Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.177

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

A consecución do aproveitamento eficiente de tódolos recursos sanitarios de Galicia, de xeito que se lles garanta ós cidadáns unha asistencia integral de calidade e en condicións de igualdade, esixe a introducción dunha serie de melloras na organización dos servicios sanitarios, entre as cales se establece a implantación dun novo sistema de información baseado na tarxeta sanitaria.

O sistema de tarxeta sanitaria contará cun método de identificación personalizada dos cidadáns galegos adscritos ó sistema sanitario público, que permititá á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais levar a cabo unha ordeación dos recursos máis racional e axustada á realidade. No ámbito da planificación e xestión das prestacións e servicios sanitarios, este novo instrumento facilitará apoio técnico para a aplicación de medidas tendentes a optimiza-lo gasto sanitario, para asegurar unha maior eficiencia dos recursos. Neste sentido, a súa estructura deberá estar dotada da flexibilidade suficiente como para adaptarse ós posibles cambios nos esquemas organizativos, tales como a separación entre as funcións de compra e provisión de servicios, a autonomía de xestión de centros ou a introducción de novos criterios para a elección de facultativo.

A tarxeta sanitaria é o documento que incorpora parte dos datos procesados por este sistema de información, mediante unha determinada tecnoloxía que irá evolucionando de acordo co grao de desenvolvemento do sector sanitario. En calquera caso, a información que conteña cada tarxeta, tanto de forma visible como a gravada internamente, respostará á súa función credencial, e facilitará a xestión dos procesos qué van asociados á dita función. Así, este documento singularizado, pero idéntico para tódolos cidádáns, garantirá ó seu portador un acceso á asistencia sanitaria en condicións de igualdade, ó non facer distintición polo título a través do cal se adquirira o dereito á prestación sanitaria. O feito de que este novo servicio identifique persoalmente a cada cidadán contribuirá á introducción dunha serie de melloras na xestión como son, entroutras, a desvinculación da adscrición médica da afiliación, a unificación do acceso á documentación sanitaria en calquera nivel do sistema, ou a

axilización de certos trámites administrativos, para dispoñer un contorno máis apropiado á natureza dos servicios sanitarios.

A nova configuración das relacións entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde referida no Decreto 198/1994, do 16 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, xunto coa experiencia acadada na fase inicial da implantación da tarxeta sanitaria, esixe efectuar unha nova regulamentación da mesma.

Este decreto e o seu desenvolvemento teñen como fin adapta-la imprantación da tarxeta sanitaria ó contexto actual e establece-las funcións reservadas tanto

á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, coma ó Servicio Galego de Saúde.

De conformidade co anterior, e a virtude do previsto no artigo 33 do Estatuto de autonomía, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A tarxeta sanitaria é o documento emitido pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que identifica os cidadáns residentes en Galicia protexidos polo sistema sanitario público, e lles acredita para o acceso ós servicios e prestacións sanitarias que teñan legalmente recoñecidas, financiadas a través da Xunta de Galicia.

Artigo 2º

1. Á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais corresponderalle a planificación, xestión e avaliación da implantación de tarxeta sanitaria; o deseño e mantemento da estructura básica do sistema de información integrada; a determinación das características da tarxeta sanitaria, así como a información que se debe incluír neste documento.

2. Para acada-los fins sinalados, o Servicio Galego de Saúde encargarase da xestión daqueles aspectos relacionados coa imprantación da tarxeta sanitaria que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais determine.

Disposición transitoria

Para efectos da prestación da asistencia sanitaria aludida no artigo 1º, a cartilla da Seguridade Social seguirá vixente ata que remate o período de implantación da tarxeta sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 7 de outubro de 1993, pola que se regula a tarxeta sanitaria individual no Servicio Galego de Saúde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para a execución do disposto no presente Decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais