Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 05 de decembro de 1995 Páx. 9.194

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

O presente decreto ten por finalidade regular con caracter xeral ó rexime de incentivos ó investimento productivo en Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais das diversas consellerías da Xunta de Galicia.

A conveniencia de regula-lo sistema de promoción económica da Administración galega nunha norma xurídica unificadora parece fóra de toda dúbida, posto que con isto se contribuirá á racionalización e transparencia do réxime de axudas ó investimento productivo.

Pero, por outra banda, a esixencia de compatibilización comunitaria do sistema de axudas públicas de calquera Administración, constitúe un requisito de legalidade expresamente previsto nos Arts. 92-94 do Tratado constitutivo da CEE, do 25 de marzo de 1957, na Carta da Comisión ós Estados Membros SG (89)D/5521, do 27 de abril de 1989, e no Real decreto 1755/1987, do 23 de decembro, polo que se regula o procedemento de comunicación dos proxectos de axuda á Comisión da Unión Europea.

De acordo con estes antecedentes, á Xunta de Galicia notificoulle á Unión Europea un proxecto de disposición normativa sobre axudas da Comunidade Autónoma. Tralos axustes producidos durante o procedemento de avaliación realizado pola Comisión Europea sobre a súa adecuación ó dereito comunitario, o resultado é o presente decreto, compatible co Mercado Común segundo a decisión da Comisión (axuda estatal nº 21/1995, do 31 de xullo de 1955).

Esta decisión pola que se declara compatible co mercado común o sistema de axudas proposto, serviulle á comisión, ademais, para formular un recordatorio pormenorizado das restriccións comunitarias baixo as que deben realizarse as accións públicas de fomento, estean previstas ou non no presente decreto, e tamén para esixir un informe anual sobre os beneficiarios e a avaliación dos resultados das axudas públicas concedidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, sexan ou non cofinanciadas con fondos comunitarios.

Finalmente, o 7 de setembro de 1995 a Comisión Europea autorizou para España un novo mapa de axudas con finalidade rexional no que se explicitan para Galicia os topos máximos ós que se adecúa o presente decreto.

En consecuencia, faise preciso afondar na coordinación interna dos diversos órganos da Xunta de Galicia que xestionen axudas á promoción económica, ben sexan horizontais ou sectoriais, non só para mellora-los resultados económicos do rexime

xeral, senón para lograr acceder á información técnica precisa que os novos controis comunitarios esixen.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

O presente decreto ten por finalidade regula-lo réxime xeral dos incentivos para o desenvolvemento e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia sen prexuízo doutras liñas de axuda que, no uso das súas competencias, teñan ou poidan establece-las diversas consellerías da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Obxectivos.

Os incentivos económicos previstos neste decreto teñen como obxectivo fomentar e mante-la actividade económica, así como favorece-lo desenvolvemento equilibrado do territorio galego, lograr un incremento do emprego e da renda da poboación.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios dos incentivos económicos os empresarios individuais, sociedades, asociacións e agrupacións de empresarios e entes públicos ou privados que realicen actividades cualificadas como incentivables e que contribúan a acada-los obxectivos sinalados no artigo anterior. Tamén poderán ser obxecto de axudas os socios actuais ou futuros de sociedades mercantís que reúnan os requisitos sinalados no presente decreto.

Os beneficiarios das axudas deberán ter establecido o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia. Nos casos de axudas para actividades de comercialización, distribución, acordos tecnolóxicos e cooperación empresarial non será necesario que a actividade se desenvolva en Galicia sempre que exista unha vinculación directa ou unha complementariedade destas actividades cunha empresa ou centro de traballo establecido nesta Comunidade Autónoma.

Artigo 4º.-Actividades incentivables.

1. Son incentivables ó abeiro deste decreto as actividades económicas seguintes:

a) As de extracción, procesamento, transformación e comercialización das produccións agricolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento, transformación e comercialización de minerais ou os seus derivados.

c) A industria transformadora, o comercio, o turismo, a artesanía e os servicios.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, telecomunicación, e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

f) A investigación técnica e aplicada, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, normalización, homologación, certificación, xestión, control e mellora da calidade levadas a cabo por calquera ente público ou privado.

g) A fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionados con calquera das actividades anteriormente sinaladas.

2. Para as actividades que se encontren comprendidas dentro dos sectores regulados por normas específicas da Unión Europea sobre axudas estatais, os incentivos económicos comprendidos neste decreto axustaranse en cada caso ás ditas normas específicas.

Artigo 5º.-Localización preferente.

Poderán ter preferencia na concesión de axudas e na determinación da súa contía os beneficiarios que desenvolvan a súa actividade en:

a) Zonas afectadas pola crise dun sector industrial declarado en reconversión, ou en casos concretos, as afectadas polo peche de empresas que teñan unha actividade da que dependese de forma importante a poboación desa zona.

b) Zonas especialmente desfavorecidas onde exista un especial abandono da poboación.

c) As provincias de menor renda per cápita de Galicia.

d) Parques empresariais.

e) Zonas onde existan produccións de materias primas, bens de equipo ou industrias complementarias ou similares, e exista unha tradición de fabricación sobre a actividade de que se trate.

f) Zonas nas que a localización vén obrigada como consecuencia da explotación e do aproveitamento das infraestucturas e/ou factores de producción.

Artigo 6º.-Modalidades de axuda.

1. En consideración ó seu destino, os incentivos económicos comprenderán as seguintes axudas:

-Ó investimento.

-Temporais e de reestructuración.

-Á investigación e desenvolvemento (I+D).

-Á formáción e á contratación de persoal especializado.

-Á cooperación empresarial.

2. Os incentivos económicos poderan consistir nos seguintes tipos de axudas:

-Subvencións a fondo perdido.

-Subsidiación do tipo de xuro de operacións financeiras.

-Participación no capital de sociedades.

-Concesion de avais.

Artigo 7º.-Axudas ó investimento.

1. Os investimentos incentivables para os efectos do presente artigo poderán se-los realizados en:

a) Adquisición dos terreos necesarios para a implantación do proxecto.

b) Traídas e conexións de servicios.

c) Urbanización e obras exteriores necesarias para o proxecto.

d) Obra civil.

e) Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente.

f) Traballos e estudios de planificación, enxeñería de proxecto e dirección facultativa dos traballos.

g) Outros investimentos en activos materiais.

h) Activos intanxibles ligados ó investimento nunha contía non superior ó 25% do investimento total aprobado do proxecto.

2. Poderán concedese as seguintes axudas ó investimento dentro dos límites e coas condicións sinaladas en cada caso:

a) Subvención a fondo perdido sobre o investimento que sexa considerado incentivable. O importe máximo da subvención neta equivalente poderá acadar ata o 60% do investimento incentivable nas provincias de Lugo, Ourense, Pontevedra, e na antiga ZID de Ferrol, e o 50% na provincia da Coruña.

b) Subsidiación ó tipo de xuro das operacións destinadas ó financiamento de investimentos considerados incentivables concertados polo beneficiario con entidades financeiras. A xestión destas axudas poderá levarse a cabo mediante convenios que a Xumta de Galicia e os seus organismos e entes públicos poidan subscribir con entidades financeiras, ou ben directamente co beneficiario.

O importe máximo da operación financeira subsidiable poderá acadar ata o 95% do importe do investimento incentivable. No caso de concorrencia con outras axudas, o financiamento conxunto non podera exceder do importe do investimento incentivable.

O tipo de xuro fixarase nos convenios citados e a subsidiación poderá acadar ata 8 puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario despois de descontada a subsidiación resulte inferior a catro puntos.

c) Participación no capital de sociedades. En calquera caso a participación non poderá exceder do 45% do capital social da sociedade participada.

d) Subvención a fondo perdido de ata o 75% dos gastos de arrendamento de naves industriais e comerciais durante o período de tempo necesario para aposta en marcha dun proxecto empresarial e en todo caso polo período máximo de dous anos.

e) Subvención a fondo perdido de ata o 100% dos gastos de traslado de bens de equipo e de ata o 75% dos gastos de traslado doutros elementos da empresa. Para estes efectos considéranse gastos de traslado os de desmontaxe, transporte e montaxe.

Non poderán concederse axudas ás empresas que procedan das rexións previstas no artigo 92.3º a) do Tratado da Unión Europea.

Esta axuda é incompatible con calquera outra- para estes mesmos bens, excepto cando procedan de países non pertencentes á Unión Europea.

f) Concesión de avais en garantía de créditos.

3. Para a cualificación do proxecto investidor como incentivable e a determinación, se é o caso, da contía da axuda poderán terse en conta os seguintes factores:

a) A clase de proxecto de que se trate: primeiro establecemento, ampliación, modernización ou traslado.

b) A localización do proxecto investidor.

c) A incorporación de tecnoloxía avanzada.

d) A utilización de materias primas autóctonas.

e) O valor engadido que xere.

f) O carácter dinamizador do proxecto para a economía da zona en que se implante.

g) A creación e mantemento do emprego.

h) Orientación da producción cara á exportación.

i) Localización dos proxectos de nova instalación en parques empresariais.

j) Traslado desde zonas urbanas ou rurais a parques empresariais oficiais.

k) Adaptación e mellora medioambiental.

l) A asociación empresarial.

4. As axudas previstas neste artigo poderán tramitarse, se é o caso, baixo a fórmula de contrato-programa.

Artigo 8º.-Axudas temporais e de reestructuración.

1. Son axudas temporais ou de salvamento aquelas que, xustificadas por motivos sociais graves, están destinadas a manter a empresas con dificultades financeiras durante o tempo exclusivamente necesario, non superior ós meses, para elabora-lo correspondente plan de recuperación.

O tipo de axudas consistirá en avais para préstamos ou en subsidiación dos tipos de xuro vixentes no mercado. As ditas axudas non poderán distorsiona-la situación do sector e limitaranse ó importe dos gastos de explotación necesarios para mante-la empresa en funcionamento.

2. Considéranse axudas de reestructuración as destinadas á reorganización das actividades incluídas nun plan estratéxico co obxecto de facer viables as empresas en dificultades. A contía das axudas fixaranse en función das necesidades determinadas nun plan estratéxico e limitarase ó estrictamente necesario para a reestructuración, sen que se reduzan de forma excesiva as obrigas financeiras da empresa.

As axudas deberán ser utilizadas exclusivamente para restablece-la viabilidade da empresa sen que supoñan aumento de capacidade de producción.

Na aplicación destas axudas adoptaranse medidas para contrarrestar no posible os efectos adversos que a axuda pode producir respecto ás empresas do sector.

O tipo de axudas consistirán en:

a) Subsidiación ó tipo de xuro de préstamos a longo prazo destinados á cancelación de pasivos a curto prazo con custo financeiro. A contía da operación financeira subsidiable determinarase de forma obxectiva en función da correlación entre o inmobilizado neto da empresa e os recursos permanentes dela.

A subsidiación poderá acadar ata 8 puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro para o beneficiario logo de descontada a subsidiación resulte inferior a catro puntos.

b) Subsidiación ó tipo de xuro de préstamos a longo prazo concertados por persoas físicas ou xurídicas destinados á ampliación de capital destas sociedades.

A contía da operación financeira subsidiable determinarase en función da correlación entre os recuros propios e o pasivo alleo, establecéndose o teito máximo ó final da ampliación de capital na proporción 55/45.

A subsidiación poderá acadar ata 8 puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro para o beneficiario, logo de descontada a subsidiación, resulte inferior a catro puntos.

c) Participación no capital de sociedades. A participación no capital non poderá exceder en ningún caso do 45% do capital social da sociedade participada.

As participacións respectarán en todo caso os principios e normativa que sobre elas mesmas estableza a Unión Europea.

d) Concesión de avais en garantía de créditos ou liñas de financiamento destinados á reconversión ou reestructuración de empresas.

3. Os beneficiarios destas axudas presentarán un plan do que se deduza a viabilidade técnica, económica e financeira a longo prazo da empresa sobre a base dunhas perspectivas obxectivas en canto ás súas futuras condicións de funcionamento.

A concesión resolverase tendo en conta se se trata de empresas viables con dificultades transitorias, caracterizadas por situacións de insuficiencia de liquidez a curto prazo, ou ben se se trata de empresas con deficiencias estructurais, que precisen para restablece-la súa viabilidade dun plan conxunto e intensivo a longo prazo.

4. Tanto as axudas de salvamento como as de reestructuración poderanse tramitar para cada caso, a través dun contrato-programa que estipulará a natureza, contía e datas do desembolso das axudas, así como as obrigas por parte da empresa beneficiaria.

5. No caso de que os beneficiarios das axudas previstas néste artigo non teñan a consideración de pequenas e medianas empresas segundo a normativa comunitaria, a concesión delas deberá notificárselle á Comisión Europea individualmente.

Artigo 9º.-Axudas á invesigación e desenvolvemento.

1. Para os efectos do disposto neste artigo, considérase investigación industrial básica a actividade teórica ou experimental orixinal da que o obxectivo é a adquisición de novos coñecementos ou a mellor comprensión das leis da ciencia ou da tecnoloxía na súa aplicación eventual a un sector industrial ou ás actividades dunha empresa determinada, e investigación aplicada ós traballos de inveatigación ou experimentación que, baseados nos resultados da investigación industrial básica se realizan para adquirir novos coñecementos que faciliten a materialización de obxectivos prácticos específicos. Así mesmo, considéranse desenvolvemento aquelas actividades que, estando baseadas na investigación aplicada, tenden a elaboración de productos, procesos de producción ou servicios novos ou perfeccionados substancialmente, non incluída a fase de aplicación industrial e a de explotación comercial.

2. Dentro das axudas para investigación e desenvolvemento terán a consideración de gastos ou investimentos incentivables os realizados dentro dos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal necesario para a realización do proxecto.

b) Gastos correntes necesarios para a realización do proxecto.

c) Instrumentos, equipos, terreos e edificios, na medida en que tales bens se destinen con carácter exclusivo a investigación e desenvolvemento.

d) Servicios de asesores, outros servicios análogos e adquisición de coñecementos técnicos.

e) Gastos xerais suplementarios con cargo directo ó proxecto ou ó programa de investigación e desenvolvemento.

3. Poderán concederse as seguintes axudas dentro dos limites e coas condicións que se sinalan en cada caso:

a) Subvención a fondo perdido sobre o custo de proxectos ou programas de investigación industrial básica, aplicada e desenvolvemento. O importe máximo de subvención para a investigación industrial básica será do 70% dos custos do proxecto ou programa e do 45% para a investigación aplicada e desenvolvemento.

b) Subsidiación ó tipo de xuro das operacións financeiras destinadas ó financiamento de proxectos ou programas de investigación industrial básica, aplicada e desenvolvemento.

Será subsidiable o tipo de xuro correspondente á totalidade da operación financeira. A subsidisción poderá acadar ata 8 puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro para o beneficiario logo de descontada a subsidiación resulte inferior a 4 puntos.

c) Concesión de avais en garantía de créditos ou liñas de financiamento destinados a financiar

proxectos ou programas de investigación industrial básica, aplicada e de desenvolvemento.

d) Subvención a fondo perdido sobre o custo de proxectos ou programas de normalización, homologación, xestión, control e mellora de calidade. O importe máximo da subvención será do 70% do custo do proxecto ou programa incentivable.

4. Para a cualificación do proxecto como incentivable e a determinación, se é o caso, da contía da axuda, teranse en conta os seguintes factores:

a) O carácter innovador nas vertentes técnica e comercial.

b) O sector no que se desenvolve o proxecto.

c) A inclusión del en plans asociativos de empresas para compartir e reduci-los custos de investigación.

d) A colaboración ou participación de universidades ou centros tecnolóxicos públicos.

5. As axudas mencionadas nos puntos anteriores poderán tramitarse mediante contratos-programas.

Artigo 10º.-Axudas á formación e á contratación de persoal especializado.

1. Poderán concederse subvencións a fondo perdido sobre os gastos de programas de formación especializada de persoal.

Para a cuantificación da axuda teranse en conta os seguintes factores: a existencia ou non en Galicia de persoas xa formadas na materia obxecto do programa, a calidade da formación que se vai impartir, a modalidade de contratación.

A contía destas axudas non poderá supera-lo 50% do custo do programa de formación aprobado.

2. Poderán concederse subvencións a fondo perdido sobre o custo de contratación de profesionais, empresas especializadas ou persoal directivo ou técnico altamente cualificado que polos seus coñecementos ou experiencia resulten totalmente necesarios para a posta en marcha e viabilidade dun proxecto empresarial.

Para a cualificación destes gastos como incentivables e a determinación da súa contía teranse en conta os seguintes factores: a experiencia dos candidatos, a aportación de coñecementos ou habilidades inexistentes ou inusuais e a súa aplicación práctica no relanzamento da empresa e a retribución ou prezo pactado.

A axuda non poderá exceder do 75% do custo da contratación para os dous primeiros anos.

3. As axudas mencionadas nos dous puntos anteriores poderán tramitarse a través de contratos-programas.

Artigo 11º.-Axudas á cooperación empresarial.

1. As axudas á cooperación empresarial consistirán en subvencións a fondo perdido sobre o custo de estudios externos para o desenvolvemento de proxectos de constitución de agrupacións de interese económico, realización de acordos de especialización productiva,comercialización conxunta, ou calquera outra fórmula de colaboración empresarial. Así mes

mo, poderán subvencionarse os gastos derivados, debidamente xustificados, nos que incorran as partes previamente á sinatura do correspondente contrato ou acordo.

2. Para a cualificación do proxecto como incentivable e a determinación, se é o caso, da contía da axuda, teranse en conta os seguintes factores:

a) O sector da actividade de que se trate.

b) O grao de integración horizontal ou vertical que supoña a cooperación.

c) As vantaxes competitivas que se xeren.

d) A transferencia de tecnoloxía existente e as posibilidades e intencións de exportación da técnoloxía que se desenvolva como consecuencia da cooperación.

3. 0 límite máximo para este tipo de axudas será de ata o 75% dos custos de realización dos proxectos incentivables.

Artigo 12º.-Compatibilidade dos incentivos económicos.

Os incentivos económicos establecidos neste decreto serán complementarios e compatibles entre si e con calquera outra axuda da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan supera-los límites establedidos pola Unión Europea. Non obstante o anterior, os niveis máximos de axudas establecidos reduciranse na medida en que estes o fagan no marco da revisión do mapa de axudas con finalidade rexional en España.

Artigo 13º.-Competencia na xestión e concesión dos incentivos económicos.

As convocatorias de axudas ó abeiro deste decreto, así como a concesión e xestión delas serán realizadas por cada consellería, organismo autónomo ou ente público da Xunta de Galicia dentro do ámbito das súas competencias e confonme as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 14º

De acordo coa orde competencial establecida no artigo anterior realizarase un informe anual sobre a aplicación do presente réxime de axudas e unha lista de tódalas empresas beneficiarias con tódolos datos que son requiridos pola normativa comunitaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Sen prexuízo das competencias das consellerías, organismos e entes públicos para realiza-las convocatorias específicas de axudas de conformidade co artigo 13º deste decreto, facúltase a Consellería de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento del.

Segunda.-Este decreto entrará én vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza

Conselleiro de Economía e Facenda