Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 14 de xuño de 1996 Páx. 5.852

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia.

I

O artigo 30 do Estatuto de autonomía establece a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma para regulamentar, de acordo coas bases normativas establecidas polo Estado, a materia de caixas de aforros dentro do seu ámbito territorial. Ó abeiro de tal competencia o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 7/1985, do 17 de xullo, pola que se regulamentaron determinados aspectos das caixas de aforros galegas e, sobre todo, o seu réxime xurídico e órganos de goberno.

O tempo que desde entón transcorreu puxo de manifesto tanto as bondades desta lei coma as súas lagoas, aconsellando a elaboración dunha nova norma que aborde a problemática das caixas de aforros galegas tal como se fai na presente lei.

Ó mesmo tempo, viñéronse producindo algunhas modificacións na normativa básica do Estado que fan necesaria a adaptación da norma autonómica. Así, a Lei 26/1988, do 29 de xullo, sobre disciplina e intervención das entidades de crédito, estableceu un réxime de infraccións e sancións que cómpre incorporar; tamén a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, veu modificar elementos do procedemento e dos recursos no ámbito administrativo que son relevantes para ordena-las materias contidas nesta lei; finalmente, a nova normativa reguladora da solvencia das entidades de crédito contida na Lei 13/1992, do 1 de xuño, de recursos propios e supervisión en base consolidada das entidades financeiras, supón tamén unha referencia ineludible para tal proceso de adaptación.

En resumo, pois, a conveniencia de completa-la normativa autonómica de caixas de aforros, por unha banda, e a necesidade de adaptala ás novidades introducidas na normativa estatal de carácter básico, por outra, facían aconsellable a elaboración dunha norma, como a presente, que abordase tódolos temas.

II

A lei está dividida en seis títulos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

O título I, de carácter introductorio, recolle basicamente o ámbito de aplicación da lei e a definición do obxecto regulamentado, é dicir, o concepto de caixa de aforros. Poden albiscarse aquí dúas notas que presiden toda a configuración desta lei. A pri

meira é o dobre carácter das caixas de aforros, que son fundacións cunha finalidade benéfico-social e, á vez, entidades financeiras; a segunda nota refírese ós termos da intervención pública. A filosofía a este respecto é clara: os poderes públicos interveñen en tanto é necesario para garanti-la solvencia e estabilidade destas entidades ou serve para aumenta-la transparencia do mercado e darlles garantías ós clientes. Trátase, polo tanto, de intervencións que veñen reforza-lo mercado e non substituílo.

No título II regulaméntase a organización institucional das caixas. Non recolle o regulado pola normativa vixente no referente a órganos de goberno, pois, como xa se advertiu, non é propósito desta lei reformar estes aspectos da normativa vixente. Introdúcense, iso si, algunhas adicións, polas que se completan aspectos que non se tratan na actual normativa -as impugnacións dos acordos ou a responsabilidade dos conselleiros, por exemplo-, e desenvólvese un novo concepto de dotación fundacional que pretende potencia-las posibilidades de obter recursos propios por parte das caixas.

O título III é, sen dúbida, o que introduce máis novidades na normativa vixente. En realidade, trátase dun título novo no que se regulamentan os distintos ámbitos de intervención dos poderes públicos sobre as caixas, con respecto do principio de prevalencia do mercado que se acaba de indicar. Deste xeito, regúlanse as normas de solvencia en consonancia coa normativa básica do Estado; regúlase tamén, neste caso con maior extensión, a normativa tendente a dotar de transparencia os mercados financeiros e protexe-los clientes. Neste sentido é de salienta-la creación da figura do valedor do cliente.

Finalmente, regulaméntase a obra benéfico-social. A diferencia dos ámbitos anteriores, neste caso, e sen mingua da liberdade coa que as caixas poden operar neste tema, a presencia da Comunidade e das súas necesidades resulta plenamente xustificada. A lei propón uns destinos da obra benéfico-social que lles permita ás caixas ordena-los proxectos de gasto e, asemade, articulalos co propósito de lograr un mellor servicio á sociedade.

O título IV dedícase a regula-los mecanismos de control. A novidade nesta área, desenvolvida na disposición adicional, consiste na creación dunha unidade administrativa no seo da Consellería de Economía e Facenda, profesionalizada e capaz de levar a adiante o control de toda a normativa contida na presente lei así como de se coordinar cos órganos competentes da Administración do Estado.

O título V é de nova redacción e contén o réxime sancionador nos termos establecidos pola normativa básica do Estado antes referida. Tipifícanse, polo tanto, e gradúanse as infraccións, establécense as sancións e determínanse os supostos de responsabilidade persoal.

Finalmente, no título VI recolleuse a regulación da Federación Galega de Caixas de Aforros.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de caixas de aforros de Galicia.

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

1. As caixas de aforros con domicilio social en Galicia rexeranse polo establecido na presente lei e nas demais normas complementarias e de desenvolvemento emanadas da Comunidade Autónoma, as cales lles serán tamén aplicables ás actividades que desenvolvan no territorio desta Comunidade as caixas de aforros con domicilio social fóra dela, todo isto sen prexuízo da normativa básica do Estado.

2. A normativa mercantil reguladora do dereito de sociedades, a estatal de entidades de crédito e a lexislación sobre fundacións, segundo corresponda por razón da materia, poderase aplicar con carácter subsidiario no non previsto na presente lei.

Artigo 2º.-Concepto de caixa de aforros.

Entenderase por caixa de aforros, para os efectos desta lei, a entidade financeira de carácter social, de natureza fundacional e sen finalidade lucrativa que, baixo o protectorado público exercido polo Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Consellería de Economía e Facenda, se dedica á actividade financeira e á prestación de servicios conexos, destinando parte dos seus excedentes a obras de carácter benéfico-social.

Artigo 3º.-Reserva de denominación.

1. Para as entidades con domicilio en Galicia, as denominacións caixa de aforros e monte de piedade serán privativas das institucións inscritas no Rexistro de Caixas de Aforros Galegas.

2. Ningunha entidade ou empresa non inscrita no Rexistro utilizará na súa denominación marcas, rótulos, modelos, anuncios ou expresións que induzan a erro sobre a súa natureza.

Artigo 4º.-Rexistro de Caixas de Aforros Galegas.

1. A Xunta de Galicia dispoñerá dun Rexistro de Caixas de Aforros Galegas, no que deberá constar, na forma que regulamentariamente se determine:

a) A denominación da institución.

b) O domicilio social.

c) A data da escritura de fundación.

d) A corporación, entidade ou persoas fundadoras.

e) Os estatutos e regulamentos da caixa respectiva.

f) A autorización da admisión no Rexistro.

2. Para as caixas constituídas antes da publicación da presente lei o Rexistro recollerá os datos dos que se dispoña ata a data, completándoos no momento da entrada en vigor da presente lei, nun prazo non superior a dous meses.

3. Inscribiranse tamén os acordos da Xunta de Galicia e da Consellería de Economía e Facenda relativos á modificación de estatutos, absorción, fusión, disolución ou liquidación.

4. O Rexistro será público. Calquera persoa interesada poderá obter certificación gratuíta dos datos inscritos.

5. O Rexistro terá unha sección dedicada a aquelas caixas de aforros con domicilio social fóra de Galicia pero con oficinas no territorio desta Comunidade Autónoma na que se farán constar aqueles datos que regulamentariamente se determinen. As ditas caixas terán que comunicarlle á Consellería de Economía e Facenda as aperturas e os peches de sucursais efectuados en Galicia, de conformidade coa lexislación.

6. Tódalas altas e baixas de entidades no Rexistro publicaranse no Diario Oficial de Galicia, comunicándoselles ó Ministerio de Economía e Facenda e á Comisión das Comunidades Europeas.

Artigo 5º.-Acción de goberno.

A acción do Goberno da Comunidade Autónoma, no marco das bases e da ordenación da actividade económica xeral e da política monetaria do Estado, levarase a cabo baixo os seguintes principios:

a) Velar pola independencia das caixas de aforros e defende-la súa natureza fundacional, prestixio e estabilidade.

b) Vixia-lo cumprimento por parte das caixas da súa función económico-social, de acordo cunha adecuada política de administración e de investimento de aforro privado.

c) Procura-la estabilidade económica e financeira das caixas así como a total transparencia dos mercados onde operan, creando os mecanismos oportunos para que os clientes das caixas dispoñan de toda a información necesaria.

d) Establecer mecanismos de cobertura e protección dos clientes.

e) Estimular tódalas accións lexítimas das institucións de aforro encamiñadas a mellora-lo nivel socioeconómico de Galicia.

Título II

Organización institucional

Capítulo I

Criterios ordenadores

Artigo 6º.-Dobre dimensión das caixas.

As caixas de aforros teñen un dobre carácter: social e fundacional, pola súa finalidade e aplicación de excedentes, e de entidade financeira, por razón da súa actividade.

Artigo 7º.-Organización democrática.

A estructura e a composición dos órganos de goberno das caixas serán democráticas e os seus membros coidarán dos intereses fundacionais da caixa, polos dos seus depositantes e polos do territorio onde estas desenvolvan a súa actividade, con plena independencia de calquera outro que os puidese afectar.

Capítulo II

Creación e recursos

Sección 1ª

Requisitos para a creación

Artigo 8º.-Fundación.

1. As caixas de aforros poderán ser fundadas por persoas ou entidades, tanto públicas coma privadas, nos termos previstos na presente lei.

2. A condición de fundador non será transmisible por ningún título nin outorgará dereitos económicos. Os fundadores, sexan públicos ou privados, dispoñerán exclusivamente dos dereitos de representación que se establecen na presente lei.

3. O patrimonio inicial das caixas de aforros estará constituído pola achega dos seus fundadores.

4. Tódalas caixas de aforros con domicilio social en Galicia, calquera que sexa a persoa fundadora, o organismo ou a corporación que as patrocine, terán a mesma natureza xurídica e os mesmos dereitos e obrigas, así como idéntica consideración por parte do Goberno da Comunidade Autónoma.

Artigo 9º.-Autorización.

1. Corresponderalle á Xunta de Galicia autoriza-la creación de caixas de aforros, observando a normativa básica vixente e o previsto na presente lei.

2. A solicitude de autorización para a creación dunha caixa de aforros presentarase na Consellería de Economía e Facenda, e xuntaranse os seguintes documentos:

a) Proxecto de escritura fundacional.

b) Proxecto de estatutos.

c) Programa de actividades, facendo consta-lo xénero de operacións que se pretenden realizar e a estructura organizativa da entidade.

d) Circunstancias persoais das persoas físicas, corporacións ou entidades fundadoras.

e) Memoria onde se recollan os obxectivos que se propoñan acadar coa súa creación.

f) Dotación inicial, coa descrición e valoración dos bens e dereitos e as características esenciais da achega.

3. A escritura fundacional, os estatutos e mailas súas modificacións deberán ser aprobados pola Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 10º.-Creación.

1. Concedida a autorización da Xunta de Galicia, a creación da nova caixa deberase facer mediante escritura pública, que será inscrita no Rexistro Mercantil e no Rexistro de Caixas de Aforros Galegas. Só despois desta última inscrición a caixa poderá inicia-la súa actividade.

2. A inscrición no Rexistro de Caixas de Aforros Galegas só poderá ser denegada por incumprimento dos requisitos establecidos nesta lei.

3. A titularidade das inscricións concedidas non será transmisible.

Artigo 11º.-Contido mínimo da escritura fundacional.

Na escritura fundacional da caixa farase consta-lo seguinte:

a) As circunstancias persoais das persoas físicas, corporacións ou entidades fundadoras.

b) A vontade de constituír unha caixa de aforros con submisión ás disposicións vixentes.

c) Os estatutos que regularán o funcionamento da futura caixa.

d) A dotación inicial cuantificada, coa descrición dos bens e dereitos que a integren, o seu título de propiedade, as cargas, se as houber, e mailo carácter da achega.

e) A contía total, polo menos aproximada, dos gastos de constitución.

f) As circunstancias persoais das persoas que formarán o padroado e se encargarán inicialmente da administración e representación da caixa. Estas, na mesma escritura fundacional, nomearán provisionalmente un director xeral.

Artigo 12º.-Contido mínimo dos estatutos.

Nos estatutos das caixas deberán consta-los seguintes extremos:

a) A denominación e a natureza da entidade.

b) O domicilio social e o ámbito de actuación.

c) O obxecto e os fins.

d) A data de peche do exercicio económico.

e) A aplicación ou o destino dos excedentes.

f) A estructura, a composición e o funcionamento dos órganos de goberno.

g) O número de membros e o procedemento de elección dos compoñentes dos órganos de goberno.

h) As regras para a renovación parcial dos órganos de goberno.

i) As previsións para cubri-las vacantes que se produzan nos órganos de goberno pola finalización do mandato dos seus membros ou calquera outra causa.

j) Os requisitos para a convocatoria ordinaria e extraordinaria da asemblea xeral, os prazos e a publicidade, o quórum esixido na primeira e segunda convocatoria e as maiorías necesarias para a adopción de acordos.

k) Os requisitos para a convocatoria das sesións do Consello de Administración e da Comisión de Control.

l) A forma de adopción dos acordos nos órganos de goberno.

m) As comisións delegadas do Consello.

n) A forma de elección, cesamento e renovación do presidente.

Artigo 13º.-Período transitorio.

1. Ata a constitución dos órganos de goberno da caixa o padroado da fundación terá atribuídas as funcións propias do Consello de Administración e aprobará os seus regulamentos internos.

2. O padroado deberá inicia-lo proceso de constitución da primeira asemblea xeral nun prazo non superior a nove meses desde o inicio da actividade da caixa.

3. Nas caixas de nova creación ós representantes dos impositores e do persoal non se lles esixirá o requisito de antigüidade.

4. No primeiro Consello de Administración da caixa, ademais dos vocais elixidos, figurarán con voz e voto os membros do padroado fundacional, que cesarán ós dous anos da constitución da primeira asemblea xeral, sen prexuízo de que poidan ser elixidos como vocais.

5. O director xeral deberá ser ratificado polo primeiro Consello de Administración que se constitúa.

6. As normas que regulan o período transitorio poderán ser obxecto de desenvolvemento regulamentario.

Sección 2ª

Os recursos propios das caixas

Artigo 14º.-Fondo fundacional.

1. A creación dunha nova caixa de aforros requirirá dunha dotación fundacional mínima de tres mil millóns de pesetas. A Xunta de Galicia, sen prexuízo da normativa xeral básica, e atendendo os requisitos de solvencia e estabilidade que lles son esixibles ás entidades financeiras, poderá axustar periodicamente tal contía mínima.

2. O fondo fundacional poderá ampliarse mediante novas achegas dos fundadores ou doutras persoas, ou de entidades públicas ou privadas, que se incorporen con esta mesma condición.

3. As persoas ou entidades que mediante novas achegas ó fondo fundacional accedesen á condición de fundadores terán, do mesmo xeito, dereito a estaren representadas nos órganos de goberno da caixa,

dentro da representación prevista para os fundadores, en proporción ás súas achegas e nos termos en que regulamentariamente se determine.

4. A incorporación de novos fundadores requirirá a aprobación da asemblea xeral mediante o voto afirmativo da maioría dos seus membros e a autorización da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 15º.-Situación de déficit patrimonial.

Cando os recursos propios dunha caixa resultasen insuficientes para garanti-la solvencia da entidade, deberá producirse:

a) Novas achegas dos fundadores, suficientes para cubri-lo déficit patrimonial existente.

b) A incorporación de persoas ou entidades públicas ou privadas que, con idéntica consideración xurídica cós fundadores, acheguen en concepto de ampliación do fondo fundacional os recursos suficientes para cubri-lo déficit existente.

c) Calquera outra medida prevista na normativa básica do Estado.

Artigo 16º.-Natureza das achegas.

1. A dotación do fondo fundacional así como as ampliacións deste poderán facerse tanto en diñeiro coma mediante a achega de bens e dereitos susceptibles de valoración económica. Non obstante, a porción de diñeiro no fondo fundacional deberá ser como mínimo de dous mil douscentos cincuenta millóns de pesetas, e, se o fondo se amplía, a dita porción deberá manterse en todo momento polo menos nos dous tercios do total do fondo.

2. Cando as achegas sexan en bens e dereitos, o rexistrador mercantil designará dous ou máis expertos independentes para que procedan a inventaria-los bens e dereitos achegados e a comproba-lo valor atribuído a estes polos achegantes. Tal informe pericial incorporarase como anexo á correspondente escritura fundacional ou de ampliación da dotación fundacional.

Artigo 17º.-Emisión de cotas e financiamento subordinado.

De acordo coa normativa básica, para amplia-los seus recursos propios, as caixas poderán emitir cotas participativas ou outro tipo de financiamento subordinado, logo de autorización da Consellería de Economía e Facenda. Para estes efectos as caixas estarán obrigadas a lle facilitaren á Consellería a información que regulamentariamente se sinale.

Artigo 18º.-Cotas participativas.

1. As cotas participativas son valores nominativos que representan achegas de diñeiro a prazo indefinido, que poden ser aplicadas en igual proporción e ós mesmos destinos cós fondos fundacionais e as reservas da entidade.

2. Poderán emitirse cotas participativas de distinta clase ou serie, determinándose regulamenta

riamente os dereitos correspondentes a cada unha delas.

3. As cotas confírenlles ós seus subscritores, como mínimo, o dereito a percibi-la retribución que anualmente fixe a asemblea xeral; a obter, como máximo, o reembolso do seu valor no caso de liquidación da caixa; e a subscribir, con carácter preferente, cotas nas novas emisións.

4. As cotas carecen de todo dereito político, e non lles darán, en ningún caso, dereito ós seus subscritores a participar nos órganos de goberno da caixa emisora.

5. Correspóndelle á asemblea xeral determina-la retribución das cotas participativas, logo de autorización da Consellería de Economía e Facenda, que poderá establecer limitacións a tal retribución.

6. As caixas que emitan cotas participativas comunicaranlle á Consellería de Economía e Facenda a relación de subscritores.

Artigo 19º.-Fondo de estabilización.

1. Se o acordo de emisión así o establece, a asemblea xeral poderá acorda-la constitución dun fondo de estabilización que teña por finalidade evitar que se produzan fluctuacións na retribución das cotas participativas.

2. Regulamentariamente determinaranse os requisitos materiais e formais do fondo de participación, do de reserva dos cotapartícipes e do fondo de estabilización.

Artigo 20º.-Financiamento subordinado.

Son financiamentos subordinados os recibidos pola entidade que, para efectos de prelación de créditos, se sitúen tras tódolos acredores comúns, sempre que o prazo orixinal de tales financiamentos non sexa inferior a cinco anos e o prazo remanente ata o seu vencemento non sexa inferior a un ano.

Capítulo III

Impugnación de acordos, libro de actas e responsabilidade dos conselleiros

Artigo 21º.-Impugnación de acordos.

1. Poderán ser impugnados os acordos tanto da asemblea xeral coma do Consello de Administración que sexan contrarios á lei, se opoñan ós estatutos ou lesionen os intereses da caixa.

2. Están lexitimados para impugna-los acordos os conselleiros que non asistisen á reunión na que se adoptou o acordo impugnado ou que, asistindo, fixesen consta-la súa oposición a este.

3. A acción de impugnación dos acordos deberá exercerse dentro do prazo de corenta días desde a aprobación da acta correspondente.

Artigo 22º.-Libro de actas.

As discusións e os acordos de cada sesión da asemblea e do Consello serán recollidos polo secre

tario nun libro de actas, que serán asinadas por este e polo presidente.

Artigo 23º.-Responsabilidade dos conselleiros.

1. Os membros do Consello de Administración responderán fronte á caixa, fronte á asemblea xeral e fronte ós depositantes e acredores do dano que causen por actos contrarios á lei ou ós estatutos ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeña-lo cargo.

2. Responderán solidariamente tódolos membros do órgano de administración que realizou o acto ou adoptou o acordo lesivo, menos os que proben que, non intervindo na súa adopción e execución, descoñecían a súa existencia ou, coñecéndoa, fixeron todo o que conviña para evita-lo dano ou, polo menos, se opuxeron expresamente a aquel.

Capítulo IV

Fusión, disolución e liquidación

Artigo 24º.-Clases de fusión.

As caixas de aforros poderán fusionarse:

a) Mediante creación dunha nova caixa de aforros e extinción das entidades que se fusionan, que transferirán en bloque os seus patrimonios á entidade de nova creación.

b) Mediante absorción, en virtude da cal as caixas absorbidas transferirán en bloque os seus patrimonios á caixa absorbente, producíndose igualmente a extinción daquelas.

Artigo 25º.-Proxecto de fusión.

1. Os consellos de administración das caixas que pretendan fusionarse deberán elaborar e subscribir un proxecto de fusión.

2. Tal proxecto de fusión deberá conter, polo menos, os seguintes elementos:

a) A denominación, o domicilio e os datos identificadores da súa inscrición no Rexistro Mercantil de tódalas entidades participantes na fusión.

b) As contas anuais e o informe de xestión dos tres últimos exercicios das entidades participantes na fusión cos informes correspondentes dos auditores de contas.

c) Os estatutos vixentes das entidades participantes na fusión, incluído, se é o caso, o proxecto dos estatutos da nova entidade que se pretende crear.

d) A xustificación económica do proxecto de fusión, a organización resultante e o programa estratéxico da nova entidade que subscribirán os administradores das entidades participantes no proceso de fusión.

e) Os balances de fusión, o balance resultante e os termos da transmisión patrimonial que implica a fusión, expresando e xustificando as diferencias de valor que puidesen aparecer respecto do último balance aprobado e ó que se lle fixo auditoría.

f) O proxecto da escritura de constitución da nova entidade ou, se se trata de absorción, o texto íntegro das modificacións que se deban introducir na absorbente.

g) A data a partir da cal ha de ter vixencia a fusión e, polo tanto, o momento a partir do que as operacións efectuadas polas entidades que se extinguen se entenderán realizadas por conta da entidade absorbente ou da nova entidade que xurda da fusión.

h) Os órganos de goberno que se fagan cargo da nova entidade -ou da absorbente- ata que se produzan as correspondentes eleccións.

i) O informe de dous ou máis expertos independentes sobre o proxecto de fusión e sobre o patrimonio achegado polas entidades que se extinguen.

j) O texto do acordo de fusión que se someterá á consideración das respectivas asembleas generales.

3. O Consello de Administración de cada caixa estará obrigado a presentar para o seu depósito no Rexistro Mercantil un exemplar do proxecto de fusión.

Artigo 26º.-Acordo de fusión.

O acordo de fusión deberá ser adoptado independentemente pola asemblea xeral de cada unha das caixas de aforros que se fusionan. Para tal fin será necesaria a presencia, polo menos, das dúas terceiras partes dos seus membros, debendo votar a favor do acordo a metade máis un dos asistentes.

Artigo 27º.-Conselleiros generales.

Transitoriamente, nos casos de fusión, o número de conselleiros generales poderá alcanza-la suma dos conselleiros das caixas que se fusionan ata que, dentro do prazo que sinale o acordo de fusión, se constitúan os órganos definitivos da entidade resultante.

Artigo 28º.-Autorización das fusións.

1. As fusións deberán ser autorizadas pola Consellería de Economía e Facenda, logo de solicitude conxunta das entidades que pretenden a súa fusión.

2. Para concede-la autorización serán requisitos indispensables entre outros:

a) Que a entidade absorbida ou as que desexen fusionarse non estean en liquidación.

b) Que non se derive prexuízo para as garantías dos impositores ou acredores das caixas que pretendan integrarse.

3. Regulamentariamente determinaranse os requisitos, as condicións e o procedemento que se deberán cumprir no proceso de fusión.

Artigo 29º.-Causas de disolución.

1. As caixas de aforros disolveranse:

a) Por acordo da asemblea xeral adoptado polos dous tercios dos seus membros.

b) Por cumprimento do prazo fixado nos seus estatutos.

c) Como consecuencia da revogación da autorización, segundo a normativa básica.

d) Por fusión, calquera que sexa a modalidade.

e) Por calquera outra causa establecida nos estatutos.

2. A Xunta de Galicia, á vista da evolución do neto patrimonial e da solvencia da caixa, poderá inicia-lo oportuno expediente revogatorio de acordo co previsto na letra c) anterior.

Artigo 30º.-Autorización e rexistro da disolución.

1. Os acordos de disolución deberán ser ratificados pola Consellería de Economía e Facenda, a cal, de xulgalo necesario, poderá designar un interventor con capacidade suficiente para supervisar todo o proceso ata a extinción da caixa.

2. Os acordos de disolución inscribiranse no Rexistro Mercantil e no Rexistro de Caixas de Aforros Galegas, publicándose ademais no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, no Diario Oficial de Galicia e polo menos nun dos diarios de maior circulación na área operativa da caixa que se disolva.

Artigo 31º.-Liquidación.

1. Acordada validamente a disolución da caixa, iniciarase o período de liquidación, durante o cal esta conservará a súa personalidade xurídica.

2. Rematada a liquidación, os administradores elaborarán o balance final, que deberá ser subscrito, se é o caso, polo interventor e aprobado pola Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 32º.-Adxudicación dos bens.

1. A adxudicación dos bens resultantes da liquidación axustarase ó establecido na Lei de fundacións de interese galego.

2. Todo o anterior enténdese sen prexuízo do que estableza a normativa básica sobre o fondo de garantía de depósitos e outros sistemas de colaboración.

Título III

Intervencións públicas

Capítulo I

Principios generales

Artigo 33º.-Actividade financeira.

As caixas de aforros desenvolverán a súa actividade financeira con absoluta liberdade e independencia dentro do respecto ás leis.

A Xunta de Galicia coidará da transparencia dos mercados e da solvencia das entidades e establecerá os medios necesarios de protección ós clientes.

Artigo 34º.-Apertura de oficinas.

As caixas de aforros galegas poderán abrir oficinas en calquera parte do territorio do Estado sempre que cumpran as normas de solvencia establecidas e así llo comuniquen á Consellería de Economía e Facenda. Para tal fin e coa suficiente antelación, as caixas poñerán en coñecemento dela os seus plans de expansión.

A apertura de oficinas no estranxeiro requirirá a comunicación á Consellería de Economía e Facenda, sen prexuízo das competencias do Banco de España.

Artigo 35º.-Aspectos fundacionais.

A Xunta de Galicia realizará un labor de orientación en materia de obra benéfico-social, indicando as principais necesidades e prioridades, sen prexuízo da liberdade de cada caixa en canto á elección dos destinos concretos do gasto.

Capítulo II

Transparencia de mercado e protección ós clientes

Sección 1ª

Solvencia

Artigo 36º.-Información de solvencia.

1. As caixas de aforros deberán cumpri-los coeficientes de solvencia e as limitacións á actividade por razón de solvencia, de acordo coa normativa estatal de carácter básico e co previsto na presente lei.

2. Para estes efectos, a Consellería de Economía e Facenda poderá requirir canta información sexa necesaria para verificar tal cumprimento por parte da caixa ou, se é o caso, do grupo consolidable no que figure esta na cabeceira. Do mesmo xeito, poderá solicitar información daquelas persoas físicas ou xurídicas das que, polas súas relacións coa caixa de aforros ou co seu grupo, caiba presumir unha incidencia na situación xurídica, financeira ou económica da caixa de aforros ou do seu grupo consolidable.

Artigo 37º.-Risco de solvencia.

1. Sen prexuízo do cumprimento da normativa básica, cando unha caixa de aforros ou o seu grupo consolidable non acade os niveis mínimos de recursos propios esixidos ou vulnere as limitacións por razóns de solvencia, terallo que comunicar, coa maior brevidade posible, ó órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia, debendo adoptarse, nas condicións que regulamentariamente se determinen, as medidas necesarias para retornar ó cumprimento das normas infrinxidas.

2. Nos supostos do parágrafo anterior, a apertura de novas oficinas quedará sometida á autorización do órgano competente da Comunidade Autónoma, logo de informe favorable do Banco de España.

Artigo 38º.-Coordinación.

Para efectos de controla-lo cumprimento das normas de solvencia, a Comunidade Autónoma de Galicia actuará de forma coordinada cos organismos correspondentes do Estado.

Artigo 39º.-Autorización de determinados investimentos.

A Consellería de Economía e Facenda poderá establecer, en función dos recursos propios ou totais da caixa de aforros ou en relación cunha cantidade determinada, a necesidade de autorización previa para os investimentos en inmobles, accións, participacións ou outros activos monetarios, a concesión de grandes créditos ou a concentración de riscos nunha persoa ou grupo, sen prexuízo das competencias que a normativa básica lle atribúe ó Banco de España.

Sección 2ª

Transparencia de mercado

Artigo 40º.-Información pública.

A Xunta de Galicia establecerá a información que, como mínimo, e con carácter xeral, as caixas deben poñer á disposición de todo o público, así como a forma de facelo. Tal información poderá referirse a:

a) Orixe fundacional da caixa e membros do Consello de Administración.

b) Entidades xurídicas que, se é o caso, forman parte do grupo.

c) Operacións máis características que leva a cabo.

d) Custo efectivo e rendemento das operacións anteriores.

e) Ámbito territorial de actuación.

f) Grao de solvencia da entidade.

Artigo 41º.-Publicidade.

1. Requirirá previa e expresa autorización da Consellería de Economía e Facenda a publicidade realizada polas caixas de aforros galegas cando teña contidos económico-financeiros.

2. A publicidade carente de tales contidos será simplemente obxecto de comunicación á referida consellería, e poderá difundirse sen máis requisitos.

Artigo 42º.-Contratos e liquidacións.

De conformidade co previsto na normativa básica, a Consellería de Economía e Facenda poderá:

a) Establece-los requisitos que deban satisface-los contratos financeiros que subscriban cos seus clientes as caixas de aforros para protexe-los lexítimos intereses da clientela, tanto activa coma pasiva.

En todo caso, velarase para que o seu contido sexa claro, transparente e de fácil comprensión.

b) Impoñe-la entrega ó cliente dun exemplar do contrato, debidamente subscrito pola entidade.

c) Establece-los requisitos que deban satisface-las liquidacións periódicas que as caixas lles efectúan ós seus clientes.

Sección 3ª

Protección ó cliente

Artigo 43º.-Normas de seguridade.

As caixas de aforros galegas e as que operen no territorio de Galicia deberán observa-las normas de seguridade nas súas instalacións e formas de operar que estableza a Xunta de Galicia, sen prexuízo da normativa básica.

Artigo 44º.-Valedor do cliente.

1. A Federación Galega de Caixas de Aforros establecerá a figura do valedor do cliente, que se ocupará da defensa dos intereses e dereitos destes nas súas relacións con calquera das caixas de aforros operantes en Galicia.

2. A Xunta de Goberno da Federación Galega de Caixas de Aforros nomeará o valedor do cliente dentro dos doce meses seguintes á entrada en vigor da presente lei, entre persoas de recoñecido prestixio e independencia, con residencia habitual na Comunidade galega. O nomeamento farase por catro anos, e poderá ser reelixido unha soa vez.

3. O valedor do cliente terá as mesmas incompatibilidades que as leis lles impoñan ós conselleiros generales das caixas.

4. Nas oficinas das caixas de aforros informarase convenientemente o público da existencia do valedor do cliente e do procedemento que se debe seguir para formular, se é o caso, as reclamacións pertinentes.

Artigo 45º.-Oficina de reclamacións.

Na Consellería de Economía e Facenda crearase unha oficina de reclamacións, onde os clientes das caixas de aforros galegas poderán presenta-las súas queixas referidas ó incumprimento por parte daquelas de calquera das normas de disciplina.

As ditas queixas só se poderán formular cando fosen desestimadas polo valedor do cliente ou non fosen contestadas no prazo de dous meses.

Capítulo III

Política crediticia

Artigo 46º.-Investimento obrigatorio.

No marco da política monetaria e da ordenación do crédito do Estado, a Consellería de Economía e Facenda cualificará os activos en que as caixas de aforros con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia deberán materializa-las obrigas de investimento previstas en cada momento na lexislación vixente.

Artigo 47º.-Incentivos públicos.

1. A Xunta de Galicia, dentro das súas actuacións de política rexional, poderá subscribir acordos coas caixas de aforros co fin de favorece-lo financiamento daqueles sectores, áreas ou grupos económicos que, de acordo cos obxectivos de tal política autonómica, resulten prioritarios.

2. Na Lei de orzamentos de cada ano a Xunta de Galicia habilitará os créditos necesarios para subvenciona-los tipos de xuro ou asumir, en favor do prestatario, todo ou parte do risco que comporte a operación que se pretende estimular.

3. As axudas que poida establece-la Xunta de Galicia respectarán, en todo caso, a normativa vixente en materia de defensa da competencia.

Capítulo IV

A obra benéfico-social

Artigo 48º.-Contía das dotacións.

1. De acordo coa súa finalidade e natureza fundacional, as caixas destinarán a totalidade dos seus excedentes que non teñan que aplicarse a reservas por mandato legal á dotación de reservas voluntarias e á creación e mantemento de obras benéfico-sociais.

2. As dotacións á obra benéfico-social non poderán ser inferiores ás seguintes porcentaxes, que se aplicarán sobre os excedentes que por mandato legal non teñan que aplicarse a reservas:

a) A un 50 por 100 se o coeficiente de solvencia se encontra ó final do exercicio situado nunha porcentaxe inferior a un 12 por 100.

b) A un 55 por 100 se o coeficiente de solvencia se sitúa ó final do exercicio entre o 12 e o 14 por 100.

c) A un 60 por 100 se o coeficiente de solvencia está comprendido entre un 14 e un 16 por 100 ó final do exercicio a que a distribución do excedente se refire.

d) A un 65 por 100 se o coeficiente de solvencia se sitúa ó final do exercicio entre o 16 e o 18 por 100.

e) A un 70 por 100 se o coeficiente de solvencia excede ó final do exercicio o 18 por 100.

3. Para os efectos deste artigo, para medi-lo coeficiente de solvencia non se terán en conta dentro dos recursos propios computables os financiamentos subordinados.

4. A Xunta de Galicia, por decreto, e por proposta da Consellería de Economía e Facenda, oída a Federación Galega de Caixas de Aforros, poderá revisar ata un máximo de dez puntos porcentuais as porcentaxes das dotacións á obra benéfico-social subliñadas no número 2 anterior.

Dentro do máximo fixado no parágrafo anterior as revisións poderán acordarse cada dous anos, sen

que a primeira poida ter lugar en tanto non transcorresen dous anos contados desde a aprobación da presente lei.

5. En calquera dos casos recollidos nos puntos anteriores enténdese que se garantirá sempre o mantemento das obras benéfico-sociais que as caixas xa teñan en funcionamento nese momento, xa sexan estas exclusivas das caixas ou realizadas en colaboración con outras institucións.

6. Excepcionalmente, logo de xustificación da súa conveniencia, en función dos recursos propios e do coeficiente de solvencia, a Consellería de Economía e Facenda poderá autorizar unha distribución do excedente distinta da prevista nos números anteriores.

7. No caso de caixas que encabecen un grupo consolidable de entidades de crédito o excedente de referencia será o que resulte dos estados contables consolidados.

8. Correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda autoriza-los acordos aprobados pola asemblea xeral das caixas relativos á determinación dos excedentes e á súa distribución conforme a normativa aplicable.

Artigo 49º.-Destino da obra benéfico-social.

1. As dotacións que as caixas fagan á obra benéfico-social deberán destinarse a financiar investimentos ou a promocionar actividades que satisfagan algún dos seguintes requisitos:

a) Que favorezan o desenvolvemento cultural, educativo e socioeconómico de Galicia.

b) Que faciliten a integración social de colectivos marxinais.

c) Que favorezan, sobre todo, a grupos con baixos niveis de ingresos.

2. Para identificar aqueles proxectos concretos que puidesen constituí-los destinos da obra benéfico-social das caixas tomaranse como referencia os estudios e as análises existentes sobre a realidade socioeconómica de Galicia e aqueloutros que as propias caixas poidan realizar con especial referencia ó territorio que constitúe a súa zona de influencia.

En calquera caso deberanse ter en conta tamén aqueles proxectos que potencien os sinais de identidade de cada caixa.

3. As caixas que non tendo a súa sede social en Galicia conten con oficinas na Comunidade galega deben efectuar investimentos ou gastos en obra benéfico-social en Galicia, destinando para tal efecto como mínimo a parte do seu orzamento anual de obra benéfico-social proporcional ós recursos alleos captados en Galicia con respecto ó total da entidade.

4. Anualmente as caixas avaliarán en qué medida os proxectos realizados contribuíron a mellora-la situación económico-social de Galicia.

5. Á obra benéfico-social non xestionada directamente polas caixas seranlle aplicables os mesmos principios e criterios que á xestionada directamente.

Artigo 50º.-Proxectos de obras sociais.

1. As caixas de aforros realizarán obra benéfico-social propia, en colaboración con outras institucións públicas ou privadas e incluso entre varias caixas.

2. As caixas deberán xustifica-lo interese e os beneficios sociais dos proxectos de gasto en obras benéfico-sociais que pretendan levar a cabo, de acordo coa súa natureza e finalidade.

Artigo 51º.-O orzamento da obra benéfico-social.

1. O Consello de Administración de cada caixa, considerando os proxectos que de acordo co previsto no artigo 49 deban realizarse, elaborará o orzamento anual da obra benéfico-social, que deberá someterse á asemblea xeral, e comunicaráselle de seguido á Consellería de Economía e Facenda para os efectos previstos no artigo 48.8 desta lei.

2. Transcorrido o período orzamentario, o Consello renderá contas igualmente da súa execución.

Artigo 52º.-A xestión da obra benéfico-social.

As caixas, a través do Consello de Administración e da comisión da obra benéfico-social, deberán dispoñer dunha xestión profesionalizada dos investimentos da obra benéfico-social.

Título IV

Normas de control

Capítulo I

Obrigas de información

Artigo 53º.-Información que hai que subministrar.

1. As caixas de aforros estarán obrigadas a facilitarlle á Consellería de Economía e Facenda, na forma en que regulamentariamente se determine, toda a información que lles sexa requirida sobre a súa actividade e xestión.

2. Así mesmo, remitirán, na forma en que regulamentariamente se determine, copia de:

a) A información que obrigatoriamente teñan que ofrecerlle ó público en xeral, de acordo coas normas desta lei, e da contida na súa publicidade.

b) Os modelos dos contratos de adhesión que se subscribirán cos seus clientes e das liquidacións que practiquen.

c) As contas anuais e demais información esixida polas leis mercantís.

d) A información requirida polo Ministerio de Economía e Facenda e polo Banco de España.

Artigo 54º.-Informe do valedor do cliente.

O valedor do cliente elaborará anualmente un informe onde se recollerán tódalas incidencias da súa actividade así como as propostas que destas

puidesen derivarse, e deberalle remiti-lo dito informe á Consellería de Economía e Facenda.

Capítulo II

Mecanismos de control

Artigo 55º.-Coordinación e inspección.

No marco das bases aprobadas polo Estado sobre ordenación do crédito e a banca, e de acordo coas directrices da Xunta de Galicia, a Consellería de Economía e Facenda exercerá as funcións de inspección das caixas de aforros domiciliadas en Galicia, sen prexuízo das funcións que lle correspondan ó Banco de España.

Artigo 56º.-Auditorías.

1. As caixas de aforros deberán someter a auditoría externa os estados financeiros e as contas de resultados de cada exercicio, que lle remitirán á Consellería de Economía e Facenda.

2. A Consellería de Economía e Facenda poderá establece-lo alcance e o contido dos informes da auditoría.

Artigo 57º.-Inspección financeira.

1. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Facenda, controlará o cumprimento por parte das caixas do conxunto das normas legais que lles son aplicables, tanto as de carácter básico coma as complementarias e de desenvolvemento que se establecen na presente lei.

2. Para tal efecto a Xunta de Galicia poderá subscribi-los convenios oportunos co Banco de España co obxecto de coordina-las súas actuacións e minimiza-los custos indirectos do control sobre as entidades afectadas.

Artigo 58º.-Control das caixas con domicilio fóra de Galicia.

Sen prexuízo das competencias do Banco de España a Consellería de Economía e Facenda exercerá as funcións de disciplina, inspección e sanción das actividades realizadas en Galicia por caixas de aforros domiciliadas fóra do territorio desta Comunidade Autónoma.

Anualmente, as caixas ás que se refire o parágrafo anterior remitiranlle á Consellería de Economía e Facenda unha memoria explicativa da súa actividade económica, administrativa e social.

Título V

Réxime sancionador

Capítulo I

Infraccións

Artigo 59º.-Ámbito de aplicación.

As caixas de aforros sometidas á presente lei, así como as persoas que teñan cargos de administración ou dirección nelas, serán sancionadas polas infraccións que puidesen cometer, de acordo co disposto na presente lei.

Artigo 60º.-Clases de infraccións.

As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 61º.-Infraccións moi graves.

Constitúen infraccións moi graves:

a) A realización dos actos que a continuación se relacionan sen autorización, cando esta sexa preceptiva, ou sen observa-las condicións básicas fixadas nela:

1) Fusións, absorcións ou escisións que afecten ás caixas de aforros.

2) Adquisición, directa ou indirecta, de accións ou doutros títulos representativos do capital ou cesión dos seus dereitos políticos de:

a) Entidades de crédito españolas por outras persoas físicas ou xurídicas españolas ou estranxeiras, cando supoñan o control, de dereito ou de feito, daquelas ou o cambio neste.

b) Entidades de crédito estranxeiras, por entidades de crédito españolas ou entidade filial ou dominante destas.

3) Distribución de reservas, expresas ou ocultas.

4) Apertura de oficinas operativas no estranxeiro.

b) O exercicio de actividades alleas ó seu obxecto exclusivo legalmente determinado, bardante que teña un carácter simplemente ocasional ou illado.

c) A realización de actos ou operacións prohibidas por normas de ordenación e disciplina con rango de lei ou con incumprimento dos requisitos establecidos nelas, salvo que teña un carácter simplemente ocasional ou illado.

d) O incumprimento da obriga de somete-las súas contas anuais a auditoría de contas, conforme a lexislación vixente na materia.

e) A negativa ou resistencia á actuación inspectora, sempre que medie requirimento expreso e por escrito ó respecto.

f) A falta de remisión ó órgano administrativo competente de cantos datos ou documentos deban remitírselle ou requira no exercicio das súas funcións, ou a falta de veracidade neles, cando con isto se dificulte a apreciación da solvencia da entidade. Para os efectos desta letra entenderase que hai falta de remisión cando esta non se produza dentro do prazo concedido para o efecto polo órgano competente ó recordar por escrito a obriga ou reitera-lo requirimento.

g) O incumprimento do deber de veracidade informativa debida ós depositantes, prestamistas e ó público en xeral, sempre que polo número de afectados ou pola importancia da información o incumprimento poida considerarse como especialmente relevante.

h) A realización de actos fraudulentos ou a utilización de persoas físicas ou xurídicas interpostas coa finalidade de conseguir un resultado no que a obtención directa implicaría a comisión de, polo menos, unha infracción grave.

i) As infraccións graves cando durante os cinco anos anteriores á súa comisión lle fose imposta á entidade de crédito sanción firme polo mesmo tipo de infracción.

Artigo 62º.-Infraccións graves.

Constitúen infraccións graves:

a) A realización de actos ou operacións sen autorización, cando esta sexa preceptiva, ou sen observa-las condicións básicas daquela, bardante nos casos en que isto supoña a comisión dunha infracción moi grave de acordo coa letra a) do artigo anterior.

b) A ausencia de comunicación, cando esta sexa preceptiva, nos supostos enumerados na letra a) do artigo anterior e nos casos en que esta se refire á composición dos órganos de administración da entidade.

c) O exercicio mesmo ocasional ou illado de actividades alleas ó seu obxecto exclusivo legalmente determinado.

d) A realización mesmo ocasional ou illada de actos ou operacións prohibidas por normas de ordenación e disciplina con rango de lei ou con incumprimento dos requisitos establecidos nelas.

e) A realización de actos ou operacións con incumprimento das normas dictadas ó amparo do número 2 do artigo 48 da Lei 26/1988, do 29 de xullo.

f) O incumprimento das normas vixentes en materia de límites de riscos ou de calquera outra que impoña limitacións cuantitativas, absolutas ou relativas, ó volume de determinadas operacións activas ou pasivas.

g) A falta de remisión ó órgano administrativo competente dos datos ou documentos que se deban remitir ou que este requira no exercicio das súas funcións, así como a falta de veracidade neles, salvo que isto supoña a comisión dunha infracción moi grave. Para os efectos desta letra entenderase que hai falta de remisión cando esta non se produza dentro do prazo concedido para o efecto polo órgano competente ó recordar por escrito a obriga ou reitera-lo requirimento.

h) A falta de comunicación por parte dos administradores á asemblea xeral daqueles feitos ou circunstancias dos que a comunicación a aquela fose ordenada polo órgano administrativo facultado para isto.

i) O incumprimento do deber de veracidade informativa debida ós depositantes, prestamistas ou ó público en xeral, cando non concorran as circunstancias a que se refire a letra g) do artigo anterior.

j) As infraccións leves cando durante os dous anos anteriores á súa comisión lle fose imposta á caixa de aforros sanción firme polo mesmo tipo de infracción.

Artigo 63º.-Infraccións leves.

Constitúen infraccións leves aquelas infraccións ás normas de ordenación e disciplina que non constitúen infracción grave ou moi grave conforme o disposto nos artigos anteriores.

Artigo 64º.-Prescrición.

1. As infraccións moi graves e as graves prescribirán ós cinco anos e as leves ós dous anos.

2. En ámbolos casos, o prazo de prescrición contarase desde a data en que a infracción foi cometida. Nas infraccións derivadas dunha actividade continuada, a data inicial do cómputo será a de finalización da actividade ou a do último acto co que a infracción se consume.

3. A prescrición interromperase pola iniciación, co coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, volvendo corre-lo prazo se o expediente permanecese paralizado durante seis meses por causa non imputable a aqueles contra os que se dirixía.

Capítulo II

Sancións

Artigo 65º.-Sancións á entidade.

Nos supostos a que se refiren os artigos da sección anterior serán aplicables as seguintes sancións á caixa de aforros:

1) Pola comisión de infraccións moi graves:

a) Multa por importe de ata o 1 por 100 dos seus recursos propios ou ata 5.000.000 de pesetas, se aquela porcentaxe fose inferior a esta cifra.

b) Revogación da autorización da entidade, con exclusión do Rexistro de Caixas de Aforros de Galicia.

2) Pola comisión de infraccións graves:

a) Amoestación pública.

b) Multa por importe de ata o 0,5 por 100 dos seus recursos propios ou ata 2.500.000 pesetas, se aquela porcentaxe fose inferior a esta cifra.

3) Pola comisión de infraccións leves:

a) Amoestación privada.

b) Multa por importe de ata 1.000.000 de pesetas.

Artigo 66º.-Outras sancións.

Ademais das sancións previstas no artigo anterior que corresponda impoñerlle á caixa de aforros pola comisión de infraccións moi graves, impoñeráselle unha das seguintes sancións a quen exercendo cargos de administración ou dirección nela sexa responsable da infracción:

a) Multa a cada responsable por importe non superior a 10.000.000 de pesetas.

b) Suspensión no exercicio do cargo por prazo non superior a tres anos.

c) Separación do cargo, con inhabilitación para exercer cargos de administración ou dirección na mesma entidade de crédito, por un prazo máximo de cinco anos.

d) Separación do cargo, con inhabilitación para exercer cargos de administración ou dirección en calquera entidade de crédito, por un prazo máximo de dez anos.

Malia o disposto no apartado anterior, no caso de imposición das sancións previstas nas letras c) e d) deste, poderá impoñerse simultaneamente a sanción prevista na súa letra a).

Pola comisión de infraccións graves impoñeráselle unha das seguintes sancións a quen exercendo cargos de administración ou dirección na caixa sexa responsable da infracción:

a) Amoestación privada.

b) Amoestación pública.

c) Multa a cada responsable por importe non superior a 5.000.000 de pesetas.

d) Suspensión temporal no cargo por un prazo non superior a un ano.

Malia o disposto no apartado anterior, no caso de imposición da sanción prevista na letra d) deste, poderá impoñerse simultaneamente a sanción prevista na súa letra c).

Artigo 67º.-Criterios de graduación.

1. As sancións aplicables a cada caso pola comisión de infraccións moi graves, graves ou leves determinaranse atendendo os seguintes criterios:

a) A natureza e entidade da infracción.

b) A gravidade do perigo ocasionado ou do prexuízo causado.

c) As ganancias obtidas, se é o caso, como consecuencia dos actos ou omisións constitutivos da infracción.

d) A importancia da entidade de crédito correspondente, medida en función do importe total do seu balance.

e) As consecuencias desfavorables dos feitos para o sistema financeiro ou a economía nacional.

f) A circunstancia de que se procedese á reparación da infracción por propia iniciativa.

g) A conducta anterior da entidade en relación coas normas de ordenación e disciplina que a afecten, atendendo as sancións firmes que lle fosen impostas durante os últimos cinco anos.

2. Para determina-la sanción aplicable entre as previstas no artigo anterior, tomaranse en consideración, ademais, as seguintes circunstancias:

a) O grao de responsabilidade nos feitos que concorra no interesado.

b) A conducta anterior do interesado na mesma ou noutra entidade de crédito en relación coas normas de ordenación e disciplina, tomando en consideración para o efecto as sancións firmes que lle fosen impostas durante os últimos cinco anos.

c) O carácter de representación que o interesado posúa.

Capítulo III

Responsables

Artigo 68º.-Responsables.

1. Quen exerza na caixa de aforros cargos de administración ou dirección será responsable das infraccións moi graves ou graves cando estas sexan imputables á súa conducta dolosa ou neglixente.

2. Malia o sinalado no apartado anterior, serán considerados responsables das infraccións moi graves ou graves cometidas polas entidades de crédito os seus administradores ou membros dos seus órganos colexiados de administración, bardante nos seguintes casos:

a) Cando quen forme parte de órganos colexiados de administración non asistise por causa xustificada ás reunións correspondentes, ou votase en contra ou salvase o seu voto en relación coas decisións ou acordos que desen lugar ás infraccións.

b) Cando tales infraccións sexan exclusivamente imputables a comisións executivas, directores generales ou órganos asimilados, ou a outras persoas con funcións directivas na entidade.

Artigo 69º.-Competencia sancionadora.

1. De conformidade co disposto no artigo 42 da Lei 26/1988, do 29 de xullo, de disciplina e intervención das entidades de crédito, a Xunta de Galicia exercerá a postestade sancionadora sobre as infraccións definidas nesta lei.

2. A imposición de sancións por infraccións leves e graves corresponderalle á Consellería de Economía e Facenda. A imposición de sancións por infraccións moi graves corresponderalle á Xunta de Galicia.

3. A proposta de resolución dos expedientes será obxecto de informe polo Banco de España cando se trate de infraccións graves ou moi graves.

4. Cando os órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia teñan coñecemento de feitos sancionables exclusivamente pola Administración do Estado, poñerano en coñecemento do Banco de España.

Artigo 70º.-Suspensión e intervención.

1. A suspensión dos órganos de goberno e da dirección das caixas de aforros e a intervención destas

serán decretadas polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda ou do Banco de España, se é o caso, cando así o aconsellen situacións de grave irregularidade administrativa ou económica. Por motivo de urxencia poderá decretalas o conselleiro de Economía e Facenda, quen someterá o acordo á ratificación do Goberno da Comunidade Autónoma.

2. Tamén poderá decretarse a intervención logo de petición fundamentada dos órganos de goberno da propia caixa de aforros.

3. O acordo de intervención conterá as razóns e o alcance e limitacións deste, será publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado e inscribirase nos rexistros correspondentes.

4. En caso de intervención os gastos causados por esta serán a cargo da caixa afectada.

Artigo 71º.-Procedemento sancionador.

O procedemento e o réxime sancionador serán desenvolvidos regulamentariamente, tendo en conta os principios básicos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Título VI

Órganos asociativos

Capítulo único

Federación Galega de Caixas de Aforros

Artigo 72º.-Federación Galega de Caixas de Aforros.

As caixas de aforros con domicilio social en Galicia agruparanse nunha federación que terá personalidade xurídica, e coas seguintes finalidades:

a) Te-la representación das caixas ante os poderes públicos.

b) Procura-la captación, a defensa e a difusión do aforro e orienta-los investimentos das caixas de aforros conforme as normas generales sobre investimento territorial.

c) Promover e coordina-la prestación de servicios técnicos e financeiros.

Artigo 73º.-Xunta de Goberno e Secretaría Xeral.

1. A Federación Galega de Caixas de Aforros estará rexida por unha Xunta de Goberno e pola Secretaría Xeral.

A Xunta de Goberno estará integrada por dous representantes de cada unha das caixas federadas, que serán os seus respectivos presidente e director xeral. O Goberno da Comunidade Autónoma, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, poderá ademais nomear un representante en tal Xunta, con voz e voto.

2. Os acordos serán vinculantes e tomaranse por maioría de votos presentes ou representados, na forma que determinen os estatutos, os cales poderán prever tamén a necesidade de voto unánime para

determinadas materias. Os estatutos poderán preve-la emisión de votos ponderados.

Artigo 74º.-Estatutos.

1. Os estatutos da Federación Galega de Caixas de Aforros serán aprobados pola Consellería de Economía e Facenda.

2. Os estatutos fundacionais da Federación Galega de Caixas de Aforros terán que ser propostos polas caixas, logo de acordo que represente como mínimo a maioría de dous tercios dos seus depósitos de clientes referidos ó último balance anual pechado.

Disposición adicional

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Facenda, habilitará os medios materiais e persoais necesarios para lle dar cumprimento a todo o disposto na presente lei.

En especial, procederá:

a) A crear unha unidade administrativa dedicada ó seguimento e control da actividade das caixas de aforros nos termos dispostos por esta lei e polas normas que a desenvolvan.

Tal unidade administrativa deberá dispoñer, ademais, dos medios persoais especializados para levar a cabo as actuacións de control e inspección financeira previstas.

b) A crear unha oficina de reclamacións de clientes, segundo o dito no artigo 45 desta lei.

c) A adopta-las medidas oportunas para proceder ó nomeamento do valedor do cliente, previsto no artigo 44 desta lei.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as leis 7/1985, do 17 de xullo, de caixas de aforros galegas, e 6/1989, do 10 de maio, que modifica a Lei 7/1985, salvo os artigos números 22 ó 24 e 26 ó 48 da Lei 7/1985 e as modificacións a estes artigos recollidas na Lei 6/1989, referentes ós órganos de goberno.

Igualmente quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou menor rango se opoñan ó previsto na presente lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Xunta de Galicia para que, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, elabore un texto refundido da presente lei, incorporándolle a este os artigos vixentes das leis 7/1985, do 17 de xullo, de caixas de aforros galegas, e 6/1989, do 10 de maio.

Segunda.-Autorízase a Xunta de Galicia para dicta-las disposicións que sexan convenientes para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Terceira.-A presente lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

96-4568