Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 05 de decembro de 1995 Páx. 9.223

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE AMES

ANUNCIO.

Bases da convocatoria para a contratación do persoal laboral incluído na oferta pública de emprego deste concello para o ano 1995 para a provisión, mediante o procedemento de concurso oposición, das seguintes prazas:

1.-Un xardineiro.

2.-Dous electricistas.

3.-Un albanel especialista.

4.-Dous peóns de mantemento.

Bases.

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

O obxecto desta convocatoria é a contratación laboral fixa das devanditas prazas, mediante o procedemento de concurso oposición, de conformidade co establecido na Lei 30/1984, do 2 de agosto; Lei 7/1985, do 2 de abril, Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril; Real decreto 896/1991, do 7 de xuño; Real decreto 384/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións de aplicación.

Declárase expresamente que os tribunais de selección, que se designen para xulgalos distintos procesos selectivos, non poderán aprobar un número superior de aspirantes ó número das prazas convocadas.

Segunda.

Polas características das funcións que se van realizar en cada unha das prazas que se convocan, adóptase o sistema de concurso oposición para cubrilas.

Terceira.-Condicións dos aspirantes.

Para tomar parte nas probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los requisitos sinalados en cada caso e referidos á data na que termine o prazo de presentación de solicitudes e, en todo caso, os seguintes:

a) Ser de nacionalidade española.

b) Ter cumpridos os 18 anos.

c) Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o desempeño das funcións propias do posto do traballo ó que opta.

d) Para tódalas prazas cómpre estar en posesión do certificado de escolaridade.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas.

f) Non incorrer en causa de incompatibilidade ou de incapacidade, conforme a normativa vixente, referida á data da formalización do contrato.

g) Os requisitos especiais que se esixan en cada unha das convocatorias específicas.

Cuarta.-Solicitudes.

As solicitudes para participar nos procesos selectivos axustaranse ó modelo oficial aprobado pola cor poración que consta no anexo I, e presentarase no prazo de 20 días naturais a partir do seguinte ó da publicación da convocatoria no BOE, no rexistro xeral do concello, asi como na forma que estableza o Art. 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Para seren admitidos e, se é o caso, tomaren parte nas probas selectivas correspondentes, bastará con que os aspirantes manifesten nas súas solicitudes de participación que reúnen todas e cada unha das condicións esixidas, referidas sempre á data de remate do prazo de presentación.

Á instancia xuntarase así mesmo o xustificante de ter ingresada na Tesourería Municipal a cantidade de 2.000 ptas. en concepto de dereitos de exame.

Quinta.-Relación de admitidos.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a alcaldía dictará resolución e aprobará a lista provisional de admitidos e excluídos, que ser fará pública no BOP e no taboleiro de anuncios do concello, abrirase un prazo de dez días para:

a) Achega-la relación de méritos que se aleguen e os documentos acreditativos destes, mediante certificación expedida polas entidades, oganismos ou empresas onde prestaron os servicios ós que se refire o anexo II, e que os ditos servicios os prestaron á súa plena satisfacción.

b) Presentación de reclamacións ou correccións de erros, nos termos do artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Sexta.- Tribunais.

O tribunal que xulgará as probas estará constituído de acordo co Real decreto 364/1995, do 10 de marzo de 1995, e os seus membros serán os seguintes:

Presidente: o alcalde presidente da corporación ou membro dela no que delegue.

Secretario: o da corporación ou funcionario dela en quen delegue.

Vocais: un funcionario de carreira representante da Comunidade Autónoma de Galicia, designado pola Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Un funcionario de carreira nomeado pola alcaldía.

Un representante do persoal laboral ó servicio do municipio convocante.

A designación dos membros titulares do tribunal, incluirá a dos seus respectivos suplentes.

A composición do tribunal farase pública no BOP, e contra os nomeamentos poderán os aspirantes facer uso do dereito de recusación cando concorran as circunstancias determinadas na lei.

O tribunal non poderá constituírse sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes.

Sétima.-Proceso de selección.

Desenvolverase en dúas fases:

a) Concurso.-Nesta fase os tribunais cualificarán os méritos ós que se refire o anexo II destas bases, aplicarase a valoración establecida no correspondente baremo con base na documentación achegada polos aspirantes, e non serán valorados os méritos que non estean debidamente xustificados.

A cualificación desta fase deberá estar concluída antes da celebración da fase oposición.

b) Oposición.-Nesta fase realizarase os exercicios que para cada praza se especifiquen no anexo III destas bases.

A cualificación efectuarase sumando as puntuacións de cada un dos membros do tribunal, de 0 a 10 punto se dividido o total polo números dos membros asistentes, quedando eliminados os aspirantes que non acaden o mínimo de 5 puntos.

Para a realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes serán convocados en chamamento único, e serán excluídos os que non comparezan, agás os casos debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal cualificador.

A orde de actuación dos aspirantes nas probas que non poidan celebrarse conxuntamente, iniciarase por aqueles participantes que teñan o primeiro apelido de acordo coa letra que resulte obtida no sorteo público que para este efecto se realice e que será anunciado no BOP.

Comezadas as distintas probas, a publicación dos anuncios de celebración destas faranse no taboleiro de anuncios da Casa Consistorial.

Oitava.-Relación de aprobados e presentación de documentación.

Concluída a cualificación dos aspirantes, o tribunal publicará no taboleiro de anuncios do concello a relación de aprobados pola orde de puntuación de cada unha das categorías, e a continuación elevará proposta de contratación a favor do ou dos que obtivesen a maior puntuación en cada un dos procesos selectivos para as prazas convocadas.

Os aspirantes que superasen as probas e obtivesen praza presentarán na secretaría do concello, no prazo de 20 días naturais desde a publicación do resultado do concurso oposición, a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos previstos na base terceira.

Se dentro do prazo citado (agás por causa de forza maior) algún dos aspirantes propostos non presentase a súa documentación ou non acreditase reuni-los requisitos esixidos, non poderá procederse ó seu nomeamento, e quedarán anuladas tódalas actuacións respecto a este, sen prexuízo da responsabilidade na que puidese incorrer en falsidade.

Novena.-Formalización do contrato.

Terá lugar no prazo de dez días a partir da data de notificación do decreto de nomeamento adoptado pola alcaldía.

O persoal contratado quedará sometido a un período de proba a tenor do establecido no artigo 14 do Estatuto dos traballadores, e transcorrido este con resultado favorable, adquirirá a condición de persoal laboral fixo no concello.

Décima.-Incidencias.

O tribunal cualificador queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten en todo o non previsto nestas bases.

Undécima.-Norma derradeira.

A presente convocatoria, as súas bases e tódolos actos administrativos que dela se deriven poderán

ser impugnados polos interesados nos casos e na forma dispostos pola Lei de réxime xurídico e procedemento administrativo.

Ames, 25 de setembro de 1995.

O alcalde

Rubricado

ANEXO I

Alcalde-presidente do Concello de Ames (A Coruña).

Don/Dona ... de ... anos de idade, con domicilio en ..., rúa ..., nº ..., CP ... Teléfono e DNI nº ..., ante V.S. comparece e como mellor proceda expón:

Que desexo ser admitido/a ás probas para o acceso a unha praza de ... anunciada a convocatoria desta no BOP nº ..., con data ...

Que reúno todas e cada unha das condicións esixidas referidas á finalización do prazo sinalado para a presentación da instancia, nas bases que declaro coñecer.

Que teño satisfeitos os dereitos do exame e segundo acredito coa carta de pagamento que achego.

Polo exposto,

Suplico a V.S. ser admitido/a para a práctica das probas selectivas correspondentes.

En ... o ... de ... de 199 ...

ANEXO II

1.-Por servicios prestados na Administración local do Concello de Ames en puntos de traballo para os que se esixise a mesma titulación: 0,20 puntos por mes traballado e referidos ós dous anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes para este concurso oposición.

2.-Por servicios prestados á Administración muni cipal, noutros municipios e en postos de traballo no que se esixe a mesma titulación: 0,10 puntos por mes traballado e referidos ós dous anos anteriores á data na que finalice o prazo para a presentación de solicitudes.

3.-Por posesión dalgún dos carnés de conducir das clases A1, A2 ou B1: 2 puntos.

4.-Por posesión doutra clase de carné de conducir: 0,5 puntos, por cada un deles.

ANEXO III

Fase de oposición: consistirá na realización de dous casos prácticos, para realizar no prazo máximo de trinta minutos, relacionados cos temas propios do posto de traballo a que opta e serán determinados polo tribunal inmediatamente antes do comezo dos exercicios.

Ames, 25 de setembro de 1995.

O alcalde

Rubricado