Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.178

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 178/1995, do 16 de xuño, polo que se derroga o Decreto 15/1984, do 9 de febreiro, regulador da subministración, distribución, prescrición e control da administración da vacina contra a hepatite B.

O Decreto 15/1984, do 9 de febreiro (DOG nº 40, do 28 de febreiro), regulou a subministración, distribución, prescrición e control da administración da vacina contra a hepatite B, limitando a súa utilización só para certos grupos de poboación considerados como sometidos a risco.

Superados os problemas de producción e abastecemento que fixeron necesaria a utilización restrinxida e controlada da vacina contra a hepatite B, así como a modificación das anteriores condicións sanitario-epidemiolóxicas, enténdese chegado o momento de poñer fin a aquel sistema restrictivo, substituíndoo polo máis acorde coa política definida pola Organización Mundial de Saúde (OMS) e os obxectivos recollidos no Plan de Saúde de Galicia sobre o control de enfermidades inmunoprevibles. Deste modo derrógase o Decreto 15/1984, do 9 de febreiro, pois hoxe atópase en contradicción coa posta en marcha do Programa Galego de Prevención e Control da Hepatite B, que permite a vacinación universal de neonatos, dos preadolescentes de 12 anos, de adultos con comportamentos de risco, e a prevención da transmisión perinatal da hepatite.

Por iso, e en virtude das competencias establecidas no Estatuto de autonomía en na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda derrogado o Decreto 15/1984, do 9 de febreiro, polo que se regula a subministración, distribución, prescrición e control da administración da vacina fronte a hepatite B.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través do Servicio Galego de Saúde, adoptará as medidas necesarias para o cumprimento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidad e Servicios Sociais