Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Sábado, 30 de decembro de 1995 Páx. 9.839

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 329/1995, do 21 de decembro, que desenvolve a Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo.

A Lei 8/1994, de 30 do decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo, sinalou este organismo autónomo dunha ampla gama de fins relativos á información, formación, promoción, e, en definitiva, de protección do consumidor e usuario. Igualmente establecieu os seus órganos de xestión e as súa respectivas funcións.

Procede agora desenvolve-la a estructura do instituto, así como establecer con maior concreción as funcións específicas de protección ó consumidor asumidas de acordo coa Lei de creación.

Para asegura-la súa operatividade, o Consello de Dirección queda configurado cun axustado número de membros, coa presencia de tódolos sectores interesados.

Finalmente a estructura organizativa adoptada atende tódalas áreas operativas previstas na Lei de creación do instituto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Do Instituto Galego de Consumo

Artigo 1º.-Funcións do instituto.

Nos termos establecidos na Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo, e neste decreto, correspóndelle ó Instituto Galego de Consumo a realización, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia da política da defensa do consumidor e usuario.

Ademais das funcións previstas no artigo 3 da lei, e de acordo co apartado j) do mencionado artigo, correspóndelle ó Instituto Galego de Consumo as funcións de protección ó consumidor e usuario, no ámbito de inspección, vixilancia do mercado e de mediación e arbitraxe.

Artigo 2º.-Estructura do instituto.

Para o exercicio das súas competencias o Instituto Galego de Consumo terá a seguinte estructura:

A.-Órganos de goberno:

I.1.-O presidente.

I.2.-O Consello de Dirección.

B.-Servicios centrais:

II.1.-A xerencia.

C.-Servicios periféricos.

Capítulo II

Dos Órganos de Goberno

Sección primeira.-O presidente.

Artigo 3º.-Funcións.

1.-O presidente do Instituto Galego de Consumo será designado polo conselleiro de Industria e Comercio.

2.-O presidente do instituto terá as seguintes funcións:

a) Representa-lo instituto.

b) Presidir e convoca-lo Consello de Dirección.

c) Dirixi-lo instituto e facer cumprir e executa-los acordos do Consello de Dirección.

d) Impulsar e supervisa-las actuacións do organismo e das súas comisións e relatorios.

e) Atender e canaliza-las propostas e peticións das organizacións de consumidores e usuarios e velar pola súa adecuada tramitación.

f) Ordena-los pagamentos.

g) Propoñer ó Consello de Dirección os plans xerais e os programas de actuacións, así como os convenios de colaboración e cooperación que sexa preciso establecer con outros organismos e entidades.

h) Exerce-la dirección superior do persoal.

i) Coñecer e coordina-los traballos e actividades que realicen os distintos órganos en materias que garden relación cos fins do instituto e que non estean expresamente reservados a outros órganos da Xunta de Galicia.

j) Propoñer ó Consello de Dirección a designación e a destitución do xerente.

k) Actuar como órgano de contratación do instituto con suxeición á normativa vixentee ó plan anual de actividades aprobado polo Consello de Dirección.

l) Designar e destitui-lo secretario do Consello de Dirección.

m) Exercer calquera outra función, non reservada expresamente a outros órganos da Xunta, en materia propia do instituto.

Sección segunda.-O Consello de Dirección.

Artigo 4º.-Composición.

1.-O Consello de Dirección estará integrado polos seguintes membros:

a) Presidente do instituto.

b) Vocais, que designados polo conselleiro de Industria e Comercio por proposta dos órganos e entidades que representen, serán:

b.1) Dous representantes da Consellería de Industria e Comercio.

b.2) Un representante, con categoría como mínimo de subdirector xeral, por cada unha das seguintes consellerías: Presidencia e Administración Pública; Economía e Facenda; Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; Educación e Ordenación Universitaria; Agricultura, Gandería e Montes; Sanidade e Servicios Sociais; Pesca, Marisqueo e Acuicultura; Xustiza, Interior e Relacións Laborais; Familia, Muller e Xuventude.

b.3.) Un representante, polas federacións galegas representativas de intereses locais.

b.4.) Cinco representantes das organizacións de consumidores e usuarios, garantindo, como mínimo, un por cada provincia.

b.5.) Un representante das cámaras de comercio de Galicia.

b.6.) Un representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

2.-Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario do instituto.

3.-O xerente asistirá ás reunións do Consello de Dirección con voz pero sen voto.

4.-Os vocais do Consello de Dirección do instituto, desempeñarán o seu cargo durante dous anos renovables. Perderán a súa condición por:

a) Renuncia anticipada do vocal.

b) Perda de concorrencia dos requisitos que determinaron a súa designación.

c) Por acordo do conselleiro de Industria e Comercio, por proposta de quen a efectuase para a súa designación.

Artigo 5º.-Funcións.

1.-Ó Consello de Dirección, como órgano superior do instituto, correspóndelle a alta dirección da actividade deste e terá as seguintes funcións:

a) Aproba-lo regulamento de réxime interior por proposta do presidente.

b) Aproba-las liñas xerais de actuación do instituto co fin de impulsa-la aplicación e desenvolvemento do estatuto galego do consumidor e usuario e as directrices da Unión Europea.

c) Aproba-los plans e programas de actuación.

d) Autorizar a subscrición de convenios para a aplicación dos programas por proposta do presidente do instituto.

e) Formular propostas e recomendacións sobre cuestións de consumo en relación con outros organismos e entidades.

f) Aproba-los anteproxectos de orzamentos e elevalos á Consellería de Industria e Comercio e aproba-las contas e memoria anual.

g) Asesorar e materia de consumo e defensa do consumidor.

h) Designar e cesa-lo xerente do instituto.

i) Cantos asuntos relacionados coas competencias do instituto lle someta o seu presidente.

2.-O Consello de Dirección poderá delega-las funcións previstas nos apartados c), d) e e) do número anterior nunha Comisión Executiva que estará integrada polos seguintes membros:

a) O presidente que será o do Consello de Dirección.

b) Dous vocais representantes da Consellería de Industria e Comercio.

c) Dous vocais representantes das asociacións de consumidores usuarios.

O xerente asistirá ás reunións da Comisión Executiva con voz pero sen voto.

Actuará como secretario, con voz pero sen voto, o secretario do Consello de Dirección.

3.-O consello asumirá as funcións de consulta daquelas disposicións que afecten á protección e defensa dos consumidores e usuarios, ás que se refire o artigo 31, do estatuto galego do consumidor e usuario, aprobado pola Lei 12/1984, do 28 de Decembro.

Artigo 6º.-Periodicidade das reunións.

1.-O Consello de Dirección reunirase polo menos unha vez ó ano en sesión ordinaria, e en extraordinaria sempre que sexa convocado polo seu presidente, por decisión propia ou por solicitude da maioría dos seus membros.

2.-A Comisión Executiva reunirase sempre que sexa convocada polo seu presidente.

Artigo 7º.-Atribucións do presidente.

O presidente do Consello de Dirección e da Comisión Executiva terá as seguintes atribucións:

a) Acorda-la convocatoria das sesións e fixa-la orde do día, tendo en conta, se é o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

b) Presidi-las sesións, modera-lo desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

c) Dirimir co seu voto os empates para efectos de adoptar acordos.

d) Facer cumprir e executa-los acordos.

e) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente.

Artigo 8º.-Secretario.

O secretario dos órganos colexiados ostentará as seguintes atribucións:

a) Asistir ás reunións do Consello de Dirección e da Comisión Executiva.

b) Efectua-las convocatorias das sesións dos órganos colexiados por orde do seu presidente, así como as citacións ós membros deles.

c) Recibi-los actos de comunicación dos membros co Instituto Galego de Consumo e polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Prepara-lo despacho dos asuntos, redactar, autorizar e custodia-las actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, dictames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funciós sexan inherentes á súa condición de secretario.

Capítulo III

A Xerencia

Artigo 9º.-O xerente.

Á fronte da Xerencia estará un xerente, con categoría de subdirector xeral, designado polo Consello da Dirección por proposta do presidente, que terá as seguintes atribucións:

a) Promover, coordinar e realiza-las actuacións propias do instituto e executa-lo seu orzamento e o plan anual de actividades, de conformidade cos criterios aprobados polo Consello de Dirección.

b) Promove-la cooperación e relacións do instituto con outras institucións e entidades, tanto públicas como privadas.

c) Elabora-lo plan anual de actividades e a súa memoria explicativa, a memoria anual sobre actuación e xestión do instituto, as contas e o anteproxecto do orzamento da entidade.

d) Administrar e xestiona-lo patrimonio e os recursos económicos do instituto, e buscar outras liñas de financiamento.

e) Propoñe-la a ordenación de pagamentos.

f) Levar a cabo o asesoramento e os informes que lle solicite o presidente.

g) Dirixi-lo persoal do instituto.

h) Xestiona-los asuntos de réxime interior, rexistro, publicacións, documentación administrativa, arquivo e inventario.

i) Impulsar, orientar, coordinar e inspecciona-los servicios e unidades do Instituto e dicta-las disposicións, instruccións e circulares de funcionamento e comunicación entre as diferentes dependencias do organismo.

j) Exercer cualquera outra función que lle delegue o presidente ou lle encomende o Consello de Dirección.

Artigo 10º.-Áreas do instituto.

Dependentes do xerente do Instituto Galego de Consumo encóntranse as seguintes áreas:

1.-Información e educación.

2.-Protección ó consumidor e usuario.

3.-Asuntos xerais.

Artigo 11º.-Área de Información e Educación.

A Área de Información e Educación terá as seguintes funcións:

a) Promover e realizar estudios, análises comparativas e enquisas sobre as dinámicas e os hábitos de consumo, prezos,características e condicións de productos e servicios.

b) Organización e mantemento dun centro de documentación especializado en consumo e as súas correspondentes bases de datos.

c) Organiza-los medios para a difusión da información e en particular a través de publicacións, material gráfico, audiovisual e calquera outros.

d) Cooperación e asistencia técnica e xurídica a asociacións de consumidores, oficinas municipais de información ó consumidor e demais organismos e entidades interesadas.

e) Contribuír á información dos consumidores a través da participación en feiras e outras manifestaciones públicas e colaborar cos organismos ou entidades que leven a cabo actividades similares baixo o patrocinio do instituto.

f) Programar e organizar cursos, seminarios, xornadas e demais actividades de formación dirixidas ó persoal de asociacions de consumidores,de oficinas municipais de información ó consumidor, educadores, expertos en consumo e consumidores e usuarios en xeral.

g) Cooperar coas autoridades e centros docentes na execución de programas de formación dos consumidores nos diferentes niveis escolares.

h) Colaborar con profesionais e entidades para o desenvolvemento de proxectos escolares en materia de educación do consumidor e elaboración de material didáctico.

i) Deseñar e elaborar, directamente ou en colaboración, publicacións, material didáctico e audiovisual dirixido ós consumidores e usuarios.

Artigo 12º.-Área de Protección ó Consumidor e Usuario.

A Área de Protección ó Consumidor e Usuario realizará funcións de planificación, coordinación, execución e control en relación coas materias seguintes:

a) Elaboración dos proxectos de disposicións necesarios para o desenvolvemento e actualización da lexislación xeral de defensa do consumidor e usuario.

b) Campañas de inspección e control de calidade dos establecementos, bens e servicios existentes no mercado, para o cumprimiento da súa normativa reguladora e a protección dos dereitos e lexítimos intereses dos consumidores e usuarios.

c) Xestión do sistema de intercambio rápido de información sobre os perigos derivados dos productos de uso ou consumo (rede de alerta).

d) Intervención cautelar de productos perigosos.

e) Investigación das denuncias por suposta infracción en materia de defensa dos consumidores e usuarios.

f) Iniciación e instrucción dos expedientes sancionadores que corresponda, para corrixi-las infraccións detectadas en materia de defensa dos consumidores e usuarios.

g) Fomento e formalización de convenios arbitrais entre os consumidores e usuarios e os empresarios, para soluciona-las súas controversias mediante a arbitraxe de consumo.

h) A mediación respecto das controversias derivadas de queixas ou reclamacións dos consumidores e usuarios.

i) Censo das empresas adheridas ó Sistema Arbitral de Consumo de Galicia.

j) Actuacións correspondentes á Secretaría da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

Artigo 13º.-Área de Asuntos Xerais.

A Área de Asuntos Xerais terá as seguintes funcións:

a) Asesorar e emitir informes sobre todas aquelas cuestións que o presidente someta ó xerente, así como aquelas que lle encomende o propio xerente.

b) Prepara-lo anteproxecto do orzamento do instituto, a súa execución e control, a tramitación das súas modificacións, así como a xestión económico-administrativa dos créditos ozramentarios e a xustificación das contas xerais.

c) Xestiona-las nóminas de persoal do instituto, programa-las súas necesidades e elabora-la proposta de relación de postos de traballo.

d) Coidar do correcto funcionamento do rexistro xeral do instituto, do arquivo e os restantes aspectos relacionados co réxime interior.

e) Xestiona-lo rexistro de asociacións de consumidores e usuarios.

f) Exercer cantas funcións lle encomende o xerente.

Capítulo IV

Servicios perifericos

Artigo 14º.-Delegacións provinciais.

1.-En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma existirá unha delegación provincial do instituto na que se integrarán tódalas unidades de

carácter provincial ou local en materia de consumo situadas no seu ámbito .

2.-Os delegados provinciais do insituto serán os da Consellería de Industria e Comercio e en tal calidade correspóndelle-la dirección, no ambito provincial respectivo, das funcións competencia do Instituto baixo a dependencia funcional do presidente do dito organismo.

Capítulo V

Rexime xuridico, sancionador, recursos e reclamacións

Artigo 15º.-Réxime xurídico.

1.-O Instituto Galego de Consumo rexerase polo disposto na súa lei de creación, polo presente regulamento e disposicións que se dicten no seu desenvolvemento, pola normativa autonómica que lle sexa aplicable e pola reguladora de organismos autónomos.

2.-No exercicio das funcións públicas que a lei lle atribúe, someterase ás normas de procedemento contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e demais disposicións do dereito público que lle sexan aplicables.

Artigo 16º.-Competencia sancionadora.

Serán órganos competentes para a imposición de sancións en materia de defensa do consumidor e usuario os seguintes:

a) Os delegados provinciais do Instituto Galego de Consumo, ata 500.000 pesetas.

b) O presidente do Instituto Galego de Consumo, de 500.001 ata 2.500.000 pesetas.

c) O conselleiro de Industria e Comercio para sancións superiores a 2.500.000 pesetas.

d) O Consello da Xunta para sancións que leven consigo a clausura do establecemento.

Artigo 17º.-Recursos e reclamacións.

1.-Porán fin á vía administrativa:

a) As resolucións e actos suxeitos ó dereito administrativo que dicten o Consello da Xunta de Galicia e o conselleiro de Industria e Comercio.

b) As resolucións e actos suxeitos ó dereito administrativo que dicten o Consello de Dirección e o presidente do instituto, con excepción do que dispón o número seguinte.

2.-As resolucións que dicte o presidente do instituto no exercicio da potestade sancionadora en materia de defensa do consumidor e usuario non esgotarán a vía administrativa e contra elas poderáse interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Industria e Comercio.

3.-Os actos suxeitos ó dereito administrativo que dicten o xerente do instituto e os delegados provinciais del non esgotarán a vía administrativa e serán susceptibles de recurso ordinario ante o presidente do instituto.

4.-Fronte ós actos non suxeitos ó dereito administrativo os interesados poderán acudir ós tribunais da xurisdicción ordinaria.

5.-As reclamacións previas ás vías xudiciais, civil e laboral dirixiranse ó presidente do instituto e a súa tramitación axustarase á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Laboratorio de Consumo de Galicia, con sede na cidade da Coruña, como instrumento técnico encargado do control, o estudio e a análise da calidade dos productos existentes no mercado galego e a disposición do consumidor e usuario, intégrase no Instituto Galego de Consumo, baixo a dependencia do seu xerente.

Segunda.-As axencias europeas de consumo, intégranse no Instituto Galego de Consumo, baixo a dependencia do su xerente.

Disposicións transitorias

Primeira.-En tanto non aprobe o Consello da Xunta a estructura orgánica do Instituto Galego de Consumo, serán órganos competentes para a incoación dos expedientes sancionadores en materia de defensa do consumidor e usuario, os delegados provinciais do instituto.

Segunda.-En tanto non se aprobe, por Decreto da Xunta de Galicia, a estructura do instituto e a correspondente relación de postos de traballo, as funcións encomendadas a él con excepción do sinalado na disposición transitoria anterior serán desempeñadas polo persoal destinado na Subdirección Xeral de Consumo e nos Servicios Provinciais de Consumo.

Disposición derrogatoria

Primeira.-Queda derrogada a letra a) do apartado 1 do artigo único do Decreto 24/1984, do 23 de febreiro, sobre órganos competentes para a imposición de sancións por infraccións cometidas en materia de defensa do consumidor e usuario.

Segunda.-Quedan derrogadas así mesmo tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Industria e Comercio para dictar tódalas disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día un de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Santiago de Compostela, vinteún de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

8483