Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 17 de novembro de 1995 Páx. 8.453

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 14 de novembro de 1995 pola que se regula o programa de actuacións para o control de biotoxinas mariñas en moluscos bivalvos e outros organísmos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

O Decreto 116/1995, do 31 de marzo de 1995, polo que se regula o control das biotoxinas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura veu substituír e complementa-lo establecido nos decretos 328/1986, do 30 de outubro e 390/1992, do 23 de decembro na materia, cos obxectivos fundamentais de axiliza-lo funcionamento do sistema de mostraxe para o seguimento e control de fitoplancto tóxico e as biotoxinas, por parte do Centro do Control da Calidade do Medio Mariño.

En desenvolvemento de tal decreto, a súa disposición derradeira segunda faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións de desenvolvemento que se consideren necesarias e, obedecendo a mesma finalidade, díctase agora a presente orde para que coa indispensable colaboración do sector, obrigado a coñecer e respeta-las medidas adoptadas en relación ás diferentes zonas de producción (artigo 9 do Decreto 116/1995), poida lograrse a efectiva posta en práctica do sistema de control ideado, garantindo unha mellor protección da saúde pública, favorecendo ó tempo, os intereses de productores, transformadores e vendas dos organismos ós que a norma se refire.

Polo anteriormente exposto e unha vez oído o sector da pesca, o marisqueo e a acuicultura,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os plans de actuación estarán en función da especie que orixina a toxicidade, das especies e da área afectada. A especie empregada como bioindicador nos plans A, B e puntos fixos primarios será fundamentalmente o mexillón, xa sexa de rocha ou batea.

O establecemento dos diferentes plans de actuación realizarase trala análise da información obtida polo programa de control da condicións oceanográficas e fitoplancton xunto co de biotoxinas, no cal, ademais do bioensaio en rato, se realizará de forma sistemática un seguimento por Cromatografía Líquida de Alta Eficacia (CLAE).

Ós organismos da presente orde enténdense por especies tóxicas aqueles organismos de fitoplancto susceptibles de produciren biotoxinas e enténdese por organismos os moluscos bivalvos e outras especies

procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura susceptibles de consumo.

Establécense os seguintes plans de actuación:

1.1. Tipo A: non se observan condicións oceanográficas favorables para o desenvolvemento de especies fitoplanctónicas tóxicas, nin estas en concentracións significativas, nin toxicidade nos organismos susceptibles de consumo.

1.2. Alerta:

1.2.1. B1: as condicións oceanográficas son favorables, pero non se observan especies fitoplanctónicas potencialmente tóxicas en concentracións significativas, nin se rexistra toxicidade nos organismos susceptibles de consumo.

1.2.2. B2: condicións oceanográficas favorables, presencia de especies fitoplanctónicas potencialmente tóxicas, pero non se rexistra toxicidade nos organismos.

1.2.3. B3: condicións oceanográficas favorables, incremento significativo da poboación tóxica e detéctase toxicidade nos organismos susceptibles de consumo pero en niveis inferiores ós limites legalmente establecidos.

1.3. Tipo C: niveis de toxicidade superiores ós límites legalmente establecidos. Prohibida a extracción.

1.3.1. C1: condicións oceanográficas favorables, incremento significativo da poboación tóxica e dos niveis de toxicidade nos organismos.

1.3.2. C2: condicións oceanográficas desfavorables para o desenvolvemento das especies tóxicas, estabilización ou descenso da poboación tóxica así como dos niveis de toxicidade nos organismos.

1.3.3. C3: condicións oceanográficas desfavorables, descenso significativo e/ou desaparición da poboación tóxica e niveis de toxicidade próximos ós límites legais.

1.4. Tipo D: condicións oceanográficas desfavorables, ausencia ou concentracións non significativas de especies fitoplanctónicas potencialmente tóxicas, manténdose unha toxicidade inferior ós límites legais, como consecuencia dun episodio tóxico anterior.

Artigo 2º

Para os efectos dunha maior seguridade e de evitarlle no posible prexuízos ó sector, unha vez establecido o plan B-3, queda prohibida a extracción de moluscos entre as 20 e as 9 horas. Igualmente, queda prohibida calquer labor de cultivo, entre o serán e o mencer, en todas aquelas zonas ou subzonas que se encontran no plan C (pechadas).

Artigo 3º

Co fin de conseguir unha eficaz aplicación desta orde establécense zonas, subzonas e puntos fixos de control de conformidade co disposto nos anexos I ó IV.

3.1. Puntos fixos primarios: son os considerados como de máis rápida afectación en caso de xurdir algún episodio tóxico.

3.2. Puntos fixos secundarios: son complementarios dos anteriores e teñen como obxecto permitir un coñecemento detallado do grao de afectación das zonas.

3.3. As zonas, subzonas e puntos fixos establecidos figuran nos anexos I ó IV da presente orde.

3.3.1. Mexillón e outros moluscos cultivados en viveiros flotantes: anexo I.

3.3.2. Mexillón de rocha: anexo II.

3.3.3. Moluscos bentónicos infaunais: anexo III (ameixa, berberecho,...).

3.3.4. Moluscos bentónicos epifaunais: anexo IV (Pectínidos).

Artigo 4º

Dado que a fiabilidade dos resultados analíticos está en función do adecuado sistema de recollida das mostras establécese:

4.1. A toma de mostras realizaraa o persoal do Centro de Control da Calidade do Medio Mariño (CCCMM) contando coa colaboración do sector productivo.

4.1.1. De cada batea designada como punto fixo serán recollidas 3 mostras nunha mesma corda correspondentes ás profundidades de 1, 5, e 10 metros. Como mínimo recolleranse 2 Kg por mostra de mexillón, 12 unidades para ostra e 12 unidades para vieira.

4.1.2. Cando en función do grao de uniformidade do mexillón e das condicións oceanográficas existentes, non se detecte unha excesiva acumulación da toxicidade a unha profundidade determinada, a análise de biotoxinas realizarase sobre a mostra integrada obtida a partir das de 1, 5 e 10 metros de profundidade.

Como norma xeral enténdese que estas condicións son as definidas nos plans de actuación A, B-1, B-2, C-1, C-2 e D.

4.1.3. Nos bancos naturais e parques de cultivo as mostras serán o máis significativas posible, en función da especie obxecto de control e das características de cada zona. Recolleranse como mínimo 4 Kg por mostra.

4.2. Tódalas mostras recollidas nos lugares anteriormente descritos, serán introducidas en envases de plástico fáciles de pechar, resistentes á humidade e ó transporte. No interior de cada envase colocarase unha etiqueta para a identificación da mostra.

4.3. Os titulares dos establecementos de acuicultura están obrigados a facilita-lo acceso a este do persoal ó que se refire o punto 4.1., así como a colaborar na recollida de mostras.

Artigo 5º

A prohibición de extracción de organismos mariños obxecto de explotación por detectarse niveis de biotoxinas superiores ós límites legais fixados para a súa comercialización, realizarase por zonas ou subzonas, en función da virulencia do episodio tóxico detectado.

Artigo 6º

Antes da autorización de extracción de moluscos suxeitos a plans de explotación nunha zona determinada, a delegación territorial correspondente solicitará ó CCCMM informe sobre a situación na que se encontra a zona para efectos de biotoxinas.

Artigo 7º

7.1. Cando nas zonas ou subzonas afectadas por un peche cautelar se confirme a desaparición das causas que levaron a adoptar tal medida, comunicará de forma inmediata a supresión do dito peche.

7.2. Cando nas zonas ou subzonas afectadas polo peche efectivo, as concentracións de biotoxinas sexan inferiores ós niveis indicados no artigo 1º do Decreto 116/1995 en dúas análises sucesivas, a Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura levantará a prohibición de extracción.

Artigo 8º

A frecuencia de mostraxe en cada plan de actuación queda establecida da seguinte maneira:

8.1. Tipo A: mostraxe semanal das condicións oceanográficas e do fitoplancto, así como de biotoxinas en mexillón de los puntos fixos primarios de cultivo e quincenais no mexillón de rocha. Esta mostraxe será permanente ó longo de todo o ano.

8.2. Tipo B: alerta.

8.2.1. B1: cando, trala análise detallada de toda a información dispoñible incluídos os termogramas obtidos por satélite e os partes metereolóxicos, exista a posibilidade dun proceso de achegamento costeiro que introduza unha poboación fitoplanctónica tóxica xa desenrolada nas rías, realizarase unha mostraxe selectiva de fitoplancto.

8.2.2. B2: incrementarase a mostraxe para biotoxinas en mexillón de cultivo nos puntos fixos primarios a dúas veces por semana.

8.2.3. B3: a mostraxe para biotoxinas en mexillón de cultivo dos puntos fixos primarios realizarase tres veces á semana e cando os resultados dos bioensaios así o aconsellen, iniciarase a mostraxe noutras especies e nos puntos fixos secundarios susceptibles de seren maiormente afectados.

8.3. Tipo C: prohibida a extracción:

8.3.1. C1: a intensidade do episodio tóxico e as previsións existentes determinarán as especies e frecuencia da mostraxe, sendo o mínimo o establecido no apartado 8.1.

As subzonas limítrofes a unha subzona pechada que se atopen abertas mostrearanse diariamente. Para estes efectos enténdese por subzonas limítrofes as comprendidas dentro dunha mesma zona.

8.3.2. C2: toma de mostras nos puntos fixos primarios ou secundarios para avalia-lo grao de afectación da zona ou subzona.

8.3.3. C3: toma de mostras para biotoxinas como mínimo tres veces por semana.

8.4. Tipo D: levántase a prohibición.

Nos puntos fixos onde a toxicidade, aínda que inferior ós limites legais, se manteña máis alta, tomaranse mostras dúas veces por semana.

Artigo 9º

No establecemento dos diferentes plans de actuación e conseguinte plan de traballo, para outras especies que non sexa o mexillón suxeitas a explotación e susceptibles de acumularen biotoxinas, teranse en conta os seguintes aspectos:

9.1. Para as especies cultivadas en viveiros flotantes situados de maneira illada entre os viveiros flotantes de mexillón dunha subzona, o peche cautelar ou efectivo do mexillón implicará de forma automática o peche delas. O plan de actuación para cada unha das especies e polo tanto o mantemento ou supresión do peche, realizarase tras confirma-los niveis de biotoxinas existentes en cada unha de elas.

9.2. No caso de viveiros fluctuantes dedicados ó policultivo de moluscos, a situación de peche ou apertura virá determinada pola especie con nivel máis alto de biotoxinas.

9.3. Nas zonas III da ría de Vigo e a VIII da ría de Arousa onde se concentra o 76% dos viveiros de ostra, unha vez establecido o plan de actuación tipo B3 (con base no mexillón), iniciarase a toma de mostras nos puntos fixos secundarios de ostra, que requira a situación, co fin de establece-lo plan de actuación para esta especie.

9.4. Para as especies suxeitas a plans de explotación, antes da autorización de extracción confirmarase se o plan de actuación establecido, con base nos datos dos puntos fixos primarios de mexillón de cultivo ou rocha e das estacións oceanográficas, é o adecuado, e iniciarase a mostraxe dos puntos fixos secundarios establecidos para esas especies de acordo cos anexos da presente orde.

Artigo 10º

Sen prexuízo do disposto no artigo 4 do Decreto 116/1995, a Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura poderá acordar-la prohibición cautelar de extracción de moluscos bivalvos nas rías, zonas, distritos marítimos ou polígonos que, tendo en conta as condicións oceanográficas existentes, presenten risco de estaren afectados, cando ocorra algunha circunstancia que imposibilite a realización dos controis previstos nesta orde, en tanto persistan as razóns que motiven tal imposibilidade.

Artigo 11º

En situacións de peches prolongados, ou naqueles que se prevexan prolongados, con niveis próximos ós límites legais nalgunha zona ou subzona de producción, a Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura

poderá permiti-lo reparqueo controlado nos puntos habilitados para este fin.

Artigo 12º

Para lle dar cumprimento ó disposto no artigo 9.1º do Decreto 116/1995, de tódalas medidas tomadas, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura dará información inmediata vía fax ou módem á Consellería de Sanidade e demais organismos e administracións implicadas, así como as entidades asociativas legalmente constituídas, que representen o sector productor, transformador e comercializador.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para os efectos do control de biotoxinas nos termos previstos nesta orde utilizarase a nomenclatura especificada no anexo I desta.

Segunda.-Para efectos de cubrir correctamente o documento de rexistro ó que fai referencia a Orde do 22-2-1994, pola que se regula o documento de rexistro para o transporte e comercialización de moluscos bivalvos vivos, os titulares de viveiros flotantes farán mención expresa da zona e subzona de producción na que se encontre situado o seu viveiro segundo o anexo I da presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Marisqueo e Acuicultura para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de noviembre de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO II

MEXILLÓN DE ROCHA

1. A Guarda.

2. Cabo Silleiro.

3. Carnota.

4. Fisterra.

5. Ría de Corme e Laxe.

6. Baldaio.

7. Ría da Coruña.

8. Ría de Ferrol.

9. Ría de Cedeira.

10. Ría de Ortigueira.

11. Ría do Barqueiro.

12. Ría de Viveiro.

13. Ría de Foz.

14. Ría de Ribadeo.

ANEXO III

ZONAS DE BANCOS DE MOLUSCOS BENTÓNICOS INFAUNAIS

Ría de vigo.

Defínense catro zonas:

Zona I.

Comprende a porción da ría delimitada entre a boca e unha liña imaxinaria que une Pta. Borneira no litoral norte con cabo Estai no litoral sur.

Puntos secundarios de control: Cíes, Liméns.

Zona II.

Comprende a porción da ría delimitada entre a liña imaxinaria que une Pta. Borneira no litoral norte co cabo Estai no litoral sur e a liña imaxinaria que une a Pta. da Besta no litoral norte con Pta. de Rande no litoral sur.

Puntos secundarios de control: Rodeira, Moaña.

Zona III.

Comprende a porción da ría delimitada entre a liña imaxinaria que une Pta. da Besta no litoral norte coa Pta. de Rande no litoral sur e o fondo da ría.

Puntos secundarios de control: Vilaboa, illa de San Simón.

Zona IV.

Comprende a enseada de Baiona ata a liña imaxinaria que une Pta. Montefaro coas illas Estelas a Pta. Monte Real.

Punto secundario de control: A Ramallosa.

Ría de Pontevedra.

Defínense cinco zonas:

Zona I.

Comprendida entre a boca da ría e as liñas imaxinarias que unen Pta. Cabicastro no extremo norte con cabo Udra no extremo sur e Pta. Nido do Corvo con Pta. de Alada na ría de Aldán.

Punto secundario de control: Ons.

Zona II.

Comprende a enseada de Aldán ata a liña imaxinaria que une Pta. Nido do Corvo con Pta. de Alada.

Punto secundario de control: Aldán.

Zona III.

A parte media da ría comprendida entre as liñas imaxinarias que unen Pta. Cabicastro con cabo Udra na zona externa e Pta. de Santa Mariña no extremo norte con Pta. de Aguete no extremo sur.

Puntos secundarios de control: Cabicastro, Bueu.

Zona IV.

Comprende desde a liña imaxinaria que une Pta. de Santa Mariña con Pta. de Aguete ata as que unen Pta. Aguillón con illa de Tambo e Tambo con Pta. Placeres.

Punto secundario de control: Aguete.

Zona V

Comprende desde a liña imaxinaria que une punta Aguillón con illa de Tambo e illa de Tambo con Pta. Placeres ata o fondo da ría.

Punto secundario de control: Placeres.

Ría de Arousa.

Defínense sete zonas:

Zona I.

Porción de ría que comprende desde a boca ata a liña imaxinaria que une a Pta. Cantodorxo na península do Grove e Airó Grande no extremo norte da ría.

Puntos secundarios de control: Sálvora, Aguiño.

Zona II.

Zona comprendida entre a liña imaxinaria que une Pta. Cantodorxo na península do Grove e Airó Grande no extremo norte da ría, a liña imaxinaria que une Airó Grande con Pta. Barbafeita na Illa de Arousa e a que une a Pta. do Carreirón na Illa de Arousa con Pta. Cantodorxo no Grove.

Punto secundario de control: Xidoiros.

Zona III.

Zona comprendida entre a liña imaxinaria que une Airó Grande con Pta. Barbafeita na parte externa e a que une Pta. Cabío e Pta. Cabalo da Illa de Arousa na interna.

Punto secundario de control: Ribeira.

Zona IV.

Zona comprendida entre a liña imaxinaria que une Pta. Cabío e Pta. Cabalo na parte externa e Pta. Chazo no extremo norte con Pta. Campelo da Illa de Arousa na interna.

Punto secundario de control: O Caramiñal.

Zona V.

Zona comprendida entre o fondo da ría e as liñas imaxinarias que unen Pta. do Chazo con Pta. Campelo e Pta. Campelo con Pta. das Sinas.

Puntos secundarios de control: As Sinas, Rianxo.

Zona VI.

Zona comprendida entre as liñas imaxinarias que unen Pta. Campelo na Illa de Arousa con Pta. Sinas, Pta. Chastellas na Illa de Arousa con Pta. Cabreirón na illa Toxa Grande e Pta. Cabreirón con Pta. Borrelo.

Punto secundario de control: O Bao (Arousa).

Zona VII.

Zona comprendida entre as liñas imaxinarias que unen Pta. Chastellas con Pta. Cabreirón, Pta. Cabreirón con Pta. Borrelo e Pta. Carreirón na Illa de Arousa con Pta. Cantodorxo no Grove.

Punto secundario de control: Vía Norte.

Ría de Muros-Noia.

Defínenese tres zonas:

Zona I.

Comprende a porción de ría delimitada entre a boca e unha liña imaxinaria que une Pta. Uhía no litoral norte e Pta. Aguieira no litoral sur.

Puntos secundarios de control: Muros, A Abelleira.

Zona II.

Comprende a porción da ría delimitada entre as liñas imaxinarias que unen Pta. Uhía no litoral norte con Pta. Aguieira no litoral sur e Pta. Picouso no litoral norte con Pta. das Pedras no sur.

Punto secundario de control: A Misela.

Zona III.

Comprende a porción da ría delimitada entre a liña imaxinaria que une Pta. Picouso con Pta. das Pedras e do fondo da ría.

Punto secundario de control: San Cosme.

ANEXO IV

ZONAS DE BANCOS DE MOLUSCOS BENTÓNICOS EPIFAUNAIS (VIEIRA, ZAMBURIÑA...)

Ría de Vigo.

Defínense dúas zonas:

Zona I.

A comprendida entre a boca da ría e a liña imaxinaria que une Pta. Borneira no extremo norte con cabo Estai no extremo sur.

Puntos secundarios de control: Cíes, Liméns.

Zona II.

A comprendida entre a liña imaxinaria que une Pta. Borneira con cabo Estai e o fondo da ría de Vigo.

Puntos secundarios de control: Lousal, O Con.

Ría de Pontevedra.

Defínense tres zonas.

Zona I.

Comprende desde a boca da ría ata a liña imaxinaria que une Pta. Cabicastro no extremo norte con cabo Udra no extremo sur.

Punto secundario de control: Ons.

Zona II.

Comprende a área media da ría entre as liñas imaxinarias que unen Pta. Cabicastro con cabo Udra na zona externa e Pta. Santa Mariña no extremo norte con Pta. Aguete no extremo sur.

Puntos secundarios de control: Portonovo, Bueu.

Zona III.

Comprendida entre a liña imaxinaria que une punta de Santa Mariña e Pta. de Aguete ata o fondo da ría.

Punto secundario de control: Aguete.

Ría de Arousa.

Defínense catro zonas:

Zona I.

Toda a boca da ría ata as liñas imaxinarias que unen Pta. Ameixida e Airó Grande no extremo norte con Pta. Cantodorxo no Grove.

Punto secundario de control: Sálvora.

Zona II.

A zona comprendida entre as liñas imaxinarias que unen Pta. Cabío con Pta. Campelo, Pta. Meixido e Airó Grande no extremo norte con Pta. Cantodorxo no Grove e Pta. do Con na Illa de Arousa con Pta. Cantodorxo no Grove.

Puntos secundarios de control: Rúa, Ribeira.

Zona III.

Comprendida entre o fondo da ría ata as liñas imaxinarias que unen Pta. Cabío no extremo norte con Pta. Campelo na Illa de Arousa e a Pta. de Peirao de Vilanova.

Puntos secundarios de control: O Caramiñal, As Novias.

Zona IV.

Zona comprendida entre as liñas imaxinarias que unen Pta. Campelo na Illa de Arousa coa Pta. do Peirao de Vilanova de Arousa e a Pta. do Con na Illa de Arousa con Pta. Cantodorxo no Grove.

Punto secundario de control: Galiñeiro.

Ría de Muros-Noia.

Defínense dúas zonas:

Zona I.

Comprende a porción de ría delimitada entre a boca e unha liña imaxinaria que une Pta. Uhía no litoral norte e Pta. Aguieira no litoral sur.

Puntos secundarios de control: Muros, A Abelleira.

Zona II.

Comprende a porción da ría delimitada entre as liñas imaxinarias que unen Pta. Uhía no litoral norte con Pta. Aguieira no litoral sur e o fondo da ría.

Punto secundario de control: A Creba.

95-7560