Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 11 de xuño de 1996 Páx. 5.658

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 20 de maio de 1996 pola que se dispón a publicación do Regulamento de réxime interno do Consello Económico e Social de Galicia.

O Consello Económico e Social de Galicia, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño, reuniuse en sesión plenaria, de acordo co previsto nos artigos 13.6º e 20 da citada lei, e aprobou en primeira votación por unanimidade o seu Regulamento de réxime interno.

De conformidade co artigo 20 da devandita lei e coa finalidade de facilita-lo coñecemento xeral do mencionado regulamento, ordénase a súa publicación como anexo a esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DO CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL DE GALICIA

Introducción. Natureza, funcións e réxime xurídico

Artigo 1º.-Natureza.

O Consello Económico e Social de Galicia é un ente institucional de dereito público, consultivo da Xunta de Galicia en materia económica e social, con personalidade xurídica propia e plena capacidade e autonomía orgánica e funcional, que figura adscrito á Consellería de Economía e Facenda e está regulado polas normas contidas na súa Lei de creación, 6/1995, do 28 de xuño, polas disposicións contidas neste regulamento, polas directrices e instruccións que para o seu desenvolvemento elabore o propio consello e, no seu defecto, polo disposto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Funcións.

Son funcións principais do consello, de acordo co establecido no artigo 5 e mais na disposición derradeira primeira da súa lei de creación:

1. Emitir dictames de natureza preceptiva ou facultativa nos casos e sobre as materias que a referida lei determina.

2. Elaborar, por propia iniciativa ou por solicitude da Xunta de Galicia, informes ou estudios sobre as reformas da normativa vixente que se consideren necesarias para favorece-lo desenvolvemento económico e social de Galicia.

3. Elaborar unha memoria anual sobre a situación económica e social de Galicia que inclúa, eventualmente, recomendacións ou orientacións sobre a política orzamentaria.

Artigo 3º.-Sede.

A sede do consello radica en Santiago de Compostela, na rúa Algalia de Abaixo, número 24 (Pazo de Amarante). Cando as circunstancias o aconsellen poderá celebra-las súas sesións en calquera lugar do territorio da Comunidade Autónoma.

Capítulo I

Membros do consello

Artigo 4º.-Grupos e membros do consello.

O consello está integrado por trinta e cinco membros que, coa única excepción do presidente e mais do secretario xeral, se distribúen nos tres grupos a que fan referencia os apartados b), c) e d) do artigo 7 da súa lei de constitución. Disporán para o exercicio das súas funcións dos medios materiais e persoais que o pleno lles asigne e poderán organiza-lo seu funcionamento interno e fixa-las normas que consideren apropiadas para a súa representación.

Artigo 5º.-Dereitos.

Os membros do consello teñen dereito a:

a) Participaren con voz e voto nas sesións do pleno e das comisións de que formen parte.

b) Asistiren a calquera das comisións sectoriais das que non formen parte e faceren nelas uso da palabra previa autorización do seu presidente.

c) Accederen ós fondos documentais que estean en poder do consello e disporen da información relativa ós temas ou estudios que sexan desenvolvidos polo pleno, a comisión permanente ou as comisións sectoriais.

d) Presentaren mocións, suxestións, textos alternativos e emendas para a súa consideración polos órganos do consello e deixaren constancia dos seus votos particulares ós acordos adoptados, todo isto de conformidade co procedemento establecido neste regulamento.

e) Percibiren as compensacións económicas a que teñan dereito pola súa participación nas actividades do consello, de conformidade coas directrices que se establezan ó respecto, cando non lles corresponda percibilas ás entidades representadas por eles.

Artigo 6º.-Deberes.

Os membros do consello teñen o deber de:

a) Asistiren ás sesións do pleno e das comisións ás que pertenzan cando sexan convocados e participaren nos seus traballos.

b) Adecuaren a súa conducta ó disposto neste regulamento e ás directrices e decisións que no seu desenvolvemento dicte o propio consello.

c) Gardaren reserva en relación coas actuacións do consello que, por decisión motivada dos seus órganos, así se decidan.

d) Non faceren uso da súa condición de membros do consello para exerceren actividades privadas de carácter mercantil ou profesional.

Artigo 7º.-Incompatibilidades.

A condición de membro do consello será incompatible co exercicio de calquera cargo ou actividade que impida ou menoscabe o desempeño das funcións que lle son propias. Nos termos do artigo 11 da súa lei de creación, a condición de membro do consello será, en particular, incompatible coa de:

a) Parlamentario das Cortes Xerais ou dos parlamentos autonómicos.

b) Membro do Goberno da Comunidade Autónoma.

c) Membro dos órganos previstos no Estatuto de autonomía de Galicia ou na Constitución española.

d) Alto cargo das administracións públicas, segundo o disposto na Lei 12/1995, do 11 de maio.

e) Membro electo das corporacións locais.

Artigo 8º.-Nomeamento.

Os membros do consello, con excepción do presidente e mais do secretario xeral, serán nomeados polo presidente da Xunta de Galicia, logo de seren designados polas entidades, organizacións e asociacións específicadas no artigo 7 da súa lei de creación. Serán nomeados un número igual de suplentes ca de titulares e permanecerán nos seus cargos por un período de catro anos, renovable por períodos de igual duración, que comezará a contar desde o día seguinte ó da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia. Se durante o tempo do seu mandato se modificase a representatividade da organización á que pertencen, o Pleno do Consello poderá requiri-las organizacións que forman parte do mesmo grupo para que formulen as propostas de nomeamento e cesamento que resulten oportunas.

Artigo 9º.-Cesamento.

Os membros do consello, con excepción do presidente e mais do secretario xeral, perderán a súa condición de tales:

a) Por falecemento.

b) Por renuncia expresa ante o presidente do consello.

c) Por expiración do prazo do seu mandato.

d) Por declaración de incapacidade ou inhabilitación para desempeñar un cargo público por sentencia xudicial firme.

e) Por decisión das entidades, organizacións ou asociacións que promoveron a súa designación.

Artigo 10º.-Provisión de vacantes.

As vacantes producidas no seo do consello serán cubertas da mesma forma establecida para a súa designación. Para tal efecto a entidade, organización ou asociación a que pertenza o membro que perdeu a súa condición de tal comunicaralle ó presidente do consello o nome da persoa designada para substituílo. O presidente trasladará esta designación ó presidente da Xunta de Galicia para o seu nomeamento e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia. Os así nomeados permanecerán nos seus cargos polo tempo que lle faltase ó substituído para o cumprimento do seu mandato.

Artigo 11º.-Substitucións.

Os membros titulares que non puidesen asistir a unha sesión para a que foron convocados poderán ser substituídos polo suplente designado polas entidades, organizacións ou asociacións respectivas, sempre que o titular lle comunique por escrito a súa falta de asistencia ó presidente do órgano colexiado de que se trate, con carácter previo á correspondente sesión.

Capítulo II

Órganos do consello

Sección primeira

O pleno

Artigo 12º.-Composición.

O pleno está formado pola totalidade dos membros mencionados no artigo 7 da súa lei de creación, baixo a dirección do presidente e asistido polo secretario xeral. Tódolos seus membros teñen dereito a voto, con excepción do secretario, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto. Poderán tamén asistir ás sesións do pleno, en calidade de asesores, cando a comisión permanente así o decida ou o propio pleno o acorde, os membros do Gabinete Técnico regulado no artigo 18 da lei constitutiva. Tamén poderá asistir un asesor acreditado por cada unha das entidades, organizacións ou asociacións que integran o consello, dándolle conta de tal circunstancia ó presidente con polo menos vintecatro horas de antelación.

Artigo 13º.-Constitución.

O pleno deberá reunirse, con carácter ordinario, unha vez cada trimestre. Con carácter extraordinario poderase reunir sempre que sexa convocado para tal efecto polo presidente por propia iniciativa ou por acordo da comisión permanente. Tanto nun coma noutro caso considerarase validamente constituído para deliberar e tomar acordos sobre os temas que figuran na orde do día cando asistan á reunión, en primeira convocatoria, a maioría absoluta dos seus membros; en segunda convocatoria será suficiente a presencia dun tercio dos ditos membros. A segunda convocatoria entenderase producida con carácter automático transcorrida media hora desde a sinalada para a primeira. O pleno unicamente poderá amplia-la orde do día da sesión cando teña

carácter ordinario e a solicitude de ampliación se produza ó iniciarse a sesión e estea apoiada, polo menos, por vintetrés dos seus membros con dereito a voto.

Artigo 14º.-Convocatoria.

A convocatoria será subscrita polo presidente e remitida ós compoñentes do pleno con alomenos quince días de antelación da data sinalada para a súa celebración. Deberá conte-la orde do día da sesión e irá acompañada da documentación específica sobre os temas que se van tratar. De isto non ser posible ou non resultar conveniente, a xuízo do presidente, conterá a indicación de que tal documentación está ó dispor dos membros do pleno na sede do consello. En casos de urxencia e logo de acordo da comisión permanente, a convocatoria poderase cursar con corenta e oito horas de antelación.

Artigo 15º.-Acordos.

O pleno adoptará as súas decisións por maioría simple de votos, excepto naqueles casos en que a lei constitutiva ou este regulamento esixan unha maioría cualificada. Entenderase que existe maioría simple cando voten a favor dunha proposta máis da metade dos membros que figuran na lista de asistentes á sesión. Non poderá someterse a votación unha proposta que non fose obxecto de deliberación previa se algún dos membros do pleno se opón a iso.

Os acordos adoptados reflectiranse na acta da sesión xunto cos votos particulares que os membros do pleno emitisen coa expresa indicación de deixar constancia do seu contido. O secretario poderá certifica-los acordos adoptados sen prexuízo da ulterior aprobación da acta polo pleno na súa inmediata sesión posterior.

Artigo 16º.-Competencias.

O pleno é o órgano de goberno do consello e en canto tal correspóndelle adopta-los acordos relativos ó exercicio das funcións que o artigo 5 da súa lei constitutiva determina. Ademáis das que de modo expreso se lle atribúen na lei ou poidan estar sinaladas no presente regulamento, o pleno ten, entre outras, as seguintes competencias específicas:

a) Establece-las liñas xerais de actuación do consello.

b) Aproba-los dictames, preceptivos ou facultativos, así como os estudios e os informes que lle sexan solicitados pola Xunta de Galicia.

c) Acorda-la elaboración de cantos estudios ou informes estime oportuno para favorece-lo desenvolvemento económico e social de Galicia e aprobalos ou delega-la súa aprobación na comisión permanente.

d) Solicitar información complementaria para a elaboración dos dictames.

e) Aproba-la memoria anual sobre a situación económica e social en Galicia a que se refire o artigo 5.3º da lei constitutiva.

f) Aproba-la proposta de anteproxecto de orzamento do consello.

g) Aproba-lo réxime de organización e funcionamento interno do consello e, en particular, as directrices e instruccións precisas en desenvolvemento do presente regulamento.

h) Aproba-la proposta de cadro de persoal do consello.

i) Crea-los grupos de traballo ou as comisións sectoriais para cuestións específicas que considere oportuno, asignándolle-las funcións correspondentes e determinando a súa composición.

j) Adopta-los acordos precisos para facer posible o funcionamento do consello, asumindo tódalas competencias que non estean especificamente atribuídas a outros órganos do consello.

Sección segunda

A comisión permanente

Artigo 17º.-Composición.

A comisión permanente está formada polo presidente, o secretario xeral e nove membros titulares do consello, a razón de tres representantes de cada un dos grupos a que se refire o artigo 7.1º da lei constitutiva. Serán designados polo pleno por proposta de cada un dos mencionados grupos, e procederase de igual maneira para a substitución dos designados. Tódolos seus membros terán dereito de voto coa excepción do secretario, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto. Tamén poderán asistir ás sesións da comisión os membros do Gabinete Técnico e os asesores que a propia Comisión decida.

Artigo 18º.-Constitución.

A comisión permanente reunirase cantas veces sexa convocada polo presidente, por propia iniciativa ou por solicitude de tres dos seus membros. Considerarase validamente constituída para deliberar e tomar acordos cando asistan á reunión, ademais do presidente e do secretario ou persoas que os substitúan, polo menos cinco dos seus compoñentes. A ausencia do presidente, unha vez comezada a sesión, será suplida polo membro da comisión permanente de maior idade. A comisión permanente poderá amplia-la orde do día da sesión cando a solicitude de ampliación sexa formulada por algún dos seus membros.

Artigo 19º.-Convocatoria.

A convocatoria será subscrita polo presidente e remitida ós seus compoñentes con, polo menos, setenta e dúas horas de anticipación. A convocatoria deberá conte-la orde do día, na que, se é o caso, deberán figura-los temas propostos polos solicitantes da sesión. Nos casos de urxencia a convocatoria

poderá cursarse con corenta e oito horas de antelación.

Artigo 20º.-Acordos.

A comisión permanente adoptará as súas decisións por maioría simple, excepto naqueles casos en que o presente regulamento esixa unha maioría cualificada. Entenderase que existe maioría simple cando voten a favor dunha proposta máis da metade dos membros con dereito a voto que figuran na relación de asistentes á sesión. Non se poderá someter a votación unha proposta que non fose obxecto de deliberación previa se algún dos asistentes se opón a iso.

Artigo 21º.-Competencia.

A comisión permanente é o órgano colexiado colaborador do pleno no goberno do consello e ademais das funcións que expresamente lle delegue o pleno ten ó seu cargo, entre outras que puidesen figurar sinaladas neste regulamento, as seguintes competencias específicas:

a) Adopta-las medidas necesarias para a aplicación das liñas xerais de actuación aprobadas polo pleno.

b) Colaborar co presidente na dirección das actuacións do consello.

c) Aproba-la convocatoria das sesións do pleno e fixar, xuntamente co presidente, a correspondente orde do día.

d) Coñece-la distribución, entre as comisións sectoriais, das peticións de dictames, estudios ou informes solicitados ó Consello pola Xunta de Galicia e resolve-las cuestións que esta distribución puidese suscitar.

e) Propoñerlle ó pleno, por propia iniciativa ou por solicitude de cando menos dezasete membros do consello, a elaboración de informes ou estudios e dárlle-la súa aprobación ós textos elaborados se o pleno lle delegou expresamente esta prerrogativa.

f) Decidi-la contratación de estudios ou informes externos por solicitude do presidente ou das comisións sectoriais dentro das previsións orzamentarias.

g) Fixa-las directrices e dispoñe-lo necesario para a elaboración do proxecto da memoria anual sobre a situación socioeconómica en Galicia que deberá ser aprobada polo pleno.

h) Aproba-lo anteproxecto de orzamento que presente o presidente como trámite previo á súa discusión e aprobación polo Pleno do Consello.

i) Supervisa-las actividades do consello, fixa-lo seu calendario, coordina-los traballos das diferentes comisións e efectua-lo seguimento dos dictames, estudios ou informes emitidos polo consello, dándolle conta puntual diso ó pleno a través do presidente.

j) Propoñerlle ó pleno a asistencia de técnicos, expertos ou asesores externos en función dos temas que figuren na orde do día da sesión.

k) Aproba-los pregos de prescricións técnicas e as contratacións cando o importe orzado exceda de cinco millóns de pesetas ou se o prazo de execución é superior ó exercicio orzamentario e se comprometen fondos do consello de futuros exercicios económicos.

l) Establece-las bases para a adscrición e a contratación do persoal do consello dentro do marco da lexislación vixente na Comunidade galega.

m) Propoñerlle ó pleno canto estime necesario para o mellor funcionamento do consello.

Sección terceira

O presidente

Artigo 22º.-Nomeamento.

O presidente do consello será nomeado polo presidente da Xunta de Galicia, por proposta conxunta dos conselleiros de Economía e Facenda e de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, despois de consulta-las entidades, organizacións e asociacións representadas no consello. En caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada será substituído polo membro titular do consello de maior idade, que non disporá no exercicio do cargo do voto de calidade que solo poderá exercelo o presidente titular.

Artigo 23º.-Cesamento.

O cesamento do presidente producirase por decisión do presidente da Xunta de Galicia, por proposta conxunta dos conselleiros de Economía e Facenda e de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de oí-las entidades, organizacións e asociacións representadas no consello. Son causa tamén de expiración do mandato a renuncia expresa ante o presidente da Xunta de Galicia, o transcurso do prazo para o que foi designado, o falecemento, a declaración de incapacidade e a inhabilitación para o desempeño de cargos públicos por sentencia xudicial firme. Salvo nestes tres últimos casos, o presidente cesado continuará no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión do seu substituto.

Artigo 24º.-Competencias.

O presidente ten atribuídas, entre outras, as seguintes competencias específicas:

a) Representa-lo consello e dirixi-las súas actuacións en colaboración coa comisión permanente.

b) Formula-la orde do día da comisión permanente e mais do pleno de acordo, neste último caso, coa comisión permanente.

c) Convoca-las sesións da comisión permanente e máis do pleno, neste último caso de acordo coa comisión permanente.

d) Visa-las actas, ordena-la publicación dos acordos e dispoñe-lo necesario para o seu cumprimento.

e) Remiti-los dictames, informes e estudios a Xunta de Galicia e os conselleiros.

f) Dirixi-los debates no seo dos órganos colexiados que presida, dar por concluídos estes cando considere que a deliberación foi suficiente, someter a votación as propostas correspondentes e proclama-lo resultado delas.

g) Dirimi-los empates que se produzan co seu voto de calidade.

h) Solicitar, en nome do consello, a colaboración que xulgue oportuna de institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións e particulares.

i) Solicitar do órgano demandante, logo de consulta ó pleno ou, se é o caso, á comisión permanente, a ampliación do prazo establecido na petición de dictame ou informe dirixida ó consello.

j) Trasladarlles ás comisións sectoriais, oído o parecer dos presidentes das eventualmente competentes por razón da materia, as solicitudes de dictames, estudios e informes recibidos e face-lo seguimento do procedemento establecido no regulamento para a súa elaboración e posterior aprobación polo órgano competente.

k) Presentarlle á comisión permanente a proposta inicial de anteproxecto de orzamento anual do consello.

l) Exerce-las facultades que lle correspondan como órgano de contratación do consello.

m) Informa-lo pleno, ó termo de cada exercicio, da xestión orzamentario do consello e de tódalas actuacións realizadas no seu nome.

n) Facer cumprir este regulamento e propoñerlle ó pleno a súa interpretación en casos de dúbida ou a súa integración nos casos de falta de previsión normativa.

ñ) Executa-los acordos do pleno e mais da comisión permanente, cumpri-las funcións que expresamente lle fosen delegadas e velar, en todo tempo, polo bo funcionamento do consello.

Sección cuarta

O secretario xeral

Artigo 25º.-Nomeamento.

O secretario xeral será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta conxunta dos conselleiros de Economía e Facenda e de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de entre funcionarios do grupo A, despois de consulta-las entidades, organizacións e asociacións representadas no consello. En caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada será substituído temporalmente polo membro do persoal técnico laboral ó servicio do consello, con titulación superior, que designe o presidente.

Artigo 26º.-Cesamento.

O cesamento do secretario xeral producirase por acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta conxunta dos conselleiros de Economía e Facenda e de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de oí-las entidades, organizacións e asociacións representadas no consello. Son causas tamén de cesamento no cargo a renuncia expresa ante o presidente da Xunta de Galicia, o transcurso do prazo para o que foi designado, o falecemento, a declaración de incapacidade ou a inhabilitación para o desempeño de cargos públicos por sentencia xudicial firme. Salvo nestes tres últimos casos, o secretario xeral cesado continuará no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión do seu substituto.

Artigo 27º.-Competencias.

O secretario xeral é o órgano de asistencia técnica e administrativa do consello e o depositario da fe pública dos seus acordos. Correspóndenlle, entre outras, ademais de cantas sexan inherentes á súa condición de secretario, as seguintes competencias específicas:

a) Exerce-la dirección administrativa e técnica dos distintos servicios do consello e velar por que os seus órganos actúen conforme os principios xerais que informan a actuación das administracións públicas.

b) Asistir con voz pero sen voto ás sesións do pleno, da comisión permanente e, se é o caso, das comisións sectoriais e grupos de traballo.

c) Redacta-las actas das sesións, autorizalas coa súa sinatura e co visto e prace do presidente e dárlle-lo curso correspondente ós acordos que se adopten.

d) Custodia-la documentación do consello.

e) Expedir certificacións das actas, acordos, dictames e informes cos seus votos particulares e doutros documentos confiados á súa custodia, co visto e prace do presidente.

f) Exerce-la xefatura do persoal ó servicio do consello.

g) Exerce-la dirección do Gabinete Técnico.

h) Exerce-las funcións económicas e orzamentarias do consello.

i) Elabora-lo anteproxecto de orzamento anual para sometelo á consideración do Pleno do Consello a través da comisión permanente.

j) Ser depositario dos fondos do consello, formula-las propostas de gasto e libra-los pagamentos autorizados.

Sección quinta

As comisións sectoriais

Artigo 28º.-Clases.

As comisións sectoriais, como grupos de traballo para a elaboración dos proxectos de estudio, informes ou dictames do consello, poden ser de carácter

permanente ou específicas. Terán a condición de comisións sectoriais permanentes as seguintes:

1. Economía, emprego e desenvolvemento territorial (economía, facenda, administración pública, política territorial, obras públicas, transportes, comunicacións, industria, comercio, turismo, consumo, agricultura, gandería, montes, pesca, marisqueo, acuicultura, novas tecnoloxías).

2. Calidade de vida e protección social (saúde, educación, cultura, vivenda, medio ambiente, seguridade social, sanidade, integración social).

3. Unión Europea.

4. Memoria anual sobre a situación socioeconómica.

O Pleno do Consello poderá acorda-la constitución de comisións sectoriais específicas para a redacción dos estudios, informes ou dictames que se determinen no acordo de constitución, establecendo a súa composición e fixando as súas directrices.

Artigo 29º.-Composición.

As comisións sectoriais, calquera que sexa a súa clase, estarán formadas por un máximo de nove membros e un mínimo de seis, designados polo pleno por proposta dos grupos que o integran, procurando respectar, no posible, a proporcionalidade correspondente ás entidades neles representadas. Na primeira reunión que celebren designarán de entre os seus membros a quen deba exerce-las funcións de presidente e daranlle conta do designado ó presidente do consello. Poderán tamén determina-las súas propias regras de funcionamento, respectando o disposto neste regulamento. As sesións poderá asisti-lo secretario xeral do consello e, en concepto de asesores, os expertos do Gabinete Técnico e mailos profesionais libres que a comisión xulgue oportuno para o mellor desempeño da súa misión. Cando a presencia destes últimos puidese xerar un gasto para o consello, a súa participación quedará condicionada á aprobación regulamentaria da oportuna proposta de gasto.

Artigo 30º.-Constitución.

As comisións sectoriais reuniranse, logo de convocatoria do seu presidente, cantas veces sexa necesario para desenvolve-los cometidos que lles fosen encomendados dentro dos prazos establecidos para o efecto. Para a súa válida constitución requirirase a presencia da maioría dos seus membros. O presidente organizará e dirixirá as actividades da comisión, presidirá as sesións, ordenará e moderará os debates e trasladaralle ó presidente do consello as propostas correspondentes, con indicación do número de votos que as apoiaron e, se é o caso, dos votos particulares emitidos.

Artigo 31º.-Competencia.

As comisións sectoriais son competentes para coñecer aquelas cuestións que, por razón da materia, se correspondan co ámbito sectorial que lles foi fixado. En caso de dúbida correspóndelle ó presidente do consello, oído o parecer dos presidentes das comisións eventualmente en conflicto e de acordo co decidido pola comisión permanente, resolver todo o relativo á asignación dun determinado asunto ó coñecemento dunha específica comisión sectorial.

Sección sexta

O Gabinete Técnico

Artigo 32º.-Composición e funcións.

O Gabinete Técnico, definido na lei de constitución como órgano de apoio ó consello, actuará baixo a dirección do secretario xeral e estará integrado por un máximo de catro persoas, tituladas superiores e especialistas en materias socioeconómicas. O pleno, por proposta da comisión permanente, fixará o seu número, a súa cualificación profesional e a modalidade de contratación dos seus servicios que considere máis conveniente para os intereses do consello. A súa contratación e selección corresponderalle ó presidente seguindo as directrices da comisión permanente. Manterán ó servicio do consello un réxime de dedicación plena e poderán asistir ás sesións do pleno, da comisión permanente e das comisións sectoriais, en calidade de asesores, cando a natureza das materias que se van tratar o aconselle e sempre que a súa presencia sexa autorizada polo órgano colexiado en cuestión.

Serán funcións do Gabinete Técnico a elaboración de bases de datos, informes, estudios e tarefas análogas, sobre as materias socio económicas que solicite o consello ou o secretario xeral.

Capítulo III

Funcionamento do consello

Sección primeira

Procedemento para a elaboración de dictames e informes

Artigo 33º.-Iniciación do procedemento.

A elaboración de informes ou dictames polo consello pode responder a unha solicitude da Xunta de Galicia ou a unha iniciativa do pleno. No primeiro caso, unha vez recibida no consello a correspondente solicitude, será inmediatamente remitida polo presidente do consello ó presidente da comisión sectorial competente por razón da materia, de acordo, se é o caso, co disposto no artigo 31 deste regulamento, dándolles conta da citada remisión para o seu coñecemento ós membros da comisión permanente. No escrito de remisión indicarase o prazo máximo dentro do que a comisión sectorial deberá ter elaborado o texto da proposta correspondente. Este prazo non poderá exceder de dous tercios do prazo global fixado para a emisión do informe ou

dictame polo consello. Se a iniciativa para a elaboración do dictame ou informe parte do pleno, este decidirá o traslado á comisión sectorial que corresponda, fixará o prazo dentro do cal o texto da proposta deberá estar redactado e, se o considera oportuno, excepcionalmente poderá delegar na comisión permanente a súa aprobación.

Artigo 34º.-Estudio pola comisión sectorial.

Unha vez recibido o encargo, a comisión sectorial organizará o seu traballo da forma que coide máis adecuada para o cumprimento da tarefa que lle foi encomendada. Poderá solicitar do secretario xeral o apoio dos servicios técnicos do consello e da comisión permanente, a través do presidente, a colaboración de asesores externos cualificados. O resultado dos traballos da comisión, que deberá conter unha exposición de antecedentes, a valoración efectuada e as conclusións, deberalle ser entregado, xunto cos votos particulares e os informes previos ou complementarios, ó presidente do consello para o seu traslado á comisión permanente como trámite previo á convocatoria do pleno ou, se mediou delegación, para o seu exame e aprobación pola propia comisión permanente. Tanto o pleno como, se é o caso, a comisión permanente, poderán solicitar da comisión sectorial un novo exame do texto elaborado se se considera necesario un estudio complementario das cuestións debatidas.

Artigo 35º.-Aprobación pola comisión permanente.

Se houbere delegado na comisión permanente a aprobación do texto elaborado pola comisión sectorial, á sesión convocada para o efecto poderá asisti-lo presidente da referida comisión sectorial ou o membro por ela designado, para expoñe-lo acordo alcanzado. Tamén poderán ser chamados o autor ou autores dos votos particulares para expoñeren o sentido das súas posicións. Trala deliberación oportuna a comisión permanente someterá o texto a votación e incorporaralle as modificacións que considere oportuno. O texto final aprobado, que deberá igualmente conter unha exposición dos antecedentes, as valoracións efectuadas e mailas conclusións, así como os votos particulares, revestirá a forma, segundo os casos, de informe, estudio ou dictame do Consello Económico e Social de Galicia.

Artigo 36º.-Tramitación pola comisión permanente.

Se a aprobación do texto lle correspondese ó pleno, a comisión permanente limitarase a coñece-lo texto remitido pola comisión sectorial e a convocar de forma inmediata a celebración do pleno con remisión da orde do día e mais da documentación correspondente ó texto elaborado. Se as circunstancias o aconsellan, a comisión permanente poderá elaborar unha proposta, que o presidente someterá á consideración do pleno como cuestión previa, para canaliza-la deliberación do proxecto de resolución no seo da sesión plenaria.

Artigo 37º.-Presentación de emendas.

Con anterioridade á data sinalada para a celebración do pleno convocado, calquera membro do consello, individual ou colectivamente, poderá presentar emendas á totalidade ou a aspectos parciais do texto elaborado pola comisión sectorial. A presentación deberá formalizarse por escrito dirixido ó presidente do consello con polo menos vintecatro horas de antelación da hora prevista para a celebración do pleno e no caso das emendas parciais deberán ir acompañadas dunha exposición de motivos sucinta, aclaratoria do alcance da emenda presentada. Non poderá ser admitida a presentación dunha emenda á totalidade que non veña acompañada do correspondente texto alternativo.

Artigo 38º.-Aprobación polo pleno.

As deliberacións do pleno centraranse no texto elaborado pola comisión sectorial, que será defendido polo seu presidente ou polo vocal dela en que delegase. Se se presentou algunha emenda á totalidade con texto alternativo, o primeiro asinante dela deberá defender, tamén, o sentido e o alcance da súa proposta. Concluído o debate sobre a alternativa presentada procederase á votación e se o texto alternativo resulta aprobado o pleno poderá acorda-la apertura dun novo prazo para a presentación de emendas parciais, co que a aprobación final quedará diferida para unha nova sesión. Se, polo contrario, o texto alternativo resulta rexeitado, debe quedar así: «procederase á exposición por parte dos primeiros asinantes e ó debate...» das emendas parciais presentadas, pola orde que a Presidencia estableza. Sometidas a votación incorporaranse ó texto as que resulten aprobadas. Neste caso o pleno poderá autoriza-lo presidente para que, asistido pola comisión sectorial competente, introduza as

alteracións necesarias con obxecto de que o texto definitivo resulte coherente. Finalizado o debate someterase o texto final a votación e no caso de non se acada-la maioría necesaria, o pleno poderá decidir se se lle deberá remitir de novo á comisión sectorial competente para a súa remodelación de acordo cos criterios eventualmente expresados. De ser aprobado por maioría expresarase esta circunstancia na resolución aprobatoria, e a minoría discrepante terá dereito, a título individual ou colectivamente, a que se unan á referida resolución os votos particulares formulados por escrito e presentados ante o secretario xeral, ben no transcurso da sesión ou ben dentro do prazo máximo das corenta e oito horas seguintes á finalización do pleno.

Artigo 39º.-Procedemento de urxencia.

No caso de solicitarse do consello a emisión dun dictame nun prazo inferior a un mes, a convocatoria do pleno poderá efectuarse antes da data de finalización dos seus traballos por parte da comisión sectorial encargada de redactalo, e esta poderalle entregar ó presidente do consello o texto elaborado con corenta e oito horas de antelación respecto da data prevista para a celebración da sesión. Os mem

bros do consello deberán ser informados polo presidente, desde o primeiro momento, da solicitude do dictame con carácter de urxencia e poderán presentar, individual ou colectivamente, emendas ó texto preparado ata dúas horas antes do inicio da sesión, que se desenvolverá conforme o previsto no anterior artigo 38º.

Sección segunda

Da comparecencia de autoridades e constitución de mesas sectoriais

Artigo 40º.-Comparecencia de autoridades.

Os membros do Consello da Xunta de Galicia poderán intervir ante o Pleno do Consello, por propia iniciativa, comunicándollo previamente ó presidente, o por solicitude do consello logo de acordo do pleno. Este poderá invitar tamén a calquera outro tipo de autoridades ou personalidades co obxecto de obter información sobre cuestións particulares relacionadas cos asuntos da súa competencia. A comparecencia pode ter lugar nun pleno ordinario ou nun extraordinario e de ter sido convocado para a deliberación e decisión doutros puntos da orde do día, a intervención da autoridade ou personalidade producirase ó comezo da sesión, que será suspendida polo presidente ó finaliza-la comparecencia e a sesión reiniciarase posteriormente.

As comisións sectoriais, a través do presidente, poderán tamén reclama-la presencia de autoridades administrativas da Comunidade Autónoma para un mellor desenvolvemento do seu traballo.

Artigo 41º.-Mesas sectoriais.

De acordo co establecido na disposición adicional segunda da lei constitutiva, o pleno poderá propoñerlle á Xunta de Galicia a constitución e convocatoria de mesas sectoriais con participación das organizacións representadas no consello e mais da Administración autonómica, para debater problemas específicos que afecten a sectores estratéxicos de Galicia e defini-las posibles liñas de actuación e unha mesa sectorial específica de cooperación, con participación das organizacións económicas e sociais representadas no consello, nos termos da regulamentación comunitaria, para evacua-los informes requiridos pola normativa da Unión Europea. Definida a natureza concreta da mesa sectorial que se propón constituír corresponderalle ó pleno designa-las persoas, de entre os seus membros, que formarán parte dela. O pleno deberá ser informado puntualmente, a través do presidente ou do membro da mesa en quen delegue, dos resultados acadados nas reunións mantidas.

Capítulo IV

Réxime orzamentario e de contratacion do consello

Artigo 42º.-Réxime económico.

O consello contará cos recursos económicos para o cumprimento dos seus fins que se consignen nos

orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e desfrutará o réxime tributario que lle corresponde a esta. O secretario xeral elaborará o anteproxecto de orzamento que o presidente deberá presentar como proposta inicial á consideración da comisión permanente, como trámite previo á súa aprobación polo Pleno do Consello e posterior remisión á Consellería de Economía e Facenda, de acordo co previsto na Lei de réxime financieiro e presupostario de Galicia. Na mesma sesión dedicada ó exame e aprobación do proxecto de presuposto, o pleno fixará a contía das compensacións económicas debidas como consecuencia da participación dos seus membros nos distintos órganos colexiados do consello. O réxime de contabilidade e de control das actividades do consello axustarase ó establecido para os entes da súa natureza nas disposicións en vigor.

Artigo 43º.-Réxime de contratación.

O consello rexerase, en canto a contratación, polas normas contidas na Lei de contratos das administracións públicas. O persoal propio do consello, con excepción, se fose o caso, dos que formen parte do Gabinete Técnico, rexerase polas normas do dereito laboral. As súas condicións de traballo non serán inferiores ás establecidas para o persoal laboral da Xunta de Galicia e a súa selección efectuarase mediante convocatoria pública e de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade. O cadro de persoal será aprobada polo pleno e a súa contratación e selección levaraas a cabo o presidente, seguindo as directrices da comisión permanente.

Capítulo V

Da renovación do consello e da interpretación e reforma do regulamento

Artigo 44º.-Renovación total do consello.

No pleno ordinario correspondente ó trimestre anterior a aquel en que deba producirse a expiración do período de catro anos de duración do mandato dos membros do consello, fixarase o número de persoas que cada unha das organizacións e entidades que o compoñen deberá designar, de acordo co grao de representatividade que nese momento lles corresponda, para seren nomeadas membros, titulares e suplentes, do consello. Nun prazo máximo de trinta días a partir dese momento, as referidas organizacións e entidades deberanlle remitir á Consellería de Economía e Facenda as súas respectivas propostas de designación co obxecto de que sexa elevada á Presidencia da Xunta para os oportunos actos de cesamento e nomeamento dos designados. Pola súa parte e dentro do mesmo prazo, o presidente e mailo secretario xeral deberán dirixirse por escrito ás consellerías de Economía e Facenda e de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para poñeren os seus cargos á disposición do presidente e do Consello da

Xunta, respectivamente, co obxecto de que se poidan inicia-las consultas previstas no artigo 8 da lei constitutiva, para a súa renovación ou substitución.

Unha vez publicados os nomeamentos correspondentes no Diario Oficial de Galicia, o presidente do consello en funcións, logo de consulta á Presidencia da Xunta, convocará de forma inmediata un pleno extraordinario, con citación de tódolos designados, cun único punto da orde do día que estará referido á toma de posesión, por esta orde, do secretario xeral, do presidente e dos membros do consello.

Artigo 45º.-Interpretación e reforma do regulamento.

Correspóndelle ó Pleno do Consello a facultade de interpretar este regulamento e integra-las súas posibles lagoas. Tamén lle corresponde ó pleno a facultade de o reformar parcial ou totalmente. A este respecto, o pleno poderá, sen máis, acepta-la modificación proposta pola comisión permanente ou designar unha comisión específica para elabora-la proposta de modificación que será sometida posteriormente a debate e decisión dunha nova sesión plenaria. Para a aprobación da modificación regulamentaria será preciso o voto favorable de, polo menos, vintetrés dos seus membros. De non obterse a maioría precisa poderá someterse o mesmo texto a unha nova votación na sesión plenaria ordinaria inmediatamente posterior, na que abondará para a súa aprobación co voto favorable de dezasete dos seus membros. Se se introduciu algunha variación no texto sometido a votación a maioría requirida para a súa aprobación, en primeira volta, seguirá sendo a que reúna o voto favorable de, polo menos, vintetrés

dos seus membros.

4490