Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 28 de decembro de 1995 Páx. 9.687

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de decembro de 1995 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás federacións deportivas galegas e agrupacións deportivas escolares comarcais ou de zona para 1996.

A Secretaría Xeral para o Deporte, co fin de que as federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas organizadoras de competicións en idade escolar de ámbito comarcal ou de zona poidan levar adiante o seu labor de promoción e desenvolvemento deportivo, regula o réxime de concesión de subvencións con cargo á aplicación orzamentaria 04.04.355-A.480 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996. A necesidade de evita-la paralización destas actividades nos primeiros meses do ano, período de maior traballo da tempada deportiva, obriga a tramita-la presente orde como expediente anticipado de gasto. Con este fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-As subvencións que se regulan ó abeiro da presente orde atenderanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.04.355-A.480.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para

1996, ata o límite que as posibiloidades orzamentarias o permitan, e irán destinadas a:

A) Organización da actividade deportiva federada e doutras actividades de especial transcendencia social que contribúan á promoción deportiva.

B) Desenvolvemento de competicións e programas deportivos en idade escolar, de ámbito comarcal ou zonal, promovidos pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Poderán solicitar subvencións ó abeiro da presente orde:

-Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, apartado A: federacións deportivas galegas e asociacións de clubs deportivos inscritas no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

-Para as axudas ás que fai referencia o artigo 1º, apartado B: agrupacións deportivas escolares comarcais ou de zona inscritas no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-As solicitudes formalizaranse nos impresos oficiais, segundo os modelos que se xuntan á presente orde como anexo I, no caso das axudas a que fai referencia o artigo 1º, apartado A, e como anexo II, no caso das axudas a que fai referencia o artigo 1º, apartado B. Achegarase tamén:

-Para as axudas a que fai referencia o artigo 1º, apartado A:

A) Proxecto de actividade:

-Programa I. Docencia e tecnificación.

Farase referencia expresa das concentracións técnicas, cursos de adestradores e xuíces e detección de novos valores.

-Programa II. Competicións e actividades.

Faranse consta-las ligas e torneos especificados por categorías, así como as actividades das seleccións galegas.

-Programa III. Axudas a clubes.

Farase referencia expresa do número de entidades afiliadas, equipos e licencias desglosados por categorías.

B) Orzamento de gastos por programa.

-Programa I. Docencia e tecnificación.

- Programa II. Competicións e actividades.

-Programa III. Axudas a clubs.

-Programa IV. Gastos xerais.

C) Orzamento de ingresos totais da entidade.

D) Distribución territorial do gasto asignado a cada delegación.

-Para as axudas a que fai referencia o artigo 1º, apartado B:

A) Proxecto da actividade que se pretende realizar.

B) Orzamento de ingresos e gastos da actividade.

As solicitudes presentaranse no rexistro da Secretaría Xeral para o Deporte (Estadio Multiusos de San Lázaro, s/n., 15890, Santiago de Compostela), ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes rematará ós vinte días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Unha vez recibida a documentación das solicitudes de subvención, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a comisión avaliadora encargada de xulgalas, que estará formada polas seguintes persoas:

Presidente: subdirector xeral de Deportes.

Vocais: xefe do Servicio de Coordinación Deportiva.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte da Coruña.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte de Lugo.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte de Ourense.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte de Pontevedra.

Secretario: xefe da Sección de Programación e Actividades Deportivas.

Unha vez estudiadas pola comisión avaliadora as documentacións dos solicitantes, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá presentarlles ás distintas entidades os reparos ou suxestións que crea necesarios para axustalas ós obxectivos desta orde, co fin de que se realicen as oportunas correccións nun prazo de dez días hábiles a partir da data de notificación.

Para a concesión das subvencións a comisión avaliadora terá en conta os seguintes criterios:

A) Para as axudas a que fai referencia o artigo 1º, apartado A:

-Interese do proxecto valorado da actividade para 1996.

-Clubs e número de participantes nas distintas actividades, categorías e ámbito territorial.

-Distribución do gasto para cada delegación.

B) Para as axudas a que fai referencia o artigo 1º, apartado B:

-Participación nas competicións deportivas en idade escolar promovidas pola Secretaría Xeral para o Deporte.

-Obxectivos da actividade que se vai desenvolver.

-Duración e lugar onde se desenvolverán as actividades.

O presidente da comisión avaliadora, á vista da acta desta, elevará proposta ó secretario xeral para o Deporte para a resolución definitiva das subvencións.

Artigo 5º.-A resolución das subvencións seralles notificada ós solicitantes nun período de tres meses, contado desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º c, a contrario sensu, da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Artigo 6º.-Os beneficiarios de subvención poderán recibir ata un máximo do oitenta por cento da contía concedida como pagamentos parciais. Para o seu cobro, as entidades remitirán á Secretaría Xeral para o Deporte certificación expedida polo seu secretario, co visto e prace do presidente, na que se faga consta-lo importe do pagamento que solicitan, coa relación detallada do gasto incorrido, segundo o proxecto aprobado, na que se especifiquen os perceptores, co número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto.

Para a percepción do resto da subvención, unha vez rematada a actividade, no prazo dun mes, os beneficiarios presentarán memoria da actividade realizada e certificación expedida polo seu secretario, co visto e prace do seu presidente, na que se faga consta-la aplicación definitiva dos fondos. Na certificación especificaranse os perceptores, co número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto. Os xustificantes orixinais dos gastos deberán ser custodiados pola correspondente entidade e quedarán á disposición da Secretaría Xeral para o Deporte para posibles comprobacións.

As federacións deportivas galegas, en virtude do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de decembro de 1995, unha vez que sexan resoltas as subvencións que lles correspondan, poderán reci

bir, en concepto de anticipo de pagamento, o trinta e cinco por cento da contía outorgada. A aplicación deste anticipo xustificarase mediante certificación expedida polo secretario da federación, co visto e prace do seu presidente, na que se especificarán os perceptores, co seu número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto realizado, segundo o proxecto aprobado.

As federacións deportivas galegas, unha vez percibido o devandito anticipo, poderán tramitar pagamentos parciais ata completa-lo oitenta por cento da subvención, ou proceder á liquidación total da subvención, para o que será de aplicación o sinalado nos dous parágrafos anteriores.

Artigo 7º.-Obrigas das entidades ás que se lles concede subvención:

A) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Deporte a obtención de subvencións ou axudas para as mesmas finalidades, procedentes de calquera administración ou de entes públicos.

B) Non poderán modifica-lo programa aprobado da actividade subvencionada sen a expresa autorización da Secretaría Xeral para o Deporte.

C) A Secretaría Xeral para o Deporte poderá facer comprobación e control das actividades que se subvencionan con cargo á presente orde. Ademais, poderá encarga-la realización de auditorías ou de verificacións contables ás entidades receptoras de subvencións, con aviso previo de quince días hábiles antes da data da realización.

Así mesmo, os beneficiarios de subvención quedan sometidos ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

D) Emprega-lo distintivo do Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en tódalas actividades e comunicacións que promovan.

Artigo 8º.-En caso de que o beneficiario da subvención incumprise o disposto nesta orde, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá anula-la subvención concedida, logo de audiencia do interesado. Neste caso, o beneficiario non poderá solicitar outra subvención mentres non sexa devolta a anterior, no suposto de que fose anulada, de acordo co réxime previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 9º.-Nos aspectos non contidos na presente orde haberá que aterse ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Disposición adicional

Os créditos que amparan a presente orde figuran no programa 355-A., fomento da actividade deportiva, do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1996.

Disposición transitoria

A teor do disposto na orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola do 18 de outubro de 1991, da Consellería de Economía e Facenda, sobre a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, a resolución da presente liña de subvencións non será notificada ata que non resulten aprobados os créditos adecuados e suficientes que amparen o correspondente gasto, con cargo ós orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

95-08192