballadores sobre asuntos do seu interese, podendo utiliza-los taboleiros de anuncios que as empresas deberán ter á disposición dos traballadores.

C) As empresas facilitaranlles ós traballadores os seus locais para celebraren asambleas se son solicitadas en tempo e forma.

Artigo 42º.-Representación sindical.

Para os efectos de eleccións sindicais, e no referente ao artigo 72 do Estatuto dos traballaodres e co obxecto de viabiliza-la existencia da representación sindical no sector, os/as traballadores/as do sector artístico terán a condición de fixos-discontinuos, todos/as aqueles/as que teñan un mínimo de 30 días cotizados no último ano inmediatamente anterior ó inicio do proceso electoral, no estudio pertinente.

Artigo 43º

Toda cláusula contractual contraria ás estipulacións do presente convenio será considerada nula de pleno dereito.

Designación de funcións con respecto ás seguintes categorías:

Xefe de son/vídeo. Responsable do departamento técnico. Estará capacitado para realizar calquera dos labores do seu departamento así como para efectualo control de calidade do producto final.

Técnico de son/vídeo. Capacitado para facer calquera tipo de rexistro sonoro, mesturas, sincronización e confección de «soundtracks». En vídeo, capacitado para facer edición, subtitulados, insertos, etc. e vertelos no orixinal.

Operador de son/vídeo. Capacitado para facer rexistros en sala. En vídeo, encargado de facer copias, repicados e calquera outra función que non supoña a manipulación do orixinal. Eventualmente poderá realizar funcións de categoría superior.

Axudante de son/vídeo. Deberá estar sempre baixo o control dun operador de cabina, técnico de son ou xefe de son. Enténdese que no momento en que estea capacitado para realiza-las funcións de operador e comece a facelas sen asistencia superior, ascende á categoría de operador.

Técnico de mantemento. Encárgase da conservación bo funcionamento dos equipos e material eléctrico do estudio.

Xefe de administración. Persoal que asume baixo a dependencia directa da dirección, xerencia ou administración, o mando e responsabilidade do sector de actividades de tipo burocrático, tendo ás súas ordes o persoal que requiran os servicios.

Oficial administrativo. Empregado que se dedica dentro da empresa a operacións administrativas baixo as ordes do xefe do departamento.

Secretaria de dirección. Profesionais ós que se lles esixe experiencia teórico-práctica en organización e métodos, con amplos coñecementos de taquigrafía, mecanografía e idiomas.

Secretaria mecanógrafa. Persoal con coñecementos de organización, tramitación de documentación, atención ó público, taquigrafía e mecanografía.

Xefe de producción. Profesional que organiza e propón a totalidade da producción da película e o reparto desta en tódolos seus aspectos. Para desempeña-la súa misión deberá ter tódolos coñecementos técnicos necesarios para orientar nos seus respectivos traballos ó persoal ás súas ordes.

Axudante de producción. Está ás ordes do xefe de producción e interpreta e fai cumprir todo canto este lle ordene no que se refire á organización, reparto e convocatoria de película. Organiza as convocatorias e plans de traballo de acordo co director de dobraxe. Auxilia o director de dobraxe en todo momento durante o traballo en sala, actuando de conexión cos servicios técnicos e artísticos.

Auxiliar de producción. Persoal que se dedica a operacións diversas de producción, baixo as ordes do xefe de departamento.

Auxiliar de producción. Persoal que se dedica a operacións diversas de producción, baixo as ordes do xefe de departamento.

Encargado de almacén. Funcións específicas do cargo.

ANEXO II

Dereitos e deberes do director de doblaxe en Galicia

1. A) Recibi-lo guión (asinado polo traductor) e a cinta de vídeo correspondente coa antelación mínima dunha semana.

B) Recibi-lo guión con texto correcto (considérase incorrecto: falta de texto, relación incompleta ou equivocada de actores no «take», mala presentación do guión, erros gramaticais, erros de concepto, etc.).

2. Ter asignado un responsable de producción para cada traballo.

3. Aporta-lo seu criterio artístico para determinar de acordo coa empresa o número e a extensión das convocatorias segundo a dificultade de cada traballo.

4. A) O guión debe estar na sala sen riscaduras que dificulten o traballo do dobrador/a, técnico de cabina e do propio director, entregándoselle a este mecanografado se fose preciso despois do axuste.

B) O axuste do guión só lle corresponderá facelo ó director se se acordou previamente coa empresa.

5. A elaboración de convocatorias e «planning» de traballo, ou o reaxuste de convocatoria en sala, será feito polo departamento de producción, tendo informado ó director con antelación á execución do traballo.

Disposición transitoria

Nas empresas nas que exista a figura de montador, asimílase esta á categoría de técnico de son, manténdose a retribución que perciba, no caso de ser máis beneficiosa.