Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Sábado, 30 de decembro de 1995 Páx. 9.837

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica.

I.-Cando se repasa o mapa de problemas medioambientais na Comunidade galega destaca, sobre calquera outra característica, a súa concentración nos núcleos industriais da área da Coruña e de Pontevedra, ata o punto de que, á marxe destes grandes focos de contaminación, podería dicirse que a situación medioambiental de Galicia resulta bastante satisfactoria. Non é estraño, pois, que sexa a contaminación xerada nestas dúas áreas xeográficas concretas a que demande a maior atención da política medioambiental, especialmente no que se refire ós vertidos industriais en augas continentais e marítimas, por unha banda, e ás emisións de determinados gases á atmosfera, pola outra, que constitúen as principais vías de contaminación. Resulta xa que logo indiscutible a existencia dunha seria problemática no medio ambiente galego por mor da emisión de gases contaminantes que provocan graves impactos nos recursos naturais do noso país.

Así, desde a perspectiva dos instrumentos económicos e fiscais que nos ocupa, o problema dos vertidos foi abordado na Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, mediante a creación dun canon de saneamento; agora, na presente norma, lévase a cabo a creación dun imposto sobre a contaminación atmosférica, que contribuirá a palia-la outra vertente do problema da contaminación.

Todo iso sen prexuízo da plena vixencia da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e doutras normas concordantes na materia, respecto das cales esta lei entenderase como instrumento complementario da política medioambiental da Comunidade Autónoma.

II.-A política medioambiental operou tradicionalmente establecendo límites legais á emisión de substancias contaminantes e, en xeral, á utilización dos recursos naturais, acompañados de sancións no caso de que tales límites fosen sobrepasados.

Esta presentación da política medioambiental viuse complementada durante os últimos anos coa introducción de instrumentos fiscais-exaccións que permitiron gradua-las políticas. Así, fronte á descontinuidade que comporta o esquema prohibición-sanción, un gravame sobre as emisións permite actuar continuamente ó longo de todo o percorrido, isto é, desde o inicio das emisións contaminantes, e pode facerse, ademais, de forma progresiva, co que, nun primeiro tramo, o gravame operará como un instrumento de recuperación dos custos que comporta a política medioambiental e os correspondentes controis e, máis adiante, convértese nun auténtico instrumento regulador que favorecerá a limitación das emisións, como sucede cunha sanción. En suma, o obxectivo principal deste tributo non é acadar un volume determinado de recursos monetarios. O fin que se procura é conseguir que as empresas afectadas adopten, nun pra

zo curto, as medidas antocontaminantes precisas para diminuír substancialmente as emisións sinaladas.

Esta flexibilidade característica dos instrumentos fiscais é o que propiciou a súa utilización xeneralizada na política medioambiental e é igualmente a que aconsella, no noso caso, o establecemento do tributo que se contén na presente lei.

III.-Respondendo ós criterios e propósitos que acaban de referirse, a articulación do gravame faise arredor do concepto de foco emisor, constituído, normalmente, por unha instalación industrial emisora das substancias contaminantes gravadas. Esta é a referencia para a determinación da base impoñible, que, como cabería esperar, consiste na cantidade de substancias contaminantes emitidas. Trátase pois dun tributo con perfís reais que aparecen reforzados co establecemento do rexistro obrigatorio dos focos de emisión, rexistro que constitúe a peza clave para unha adecuada xestión do tributo.

As restriccións iniciais do gravame teñen o seu reflexo na ordenación do tipo impositivo nunha tarifa de carácter progresivo. O primeiro tramo opera cun tipo cero, deixando desta forma á marxe do gravame tódolos focos que non sexan grandes emisores. A continuación, o segundo e o terceiro teñen unha pretensión basicamente de carácter compensatorio e por iso estableceuse a un nivel moderado en termos comparados.

Finalmente, o cuarto tramo, regulador das emisións gravadas, déixase en suspenso ata o ano 2000 co propósito de acadar unha implantación gradual e sen traumas do gravame.

A natureza e funcións do gravame fano proclive á súa afectación e tal é o criterio da lei. Nembargantes, trátase dunha afectación xenérica ó servicio dunha política de protección medioambiental e de conservación dos recursos naturais de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome el El-Rei, a Lei do imposto sobre a contaminación atmosférica.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1.-Fin do tributo.

Co obxecto de contribuír a regula-la utilización dos recursos naturais de Galicia, e de forma específica a emisión de substancias contaminantes, créase un imposto sobre a contaminación atmosférica.

Artigo 2.-Normativa aplicable.

O imposto sobre a contaminación atmosférica rexerase, ademais de polas disposicións da presente lei, polo establecido nas normas tributarias que lle sexan aplicables.

Artigo 3.-Ámbito do tributo.

O imposto sobre a contaminación atmosférica recaerá sobre as emisións nas que os seus focos se atopen situados dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

Artigo 4.-Afectación dos ingresos.

1. Os ingresos provenientes do imposto sobre a contaminación atmosférica, deducidos os custos de xestión, destinaranse a financia-las actuacións da Comunidade en materia de protección medioambiental e conservación dos recursos naturais de Galicia.

2. Cun 5% dos ingresos obtidos en cada exercicio dotarase un fondo de reserva para atender danos extraordinarios e situacións de emerxencia provocados por catástrofes medioambientais ata alcanza-la contía de mil millóns de pesetas, cantidade que será reposta a medida que sexa utilizada mediante novas dotacións anuais en porcentaxe non superior á citada.

As prestacións do fondo terán o carácter de anticipo reintegrable.

O funcionamento e demais aspectos concretos do fondo regularanse por decreto.

3. Do destino dos recursos a que se refire o apartado 1 anterior será informado o Consello Galego de Medio Ambiente, para os efectos das súas funcións.

Artigo 5.-Órganos competentes.

1. A xestión, inspección e recadación do imposto sobre a contaminación atmosférica correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda.

2. A modificación das tarifas impositivas, de acordo co establecido no artigo 11.2 desta lei, efectuarase logo do informe da Comisión Galega do Medio Ambiente.

Capítulo II

Elementos do imposto

Artigo 6.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible a emisión á atmosfera de calquera das seguintes substancias:

a) Dióxido de xofre ou calquera outro composto osixenado do xofre.

b) Dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto osixenado do nitróxeno.

2. Presumirase realizado o feito impoñible mentres as instalacións emisoras non cesen na súa actividade e tal circunstancia sexa posta en coñecemento da Administración.

Artigo 7.-Suxeito pasivo.

Serán suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as persoas ou entidades que sexan titulares das instalacións ou actividades que emitan as substancias contaminantes gravadas.

Artigo 8.-Base impoñible.

1. Constitúe a base impoñible a suma das cantidades emitidas de cada unha das substancias contaminantes por un mesmo foco emisor.

Para estes efectos:

a) As cantidades emitidas de dióxido de xofre e de dióxido de nitróxeno expresaranse en toneladas.

b) As cantidades emitidas de compostos osixenados de xofre expresaranse en toneladas equivalentes de dióxido de xofre.

c) As cantidades emitidas de compostos nitroxenados expresaranse en toneladas equivalentes de dióxido de nitróxeno.

2. A cuantificación da base impoñible referirase ó ano natural.

Artigo 9.-Foco emisor.

1. Para os efectos da presente lei constitúe un foco emisor o conxunto de instalacións de calquera natureza que emitan á atmosfera substancias contaminantes gravadas.

2. A Administración establecerá o rexistro obrigatorio dos focos emisores así como das súas características e incidencias.

Artigo 10.-Determinación da base impoñible.

1. A base impoñible determinarase:

a) Por estimación directa, deducida da declaración do suxeito pasivo e verificada pola Administración, nos casos nos que as instalacións incorporen sistemas de medida da cantidade de substancias contaminantes emitidas.

b) Nos demais casos, mediante estimación obxectiva, deducindo a cantidade de contaminantes emitida de indicadores obxectivos vinculados á actividade ou ó proceso de producción de que se trate.

2. Mediante decreto, a Xunta determinará os supostos nos que sexa aplicable o réxime de estimación obxectiva, os índices ou módulos que hai que utilizar en cada caso así como a súa valoración.

Artigo 11.-Determinación de oficio.

A Administración poderá sinalar de oficio, coa información dispoñible, a base que corresponda a aquel suxeito pasivo que, incumprindo as normas fiscais, fixese imposible a súa determinación a través das vías ordinarias previstas na presente lei.

Artigo 12.-Tarifa impositiva.

1. O gravame sobre a contaminación atmosférica esixirase conforme a seguinte tarifa por tramos de base:

Tramos de baseptas./t

1º.-De 0 a 1.000 t anuais0

2º.-De 1.001 a 50.000 t anuais5.000

3º.-De 50.001 t anuais en adiante5.500

2. A contía e os tramos da anterior tarifa poderán ser modificados pola Lei de presupostos de cada ano. Poderase, á súa vez, establecer un cuarto tramo da anterior tarifa, con carácter regulador, de acordo co previsto na disposición adicional da presente lei.

Artigo 13.-Devengo.

O gravame devéngase no momento da emisión de calquera das substancias contaminantes gravadas.

Capítulo III

Xestión do tributo

Artigo 14.-Normas de xestión.

Por proposta da Consellería de Economía e Facenda, e mediante decreto, a Xunta aprobará as normas de xestión e liquidación do tributo.

Artigo 15.-Liquidación e ingreso.

Os suxeitos pasivos están obrigados, nos prazos que se establezan regulamentariamente para o efecto, a liquidar e ingresa-lo imposto que corresponda a tódolos focos de emisión dos que sexan titulares.

Artigo 16.-Reclamacións.

Os actos de xestión, liquidación, inspección e recadación do tributo serán reclamables perante os órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da vía contenciosa.

Artigo 17.-Infraccións e sancións.

As infraccións tributarias do imposto sobre a contaminación atmosférica serán cualificadas e sancionadas de acordo co establecido na Lei xeral tributaria.

Disposición adicional

O tramo regulador previsto no artigo 12.2 desta lei non se establecerá con anterioridade ó ano 2000. A súa determinación levarase a cabo por lei do Parlamento de Galicia, e nese momento fixarase o tipo de gravame que sexa aplicable.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Xunta de Galicia para proceder ó desenvolvemento regulamentario da presente lei dentro dos seis meses seguintes á súa entrada en vigor.

Segunda.-A presente lei entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996.

Santiago de Compostela, vintenove de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

8502