Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 03 de xaneiro de 1996 Páx. 55

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios.

Os seguros agrarios constitúen un dos instrumentos máis eficaces da política de rendas, ó permitirlles ós agricultores e gandeiros que os subscriben facer fronte ás perdas económicas que poidan sufrir nas súas explotacións por mor de condicións climatolóxicas adversas ou enfermidades.

Neste sentido, o Decreto 254/1992, do 10 setembro, estableceu na Comunidade Autónoma de Galicia axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios, sendo modificado polo Decreto 208/1994, do 30 de xuño. Neste momento, tendo en conta que a introdución dos seguros no sector agrario galego aínda é inferior á desexada, e que unha das causas principais semella se-lo elevado custo relativo das primas, cómpre seguir nesta vía de apoio económico a través dunha liña de subvención.

Por outra banda, a recente Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, no seu capítulo I establece que os titulares de explotacións prioritarias terán un trato preferente nas contratacións de seguros agrarios subvencionadas con fondos públicos.

Faise necesario, polo tanto, adecua-las axudas ós seguros agrarios ó disposto na devandita Lei 19/1995, e á evolución das contratacións de seguros nas distintas produccións agrarias.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, poderá conceder subvencións sobre o custo das primas ós asegurados titulares de explotacións situadas no ámbito da Comunidade Autónoma galega, sempre e cando subscriban pólizas de seguros agrarios das liñas incluídas nos plans anuais de seguros agrarios combinados, e dentro do marco dos referidos plans.

A aplicación da subvención da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ó custo da prima non se poderá realizar cando os asegurados sexan órganos da Administración do Estado, da Comunidade Autónoma, das corporacións locais e os seus organismos autónomos e asimilados.

Artigo 2º

Anualmente, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, dando un trato diferenciado ás

explotacións agrarias prioritarias de acordo co disposto na Lei 19/1995, en función das subvencións establecidas nos plans anuais de seguros agrarios combinados, e tendo en conta a evolución da contratación de seguros en cada actividade productiva, determinará a contía da subvención que se aplicará.

Artigo 3º

A subscrición do seguro realizarase unicamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía y Hacienda e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras de los Seguros Agrarios Combinados S.A. (Agroseguro) ou a través dos axentes de seguros autorizados, todo isto na forma legalmente establecida a teor da Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados e demais normativa concordante.

Artigo 4º

O importe da axuda que aboará pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes será deducida do importe da prima que pagará o tomador no momento de subscribi-la póliza. As cantidades así descontadas serán aboadas pola devandita consellería a Agroseguro contra certificacións de liquidación, e sempre de acordo co procedemento que se estableza no correspondente convenio de colaboración concertado entre a Xunta de Galicia e Agroseguro.

Artigo 5º

Non obstante o anterior, os tomadores dos seguros virán obrigados a presenta-la solicitude da axuda na forma e prazos que determine a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

O incumprimento do disposto no apartado anterior dará lugar ó reintegro da axuda concedida, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

En calquera caso os tomadores dos seguros estarán así mesmo obrigados a facilitarlle á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes toda aquela documentación relacionada coa contratación do seguro se así lles fora requirido.

Disposición transitoria

Os agricultores que subscriban pólizas de seguro das liñas agrícolas ou piscifactorías do plan anual de seguros agrarios combinados 1995 ou pólizas de liñas gandeiras do plan anual de seguros agrarios combinados 1994, poderán beneficiarse das axudas establecidas no Decreto 254/1992, en canto exista crédito orzamentario dispoñible e nas condicións establecidas nel.

Disposición derogatoria

Quedan derrogados o Decreto 254/1992, do 10 de setembro, polo que se establecen na Comunidade

Autónoma galega axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios, o Decreto 208/1994, do 30 de xuño, que modifica o anterior, así como tódalas normas de igual ou inferior rango en todo o que se opoñan ó establecido por este decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura Gandería e Montes a dictar cantas disposicións fosen necesarias para o desenvolvemento do presente Decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1996.

Santiago de Compostela, vintesete de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

96-8440