Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 11 de xuño de 1996 Páx. 5.666

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de xuño de 1996 pola que se dictan normas para a elección de órganos unipersoais de goberno nos centros públicos de ensino non universitario.

En uso da autorización outorgada pola disposición derradeira primeira do Decreto 92/1988, do 28 de abril (DOG do 29 de abril), parcialmente modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril, polo que se regulou os órganos de goberno dos centros públicos do ensino non universitario, e co obxecto de regula-la elección e nomeamento de director e restantes órganos unipersoais de goberno naqueles centros que proceda, e tendo en conta o establecido na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e o goberno dos centros docentes, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Centros nos que se deberá proceder á elección do director.

Procederá abri-lo proceso electoral para o nomeamento de director nos centros públicos de ensino

non universitario nos que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Finalización do mandato do director por transcurso do período de tres anos establecidos no artigo 4 do Decreto 92/1988, do 28 de abril.

b) Cando o director, de acordo co parágrafo primeiro do artigo 11 do citado Decreto 92/1988, tivese nomeamento provisional e polo período dun ano, por non existir no seu momento candidatos á dirección ou por non obte-la maioría absoluta.

c) Cando as funcións de director estean sendo desempeñadas con carácter accidental polo vicedirector ou polo xefe de estudios, en virtude do previsto no parágrafo segundo do artigo 14 do antedito decreto.

d) Naqueles centros nos que a renuncia do director, aceptada polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con efectos do 30 de xuño, permita abri-lo proceso electoral nos prazos establecidos nesta orde.

Artigo 2º.-Requisitos dos candidatos.

1. En aplicación do establecido no artigo 18 da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes, poderá ser candidato a director calquera profesor do centro, funcionario de carreira, que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter unha antigüidade de cinco anos, polo menos, no corpo da función pública docente desde o que opta.

b) Ter exercido como profesor durante cinco cursos en centros nos que se impartan ensinanzas do mesmo nivel e réxime.

c) Ter destino definitivo no centro cunha antigüidade nel, cando menos, dun curso completo.

d) Estar acreditado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o exercicio da función directiva.

Este último requisito, e para os procesos iniciados neste ano ó amparo da presente orde, poderá ser xustificado polos interesados con anterioridade á votación á que se refire o apartado 3 do artigo 3 desta orde.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no caso de que non existan profesores que reúnan os requisitos do apartado anterior, poderá eximir ós candidatos de cumprir algún deles nos seguintes centros:

-Nos centros específicos de educación infantil, e nos incompletos de educación primaria, nos colexios rurais agrupados, nos que se impartan ensinanzas dirixidas a persoas adultas con menos de oito profesores e nos de educación especial.

-Nos centros de educación secundaria con menos de oito unidades, nos que se impartan ensinanzas

de réxime especial ou ensinanzas dirixidas a persoas adultas con menos de oito profesores.

Artigo 3º.-Procedemento para a elección do director.

1. Os candidatos ó cargo de director deberán presentar, por escrito, ante o Consello Escolar, con cinco días naturais de anticipación á data da votación á que se refire o apartado quinto desta orde:

a) O programa de dirección no que se recollerán obxectivos que pretende alcanzar, análise do funcionamento, dos problemas e das necesidades do centro, liñas fundamentais de actuación e proposta dos órganos de goberno unipersoais da candidatura.

b) Méritos académicos e profesionais.

O director do centro deberá arbitra-las medidas de publicidade e accesibilidade que coide oportunas para garantir que tódolos membros do Consello Escolar e do claustro de profesores coñezan a existencia e teñan fácil acceso ós programas dos distintos candidatos para a súa análise.

2. O director será elixido polo Consello Escolar. Para tal fin constituirase no seo del unha mesa electoral integrada por dous profesores e un pai ou nai ou representante legal dos alumnos. Ademais, no caso de centros de secundaria ou de ensinanzas de réxime especial, tamén formará parte da mesa un alumno.

Os membros da mesa electoral serán elixidos por sorteo público de entre os membros do Consello Escolar. No sorteo recollerase designación de membros titulares e suplentes. Non poderán participar no sorteo os candidatos á dirección.

Actuarán como presidente e secretario da mesa electoral os profesores de maior e menor idade respectivamente.

3. A votación celebrarase o día 26 de xuño en tódolos centros incluídos nalgún dos supostos do artigo 1º desta orde.

A votación efectuarase diante da mesa electoral mediante sufraxio directo, secreto e non delegable. Resultará elixido director o candidato que obteña o voto favorable da maioría absoluta dos membros do Consello Escolar.

Cando, concorrendo máis dun candidato, ningún deles obtivese a maioría absoluta na primeira votación, procederase no prazo de corenta e oito horas a realizar unha segunda votación na que figurará unicamente o candidato máis votado na primeira. Para ser elixido na segunda votación tamén é necesario obte-lo voto favorable da maioría absoluta dos membros do Consello Escolar. No caso en que houbese empate na primeira votación, a segunda votación, que se realizará no prazo de corenta e oito horas, será individualizada entre os aspirantes que igualaron no número máis elevado de votos. Decidirase por sorteo a orde na que serán votados os aspirantes. Tódolos electores poderán participar na

votación individualizada de cada aspirante. Neste caso resultará elixido o aspirante que, obtendo a maioría absoluta, logre máis votos. No caso de que varios aspirantes obtivesen a maioría absoluta e persistise o empate en votos, aplicaranse como criterios de desempate para designar director, e pola orde que se indica, os seguintes:

a) Maior antigüidade no centro.

b) Maior antigüidade como funcionario de carreira.

c) Maior idade.

4. A mesa electoral remitiralle a acta da elección ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o día 28 de xuño podendo facelo por fax ou telegrama, expresando, segundo proceda:

a) O nome do candidato que obtivo a maioría absoluta.

b) Que ningún candidato alcanzou a maioría absoluta.

Artigo 4º.-Centros nos que non se presente ningunha candidatura.

1. No suposto de que non se presentase ningunha candidatura á dirección, o presidente do Consello Escolar comunicaralle o día 22 de xuño tal extremo ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, podendo facelo por fax ou por telegrama.

2. Cando non existan candidaturas á dirección ou cando, aínda existindo, non obtivesen a maioría absoluta, a Inspección Educativa proporalle ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un candidato á dirección que, independentemente do centro no que estea destinado, reúna os requisitos a), b) e d), sinalados no artigo segundo desta orde, de acordo co indicado no artigo 20 da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, sen prexuízo do establecido no artigo 2º.2 desta orde.

A duración do mandato do director así designado será de catro anos.

Artigo 5º.-Nomeamento do director e dos outros órganos unipersoais de goberno.

1. O director electo proporalle o nomeamento dos restantes órganos unipersoais de goberno, incluídos no seu programa, ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O delegado provincial, unha vez verificado que os candidatos propostos reúnen os requisitos establecidos na Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, procederá ó nomeamento do director e dos restantes órganos unipersoais de goberno con efectividade do 1 de xullo de 1996, por un período de catro anos.

3. Nos centros de nova creación, o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nomeará director por un período de tres anos a un profesor que reúna os requisitos a), b) e d) establecidos no artigo 2º.1 desta orde.

Artigo 6º.-Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

4322