Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Luns, 17 de xullo de 1995 Páx. 5.708

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Un dos obxectivos prioritarios da política enerxética da Xunta de Galicia é a utilización racional da enerxía, en particular, o aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, de acordo tanto coas directrices da Unión Europea como do Plan Enerxético Nacional 1991-2000, que inclúe entre as súas prioridades de política enerxética aumenta-la contribución dos autoxeradores á producción de enerxía eléctrica, pasando dun 4,5% a un 10% no ano 2000 e recollendo entre as súas actividades prioritarias a implantación no territorio nacional de parques eólicos, que teñen como consecuencia inmediata a diminución do consumo de enerxía primaria de fontes convencionais, a mellora no grao de autoabastecemento, ademais dun importante impacto positivo na protección medioambiental.

A revisión ó alza da porcentaxe de contribución das enerxías renovables na demanda da enerxía primaria queda patente coa Declaración da Conferencia de Madrid, que inclúe o obxectivo para o ano 2010 da substitución na Unión Europea do 15% da demanda de enerxía primaria convencional con enerxías renovables.

As favorables condicións orográficas e climáticas de Galicia para o aproveitamento dos recursos eólicos, o grao de desenvolvemento acadado pola tecnoloxía na utilización desta fonte enerxética e a importante e crecente dimensión das instalacións de xeración de electricidade por estes medios, así como o posible peso relativo deste tipo de enerxía na planificación enerxética da Comunidade Autónoma de Galicia, sen esquece-la esixencia de que a súa imbricación no medio natural supoña e sexa compatible cunha mínima afección medioambiental, fai necesario adoptar unha normativa que regule as condicións e criterios de priorización para a súa implantación.

Para isto, tívose especialmente en conta a Lei 82/1980, do 30 de decembro, sobre conservación da enerxía, que segue vixente no que non se opoña á Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional; o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables; o Decreto 327/1991 da Xunta de Galicia, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, e a Lei 1/1995 da Xunta de Galicia, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

De conformidade co establecido no apartado 4 do artigo 3 e disposición derradeira primeira da citada Lei 40/1994, do 30 de decembro, que delimitan o

ámbito competencial da Administración xeral do Estado e das Comunidades Autónomas, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e regulamentario e a execución da normativa básica do Estado en materia eléctrica respecto das instalacións de producción, transporte e distribución cando este transporte non saia do seu territorio e o seu aproveitamento non afecte a outra provincia ou Comunidade Autónoma, competencias atribuídas estatutariamente polos artigos 27.13º e 28 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que aproba o Estatuto de autonomía de Galicia.

Nese contexto, o presente decreto refunde a normativa existente nun texto único e desenvolve os criterios que rexerán a autorización deste tipo de instalacións de xeración de electricidade a partir da enerxía eólica, seguindo o procedemento de unidade de expediente e resolución única regulado no artigo 39 da Lei de procedemento administrativo, do 17 de xullo de 1958, declarado vixente pola Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común, polo que se impón a instrucción dun só procedemento cando se trate de autorizacións nas que, non obstante referirse a un só asunto ou obxecto, teñan que intervir con facultades decisorias dous ou máis departamentos ministeriais ou varios centros directivos dun ministerio.

Así mesmo, o decreto regula o plan eólico estratéxico co fin de recoller nel tódalas actuacións dun promotor relacionadas coa implantación de dous ou máis parques eólicos, co fin de racionalizar a súa implantación e conseguir maximiza-lo valor engadido do investimento sobre o tecido industrial da rexión.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día, seis de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O presente decreto ten por obxecto a regulación, dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do procedemento para a autorización das instalacións dedicadas á producción de electricidade a partir da enerxía eólica, que no sucesivo se designarán como parques eólicos, así como das condicións técnicas, socio-económicas e medioambientais para a súa implantación.

Artigo 2º

Quedan sometidos ó disposto neste decreto aqueles parques eólicos dunha potencia eléctrica instalada igual ou inferior a 100 MVA.

Artigo 3º

A Consellería de Industria e Comercio tramitará e resolverá as solicitudes que se presenten ó amparo do disposto neste decreto, en coordinación con tódolos organismos afectados.

CAPÍTULO II

PLANS EÓLICOS ESTRATÉXICOS

Artigo 4º

Co fin de racionalizar e logra-lo máximo beneficio na explotación dos recursos eólicos, establécese o plan eólico estratéxico.

Enténdese por plan eólico estratéxico a planificación, no territorio da Comunidade autónoma de Galicia, da implantación de dous ou máis parques eólicos e, eventualmente, as instalacións de industria auxiliar ligadas ós mesmos, por un mesmo promotor e mediante investimentos plurianuais, o fin do cal é o presentar á Administración o contido innovador do sector, a incidencia na planificación enerxética sectorial e o desenvolvemento harmónico dos aproveitamentos eólicos, así como o seu impacto sobre o tecido industrial e desenvolvemento económico local e rexional.

Os plans eólicos estratéxicos presentaranse, para a súa aprobación, perante a Consellería de Industria e Comercio, sen prexuízo da solicitude de autorización administrativa das instalacións regulada no capítulo III.

Artigo 5º

1.-As entidades públicas ou privadas interesadas solicitarán, mediante instancia dirixida ó conselleiro de Industria e Comercio, a aprobación do plan eólico estratéxico, presentando a seguinte documentación:

1.1. Solicitude, cos requisitos sinalados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na que se indicará:

a) Programa de actuacións a desenvolver por un mínimo de 2 anos e un máximo de 10, cunha estimación de investimento anual para cada unha das actuacións descritas.

b) Área ou áreas a investigar, convenientemente identificadas, con indicación das súas coordenadas poligonais referidas á cartografía oficial da Xunta de Galicia.

c) Previsión das potencias brutas que se pretenden investigar e, en consecuencia, instalar.

1.2. O escrito de solicitude irá acompañado da documentación xustificativa da capacidade técnica e financeira da entidade peticionaria para a execución do plan eólico estratéxico que presente.

2.-Recibida a solicitude, procederase á súa publicación no Boletín Oficial do Estado e Diario Oficial de Galicia, podéndose presentar durante o prazo de vinte días solicitudes en competencia conforme co sinalado no apartado anterior.

3.-Transcorrido o prazo a que se refire o apartado anterior, o solicitante ou solicitantes presentarán no prazo de un mes perante a Consellería de Industria e Comercio a documentación técnica correspondente á solicitude presentada, que conteña, polo menos, os seguintes extremos:

a) Plan de investigación eólica, no que se farán consta-los investimentos e actuacións que se levarán a cabo na área ou áreas a investigar, tanto na fase de investigación en si mesma como no previsible desenvolvemento posterior das instalacións de aproveitamento eólico.

b) Plan de desenvolvemento tecnolóxico, con detalle das previsións temporais e económicas con el relacionadas.

c) Programa das actuacións que se van realizar no campo eólico, así como calquera outra actuación industrial que estea relacionada directa o indirectamente coa citada actividade principal, valorándose o desenvolvemento de tecnoloxías propias e a súa aportación ó nivel tecnolóxico da Comunidade Autónoma.

d) As previsións de potencia que requirirá a realización do programa citado no apartado a).

e) O grao de creación de infraestructuras rexionais enerxéticas que aportase o desenvolvemento do proxecto.

f) A incidencia socioeconómica do proxecto na Comunidade Autónoma de Galicia, emprego directo e indirecto que xerará e impacto económico que terá o proxecto sobre a súa área de implantación.

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Industria solicitará dos organismos afectados cantos informes estime pertinentes sobre calquera dos extremos contidos no plan eólico estratéxico presentado.

Artigo 7º

O conselleiro de Industria e Comercio, por proposta da Dirección Xeral de Industria e vistos, se é caso, os informes emitidos, dictará no prazo máximo de seis meses, contado desde a presentación da solicitude, a resolución que proceda, aprobando ou denegando as solicitudes presentadas, con base nos seguintes criterios:

-Planificación enerxética.

-Estudio contrastado dos datos eólicos previos que se utilizarán como base da investigación.

-Grao de viabilidade económica da solución presentada.

-Aportación tecnolóxica e efectos industriais e socio-económicos do plan.

Artigo 8º

A aprobación dun plan eólico estratéxico levará consigo os seguintes dereitos:

-Investigación da área nos termos contidos na aprobación administrativa do plan.

-Dereito preferente, na área aprobada, á autorización de instalacións de aproveitamento da enerxía eólica contidas no plan eólico estratéxico, no caso de existiren proxectos en competencia.

Artigo 9º

Aprobado un plan eólico estratéxico, este será vinculante tanto para o solicitante como para a propia Administración, nos termos descritos na resolución administrativa que o aprobe.

CAPÍTULO III

AUTORIZACIÓN ADMINISTRATIVA DAS INSTALACIÓNS DO PARQUE EÓLICO

Artigo 10º

1.-As entidades públicas ou privadas interesadas na implantación e explotación dun parque eólico solicitarán a autorización deste, mediante instancia dirixida ó delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio segundo o modelo do anexo II, presentando a seguinte documentación:

1.1. Solicitude, cos requisitos sinalados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na que se indicará:

a) Concello ou concellos nos que se pretende realiza-la instalación de aproveitamento eólico.

b) Superficie afectada, con indicación das súas coordenadas poligonais referidas á cartografía oficial da Xunta de Galicia.

c) Potencia bruta que globalmente se pretende instalar.

1.2. O escrito de solicitude irá acompañado da documentación xustificativa da capacidade técnica e financeira da entidade peticionaria para a execución do parque eólico que presente.

Artigo 11º

A solicitude de autorización administrativa será publicada no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, podendo durante o prazo de vinte días presentarse solicitudes en competencia, axustadas ó disposto no artigo décimo.

Artigo 12º

1.-Finalizado o prazo indicado no artigo anterior e dentro do mes seguinte, o solicitante ou solicitantes presentarán perante a correspondente delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio a seguinte documentación:

a) Proxecto por triplicado exemplar, cerrado e lacrado, subscrito por técnico competente, no que se determinarán as obras e instalacións necesarias, coas seguintes indicacións:

-As razóns de calquera índole que xustifiquen a implantación do parque eólico na zona de que se trate.

-Os criterios de situación que se seguiron para elixi-los terreos nos que se situarán concretamente as instalacións.

-Descrición dos recursos eólicos, baseándose en datos históricos suficientes e modelizacións fiables.

-Adecuación do proxecto á situación de planeamento urbanístico vixente, na área de implantación prevista.

-Descrición e xustificación dos datos referidos á ordenación do parque eólico, tales como superficie, ocupación do predio por edificacións, instalacións e superficies pavimentadas. Incluirase, así mesmo, a xustificación dos movementos de terra que se efectuarán.

-Descrición dos servicios existentes e previstos relativos a accesos, abastecemento, enerxías, alumeado e outras instalacións.

-Descrición das características formais e constructivas; uso e destino das edificacións, referidas á superficie construída; altura das edificacións e dos elementos singulares, composición, materiais e outras.

-Prazo de execución do proxecto.

-Orzamento das instalacións.

b) Estudio técnico-económico de viabilidade.

c) Estudio de avaliación de efectos ambientais, que se realizará conforme o disposto no Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, que continúa en vigor en tanto non se aproben as normas regulamentarias de desenvolvemento da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

Se polas características do proxecto quedase afectado algún espacio natural incluído no Rexistro Xeral de Espacios Naturais de Galicia, e en tanto non se aproben as normas regulamentarias de desenvolvemento da citada Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, estarase observarase o disposto polo Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, presentando, se é o caso, o correspondente estudio de impacto ambiental.

d) Adecuación, se é o caso, ó plan eólico estratéxico aprobado nesa área.

2.-Para os efectos indicados no artigo 3º, o solicitante presentará, xunto coa documentación sinalada no punto anterior, as separatas técnicas correspondentes a tódolos organismos afectados polo proxecto.

Artigo 13º

1.-Os proxectos presentados someteranse a información pública, a todos los efectos e durante un prazo de vinte días, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, taboleiros de anuncios dos concellos afectados e prensa de adecuado nivel de difusión .

2.-Finalizada a información pública e recibidas, se é caso, as alegacións a que houbese lugar, a delegación provincial correspondente, e dentro do prazo de dous meses, emitirá informe sobre o expediente, tanto da súa adecuación á normativa de instalacións industriais e eléctricas como das alegacións presentadas e dos informes doutros organismos sobre as separatas da súa competencia.

3.-O expediente convenientemente informado será remitido á Dirección Xeral de Industria, que dictará resolución no prazo de un mes.

Artigo 14º

Cando se presenten varias solicitudes de autorización sobre unha mesma zona, confrontaranse, co previo informe da delegación provincial correspondente, outorgándose a autorización a favor do peticionario que asegure tecnicamente unha mellor relación entre a producción enerxética e a afección ambiental e que mellor se adapte á planificación enerxética, cun maior impacto socioeconómico e adecuación ós plans eólicos estratéxicos existentes. Nos demais supostos, terá preferencia a petición presentada en primeiro lugar perante a Administración autonómica.

Artigo 15º

Para os efectos de garanti-lo cumprimento das obrigas, a entidade beneficiaria deberá constituír, no prazo de un mes a contar desde o outorgamento da autorización, unha fianza polo importe do 2 por 100 do orzamento das instalacións.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no Art. 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, fianza que será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

CAPÍTULO IV

INCLUSIÓN NO RÉXIME ESPECIAL E INSCRICIÓN NO REXISTRO CORRESPONDENTE

Artigo 16º

A condición de instalación de producción de enerxía eléctrica no réxime especial rexerase polo establecido no Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables e será outorgada pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio.

Para efectos de planificación eléctrica estatal, as solicitudes de parques eólicos de potencia instalada superior a 25 MVA requirirá informe favorable da Dirección Xeral da Enerxía do Ministerio de Industria e Enerxía.

Artigo 17º

1.-Para á aplicación a dita instalación do réxime especial será requisito necesario a inscrición dela no

Rexistro de Instalacións de Réxime Especial da Consellería de Industria e Comercio.

2.-A inscrición poderá ser solicitada polo titular da instalación conxuntamente coa condición de instalación acollida o réxime especial ou ben unha vez outorgada a mesma. No primeiro caso, a inscrición será simultánea ó outorgamento da condición de instalación acollida o réxime especial. No segundo caso, poderá entenderse inscrita se transcorre un mes desde a solicitude sen que o órgano competente resolva.

3.-A data de inscrición no rexistro, que se lle notificará en debida forma ó solicitante, determinará o comezo da aplicación do réxime especial á instalación de que se trate.

CAPÍTULO V

EXPROPIACIÓN E SERVIDUMES

Artigo 18º

1.-Para os efectos previstos no título IX da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, o recoñecemento da utilidade pública das instalacións incluídas no ámbito deste decreto, será acordado polo conselleiro de Industria e Comercio, sen prexuízo da competencia do Consello da Xunta de Galicia en caso de oposición de organismos ou outras entidades de dereito público.

2.-Para o dito recoñecemento será necesario que a empresa interesada o solicite simultaneamente coa autorización das instalacións, incluíndo no proxecto presentado para o efecto unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

3.-A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación de bens e a adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa e concordantes da Lei de ordenación do sector eléctrico.

Disposición adicional

De acordo cos obxectivos da planificación enerxética estatal, a Consellería de Industria e Comercio regulará o número de parques eólicos e as potencias que poidan autorizarse anualmente.

Disposición transitoria

Os expedientes de autorización de parques eólicos que se atopen en tramitación á entrada en vigor do presente decreto, poderán acollerse ó disposto no mesmo, se o interesado así o solicita, con aportación, no prazo de vinte días contados desde a súa entrada en vigor, da documentación prevista no mesmo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non previsto no presente decreto será de aplicación a Lei 40/1994, de 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre pro

ducción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables e demais normativa aplicable, no que non se opoña ó disposto na citada Lei 40/1994, do 30 de decembro.

Segunda.-A Consellería de Industria e Comercio dictará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Santiago de Compostela, seis de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5059