Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 1996 Páx. 149

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 20 de decembro de 1995 pola que se regula a organización da cardioloxía clínica dos hospitais do Sergas da área de saúde de Vigo.

O Real decreto 1679/1990, do 28 de decembro, polo que se regula a transferencia de funcións e servicios do Instituto Nacional da Saúde á Comunidade Autónoma de Galicia, traspasa as funcións de organización e réxime de funcionamento dos centros e servicios de asistencia sanitaria da Seguridade Social. Pola súa vez, o Decreto 55/1989, do 5 de abril, polo que se aproba a revisión do mapa sanitario de Galicia, crea a área de saúde de Vigo.

Pola súa parte, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece que na área de saúde debe desenvolverse a actividade do nivel de atención especializada, prestando a atención de maior complexidade ós problemas de saúde nas estructuras hospitalarias, á vez que indica que o hospital é o establecemento encargado, tanto do internamento clínico como da asistencia especializada e complementaria que requira a súa zona de influencia, sinalando a obrigación de establece-las medidas axeitadas para garanti-la interrelación entre os diferentes niveis asistenciais.

É por iso polo que deben potenciarse estructuras organizativas que faciliten o desenvolvemento das funcións asistenciais das diferentes especialidades.

Nos hospitais da Comunidade Autónoma, a cardioloxía foi adquirindo un gran contido conceptual e técnico posto ó servicio da prevención, diagnose e tratamento das enfermidades cardiovasculares. Neste sentido, a cardioloxía clínica segue constituíndo un piar básico da especialidade. Precisamente, o gran desenvolvemento das técnicas diagnósticas fai máis necesario subliña-la súa importancia porque a completa atención ó usuario debe ser consecuencia da integración de toda a información recibida a través tanto da clínica como das técnicas diagnósticas.

Neste sentido, os servicios xerarquizados de especialidades existentes nos hospitais deberán presta-la cobertura de asistencia especializada no ámbito da área de saúde á que estea adscrita o hospital e, dada a especificidade da área de saúde de Vigo así como a dos hospitais que están adscritos á dita área, e o feito da inminente posta en marcha das prestacións asistenciais de cardioloxía intervencionista e cirurxía cardíaca, suscítase a necesidade de establecer fórmulas de coordinación entre os hospitais referidos co obxectivo de complementa-los servicios prestados por eles, arbitrándose fórmulas de xestión que permitan o emprego axeitado ó volume e diversidade dos recursos humanos na especialidade en cuestión; é con base no criterio de especificidade como as áreas de saúde de Santiago

de Compostela e A Coruña, atendidas polos complexos hospitalarios de Santiago de Compostela e Juan Canalejo, respectivamente, estructuraron a atención sanitaria na especialidade de cardioloxía nun único servicio de área.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Créase a Xefatura do Servicio de Cardioloxía da área de saúde de Vigo.

Artigo 2º.-O responsable da Xefatura de Servicio de Cardioloxía estará baixo a dependencia orgánica da Dirección Médica do Complexo Hospitalario Xeral-Cíes, sen prexuízo da coordinación coa respectiva dirección do hospital do Meixoeiro para o exercicio das súas funcións nese centro.

Artigo 3º.-As funcións que realizará o xefe de servicio serán as seguintes:

1º. Exerce-la función rectora do servicio, coordinando a utilización de tódolos medios materiais así como a actividade profesional das seccións e unidades existentes na área de saúde de Vigo adscritas ó complexo hospitalario Xeral-Cíes e ó hospital do Meixoeiro.

2º. Supervisa-la asistencia que reciban os usuarios da especialidade de cardioloxía na área e, se é o caso, asistir a aqueles que teña adscritos de maneira directa.

Artigo 4º.-Os xefes de sección, así como o restante persoal facultativo da especialidade de cardioloxía do complexo hospitalario Xeral-Cies e do hospital do Meixoeiro, dependendo do xefe de servicio, realizarán as funcións seguintes: asistir ós usuarios da unidade que teña asignada, o mesmo en canto á súa atención directa como á correcta utilización dos medios diagnósticos e terapeúticos que se lles apliquen, en réxime de urxencia, ambulatorio e de internamento e participar nas actividades programadas do servicio.

Artigo 5º.-O xefe de servicio de cardioloxía da área será responsable da coordinación asistencial da cardioloxía clínica e intervencionista, diagnóstica e terapeútica, con independencia de que a cardioloxía intervencionista sexa xestionada de forma diferenciada noutra estructura do Sergas. O alcance e condicións da mencionada coordinación estableceranse no convenio ou acordo que, para tal efecto, suscriba o Servicio Galego de Saúde.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 1995.

Xosé Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

8441