Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 1995 Páx. 5.202

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 187/1995, do 16 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación, a efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de terminación da travesía de Dumbría (tramo da Igrexa) E.P. 3404 de Serra de Outes a Dumbría.

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión celebrada o día 26 de marzo de 1993, aprobou o proxecto de terminación da travesía de Dumbría (tramo da

Igrexa) E.P. 3404 de Serra de Outes a Dumbría e na sesión do día 25 de xuño de 1993 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Pola deputación foi remitida documentación complementaria para a tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 11 de maio de 1995 baixo o número 4342.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública o día 20 de outubro de 1993.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, polo estado do pavimento da estrada, o largo da calzada, de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos; a existencia de numerosas curvas (que é necesario suprimir) e un trazado deficiente e perigoso, así como a intensidade media de tráfico, provocan un altísimo risco de accidentes con perigo para a vida humana.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do concelleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de liberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial da Coruña, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e de dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de terminación da travesía de Dumbría (tramo da Igrexia) E.P. 3404 de Serra de Outes a Dumbría.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais