Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 05 de decembro de 1995 Páx. 9.185

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

I. De acordo co disposto nos artigos 148.1.3 da Constitución española e 27.3 do Estatuto de autonómica de Galicia, correspóndelle en exclusiva á Comunidade Autónoma galega a competencia en materia de «ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda».

II. A Carta europea de 1983 conceptúa a ordenación do territorio como «a expresión espacial da política económica, social, cultural e ecolóxica de toda sociedade» e establece os seguintes obxectivos fundamentais da política territorial:

a) O desenvolvemento socioeconómico equilabrado das rexións, cunha clara tendencia á eliminación das grandes diferencias no nivel de vida.

b) A mellora da calidade de vida, que, entre outras cousas, se concreta nunha maior accesibilidade da poboación ós equipamentos colectivos de todo tipo na mellora das infraestructuras.

c) A xestión responsable dos recursos naturais e a protección do medio natural que faga compatible a satisfacción das necesidades crecentes de recursos e a súa conservación, así como o respecto ás peculiaridades propias de cada comarca en canto ás súas formas de vida.

d) A utilización racional e equilibrada do territorio, definindo os usos aceptables ou que hai que potenciar para cada tipo de solo, creando as axeitadas redes infraestructuras e mesmo fomentando, con medidas incentivadoras, aquelas actuacións que mellor persigan o fortalecemento do espírito comunitario.

III. As actuacións das distintas administracións públicas sobre o territorio galego viñéranse caracterizando pola acumulación de inciativas carentes dun claro sentido territorial, que permitese acadar unha distribución espacial de actividades capaces de aproveita-las potencialidades propias de cada zona e, en consecuencia, a correspondente mellora no nivel de calidade de vida e na calidade do medio natural galego.

A falta endémica dunha visión integradora e combinada de actuación administrativa levou a que a Xunta de Galicia adoptase un conxunto de medidas, integradas nos diferentes plans de acción sectorial acometidos, que se traduciu na superación dunha situación caracterizada desde antigo polo desequilibrio territorial, na que a poboación, a actividade económica e as infraestructuras se concentraran nunha parte relativamente reducida da Comunidade, o corredor atlántico, deixando en peor condición as restantes zonas, o que incrementou as diferencias de calidade de vida existentes entre os habitantes das zonas urbanas e das rurais.

IV. A constitución española, no seu artigo 40, establece que os poderes públicos deberán procura-lo progreso social e económico, así como unha máis equitativa distribución da renda rexional e persoal. No artigo 45, consagra o dereito de tódolos cidadáns a gozar dun medio natural axeitado para o desenvolvemento da persoa e da calidade de vida, bens ambos dependentes do mandato dirixido ós poderes públicos da utilización racional dos recursos naturais.

Á ordenación do territorio, pola forza mesma dos principios de que trae causa, correspóndelle o papel integrador das distintas perspectivas e a consecución dunha visión superadora da parcialidade inherente a estas, determinando o seu carácter organizador das funcións sectoriais, presidido pola idea central do principio de coordinación.

A globalidade do fin perseguido demanda primariamente a articulación dunha política pública integrada capaz de lle dar satisfacción; e iso, no marco dun ordenamento xurídico complexo e dun Estado baseado no pluralismo territorial, esixe a articulación dos procesos de decisión nun dobre sentido: asegurando a necesaria integración das políticas sectoriais no seo de cada instancia territorial e establecendo os eixes de interconexión das distintas instancias territoriais entre si.

V. Os tradicionais instrumentos de ordenación ofrecidos pola normativa urbanística mostráronse -na práctica-insuficientes á hora de aborda-la corrección dos desequilibrios territoriais de carácter socioeconómico ou a coordinación das actuacións territoriais supramunicipais. Por iso considérase necesario completa-lo sistema de planificación urbanística con outro sistema -o de ordenación territorial- que veña colma-las insuficiencias que ó respecto ofrecía aquel.

A consecución dos obxectivos sinalados postula e xustifica a elaboración dunha normativa propia da Comunidade Autónoma galega que, baseada nos principios de coordinación, cooperación interadministrativa, racionalidade e planificación, configure os instrumentos ordenadores que permitan obter un marco territorial global e flexible, no que se establezan as referencias básicas, as pautas espaciais para o desenvolvemento económico e social, os criterios e mecanismos que posibiliten a harminización dos distintos elementos que conforman o territorio e a coordinación entre os distintos poderes e axentes económicos e sociais implicados. E todo isto presidido por unha idea central: a da coordinación administrativa.

En definitiva, a presente lei vén colma-las insuficiencias que ofrecía o sistema de planificación urbanística creando outro sistema -o de ordenación territorial-, establecendo para iso os diferentes instrumentos de ordenación do territorio, o seu contido e relación de interdependencia así como as canles procedementais para a súa elaboración e o réxime da súa vixencia, modificación e revisión. Para o dito fin crea e regula os seguintes intrumentos:

a) Directrices de ordenación do territorio.

b) Plans territoriais integrados.

c) Programas coordinación de actuación.

d) Plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

e) Plans de ordenación do medio físico.

Este catálogo de figuras, elaborado sobre a base da análise comparada da producción lexislativa autonómica, permite a configuración dun marco territorial global e flexible, que dea cabida a actuacións tanto de carácter sectorial coma integradas, sen excluí-la posibilidade de arbitrar solucións puntuais alí onde sexa preciso. Asemade, potencia a confluencia da política territorial coa económica, a través de coordinación das decisións investidoras que lles permita optimiza-la súa operatividade para acadar un maior e máis equilibrado desenvolvmento socioeconómico.

As directrices de ordenación do territorio configúranse como un instrumento de carácter global, expresión da política territorial, que han de constituí-lo marco xeral de referencia, establecendo as pautas espaciais de asentamento das actividades, de acordo coas políticas sociais, económicas e culturais emanadas da Comunidade, integrando, se é o caso, as emanadas desde o Estado así como as propostas que xurdan desde as entidades locais.

Os plans territoriais integrados está dirixidos á organización de áreas xeográficas supramunicipais de características homoxéneas ou a aquelas que, polo seu tamaño e relacións funcionais, demanden unha planificación infraestructural, de equipamentos de tipo comarcal e de carácter integrado. Estes plans, que se conciben como plans integrados, terán como obxectivo propio a definición dun modelo territorial que faga compatible o desenvolvemento e a defensa do medio natural co fin de conseguir un crecemento equilibrado e unha mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Coa finalidade de integra-lo conxunto de accións procedentes dos distintos niveis de goberno que actúan sobre un mesmo territorio, regúlanse os programas coordinados de actuación, destinados á consecución da coordinación e da racionalidade presupostaria e temporal, establecendo prioridades e prazos para a realización de actuacións concretas de investimento, así como as bases para os convenios de colaboración ou outros mecanismos de concertación que lle permitan ó instrumento ser referencia obrigada para as distintas administracións intervenientes. Concíbense como un instrumento complementario dos plans territoriais integrados, a fin de asegura-la coordinación das actuacións non previstas, inicialmente, nestes.

Os plans e proxectos sectoriais, de incidencia supramunicipal, teñen por obxecto regula-la implantación de determinadas actuacións de indubidable incidencia territorial en materia de infraestructuras, dotacións ou outras instalacións, tanto de iniciativa pública coma privada, que se asenten sobre varios termos municipais ou daquelas nas que a súa incidencia transcenda o simple ámbito local pola súa magnitude, importancia ou especiais características.

Por último, regúlanse os plans de ordenación do medio físico, coa finalidade de establece-la ordenación integrada de ámbitos determinados en razón das súas especiais características naturais, ecolóxicas ou paisaxísticas, que compatibilice a súa protección coa máis racional explotación dos recursos e estableza as complementariedades e relacións recíprocas cos asentamentos de poboación.

Para cada un dos ditos instrumentos a lei sinala a súa funcionalidade e contido, así como os procedementos para a súa elaboración e aprobación.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de ordenación do territorio de Galicia.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1.-Finalidade da lei.

A presente lei ten como finalidade establece-los obxectivos fundamentais e crea-los instrumentos necesarios para a coordinación da política territorial e a ordenación do espacio da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de favorece-la utilización racional do territorio galego e protexe-lo medio natural, mellora-la calidade de vida e contrubuír ó equilibrio territorial.

Artigo 2.-Contido da ordenación do territorio.

Para os efectos do previsto na presente lei, enténdese por ordenación do territorio o conxunto de criterios expresamente formualdos, que regulen as actuacións e os asentamentos sobre o territorio, co fin de conseguir unha adecuada interrelación entre poboación, actividades, servicios e infraestructuras co territorio galego no que se implantan, coordinando as actuacións obre o territorio dos distintos órganos e das diferentes administracións públicas.

Artigo 3.-Obxectivos fundamentais.

Os instrumentos de ordenación do territorio regulados na presente lei estarán destinados á consecución dos seguintes obxectivos fundamentais:

a) Disposición dunha axeitada estructura espacial tendente a conseguir un equilibrado desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia procurando o máximo benestar da súa poboación ó tempo que se garante a protección e a mellora do medio ambiente.

b) Definición dos criterios que hai que seguir nos asentamentos favocendo a accesibilidade da poboación ó medio natural, mellorando as súas condicións de vida.

c) Compatibilización do proceso desenvolvemento do sistema productivo, da urbanización e da ordenación turística coa racional utilización dos recursos naturais, sobre todo no referente ó litoral, ós recursos hidráulicos e á paisaxe.

d) Perfeccionamento e corrección, se é o caso, da distribución espacial das instalacións productivas propias dos sectores primario e secundario mediante a utilización de procedemento de fomento ou de disuasión en relación coas existentes ou futuras.

e) Fixación dos núcleos de poboación que, pola súas características e posibilidades, teñan de constituírse en impulsores do desenvolvemento socioeconómico dunha zona.

f) Definición das áreas territoriais que, pola súa idoneidade actual ou potencial para a explotación agrícola, forestal ou gandeira, ou pola súa riqueza paisaxística ou ecolóxica, deban ser obxecto de especial protección.

g) Adecuación dos plans sectoriais de infraestructuras, instalacións ou equipamentos e servicios á súa función vertebradora dunha política territorial, definindo os criterios de deseño, características funcionais e localización, que garantan a accesibilidade e a inserción da totalidade do territorio nunha racional dispoñibilidade dos ditos elementos estructurantes.

h) Establecemento dos criterios e procedementos necesarios para asegura-la coordinación das accións coa incidencia territorial que lles corresponda desenvolver ás diferentes administracións públicas, así como das diferentes políticas sectoriais dos diversos órganos da Administración autonómica, que aseguren a súa integración nunha visión de conxunto dos problemas territoriais.

i) Regulación da participación da sociedade no proceso de ordenación territorial para conseguir que esta sexa autenticamente democrática e responda ás aspirancións e necesidades da poboación.

Artigo 4.-Instrumentos de ordenación do territorio.

A ordenación territorial de Galicia realizarase a través dos seguintes instrumentos:

-Directrices de ordenación do territorio.

-Plans territoriais integrados.

-Programas coordinados de actuación.

-Plans e proxectos sectoriais.

-Plans de ordenación do medio físico.

Artigo 5.-Aplicación da lei.

Os instrumentos previstos na presente lei son complementarios e non excluíntes dos que respecto da ordenación urbanística do solo se regulan na súa lexislación específica.

Capítulo II

Das directrices de ordenación do territorio

Artigo 6.-Funcións.

Coa finalidade de establece-las pautas espaciais de asentamento das actividades, de acordo coas políticas sociais, económicas e culturais emanadas da

Comunidade, correspóndelles ás directrices de ordenación do territorio as seguintes funcións:

a) Formular con carácter global e interrelacionado, e no marco do Plan económico-social da Comunidade Autónoma, o conxunto de criterios e normas que orienten e regulen os procesos de asentamento no teritorio das distintas actividades económicas e sociais dos exentes públicos e privados que operen no dito territorio.

b) Constutuír un marco xeral de referencia para a formulación dos restantes instrumentos de ordenación territorial, así como dos plans de ordenación previstos na lexislación urbanística, e para a formulación e execución das distintas políticas sectoriais da Comunidade, ó que deberán acomadarse os plans, programas e accións con incidencia no territorio que poidan desenvolve-las administracións públicas de carácter autonómico ou local, a fin de garantir unha axeitada coordinación e compatibilización de todas elas.

c) Subministra-las previsións e os criterios básicos que vaian actuar como marco de referencia para a formulación das políticas sectoriais, así como para a programación dos recursos das administracións públicas que deban aplicarse no territoiro da Comunidade Autónoma.

d) Propoñe-las accións territoriais que requira a actuación conxunta con outras comunidades autónomas e restantes administracións públicas, ofrecendo as bases suficientes para subscribi-los convenios ou acordos de colaboración que resulten necesarios.

Artigo 7.-Contido.

1. As directrices de ordenación do territorio terán o seguinte contido:

a) Descrición e interpretación das características propias do territorio da Comunidade Autónoma, formulando un diagnóstico dos problemas existentes, en relación cos asentamentos urbanos e productivos, co medio físico e cos recursos naturais e coas pautas de desenvolvemento territorial manifestadas ou previsibles.

b) Definición dos criterios que se deban adoptar, en relación cos problemas obxecto de diagnóstico, de acordo cos obxectivos sociais, culturais e económicos deseñados pola Comunidade Autónoma.

c) Formulación, a partir dos distintos elementos das políticas sectoriais, de propostas de ordenación do territorio destinadas a reorientar ou, se é o caso, regula-las actuacións públicas e privadas no ámbito comunitario, de acordo cos obxectivos sinalados no apartado precedente, como marco de referencia pública para a actuación dos axentes sociais e económicos que obren no dito ámbito.

d) Proposición das relacións entre as distitnas administracións e organismos públicos que interveñan no territorio da Comunidade Autónoma, formulando as propostas relativas ós procedementos e instancias a través dos que deban ser resoltos os conflictos que poidan xurdir na fixación ou execución das actividades que se vaian desenvolver, deixando a salvo en todo caso as facultades que

ó Estado lle recoñece a lexislación urbanística vixente.

e) Sinalamento das causas e dos supostos que vaian determina-la adaptación ou modificación das directrices de ordenación do territorio, en función da aparición de necesidades non previstas nelas ou dos cambios introducidos na política económica ou social que vaian desenvolve-las administracións públicas implicadas.

f) Delimitación das áreas de protección que queden substraídas ó desenvolvemento das actividades urbanas, para seren destiandas á preservación ou explotación dos recursos naturais, atendendo o seu valor cultural, social ou económico e establecendo a prioridade do dito destino.

g) Delimitación de áreas homoxéneas de carácter supramunicipal, conforme o seu potencial desenvolvemento e a súa situación socioeconómica.

h) Fixación dos criterios para a localización e execución das infraestructuras e equipamentos de carácter comunitario, rexional ou subrexional. No suposto de que as ditas nifraestructuras e equipamentos teñan carácter reestructurante e a súa execución se programe e a curto prazo, as directrices de ordenación territorial poderán defini-la súa localización e os criterios para o seu deseño.

i) Sinalamento das condicións ás que se deban somete-las propostas de desenvolvemento urbano, industrial, terciario ou agrícola, en función das dispoñibilidades dos recursos enerxéticos, hidráulicos e de saneamento correspondente.

j) Definición dos ámbitos nos que sexa necesario elaborar plans de ordenación do medio físico previstos na presente lei, con sinalamento, se é o caso, das condicións e dos prazos a que deba someterse a formulación deles.

k) Criterios para establece-las condicións ás que se deberá suxeita-la localización de vivendas de protección oficial ou promoción pública directa ou das que se incorporen a programas de rehabilitación, tomando en consideración as previsións que nesta orde se conteñan no planemaento local.

2. As determinacións previstas no punto anterior terán carácter enunciativo e non limitativo, polo que as directrices de ordenación do territoiro poderán conter cantas outras fosen congruentes coas funcións previstas no artigo anterior. En todo caso caso, as directrices de ordenación do territorio respectarán a autonomía das administracións localis para a xestión dos seus intereses propios.

Artigo 8.-Documentación.

As directrices de ordenación do territorio conterán os documentos gráficos e escritos que reflicten adecuadamente os contidos expostos no artigo anterior, co grao de precisión apropiado ás súas funcións.

Artigo 9.-Eficacia.

As determinacións contidas nas directrices de ordenación do territorio terán, en todo caso, a forza

vinculante que sexa congruente coa súa función de instrumento directriz. Para este efecto, expresarán de forma clara e inequívoca o alcance concreto co que deberán operar todas e cada unha das súas determinacións e que se poderá manifestar en calquera das seguintes formas:

a) Excluínte de calquera outro criterio, localización, uso ou deseño territorial ou urbanístico.

b) Alternativa entre varias propostas contidas dentro das mesmas directrices de ordenación do territorio.

c) Orientativa, debendo a Administración competente concreta-la proposta contida nas directrices de ordenación territorial.

Artigo 10.-Procedemento.

A formulación e aprobación das directrices de ordenación do territorio axustarase ó seguinte procedemento:

1) Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia acorda-la iniciación do procedemento da súa elaboración. O acordo, que deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia, será motivado, sinalará as causas que o xustifiquen e determinará o prazo de formulación do correspondente avance.

2) Correspóndelle á consellería competente en materia de política territorial a dirección e preparación do avance de directrices de ordenación do territorio.

As consellerías con competencias de proxección territorial formularán as previsións e determinacións que lles correspondan respecto dos contidos sectoriais das directrices descritos no artigo 7 para os efectos da súa integración efectiva no avance. A dita formulación farase no prazo de tres meses, contados desde a súa petición polo departamento director do procedemento.

Coa mesma finalidade, solicitarase da Administración do Estado e das administracións locais informe sobre as súas propias previsións nas materias da súa competencia, que emitirán en igual prazo có expresado no parágrafo anterior.

3) En calquera caso, para a elaboración do avance de directrices, a consellería directora do procedemento solicitará dos órganos e entidades mencionados cantos datos e informacións sexan necesarios para a máis correcta redacción do dito documento, que deberán se achegados no prazo de dous meses a partir do momento no que lles sexan solicitados.

Así mesmo, os ditos órganos e entidades poderanlle achegar cantas informacións e suxestións estimen convenientes para os mesmos fins.

4) O avance das directrices remitiráselles, cos informes emitidos, ás administracións citadas nos apartados anteriores e ás entidades públicas e privadas que se estimen interesadas, para que no prazo de tres meses acheguen cantas observacións, propostas e alternativas estimen oportunas.

5) Analizadas as observación e suxestións formuladas, a consellería citada realizaráas modificacións

que procedesen, á vista do cal, e logo de informe da Consellería de Economía e Facenda, aprobará inicialmente, se procedese, as directrices de ordenación do territorio.

6) O acordo de aprobación inicial será publicado no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial del Estado e en, polo menos, dous xornais dos de maior circulación na Comunidade Autónoma, e o seu texto íntegro seralles remitido á Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma e ás deputacións provinciais, así como ós concellos.

Desde o momento da publicación do acordo de aprobación inicial no Diario Oficial de Galicia quedará aberto un prazo de audiencia de dous meses, dentro do cal as distintas administracións e entidades públicas e privadas poderán expoñer cantas observacións e suxestións estimen convenientes, quedando exposta a documentación das directrices nos lugares que para o efecto se sinalen.

7) Concluído o prazo ó que fai referencia o número anterior e á vista do resultado do trámite de audiencia, realizaranse, se é o caso, as modificacións que procedesen, logo do cal o conselleiro competente na dirección do procedemento procederá, logo de informe da Consellería de Económica e Facenda, a outorga-la aprobación provisional ás directrices, que elevará ó Consello da Xunta de Galicia e das que dará traslado ó Parlamento de Galicia para a súa tramitación de acordo co disposto para os plans e programas remitidos pola Xunta no Regulamento do Parlamento de Galicia.

8) Ó remata-lo procedemento previsto no artigo anterior, o Parlamento remitiralle o documento á Xunta de Galicia, que o aprobará coa forma de decreto e que será publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

9) As modificacións das directrices de ordenación do territorio que non supoñan revisión xeral ou substancial do tal instrumento terán lugar mediante o procedemento que para o efecto estableza o Consello da Xunta. En todo caso, conservará os trámites establecidos para a aprobación inicial e difinitiva, podéndose reduci-los prazos previstos para eles.

10) Así mesmo, determinarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia o procedemento que regule o seguimento e posta ó día dos obxectivos e determinacións das directrices de ordenación do territorio.

Artigo 11.-Control.

A Xunta de Galicia, unha vez ó ano, presentaralle ó Parlamento unha memoria na que se plasmará o estado no que se encontran as directrices de ordenación do territorio.

Capítulo III

Dos plans territoriais integrados

Artigo 12.-Funcionalidade.

1. En desenvolvemento das directrices de ordenación do territorio poderanse formular plans territoriais integrados dirixidos á organización de áreas xeográficas supramunicipais de características

homoxéneas ou daquelas que, polo seu tamaño e relacións funcionais, precisen dunha planificación infraestructrual, de equipamentos e recursos de ámbito comarcal, e de carácter integrado.

2. Cando circunstancias non previstas nas directrices o aconsellen, poderá o Consello da Xunta de Galicia acorda-la celebración dun plan territorial integrado, sinalando o seu ámbito territorial e os obxectivos principais por acadar.

Artigo 13.-Contido.

Os plans territoriais integrados conterán os documentos gráficos e escritos que sexan necesarios para reflecti-las seguintes determinacións:

a) Diagnóstico territorial da área, en especial no referente ós recursos naturais, poboación, planeamento vixente e situación socioeconómica.

b) Definición dos obxectivos da ordenación, con especial atención ó estudio das posibilidades de desenvolvemento socioeconómico.

c) Sinalamento dos espacios aptos para servir de soporte ás grandes infraestructuras, determinando a localización e características daquelas que deban crarse ou modificarse para potencia-lo desenvolvemento socioeconómico comarcal.

d) Definición da localización dos equipamentos de interese común para a área ou zona obxecto do plan.

e) Criterios, principios e nomras xerais que constitúan o referente para a ordenación urbanística municipal.

f) Recomendacións e propostas relativas ós espacios que deban ser obxecto de remodelación, rexeneración ou rehabilitación, co fin de evita-la súa degradación ou de consegui-la súa recuperación para usos, total ou parcialmente, distintos.

g) Estiamción ponderada das superficies de solo que deban reservarse con destino a algunha das seguintes finalidades:

-Construcción de vivendas de protección oficial, tanto de promoción pública como privada, ou de calquera outra que no futuro puidese ser limitada no seu prezo final mediante regulación específica.

-Promoción pública de solo industrial co obxecto de posibilita-la formación de polígonos urbanizados.

h) Deteminación daqueles servicios que deban ou se poidan crear para común utilización dos concellos incluídos no ámbito do plan.

i) Determinacións tendentes a evitar desequilibrios funcionais en zonas limítrofes de distintos concellos.

j) Creación de medidas de apoio encamiñadas a incentivar actuacións que favorezan a consecución dos obxectivos fixados nas directrices de ordenación do territorio e no propio plan.

k) Criterios, normas e principios necesarios para o desenvolvemento das súas determinacións.

Artigo 14.-Eficacia.

1. As determinacións dos plans territoriais integrados terán, en todo caso, a forza vinculante que sexa congruente coa súa funcionalidade e expresarán de forma clara e inequívoca o alcance co que deberán operar.

2. Os plans de desenvolvemento comarcal axustaranse ás directrices de ordenación do territorio e ós plans territoriais integrados que total ou parcialmente os afecten e, se é o caso, revisaranse para axustar a estes as súas determinacións no prazo e mediante o procedemento que regulamentariamente se estableza.

3. Cando os plans territoriais integrados incidan sobre plans urbanísticos xa existentes, o acordo de aprobación definitiva daqueles precisará, necesariamente, os puntos concretos nos que estes quedan modificados, sen prexuízo de que os concellos afectados poidan incoa-los procedementos precisos para adaptalos ás determinacións daqueles.

Artigo 15.-Procedemento.

1. Correspóndelle ó Consello da Xunta acorda-la iniciación do procedemento da súa elaboración. O acordo será motivado, sinalará as causas que o xustifiquen e determinará a consellería competente para a elaboración e dirección do procedemento, así como aqueloutros departamentos que teñan que participar nel.

O acordo, que deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia e en, polo menos, dous xornais dos de maior circulación na Comunidade Autónoma, notificaráselles, ademais, ós concellos afectados e á deputación provincial respectiva.

2. Redactado o plan territorial e antes da súa aprobación inicial polo departamento director do procedemento, someterase a informe das corporacións locais referidas no número anterior e das entidades de carácter supramunicipal con incidencia na área, que o emitirán no prazo máximo de dous meses.

3. Co acordo de aprobación inicial adoptarase o de apertura do trámite de información pública por un período de dous meses, e solicitarase informe da Delegación do Goberno, que deberá emitilo en igual termo.

4. A consellería que outorgase a súa aprobación inicial, á vista do resultado da información pública e dos informes producidos, acordará a aprobación provisional coas modificacións que, se é o caso, procedan. Se con motivo das alegacións formuladas ou dos informes emitidos se tivesen que introducir modificacións substanciais en relación co documento aprobado inicialmente, poderá dispoñer un novo período de información e consulta de igual duración có anterior.

5. Logo da aprobación provisional, correspóndelle ó departamento que a outorgase a súa elevación ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva mediante decreto.

Capítulo IV

Dos programas coordinados de actuación

Artigo 16.-Funcións.

Son funcións dos programas coordinados de actuación:

a) Formular un programa plurianual, referido á totalidade do ámbito comunitario ou a algunhas das áreas deste, de carácter sectorial ou intersectorial, integrando as actuacións propostas polas distintas administracións ou organismos públicos que operen no ámbito da Comunidade Autónoma. b) Determinar, conxuntamente e de acordo co réxime de competencias establecido pola lexislación vixente, as administracións ou os organismos responsables da súa execución e, se é o caso, os criterios para establece-los necesarios acordos ou convenios entre as administracións públicas que deban proceder ó seu desenvolvemento conxunto.

Artigo 17.-Relación cos plans de desenvolvemento comarcal.

Cando os programas coordinados de actuación teñan por obxecto un ámbito comarcal específico, a súa regulación e execución levarase a cabo a través de plans de desenvolvemento comarcal, que se rexerán pola súa lexislación específica.

Artigo 18.-Documentación e determinacións.

1. Os programas coordinados de actuación constarán dos documentos escritos e gráficos necesarios para reflecti-lo seguinte contido:

a) Obxectivos que se perseguen na formulación do programa.

b) Análise dos aspectos sectoriais a que se refiran as súas propostas, formulando un diagnóstico sobre a súa eficacia en relación co sistema xeral de asentamentos residenciais ou productivos e co medio natural.

c) Relación e localización das obras e actuacións integradas neles.

d) Estimación ponderada dos custos das ditas obras e actuacións.

e) Os recursos, directos ou indirectos, cos que se proxecte financia-las ditas obras e actuacións.

f) Prioridades para a súa execución e, se é o caso, programación temporal para a iniciación das obras e actuacións incluídas no programa.

g) Medidas de articulación, se é o caso, entre os programas coordinados de actuación, as directrices de ordenación do territorio e demais instrumentos de ordenación urbanística e do territorio vixentes.

h) Relación cos plans ou programas de obras dos distintos organismos públicos que interveñen no territorio da Comunidade Autónoma.

i) Causas e procedementos para a súa actualización continua.

2. O contido dos programas coordinados de actuación poderá, así mesmo, referirse á execución de infraestructuras básicas, instalacións productivas, industriais ou agrícolas, equipamentos e vivendas.

Artigo 19.-Carácter.

1. Os programas coordinados de actuación, polo seu carácter de instrumento de programación plurianual, constituirán referencia para a actuación das administracións e dos organismos públicos ós que lles corresponda a execución e xestión das obras e actuacións incluídas neles e, en consecuencia:

a) Servirán de marco de referencia para a elaboración, polo Consello da Xunta de Galicia, dos proxectos de presupostos da Comunidade Autónoma.

b) Constituirán, a base para o establecemento de convenios e acordos de cooperación coas entidades locais e urbanísticas especiais.

c) Constituirán, así mesmo, a base para o establecemento de convenios e acordos coa Administración do Estado, en canto ás obras ou actuacións da súa competencia que teñan que realizarse no ámbito da Comunidade Autónoma, así como con outras comunidades autónomas.

2. A formulación destes contidos respectará o ámbito de competencias municipais, tendo en conta a autonomía dos concellos para a xestión dos seus intereses propios.

Artigo 20.-Eficacia.

1. Os programas coordinados de actuación non poderán modificar directamente as determinacións das figuras de planeamento xeral reguladas na lexislación urbanística nin dos plans de ordenación do medio físico regulados na presente lei.

2. Cando as obras ou actuacións de interese estatal ou que afecten ó conxunto da Comunidade ou ámbitos supramunicipais dela previstas nun programa coordinado de actuación esixan unha modificación das determinacións dos plans xerais ou normas complementarias ou subsidiarias de planeamento e plans que os desenvolvan e a dita modificación non fose incorporada como consecuencia da adecuación do planeamento ás directrices de ordenación territorial, procederase, con carácter excepcional e logo de definida a obra ou actuación de que se trate, á adaptación dos ditos plans ó programa coordinado de actuación, nos prazos que nel se sinalen.

Artigo 21.-Procedemento.

1. A formulación e aprobación dos programas cocordinados de actuación axustaranse ó seguinte procedemento:

a) Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta dunha ou varias consellerías, que poderán actuar a instancia dunha entidade local ou urbanística especial ou por propia iniciativa, acorda-la formulación dun programa coordinado de actuación.

O acordo, que deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia, será motivado, sinalará as causas que

o xustifiquen e finalidades que se persigan, determinará a consellería encargada da súa formulación e as consellerías, entidades ou organismos que deben colaborar nela, así como o prazo dentro do cal deberá ser redactado o documento ó que se refire o apartado seguinte.

b) Adoptado o dito acordo e dentro do prazo que nel se sinale, procederase á redacción dun documento previo, no que se expoñan os obxectivos e as propostas básicas que deba desenvolve-lo programa coordinado de actuación.

c) O documento previo seralles remitido pola Consellería encargada da súa elaboración ás corporacións locais afectadas, que, dentro dos dous meses seguintes á súa recepción, deberán remiti-los programas de actuación ou actividades que desenvolvan os instrumentos de ordenación xeral, ó tempo que poderán efectua-las propostas de programación ou observacións e, se é o caso, alternativas que estimen convenientes.

Igualmente, remitiráselles ás corporacións e ós organismos públicos así como ás empresas prestadoras de servicios públicos que se estime necesario para que, dentro dos dous meses seguintes á súa recepción, acheguen os proxectos ou programas que teñan previsto executar.

d) A consellería que o elaborase acordará, logo diso, a aprobación inicial do programa coordinado de actuación, que será publicado no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na Comunidade Autónoma, e someterase ós trámites de información pública e audiencia dos concellos, entidades, corporacións e organismos públicos afectados, polo prazo de dous meses.

e) Á vista do resultado do trámite de información pública e audiencia, procederá á súa aprobación provisional incorporando as modificacións que, se é o caso, procedesen.

f) Logo da aprobación provisional, o programa coordinado de actuación será elevado polo departamento que a outorgase ó Consello da Xunta de Galicia, para a súa aprobación definitiva.

A aprobación definitiva revestirá a forma de decreto e será obxecto de publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

2. Cando circunstancias non previsibles no momento da aprobación dun programa coordinado de actuación requiran a inclusión nel de obras ou actuacións non previstas inicialmente, o Consello da Xunta de Galicia, mediante decreto, dispoñerá a inclusión destas no programa.

Capítulo V

Dos plans e proxectos sectoriais

Artigo 22.-Finalidade.

1. Os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal teñen por obxecto regula-la implantación territorial das infraestructuras, dotacións e instalacións de interese público ou utilidade social

cando a súa incidencia transcenda do termo municipal no que se localicen, pola súa magnitude, importancia ou especiais características, ou que se asenten sobre varios termos.

2. Para os efectos do previsto no presente artigo, considéranse infraestructuras as construccións e conduccións destinadas ás comunicacións, á execución da política hidráulica, á loita contra a contaminación e protección da natureza e á execución da política enerxética; considéranse dotacións as construccións que sirvan de soporte ás actividades e servicios de carácter sanitario, asistencial, educativo, cultural, comercial, administrativo, de seguridade e protección civil, recreativo e deportivo; e considéranse instalacións as destinadas á realización de actividades económicas primarias, secundarias e terciarias que cumpran as condicións sinaladas no número anterior.

3. Os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal poden ser promovidos e desenvolvidos por iniciativa pública ou privada.

4. Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia cualificar, para os efectos do previsto na presente lei, un plan ou proxecto sectorial como de incidencia supramunicipal, así como a determinación da consellería á que lle corresponda o seu impulso e, se é o caso, aquelas que terían que colaborar nel.

Artigo 23.-Documentación e determinacións.

Os plans e proxectos sectoriais constarán dos documentos necesarios para reflectir con claridade e suficiencia as seguintes determinacións:

1) Descrición do espacio no que se asente a infraestructura, dotación ou instalación obxecto do plan ou proxecto, e ámbito territorial de incidencia deste.

2) Organismo, entidade ou persoa xurídica ou física promotor e titular da infraestructura, dotación ou instalación.

3) Xustificación do interese público ou utilidade social da infraestructura, dotación ou instalación.

4) Descrición, coa especificación suficiente das características da infraestructura, dotación ou instalación obxecto do plan ou proxecto, duración temporal estimada da súa execución e recursos económicos afectados a ela.

5) Incidencia sobre o territorio físico, afeccións ambientais e medios de corrección ou minimización delas.

6) Adecuación co planeamento local vixente no termo ou termos municipais en que se asenten a infraestructura, dotación ou instalación, ou, se é o caso, determinacións do dito planeamento local que deben ser modificadas como consecuencia da aprobación do plan ou proxecto sectorial, así como o prazo para realiza-la correspondente adecuación.

Artigo 24.-Eficacia.

As determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o planeamento do ente ou entes locais en que se

asenten os ditos plans ou proxectos, que se deberán adaptar a elas dentro dos prazos que para tal efecto determinen.

Artigo 25.-Procedemento.

A formulación e aprobación dos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal axustarase ó seguinte procedemento:

1) O organismo ou entidade que o promova remitirallo á consellería competente por razón do contido do proxecto ou plan de que se trate para a súa tramitación, se procedese, nos casos nos que non lle correspondese a esta a iniciativa da súa formulación.

2) O Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente por razón da materia, declarará o dito plan ou proxecto como de incidencia supramunicipal para os efectos previstos nesta lei.

3) Os plans ou proxectos que o Consello da Xunta declare como de incidenica supramunicipal someteranse por un prazo mínimo dun mes ós trámites de información pública mediante o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia, e de audiencia ás entidades locais sobre as que incida o plan ou proxecto.

4) O Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da consellería competente sobre as alegacións presentadas no trámite de exposición pública e audiencia, aprobará definitivamente o plan ou proxecto, e a dita aprobación publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Na aprobación definitiva polo Consello da Xunta de Galicia poderase acordar, se é o caso, a declaración de utilidade pública para os efectos expropiatorios.

Capítulo VI

Dos plans de ordenación do medio físico

Artigo 26.-Funcións.

1. Os plans de ordenación do medio físico teñen por obxecto desenvolve-las directrices de ordenación do territorio nos ámbitos que aquelas delimiten en función das súas características morfolóxicas, agrícolas, gandeiras, forestais, paisaxísticas ou ecolóxicas diferenciadas, que esixan unha consideración e tratamento unitarios, baixo presupostos que excedan dos propios de cada un dos termos municipais afectados pola ordenación.

2. Cando circunstancias singulares non previstas nas directrices o aconsellen, o Consello da Xunta de Galicia poderá acorda-la elaboración dun plan de ordenación do medio físico, sinalando o seu ámbito territorial e os obxectivos principais por acadar, logo de informe dos concellos que teñan os seus termos municipais incluídos, total ou parcialmente, dentro do ámbito obxecto do plan.

3. As determinacións dos plans de ordenación do medio físico que regulen as materias previstas na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, axustaranse ó disposto nela e, na súa virtude, prevalecerán sobre os instrumentos de ordenación territorial ou física existentes.

En todo caso, a regulación e a xestión dos recursos naturais rexeranse pola súa lexislación específica.

Artigo 27.-Contido.

Os plans de ordenación do medio físico conterán as seguintes determinacións:

1) Descrición do ámbito obxecto de ordenación e das súas características diferenciais destacando os seus valores naturais e potencialidades como soporte de actividades de carácter agropecuario, forestal, ecolóxico, recreativo, cultural ou científico.

2) Diagnóstico sobre os problemas suscitados polos usos existentes no ámbito de ordenación e polas tendencias previsibles deles, analizando a súa adecuación ou inadecuación ás esixencias de uso, protección ou explotación dos recursos naturais.

3) Sinalamento das zonas que presenten características homoxéneas para o seu destino, exclusivo ou compatible, a usos recreativos, científicos, agropecuarios, forestais ou outros que se establezan, e establecemento das relacións de complementariedade recíproca entre elas e en relación cos asentamentos de desenvolvemento urbano comprendidos no seu ámbito.

4) Establecemento das medidas e normas de protección e das actuacións públicas ou privadas necesarias para a preservación, restauración ou mellora das diferentes zonas para a súa adecuación ás funcións e ós usos correspondentes, e avaliación da súa incidencia ambiental.

5) Sinalamento da localización, magnitudes e carácter dos asentamentos vinculados ó desfrute e explotación dos recursos naturais e definición das infraestructuras e equipamentos vincualdos ó desfrute e explotación dos usos e actividades reguladas.

6) Normativa reguladora das actividades productivas ou recreativas, así como da parcelación e das construccións vinculadas á explotación, desfrute e estudio dos recursos naturais.

7) Estudio económico, no que se anlice a coherencia entre as normas e actuacións propostas e a dispoñibilidade dos recursos hidráulicos e enerxéticos, así como os seus efectos sobre o sistema productivo, agrícola, gandeiro, forestal e extractivo.

8) Formulación, se é o caso, dos programas de investimentos públicos vinculados ó desenvolvemento das actuacións de preservación, restauración ou mellora das diferentes zonas, establecendo as prioridades das distintas actuacións previstas.

9) Análise da relación do contido do plan co planeamento municipal vixente, expoñendo as posibles discrepancias e xustificando as determinacións que impliquen a necesaria modificación do dito planeamento.

10) Constitución dos órganos de xestión ós que se lles atribúa a tutela ou o fomento das actividades propias da totalidade do ámbito ordenado ou de partes deste, así como o desenvolvemento dos programas correspondentes.

Nos ditos órganos de xestión estarán representados os concellos incluídos total ou parcialmente no ámbito obxecto de ordenación.

Artigo 28.-Documentación.

Os plans de ordenación do medio físico conterán os documentos gráficos e escritos necesarios para reflecti-los contidos expostos no artigo anterior e, en todo caso, os seguintes:

-Memoria con análise da situación actual, descrición de problemas, obxectivos e medidas de actuación.

-Documentación gráfica con planos de información e proposta.

-Normativa que defina o grao de vinculación de cada contido.

Artigo 29.-Eficacia.

1. As determiancións contidas nos plans de ordenación do medio físico vincularán o planeamento local nos seus propios termos, e para tal efecto o acordo de aprobación definitiva precisará os puntos concretos do dito planeamento que quedan modificados desde ese mesmo momento, sen prexuízo de que as entidades afectadas poidan incoa-los procedementos precisos para incorpora-las ditas determinacións.

2. Sen prexuízo do disposto no artigo 26.3, os plans de ordenación do medio físico non poderán conter determinacións para o solo clasificado como urbano ou urbanizable que estea en execución.

Artigo 30.-Procedemento.

A formulación e aprobación dos plans de ordenación do medio físico axustarase ó seguinte procedemento.

1) Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia acorda-la iniciación do procedemento da súa elaboración. O acordo será motivado, sinalará as causas que o xustifiquen e determinará a consellería competente para a súa elaboración e dirección do procedemento, así como aqueloutros departamentos que teñan que participar nel.

O acordo, que deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia e en, polo menos, dous xornais dos de maior circulación na Comunidade Autónoma, notificaráselles, ademais, ós concellos afectados e á deputación provincial respectiva.

2) Redactado o plan e antes da súa aprobación inicial polo departamento director do procedemento, someterase a informe das corporacións locais referidas no número anterior e das entidades de carácter supramunicipal con incidencia na área, que emitirán no prazo máximo de dous meses.

3) Co acordo de aprobación inicial adoptarase o de apertura do trámite de información pública por un período de dous meses, e solicitarase informe da Delegación do Goberno. Transcorrido o prazo de dous meses sen que este se emitise, poderán prosegui-las actuacións.

4) A consellería que outorgase a súa aprobación inicial, á vista do resultado da información pública e dos informes producidos, acordará a aprobación provisional coas modificacións que, se é o caso, procedan. Se con motivo das alegacións formuladas ou dos informes emitidos se tivesen que introducir modificacións substanciais en relación co documento aprobado inicialmente, poderá dispoñer un novo período de información e consulta de igual duración có anterior.

5) Logo da aprobación provisional, correspóndelle ó departamento que a outorgase a súa elevación ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva mediante decreto.

Artigo 31.-Instituto de Estudios do Territorio.

Crearase o Instituto de Estudios do Territorio, coa natureza, fins e medios que se establezan na súa lei reguladora.

Disposicións adicionais

Primeira.-A aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio levará implícita a declaración de utilidade pública das obras, instalacións e servicios previstos de maneira concreta neles.

As obras públicas expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial nos citados instrumentos non estarán sometidas ós actos de control preventivo municipal ós que se refire o artigo 84.1.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Non obstante, logo de aprobados os proxectos das citadas obras públicas, a Administración competente poñerao en coñecemento dos concellos afectados.

Segunda.-O acordo da Xunta de Galicia para inicia-lo procedemento recollido no artigo 10.1 da presente lei realizarase dentro dos dous meses seguintes á entrada en vigor dela.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións se opoñan ó disposto na presente lei.

Disposición derradeira

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Santiago de Compostela, vintetrés de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente