Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Mércores, 11 de outubro de 1995 Páx. 7.558

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 253/1995, do 29 de setembro, sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas.

A Constitución española, no seu artigo 27.6º, recoñece ás persoas físicas e xurídicas a liberdade de creación de centros docentes.

De conformidade coas competencias que en materia de educación ten atribuídas a nosa Comunidade Autónoma en virtude do establecido no artigo 31 do Estatuto de autonomía, o presente decreto desenvolve o procedemento que deberá seguirse para que os centros privados, de nova creación, poidan ser autorizados a teor do disposto no artigo 23 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (LODE), e tendo en conta o establecido no Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos que deben reuni-los centros que impartan ensinanzas artísticas.

Así mesmo, cómpre regula-las modificacións de que pode ser obxecto a autorización dun centro docente e a súa extinción, así como o procedemento a seguir para o efecto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe do Consello Escolar de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de setembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Título I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º

1. A apertura e funcionamento dos centros docentes privados que impartan ensinanzas de música, danza, arte dramática e artes plásticas e deseño regulamentadas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, someterase ó principio de autorización administrativa.

2. O réxime xurídico das autorizacións dos centros ós que se refire o apartado anterior, regularase polo que se establece no presente decreto.

3. A autorización concederase sempre que os centros reúnan os requisitos mínimos establecidos con carácter xeral polo Real decreto 389/1992, do 15 de abril, e revogarase cando os centros deixen de reunir estes requisitos. Os centros autorizados desfrutarán de plenas facultades académicas e inscribiranse no Rexistro de Centros.

Artigo 2º

1. Toda persoa física ou xurídica de carácter privado e de nacionalidade española ou de calquera outro esta

do membro da Unión Europea, poderá obter autorización para a apertura e funcionamento de centros docentes privados, se reúne os requisitos establecidos pola lexislación vixente.

2. Poderán, igualmente, obte-la dita autorización as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, de nacionalidade estranxeira, axustándose ó que resulte da lexislación vixente, dos acordos internacionais, ou, se é o caso, do principio de reciprocidade.

Artigo 3º

Non poderán ser titulares de centros docentes privados:

a) As persoas que presten servicios na Administración educativa estatal, autonómica ou local.

b) Os que teñan antecedentes penais por delictos dolosos.

c) As persoas, físicas ou xurídicas, expresamente privadas do exercicio deste dereito por sentencia xudicial firme.

d) As persoas xurídicas nas que as persoas incluídas nos apartados anteriores desempeñen cargos rectores ou sexan titulares do 20 por 100 ou máis do capital social.

Artigo 4º

1. Os centros docentes privados a que se refire o artigo 1º do presente decreto terán a denominación xenérica de centros autorizados, acompañándose esta denominación da correspondente ó ensino e grao que, se é o caso, imparta o centro.

2. Tódolos centros privados terán unha denominación específica que figurará na correspondente inscrición rexistral. Non poderán utilizarse, por parte dos centros, denominacións diferentes daquela.

Título II

Expedientes de autorizacións

Capítulo I

Da solicitude

Artigo 5º

1. O expediente de autorización administrativa para a apertura e funcionamento dun centro docente privado iniciarase por instancia de parte, mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a través da delegación provincial correspondente.

2. Á solicitude xuntaráselle declaración ou manifestación de que a persoa promotora do centro non se encontra incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 3º do presente decreto.

3. Presentarase o proxecto das obras que teñan que realizarse para a construcción do centro, que se axustará ás condicións establecidas no Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas. Se se trata de inmobles xa existentes, deberán presentarse os planos das instalacións no seu

estado actual e, se é o caso, o proxecto das obras previstas para o seu acondicionamento. En calquera caso, aportarase o título xurídico que xustifique a posibilidade de utilización dos inmobles afectados.

Capítulo II

Da aprobación do proxecto

Artigo 6º

A solicitude, xunto coa documentación indicada no artigo anterior, será elevada á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros que dictará resolución, logo de audiencia dos interesados, de se-lo caso, á vista dos informes emitidos polos servicios correspondentes da delegación provincial respectiva, sobre a adecuación das edificacións propostas ós requisitos mínimos que, en canto a instalacións, sinala a lexislación vixente para as distintas ensinanzas.

Artigo 7º

A resolución da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros deberá producirse no prazo máximo de dous meses desde a data en que o promotor do centro completase a documentación á que se refire o artigo 5º. Esta resolución non porá fin á vía administrativa, podendo interpoñerse recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Capítulo III

Da autorización definitiva

Artigo 8º

1. Aprobadas as edificacións propostas e realizadas, se é o caso, as obras necesarias, o interesado instará a autorización definitiva. A solicitude presentarase na delegación provincial, xuntando, tamén, relación do persoal de que disporá o centro desde o momento do inicio da súa actividade, con indicación das súas titulacións respectivas.

A devandita relación poderá ser substituída polo compromiso de ser aportada antes do inicio das actividades educativas e deberá ser aprobada expresamente pola delegación provincial correspondente, logo do informe da Inspección Educativa.

2. A autorización de apertura e funcionamento non poderá ser denegada por insuficiencia das instalacións propostas, se as obras foran realizadas segundo o proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

3. A delegación provincial, logo das verificacións oportunas, remitirá o expediente co seu informe, no prazo máximo de dous meses á dirección xeral citada, que formulará proposta de resolución, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. A resolución do conselleiro, que deberá producirse no prazo de tres meses, logo de audiencia dos interesados de se-lo caso, porá fin á vía administrativa. A referida resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificaráselle ó interesado.

Artigo 9º

1. A autorización de apertura e funcionamento dun centro docente surtirá efectos a partir do curso aca

démico inmediatamente seguinte ó da data da correspondente resolución. Non obstante, o titular do centro poderá solicitar que se aprace, ou se anticipe, a posta en funcionamento deste.

En ningún caso se poderá poñer en funcionamento ningún centro nin unidade ningunha con antelación á concesión da correspondente autorización, sendo este motivo dabondo para denega-la autorización ou, se é o caso, revogala.

2. No centro impartiranse as ensinanzas autorizadas de acordo coa ordenación académica vixente.

Calquera modificación nas ensinanzas autorizadas, aínda que se realicen con carácter experimental, deberá ser aprobada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do director xeral de Ordenación Educativa e Centros e deberá inscribirse no rexistro de centros.

Título III

Modificacións da autorización

Artigo 10º

1. Considéranse circunstancias que dan lugar á modificación da autorización as seguintes:

a) Cambio de denominación específica do centro.

b) Modificación das instalacións que implique:

-Alteración das dimensións dos espacios que se tiveron en conta para outorga-la autorización.

-Cambio no uso ou destino dos ditos espacios.

c) Ampliación e reducción de postos escolares.

d) Modificación das ensinanzas cando se realice con carácter experimental, manténdose o mesmo grao ou nivel para o que foi autorizado o centro.

e) Ampliación, reducción ou substitución de especialidades ou opcións no caso de centros que impartan música, danza, arte dramática e ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño, manténdose o mesmo grao ou nivel para o que se autorizou o centro.

f) Ampliación, reducción ou substitución de ensinanzas no caso de centros que impartan ciclos formativos de artes plásticas ou deseño.

g) Cambio de titularidade do centro.

2. Considéranse circunstancias que dan lugar a unha nova autorización as seguintes:

a) Cambio de domicilio do centro por traslado de instalacións.

b) Cambio no grao ou nivel para o que foi autorizado o centro, salvo o disposto nos apartados 1.d), 1.e) e 1.f) anteriores.

Artigo 11º

1. A modificación da autorización deberá ser aprobada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que a concederá se se cumpren os requisitos mínimos fixados no Real decreto 389/1992 e os establecidos no presente decreto.

2. Os interesados formularán a correspondente solicitude, na que se expresen as causas de modificación, ante a delegación provincial.

3. A delegación provincial elevará a solicitude, acompañada dos informes pertinentes, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, que proporá ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a oportuna resolución, logo de audiencia dos interesados de se-lo caso.

4. A resolución, que poña fin ó expediente, dictarase nun prazo máximo de tres meses, contados desde a presentación da solicitude ou, se é o caso, desde a emenda dos reparos que se formulasen. Esta resolución porá fin á vía administrativa.

5. A modificación que se aprobe dará lugar á correspondente modificación da inscrición do centro no rexistro establecido para o efecto.

Extinción da autorización

Artigo 12º

1. A autorización extínguese polo cesamento nas súas actividades do centro docente, ou por revogación expresa pola Administración educativa, de acordo co que se dispón nos artigos seguintes.

2. A resolución correspondente, que porá fin á vía administrativa, adoptarase por orde do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 13º

1. A extinción da autorización poderá acordarse por instancia do titular do centro.

2. A extinción da autorización por cesamento de actividades dun centro docente, ó longo do período que regulamentariamente se estableza, declararase de oficio polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de audiencia do interesado.

3. En todo caso, a extinción da autorización surtirá efectos desde o inicio do curso académico seguinte.

Artigo 14º

1. O expediente de extinción da autorización por revogación expresa da Administración, procederá de acordo co disposto no artigo 23 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación, cando o centro deixe de reunir algún dos requisitos mínimos establecidos no Real decreto 389/1992, do 15 de abril. Procederá tamén o dito expediente no suposto previsto no artigo 16º deste decreto.

2. En todo caso, poñeráselle de manifesto ó titular o establecido no apartado anterior para que corrixan as deficiencias; no caso de non facelo no prazo que se lle conceda, iniciarase o oportuno expediente. A duración do prazo indicado establecerase en función da deficiencia que se corrixa.

3. O expediente de revogación será iniciado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros. Instruído o expediente daráselle vista e audiencia ó titular do centro. Cumprido este trámite, e á vista das actuacións realizadas e das alegacións formuladas,

se é o caso, polo interesado, formularase proposta de resolución ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 15º

1. Na orde pola que se autorice o cesamento de actividades dun centro e na que se acorde a revogación da autorización poderá establecerse que os efectos daquelas sexan progresivos, co fin de que os alumnos matriculados no centro non sufran alteración na súa traxectoria educativa.

2. As ordes, ás que se refire o apartado anterior, darán lugar á correspondente inscrición de baixa no Rexistro de Centros docentes.

Artigo 16º

Os incumprimentos de normas de réxime académico, que regulamentariamente se determinen, comunicaránselle ó interesado para a súa emenda. De non facelo así no prazo que se sinale, iniciarase o procedemento de revogación da autorización, segundo o disposto no artigo 14º deste decreto.

Disposicións adicionais

Primeira.-O establecido no presente decreto será de aplicación ás solicitudes de autorización dos centros integrados ós que se refire o artigo 41.1º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo; estes deberán cumpri-los requisitos establecidos na disposición adicional primeira do Real decreto 389/1992, do 15 de abril.

Segunda.-Para efectos do establecido no presente decreto, entenderase por horario de funcionamento do centro o tempo semanal no que as dependencias de uso docente estean destinadas exclusivamente á impartición das ensinanzas que sexan autorizadas.

Terceira.-Os centros privados a que se refire o presente decreto serán adscritos, para efectos administrativos, a un centro público na correspondente orde de autorización.

Cuarta.-Tódalas resolucións adoptadas que impliquen modificación do Rexistro de Centros serán publicadas no Diario Oficial de Galicia na súa parte dispositiva.

Disposicións transitorias

Primeira.

As solicitudes de autorización de novos centros, as de modificación ou extinción da autorización, que se estean tramitando á entrada en vigor do presente decreto, continuarán tramitándose de acordo con esta norma.

Segunda

1. Os centros privados de ensinanza de música ou danza que estiveran clasificados como recoñecidos ou autorizados de acordo co Decreto 1987/1964, do 18 de xuño, adecuaranse ó establecido nas disposicións transitorias segunda e oitava do Real decreto 389/1992, do 15 de abril e a adicional terceira do

presente decreto, para imparti-las ensinanzas de grao elemental correspondentes á nova ordenación do sistema educativo.

Terceira.

1. A autorización para a impartición das ensinanzas de grao medio ós centros que estiveran clasificados como recoñecidos ou autorizados para as ensinanzas de grao medio de música ou de danza de acordo co Decreto 1987/1964, do 18 de xuño, realizarase conforme o procedemento establecido nos artigos 5º e a disposición adicional terceira do presente decreto.

2. Cando no momento de solicitude, estes centros non cumprisen a totalidade dos requisitos que, en canto a instalacións, establecen os artigos 15º, no caso de música, e 27º, no caso de danza, do Real decreto 389/1992, coas exencións previstas no punto segundo da súa disposición transitoria terceira, a autorización, se é o caso, concederase con carácter provisional e terá efectos ata o inicio do curso 2000-2001 de acordo co establecido no artigo 27.6º do R.D. 1487/94 do 1 de xullo. Con anterioridade a esta data deberán iniciar procedemento de autorización definitiva.

Cuarta.

1. A autorización a centros de ensino de música ou danza para a impartición de ensinanzas anteriores á nova ordenación do sistema educativo con plenas facultades académicas quedará condicionada a súa autorización para o grao equivalente das novas ensinanzas.

2. Os centros que non obteñan a autorización a que se refire o parágrafo anterior impartirán as ensinanzas do plan que se extingue no réxime académico e xurídico que lles correspondera, segundo a súa clasificación de acordo co Decreto 1987/1964, do 18 de xuño.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Por orde do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria poderase delegar na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros a resolución de modificación da autorización a que se refire o artigo 11º do presente decreto, así como a determinación da adscrición a que se refire a disposición adicional terceira.

Segunda.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a execución e aplicación do establecido neste decreto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación

95-6460