Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 21 de xuño de 1996 Páx. 6.174

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 1996, da Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do encoro de Caldas de Reis no río Umia (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de declaración do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega do Medio Ambiente, do 23 de maio de 1996, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do encoro de Caldas de Reis no río Umia (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, da Xunta de Galicia, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 1996.

Emilio García Gallego

Director xeral de Obras Públicas e Transportes

ANEXO

Acordo do 23 de maio de 1996, da Comisión Galega do Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do encoro de Caldas de Reis no río Umia (Pontevedra), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas e Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

No Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de declaración de impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro de 1990), da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, establécese a obriga de formular declaración de impacto ambiental (DIA) con carácter previo á resolución administrativa a adoptar polo órgano substantivo para a autorización da actividade obxecto do proxecto.

O proxecto de directrices do Plan Hidrolóxico das Concas de Galicia-Costa, aprobado inicialmente polo conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas o 29 de setembro de 1993, e sometido a información pública mediante anuncio publicado no BOE nº 236 do día 2 de outubro do ano 1993, indicaba no apartado V, «asignación e reserva de recursos», que era precisa e prioritaria a regulación do río Umia

mediante a construcción dun encoro en Caldas de Reis que, como mínimo, debería ter unha capacidade de 5 hm para a garantía de abastecemento da demanda urbana e industrial. Estudios posteriores analizaron distintas capacidades de encoro, considerando como óptima a de 6,28 hm en razón á garantía que proporciona, así como a non afección a edificacións de importancia.

Co obxecto de acada-la referida regulación do río Umia a Dirección Xeral de Obras Públicas, a través da Subdirección Xeral de Infraestructuras Hidráulicas redactou o anteproxecto da presa de Caldas de Reis no río Umia (Pontevedra), que consta dos seguintes documentos:

-Memoria, con 10 anexos, entre os que se atopa o anexo co estudio de impacto ambiental, e o anexo co parcelario.

-Planos.

-Orzamento.

Trátase de construír un encoro de formigón cunha capacidade de encoro de 6,28 hm. A presa prevista sobre o río Umia ten unha altura máxima de 38,50 m e unha lonxitude de coroación de 160,49 m, e o seu destino previsto é a regulación do río para abastecemento e rega.

A localización do encoro no lugar previsto determinouse en función das características xeolóxicas e morfólóxicas do emprazamento, así como considerando os estudios e proxectos realizados pola Confederación Hidrográfica do Norte de España nos anos 70, para o «Proxecto de abastecemento de auga á mancomunidade do río Umia en Pontevedra (1ª fase)». Así mesmo tívose en conta o resultado do «Estudio de esquemas alternativos para o control das inundacións en Caldas de Reis» (novembro de 1991) e o «Estudio e deseño das solucións para controla-las inundacións en Caldas de Reis» (novembro 1993).

Con data do 17 de outubro de 1995, o director xeral de Obras Públicas aprobou tecnicamente o anteproxecto da presa de Caldas de Reis.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 3 do Decreto 442/90, do 13 de setembro, de declaración do impacto ambiental para Galicia, someteuse a información pública, durante 30 días, o estudio de impacto ambiental, mediante anuncio publicado no BOE número 19.571, do 1 de novembro de 1995, no DOG número 212, do 6 de novembro de 1995, e nos xornais: Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Diario de Pontevedra do día 3 de novembro de 1995.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda recibiu, como resultado do período de información pública ó que se someteu o expediente, 27.135 alegacións, feitas por 7.260 alegantes diferentes. Das alegacións recibidas, 99 corresponden ó expediente de expropiacións. Estas 99 alegacións foron efectuadas por 68 alegantes diferentes. Polo tanto as alegacións ambientais son 27.036, e os alegantes ambientais 7.192.

Da análise do expediente de información pública do estudio de impacto ambiental, despréndese que se realizaron as alegacións que en resumo se reflexan na táboa seguinte:

Alegacións que responden a un modelo tipo:

TipoTotal

1 5.248
21.868
33.415
43.417
53.188
63.168
73.408
81.327
960
101.811
1147
1245
Suma alegacións tipo27.002

.Alegacións xerais que non seguen modelos tipo:34.

No anexo IV da presente declaración de impacto ambiental analízanse de forma resumida estas.

Consúltase, así mesmo, as seguintes direccións xerais: Industria, Calidade Medioambiental e Urbanismo, Saúde Pública, Montes e Medio Ambiente Natural e Patrimonio Histórico e Documental.

Do contido das respostas recibidas cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental sinala que no inventario de xacementos arqueolóxicos de Galicia non consta catalogado ningún xacemento arqueolóxico dentro do perímetro que abrangue o proxecto, polo que no ámbito arqueolóxico non existe ningún impedimento en relación ó referido expediente.

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa favorablemente sobre o expediente, sinalando que debe cumpri-la Orde do 11 de maio de 1988, no referente á producción de auga potable, así como que durante a construcción e explotación do encoro deben controlarse os vertidos líquidos e sólidos con efecto de non afecta-las captacións de auga potable feitas augas abaixo da obra.

A Dirección Xeral de Industria informa favorablemente sobre o proxecto.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo informa favorablemente sobre o expediente.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa favorablemente sobre o expediente, solicitando a execución dunha torre de toma que permita o desaugamento do encoro en distintas profundidades, así como a execución de tres pequenas infraestructuras para preservación da fauna fluvial. Así mesmo establece os seguintes caudais ecolóxicos:

-Novembro a febreiro4.500 l/s.-Marzo4.000 l/s.-Abril3.500 l/s.-Maio3.000 l/s.-Xuño2.500 l/s.-Xullo-setembro2.100 l/s.-Outubro3.000 l/s.

Os devanditos caudais poderán diminuírse en anos excepcionais se a situación dos caudais circulantes así o aconsellase. Así mesmo, o informe indica que para o resto da fauna deben terse en conta medidas de mellora da vexetación ripícola nas zonas de confluencia do encoro e, polo menos, 3 km augas arriba do curso principal (poboación de loutras). É necesario restaura-las áreas de bosque autóctono e evitar descontinuidades para a fauna motivadas pola presa a través de zonas arborizadas que marquen unha continuidade augas arriba e abaixo, evitando rupturas físicas insalvables.

Rematado o prazo de información pública e analizada-las alegacións, a Dirección Xeral de Obras Públicas remitiu expediente á Secretaría Xeral de Protección Civil e o Medio Ambiente. Cumprida a tramitación, a Comisión Galega de Medio Ambiente en exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/1990, formula a declaración de impacto ambiental da presa de Caldas de Reis no río Umia, sita nos termos municipais de Caldas, Cuntis e Moraña, provincia de Pontevedra, promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, e o órgano ambiental é a Comisión Galega de Medio Ambiente.

O contido dos anexos desta declaración é o seguinte:

Anexo I.-Resultado das consultas realizadas.

Anexo II.-Descrición das obras proxectadas.

Anexo III.-Resumo e análise do estudio de impacto ambiental.

Anexo IV.-Resultado da información pública.

Anexo V.-Resumo do estudio da posible afección da presa de Caldas de Reis sobre as augas termais.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental, as seguintes con

dicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

1. Explotación da presa:

A capacidade de desaugamento do encoro (aliviadoiro ou desaugadoiro) deberá garantir un caudal mínimo de acordo coa seguinte relación en función dos meses do ano:

-Novembro a febreiro4.500 l/s.-Marzo4.000 l/s.-Abril3.500 l/s.-Maio3.000 l/s.-Xuño2.500 l/s.-Xullo-setembro2.100 l/s.-Outubro3.000 l/s.

Deste xeito garantiranse as condicións ambientais da fervenza de Segade, así como o caudal circulante para o mantemento da ictiofauna e asegura-los usos consuntivos que se orixinan augas abaixo.

En situacións hidrolóxicas extremas, e co obxecto de garanti-los usos consuntivos augas abaixo, o caudal ecolóxico poderase modificar con respecto ás cifras anteriores, sempre baixo o control da Administración hidráulica competente.

2. Protección do sistema hidrolóxico:

Proxectaranse e realizaranse as medidas necesarias para impedi-los vertidos e minimizar arrastres por escorrentía e/ou erosión e lixivacións de calquera tipo de material por causa da obra ou a súa explotación. De igual maneira a execución da obra levarase a cabo sen que se produzan encoramentos ou augas mortas.

As zonas de préstamos, en subálveos, regatos, etc., requirirán previa autorización administrativa aprobada pola Comisión Galega do Medio Ambiente.

3. Localización de canteiras, vertedeiros e defensa contra a erosión. Recuperación ambiental e integración paisaxística da obra:

Delimitaranse as zonas de extracción, así como de entulleiras. Proxectaranse e realizaranse as medidas sinaladas no documento de impacto ambiental, poñendo especial atención nas áreas da pechada, canteiras, entulleiras e instalacións auxiliares.

Nos labores de restauración utilizaranse especies vexetais autóctonas presentes no territorio.

As accións de restauración e recuperación ambiental coordinaranse e simultanearanse, espacial e temporalmente, coas propias da obra, sendo necesaria para a emisión do acta de recepción definitiva a súa execución total.

4. Protección do patrimonio histórico:

De acordo co informe da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, non consta ningún xacemento arqueolóxico catalogado no ámbito da obra. En caso da súa aparición, porase en coñecemento

da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental e do Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

5. Calidade das augas:

Levarase a cabo un control da calidade das augas con especial atención ós parámetros indicadores da súa potabilidade, xa que a auga do encoro se destinará a usos consuntivos de abastecemento a poboacións situadas augas abaixo. Durante a fase de construcción controlarase e vixiarase especialmente os vertidos para evita-la afección das captacións de auga que se realizan augas abaixo. En calquera caso a realización de vertidos deberá contar coa autorización previa do organismo competente.

6. Protección da fauna:

Para asegura-la non afección da obra ó desenvolvemento da vida piscícola, deberase mante-lo caudal circulante indicado no punto primeiro da presente declaración de impacto ambiental.

7. Protección do hábitat de ribeira:

Para a preservación do hábitat que se desenvolve nas ribeiras do Umia, levaranse a cabo medidas compensatorias consistentes na restauración dos estratos arbóreos e arbustivos da ribeira do río e a rexeneración dos soutos e bosques de galería afectados. Nestes aspectos terase en conta ó indicado no informe da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

Para a deforestación do vaso, redactarase un proxecto de extracción que asegure a afección mínima.

8. Servicios afectados:

Levarase a cabo, simultaneamente á execución das obras, a realización dos proxectos de reposición de servicios afectados, en especial, vías de comunicación, zonas recreativas ou calquera outra servidume que durante a execución da obra se detecte.

9. Documentación adicional:

Unha vez redactado o proxecto constructivo e antes do comezo das obras, a Dirección Xeral de Obras Públicas remitirá á Secretaría Xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente un escrito certificando que o referido proxecto se axusta ás prescricións desta declaración de impacto ambiental e un informe sobre o seu contido e conclusións.

10. Seguimento e vixilancia:

Redactarase un programa de vixilancia ambiental para o seguimento e control dos impactos e da eficacia das medidas correctoras establecidas no estudio de impacto ambiental e nas condicións desta declaración. Nel detallarase o modo de seguimento das actuacións e describirase o tipo de informes e a frecuencia e período da súa emisión.

Os informes deberán remitirse á Comisión Galega do Medio Ambiente a través da Dirección Xeral de Obras Públicas que acreditará o seu contido e conclusións.

O programa incluirá a remisión dos seguintes informes:

a) Durante a execución das obras, cada período de seis meses contados a partir da data da acta de replan

teo, un informe relativo á aplicación de medidas preventivas e correctoras relativas a protección da calidade da auga, explotación de canteiras e voaduras, e vertedoiros e entulleiras.

b) Antes de subscribirse a acta de recepción provisional da obra, informe pormenorizado das medidas correctoras e compensatorias realmente executadas.

c) Antes de subscribirse a acta de recepción definitiva das obras, informe sobre o desmantelamento das instalacións e das medidas de recuperación ambiental e integración paisaxística das áreas afectadas realmente executadas.

d) Durante os cinco primeiros anos de explotación do encoro, informe sobre a eficacia das medidas correctoras, compensatorias e de recuperación ambiental e integración paisaxística.

Emitirase un informe especial cando se presenten circunstancias ou sucesos excepcionais que impliquen deterioracións ambientais ou situacións de risco, tanto na fase de construcción como na de funcionamento.

Do exame desta documentación por parte da Comisión Galega do Medio Ambiente poderán derivarse modificacións das actuacións previstas en función dunha mellor consecución dos obxectivos da presente declaración de impacto.

11. Condicións adicionais:

11.1. O órgano substantivo fixará un aval, para garanti-lo cumprimento do plan de restauración, e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado.

11.2. As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA), son de obrigado cumprimento.

11.3. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega do Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e estas se corrixan.

11.4. O órgano substantivo (neste caso promotor) asumirá a responsabilidade da correcta execución do proxecto de construcción definitivamente aprobado.

11.5. O órgano ambiental da Xunta de Galicia, a Comisión Galega do Medio Ambiente, no desenvolvemento das súas funcións, poderá exercer labores de inspección ambiental e toma-las medidas pertinentes, no caso de observarse anomalías ou incorrecta execución das obras, o que lle comunicará ó órgano substantivo para a súa corrección.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 1996.

Visto e prace

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente da Comisión Galega do Medio Ambiente

Jose Luís Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente

ANEXO I

1. Resultado das consultas realizadas.

Relación consultasResposta recibida

-Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e UrbanismoX
-Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente NaturalX
-Dirección Xeral de Saúde PúblicaX
-Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e DocumentalX
-Dirección Xeral de IndustriaX
-Concello de Caldas de ReisX
-Concello de CuntisX
-Concello de MorañaX

2. Resumo dos escritos da contestación.

Nos antecedentes da declaración do impacto ambiental resúmense as respostas dadas polas direccións xerais que remitiron observacións. Os concellos efectuaron alegacións que se analizan no anexo IV.

ANEXO II

-Descrición das obras proxectadas.

O encoro sitúase sobre o río Umia, augas arriba da fervenza de Segade, o encoro previsto afecta ós termos municipais de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.

A conca vertente é de 192 km; proxéctase unha presa de fábrica, de gravidade, planta recta, executada con formigón compactado, de sección trapecial. A lonxitude de coroación é de 160,49 m, a cota de coroación é de 126,50 m, e a altura da presa é de 38,5 m.

A cota de máximo encoro normal é de 122 m, cun volume encorado de 6,28 hm, ocupando unha superficie de 81,6 ha. A presa dispón dun aliviadoiro en coroación de catro vans de 18 m de lonxitude e unha canal de descarga de perfil tipo Creager converxente. Dispón de dous conductos para desaugamento de fondo a cota + 99,0, o caudal máximo de desaugamento destes é de 41,6 m/s.

Conxuntamente coa execución da presa, está prevista a construcción da estrada de acceso, as reposicións das vías de comunicación afectadas, así como a execución de dúas zonas de recreo nas marxes do encoro creado.

Con este encoro conseguirase asegura-la demanda de usos consuntivos que se produzan augas abaixo

da súa localización. De acordo cos estudios hidrolóxicos efectuados, a garantía, para un caudal de 1,5 m/s, é do 99%.

No proxecto constructivo deseñarase a torre de toma para permiti-lo desaugamento a diferentes profundidades.

Xunto co encoro realizaranse as seguintes infraestructuras:

* Construcción dun capturadeiro de salmónidos e outras especies augas abaixo de Segade.

* Construcción dun capturadeiro de troitas na cola do encoro.

* Construcción dunha unidade de alevinaxe de salmónidos nun afluente augas arriba do encoro.

ANEXO III

-Resumo e análises do estudio do impacto ambiental.

Comeza cunha descrición dos antecedentes da obra e un resumo dos seus obxectivos: regulación para o abastecemento, existindo un 99% de garantía da demanda prevista, eliminación de pequenas enchentes, sen descarta-la posibilidade doutros usos como o de obtención de enerxía eléctrica.

Descríbense as características físicas da obra proxectadas, segundo quedaron resumidas no anexo II. A partir do anexo de expropiación exponse que a afección se extende a: 1.138.141 m, dous muíños un abandonado e outro recuperado, unha ponte, un local comercial e a área recreativa da Pontenova.

O réxime de funcionamento do encoro consiste na regulación dos caudais de estiaxe, xa que a aportación (290 hm) supera en moito a capacidade do encoro (6,28 hm), con esta regulación preténdese mante-lo caudal ecolóxico e asegura-lo abastecemento de poboacións situadas augas abaixo.

Procédese despois á definición ou caracterización do medio segundo distintos apartados: medio físico (clima, xeoloxía, edafoloxía, hidroloxía superficial, augas subterráneas, flora, fauna e paisaxe); procesos naturais (estabilidade das ladeiras do vaso, eutrofización e sismicidade) e medio socioeconómico (demografía e poboación, estructura económica, usos do solo, infraestructuras e patrimonio).

Defínese o clima como un clima húmido cun breve período de déficit hídrico nos meses de verán. A precipitación media é de 1800-1900 mm e a temperatura media de 14,5 ºC. A formación de néboas é frecuente.

Os solos son fundamentalmente terras pardas húmidas, con alta presión antrópica, xerados como consecuencia da meteorización do granito e dos depósitos aluviais.

O estudio hidrolóxico analizou varias estacións meteorolóxicas e toma como referencia a estación de medición de caudal de Caldas de Reis.

No estudio obtense unha aportación media de 290 hm e uns caudais de enchentes de 495 m/s para o período de retorno de 100 anos e de 752 m/s para o de 500.

A calidade das augas superficiais do río Umia na zona de Caldas de Reis considérase como boa a moi boa, dependendo do ano hidrolóxico (oscila o ICG entre 75-95). Detéctase nalgunhas épocas do ano a abundancia de xurro que afectan de forma puntual ás calidades da auga. A impermeabilidade do substrato fai que non existan augas subterráneas de consideración.

A vexetación potencial corresponde a series de carballos de carácter acidófilo.

A incidencia antropóxena favoreceu a substitución da vexetación autóctona (carballos, ameneiros, etc.) por especies de crecemento rápido (eucaliptos). A vexetación descríbese nun plano detallado; ademais realízase unha descrición e cuantificación da conca agrupándoa en pasto, matorreira, formacións edáfilas, bosque de frondosas, repoboacións, cultivos, ademais dun catálogo de especies vexetais.

Non se describen endemismos e destácanse como áreas para protexe-las fragas polo seu valor ecolóxico.

O estudio da fauna divídese en medio acuático e medio terrestre. Do medio acuático enuméranse as especies presentes no río Umia (troitas, barbos, anguía, lamprea, salmón e reo) aínda que a presencia dalgunhas delas está limitada polo efecto barreira que a fervenza de Segade representa. A fauna terrestre descríbese no biotopo vexetal no que se desenvolve (fraga, matorreira, pasto, matorreira-pasto-arboredo, zonas de cultivos, núcleos habitados, vexetación da ribeira e eucaliptares). Ademais realízase un inventario de especies, que nalgúns casos non corresponden coa zona de afección do proxecto.

Non se sinalan especies en perigo de extinción afectadas polo encoro e apúntase a lontra como especie de interese especial, aínda que se expoña que a súa afección non teña gran importancia porque a construcción do encoro, só obrigará a esta especie a unha mudanza a outro lugar para o seu desenvolvemento.

Na paisaxe defínense tres unidades paisaxísticas (paisaxe da presa de Caldas de Reis, paisaxe agraria e fervenza de Segade). Conclúese que as concas visuais son reducidas e de baixa fraxilidade pola súa facilidade de recuperación.

Dentro do apartado da paisaxe realízase a súa valoración por unidades paisaxísticas, segundo 5 niveis de protección, para o cal se levan a cabo tres valoracións: unha impresión subxectiva, outra impresión intrínseca e a expresión extrínseca. A valoración que se lle dá ás tres unidades paisaxísticas descritas son: paisaxe da presa de Caldas de Reis, (nivel IV), paisaxe agraria (nivel III) e fervenza de Segade (nivel V, máximo).

No apartado de procesos naturais analízase a inestabilidade das ladeiras, apuntándose a pouca incidencia nos procesos de enchido e baleirado do encoro debido a que se encontrará cheo habitualmente, aínda que se poida provocar algún esvaramento de importancia menor. En canto ós riscos de eutrofización non teñen importancia pola cantidade e calidade de auga, nembargantes pódense xerar problemas puntuais debido á utilización indiscriminada de xurro para a fertilización dos campos. Esta circunstancia xustifica o

seguimento e control en canto a calidade da auga da explotación do encoro. A sismicidade na zona de Caldas de Reis catalógase como baixa.

O medio socioeconómico analízase desde unha perspectiva histórica da evolución da poboación nos tres termos municipais afectados, observándose nos períodos recentes un crecemento negativo en Cuntis e Moraña, e positivo en Caldas de Reis. Prevese un mantemento da poboación ou crecemento lento. Con respecto a poboación activa, o sector económico máis representado é o de servicios ( 55,55%), sendo o concello máis industrializado o de Caldas de Reis. A referencia que neste apartado se fai a Puebla de Guzmán, froito dun erro, foi corrixido durante o período de información pública. Gran parte da poboación se dedica ó sector agrario, en xeral con carácter de autoconsumo, sendo as superficies de explotación moi reducidas. O sector gandeiro soporta gran parte do sector primario e ten certa importancia o gando de vacún e porcino.

Descríbense os usos do chan na zona afectada (agrario, gandeiro e forestal), menciónase como zona afectada a área recreativa de A Pontenova; será recuperada ademais de incorporarse outra nova zona recreativa na marxe esquerda, cerca de Baxe. En canto ó patrimonio, na zona do encoro, non se coñecen restos arqueolóxicos, pero será afectada a Ponte do Areal que quedará inundada.

No apartado IV.-Impacto ambiental do encoro sobre dos diferentes compoñentes do medio, faise unha enumeración dos impactos directos ou inducidos dos distintos compoñentes (clima, atmósfera e microclima; hidroloxía, augas superficiais, calidade da auga, augas subterráneas; xeoloxía e edafoloxía; flora e fauna; medio socioeconómico-poboación, calidade de vida, economía, actividades recreativas e medio cultural e paisaxe).

Unha vez realizada a enumeración dos impactos xerados pola execución do encoro, no apartado V lévase a cabo a identificación e valoración de impactos polo que se utiliza a matriz proposta polo comité técnico sobre grandes presas e medio ambiente. Da matriz dedúcense como afeccións máis destacables:

-Molestias durante a construcción da obra.

-Modificación dos terreos naturais e escorrentía.

-Erosión.

-Eliminación da cuberta vexetal no vaso e nas ribeiras do río.

-Presencia de sólidos en suspensión na auga durante as obras.

-Modificación do hábitat da fauna acuática.

-Modificación do hábitat da fauna ribeirega asociada ó medio acuático.

Por último valórase a afección da paisaxe por unidades paisaxísticas propoñendo distintas medidas correctoras para a súa atenuación. A unidade paisaxística nº 1 ten unha magnitude grave e proponse a minimización do impacto visual. Nesta unidade paisaxística noméase a Ribeira do Guadiana, o devandito erro foi corrixido durante o período de información pública. A unidade paisaxística nº 2 (paisaxe agraria) ten unha magnitude de grao medio e proponse o asen

tamento do estado natural. Para a unidade nº 3 (fervenza de Segade) dáselle o valor crítico e a súa proposta é o mantemento do estado natural.

Dentro do apartado VI.-«Propostas, medidas correctoras e preventivas», relaciónanse unha serie de medidas de carácter preventivo de aplicación durante as obras, así como unhas medidas correctoras e a creación de dúas áreas recreativas, unha nova e outra creada como reforma e adaptación da existente, afectada pola enchente do encoro.

As medidas propostas refírense a distintos apartados de afección, en resumo son:

-Remodelación de formas e volumes de entulleira.

-Revexetación de noiros e terrapléns.

-Adecuación ambiental nas instalacións de obra.

-Medidas preventivas encamiñadas á non contaminación da auga.

-Recuperación de marxes e ribeiras.

-Integración paisaxística.

-Deseño e propostas para as dúas áreas recreativas.

O estudio presenta un programa de vixilancia ambiental que desenvolve as condicións a cumprir durante a execución das obras, unha vez rematadas estas, co seu plan de desmantelamento, e as condicións de explotación, así como os niveis de control da calidade das augas.

-Análises do estudio.

O obxectivo do encoro de Caldas de Reis sobre o río Umia é consegui-la regulación do río e mellora-las garantías de abastecemento urbán e industrial, todo isto compatibilizado coa demanda ecolóxica do leito.

No estudio de impacto non se fai mención das posibles alternativas da obra, aínda que na memoria do proxecto se fai referencia a estudios anteriores que definiron a capacidade do encoro compatibilizando as garantías das demandas coa non afección das vivendas. Estúdiase por tanto unha presa, cunha localización xa definida por documentos de planificación e proxectos realizados en épocas pasadas.

Da lectura do estudio despréndese que a metodoloxía empregada ten carácter xeral e é semellante á realizada para outra presa da provincia de Huelva, xa que se detectaron erros ó citarse termos municipais, especies do inventario faunístico ou características sociais referentes a esta zona, corrixidas na súa maioría coa correspondente fe de erros, emitida o 13 de novembro de 1995 pola Subdirección Xeral de Infraestructuras Hidráulicas.

Do inventario ambiental hai que destacar que a descrición faunística de cada agrupación é distinta da do inventario faunístico onde aparecen especies non presentes na zona; sendo máis coherente a descrición faunística, aínda que de carácter xeral.

Existe un desequilibrio nalgúns epígrafes do estudio. En determinados apartados (climatoloxía, vexetación), recóllese unha abundante información descritiva e outros atópanse pobres e/ou confusos do contido. A cartografía pódese considerar completa así como os

planos de medidas correctoras encamiñadas á minimización de impactos e integración social da obra como foco recreativo.

As medidas correctoras, que en si son adecuadas, non desenvolven en detalle a súa entidade, aínda que queda aberto o seu desenvolvemento e definición completa para o proxecto do encoro de Caldas de Reis. Nembargantes o grao de desenvolvemento destas é suficiente para emiti-la correspondente declaración de impacto ambiental.

A metodoloxía de valoración de impactos, aínda que admitida debería relacionar e describi-las interaccións ecolóxicas coa obra, valorando os impactos de maneira máis sinxela e definíndose os impactos máis notables.

O condicionado proposto desta declaración pretende corrixir estas carencias.

ANEXO IV

RESULTADO DA INFORMACIÓN PÚBLICA

1. Resumo das alegacións presentadas.

Durante o período de información pública presentáronse 27.036 alegacións ambientais por parte de 7.192 alegantes diferentes.

-A alegación tipo 1, presentada por 5.248 persoas, pide a realización dun novo estudio que analice o efecto sobre as augas termais e o arquivo do expediente no caso de non garanti-la nula afección.

-A alegación tipo 2, presentada por 1.868 persoas, manifesta a súa oposición á obra por entender que a súa finalidade non é garanti-lo abastecemento, senón realizar un aproveitamento hidroeléctrico.

-A alegación tipo 3, presentada por 3.415 persoas, argumenta a súa oposición no risco potencial da presa, problemas de saúde e modificacións climáticas.

-A alegación tipo 4, presentada por 3.417 persoas, manifesta a súa oposición á obra por considerar que non é necesaria e que se pode consegui-la mellora da garantía de abastecemento con outras medidas.

-A alegación tipo 5, presentada por 3.188 persoas, manifesta a súa oposición á obra porque o encoro afectará negativamente a zonas verdes, zonas de esparexemento así como en monumentos, muíños, etc.

-A alegación tipo 6, presentada por 3.168 persoas, manifesta a súa oposición porque a construcción do encoro vai afectar á saude das persoas como consecuencia de cambios climáticos.

-A alegación tipo 7, presentada por 3.408 persoas, manifesta a súa oposición á obra por afectar a diversos monumentos históricos, así como porque coa construcción do encoro diminuirá o caudal circulante do río ó seu paso por Caldas de Reis.

-A alegación tipo 8, presentada por 1.327 persoas, manifesta a súa oposición á obra por entender que a solución ó abastecemento da comarca do Salnés se pode efectuar con medidas doutra natureza.

-A alegación tipo 9, presentada por 60 persoas, manifesta a súa oposición na posibilidade de que coa construcción do encoro se free o desenvolvemento turístico da zona.

-A alegación tipo 10, presentada por 1.811 persoas, manifesta a súa oposición pola posible afección ás augas termais de Cuntis, os posibles cambios climáticos, os efectos ambientais negativos, a posibilidade de resolve-lo problema de abastecemento ó Salnés con outras medidas, así como manifesta a súa oposición ó posible aproveitamento hidroeléctrico.

-A alegación tipo 11, presentada por 47 persoas, manifesta que o anteproxecto viola o artigo 45 da Constitución. Así mesmo póñense de manifesto os posibles riscos ante eventuais roturas, os cambios climáticos e a afección ás augas termais. Os alegantes solicitan o arquivo argumentando a repulsa social así como os erros que contén o documento.

-A alegación tipo 12, presentada por 45 persoas, manifesta a súa oposición por entender que se incumpre a normativa legal, afectarase ó medioambiente e ás augas termais, orixinaranse unha serie de riscos pola construcción da presa, polo que se solicita o arquivo do expediente.

-Xaquín Antón Vázquez pide a retirada total do proxecto conforme a Constitución española, o R.D. 849/1986, a Lei 29/1985 e o R.D. 1131/1988.

-José Ramón Vallesteros Landín e Dolores Refojos Rodríguez manifestan a súa oposición pola non inclusión das súas propiedades entre as afectadas. Así mesmo manifestan a súa oposición por considera-la obra innecesaria e por entender que o anteproxecto viola a normativa estatal e europea que lle é de aplicación. Manifestan, así mesmo, a súa oposición como consecuencia dos riscos ante unha eventual rotura e os posibles cambios climáticos, así como a posible afección ás augas termais pedindo a anulación do anteproxecto e o seu arquivo.

-Mª José Barros Zas manifesta a súa oposición pola posible afección do encoro á súa propiedade en caso de enchentes.

-Xoán-Xosé Búa Lado manifesta a súa total oposición pola agresión medioambiental, a afección ás augas termais de Caldas e Cuntis, os cambios climáticos, os posibles riscos ante fenómenos sísmicos, así como por viola-la normativa legal española e conter erros.

-Os concelleiros e presidentes locais do Partido Popular dos Concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña piden que se reduza a cota máxima da 126 a 124 e se amplíe a cota mínima da 116 á 118. Así mesmo piden que se realicen os estudios necesarios para garantir que non se afecte ás augas termais e que se incremente o prezo estipulado para as expropiacións.

-Juan Campos Calvo-Sotelo, en calidade de copropietario do hotel Balneario Termas de Cuntis, manifesta a súa oposición polos efectos medioambientais negativos (néboas, diminución da temperatura), afección a obras romanas, posibilidade de soluciona-lo abastecemento ó Salnés con outro tipo de actuacións, afección ás augas termais, non consideración dos efectos sísmicos e inclusión no anteproxecto de erros e referencias a termos municipais doutra Comunidade Autónoma.

-Elías Conde Fernández alega a posible aparición de néboas, descenso de temperaturas, aparición de

diversas anomalías, enfermidades infecciosas, etc., o que o obrigaría a abandona-la súa propiedade e traslada-la súa residencia.

-Ana Fariña mostra a súa oposición á construcción do encoro por entender que existen outras alternativas para efectua-lo abastecemento ó Salnés.

-Valentín Figueira Meana, en representación da asociación Compañeiros de Ruta de Pontevedra e José Ignacio Pérez González, en calidade de coordinador do grupo scout Rías Baixas nº 286 de Pontevedra, alegan que coa construcción do encoro se deixará inservible un terreo no que de forma permanente as ditas asociacións realizan actividades. Así mesmo fundamentan a súa oposición nos prexuízos medioambientais, efectos negativos sobre a actividade turística, eliminación de zonas de recreo e na posibilidade de resolve-lo problema de abastecemento ó Salnés con solucións alternativas.

-José Mª García Albertos-Pérez en nome e representación da compañía Unión Eléctrica Fenosa, S.A. realiza unha serie de observacións nas que indica a existencia dun dereito concesional augas abaixo da presa proxectada que se pode ver afectado pola construcción da obra. Baseándose no anterior solicita que se anule e arquive o expediente.

-Francisco José Gómez Vaamonde, en calidade de presidente da Asociación Gallega de Pesca Fluvial manifesta a súa oposición argumentando temas medioambientais, de seguridade, de diminución de caudal, así como indicando que as medidas de aforro poden resolve-lo abastecemento do Salnés de forma máis sinxela e con menor impacto. Así mesmo argumenta a súa oposición no efecto negativo do encoro sobre a fauna, a posible aparición de cambios climáticos e a diminución da calidade da auga do río augas abaixo do encoro. As referidas alegacións inclúense en candanseu escrito dirixido ó Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e o Director Xeral de Obras Públicas.

-Marcos Andrés González González, profesor titular de bioloxía animal do departamento de Bioloxía Animal da Universidade de Santiago de Compostela, solicita a retirada do anteproxecto por considerar que o estudio de impacto ambiental non cumpre coa súa finalidade de identificar, de describir e valorar de forma apropiada o contorno do proxecto. Así mesmo considera que o estudio non se axusta á regulamentación vixente e que inclúe numerosos erros.

-María Milagros González Maceira considera que o anteproxecto viola o artigo 45 da Constitución, opoñendose á construcción do mesmo por razóns medioambientais, de seguridade ante eventuais terremotos, cambios climáticos e posible afección ás augas termais.

-Miguel Martínez Casiro pide a anulación do estudio como consecuencia dos innumerables erros que inclúe e súa falta de previsión. Alega a posible diminución da calidade así como as modificacións do réxime hidráulico que orixinará no rio a construcción do encoro. Por outra banda, noutro escrito alega que na tramitación efectuada non se cumpre a lexislación e que polo tanto o anteproxecto debe ser retirado.

-Elena Montans Argüello presenta dúas alegacións co mesmo contido e precisións que o alegante anterior.

-As plataformas, contra a construcción do encoro de Caldas de Reis no río Umia, dos concellos de Caldas, Cuntis e Moraña, presentan unha petición de retirada do anteproxecto, se é o caso, de ampliación do prazo de presentación de alegacións, como consecuencia da remisión dunha «fe de erros» do estudio do impacto ambiental.

-Un grupo de catorce veciños de Caldas manifesta a súa opinión argumentando que non se estudiaron suficientemente as necesidades do Salnés así coma a posible afección das augas termais. Tamén manifestan a súa opinión con base en criterios agrarios, paisaxísticos e patrimoniais, climáticos, ecolóxicos, sociais, da saúde publica e turístico-termais.

-Xosé Ignacio Pérez González, en calidade de propietario do predio Agro da Viola así como de director do Centro Europeo para la Naturaleza Agro da Viola, alega que coa construcción do encoro se imporá unha servidume á súa propiedade que impedirá o desenvolvemento das actividades que se realizan nela. Así mesmo manifesta a súa oposición baseándose en razóns medioambientais, afección ós balnearios e a non necesidade da obra para garanti-lo abastecemento ó Salnés.

-Xosé Luis Rey Muñiz, en nome e representación da delegación local en Arousa da Sociedade Galega de Historia Natural, manifesta a súa total oposición ó proxecto como consecuencia da evidente agresión medioambiental e social que supón a súa realización. Así mesmo fai unha exhaustiva enumeración de erros e incongruencias do estudio que ó seu entender avalan a súa petición.

-Jesús Silva Piñeiro e Celia Folgar Silva manifestan a súa oposición por entender que a construcción do encoro pode afecta-la actividade industrial que desenvolven, así como polos efectos medioambientais negativos que a construcción ocasionaría, (néboas, presencia de insectos...).

-José María Tobío Barreira alega que o anteproxecto, tal e como foi sometido a información pública, está incompleto e non cumpre as condicións legais esixibles. Alega falta de xustificación da necesidade de abastecemento, falta de tramitación concesional e posibilidade de resolve-lo abastecemento ó Salnés mediante pequenas presas próximas ós lugares de consumo. Así mesmo xustifica a súa oposición na ausencia de solucións alternativas, posible afección ás augas termais, cambios climáticos, destrucción de valores paisaxísticos, interrupción de vías de comunicación, existencia de innumerables inexactitudes e contradiccións no estudio de impacto, afección á fervenza de Segade, ausencia de concreción no referente ó posible aproveitamento hidroeléctrico, ausencia de xustificación no referente á utilidade pública da obra prevista e erros no anexo de expropiacións, solicitando a anulación do expediente.

-María Dalia Zas Romay manifesta a súa oposición pola posible afección do encoro á súa propiedade no caso de enchentes.

-O Pleno do Concello de Caldas, en sesión extraordinaria celebrada o día tres de novembro de 1995,

aprobou unha moción na que manifesta a súa total oposición á construcción da presa alegando a falta dun estudio de impacto ambiental, a ausencia dun estudio integral da conca, a falta de busca de solucións alternativas para a subministración ó Salnes e outra serie de aspectos como o aproveitamento hidroeléctrico, a necesidade de realiza-lo saneamento da conca, o non mantemento do caudal ecolóxico, etc.

-O alcalde-presidente do Concello de Caldas de Reis traslada á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o acordo plenario do dito concello do 1-12-1995 no que se aprobaron as alegacións ó anteproxecto, solicitando o arquivo e retirada do anteproxecto. As alegacións propostas polo grupo municipal socialista coinciden sensiblemente coas presentadas por José María Tobío Barreira e as propostas polo BNG coas presentadas por Miguel A. Martínez Casiro.

-O alcalde-presidente do Concello de Cuntis traslada á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, o acordo plenario do dito concello do 4 de decembro de 1995, no que se acordou presentar alegacións, trasladando así mesmo as alegacións ó documento de impacto ambiental e as alegacións ó anteproxecto. Estas últimas coinciden coas presentadas por José Mª Tobío Barreira. No referente ás alegacións ó documento de impacto ambiental o rexeitamento fundaméntase na existencia de erros no documento, falta de estudios específicos, falta de referencias válidas, indefinicións na concrección da finalidade, dúbidas sobre impactos, non consideración do patrimonio cultural, aparición de múltiples prexuízos e encubrimento de intereses dun suposto explotador hidráulico.

-O Pleno do Concello de Moraña en sesión ordinaria celebrada o 3 de novembro de 1995 aprobou cadansúa moción dos grupos do PSOE e BNG nos que manifesta a total oposición á construcción do encoro de Caldas de Reis como consecuencia do seu impacto negativo, a alteración do clima, prexuízo a zonas do termo municipal e impactos medioambientais e sociais negativos para o concello.

-O Pleno do Concello de Moraña, en sesión ordinaria celebrada o día 1 de decembro de 1995, adoptou o acordo de formula-la súa oposición ó anteproxecto do encoro de Caldas de Reis no río Umia opoñéndose á súa construcción alegando que o expediente non cumpre as condicións establecidas na lexislación vixente. No dito pleno acordouse aprobar un texto de alegacións igual ó presentado por José Mª Tobío Barreira ó que se lle engadiu o informe emitido polo xefe local de sanidade no que se manifesta que a construcción do encoro pode orixinar prexuízos á saude das persoas como consecuencia do incremento dos días de néboa, incremento de humidade, aumento de insectos e outra serie de efectos prexudiciais.

2. Informe do órgano substantivo.

Despois de relaciona-los escritos presentados, resalta, como as reclamacións ou alegacións ó anteproxecto, están agrupadas conforme a unha serie de conceptos

que se repiten de forma continua baixo diferentes presentacións e aspectos:

-Oposición á obra pola aparición de efectos negativos no referente á climatoloxía, saúde, aparición de animalias e outra serie de factores ambientais.

-Seguridade da obra.

-Non cumprimento da lexislación vixente.

-Existencia de erros e inexactitudes no documento.

-Falta de fundamentos que argumenten a necesidade da obra e o uso que se pensa dar ó recurso regulado.

-Afección ás augas termais co conseguinte efecto negativo sobre a economía da zona.

-Afección ó medio hidráulico por diminución de caudais circulantes.

Como se indicou na introducción da declaración do impacto, a necesidade de efectuar unha regulación do río Umia á altura de Caldas de Reis xa estaba recollida no Proxecto de Directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia Costa, documento que foi sometido a información pública sen que, no referente a este aspecto, se presentase alegación ningunha. Por outra parte estes resultados confirmáronse nos estudios realizados para o desenvolvemento do referido plan hidrolóxico.

Xa no ano 1973 se redactou o proxecto de abastecemento de auga á Mancomunidade do río Umia que consideraba a execución dunha presa, na mesma localización que a do estudio, cunha capacidade substancialmente maior (14,8 hm), e que tiña como destino o abastecemento á Mancomunidade do Umia e ó pólo de desenvolvemento de Vilagarcía de Arousa. Tendo en conta as necesidades actuais e as previsións vindeiras, e que os estudios realizados indican que a construcción dunha presa, augas arriba de Caldas, non solucionaría por si mesma as inundacións de Caldas de Reis é polo que se obtou por proxecta-lo encoro mínimo que garanta as necesidades de subministración urbana e industrial e que resulta ser de 6,28 hm. Con esta capacidade garantirase así mesmo a non afección ás vivendas.

Considerando a aportación media do río Umia á altura da presa de Caldas (aproximadamente 290 hm), e tendo en conta o volume do encoro, pódese deducir que o cheo do mesmo, que se realizará en augas altas non afectará substancialmente ó réxime hidráulico de augas abaixo. Polo tanto, en augas altas a existencia do encoro non afectará de forma sensible ó réxime hidráulico do río e en épocas de estiaxe, a regulación que permite a existencia do encoro permitirá incrementa-lo caudal circulante de forma notoria.

En relación coa posible influencia sobre as augas termais, realizouse un estudio detallado do que se aporta o resumo apórtase para a súa incorporación á presente declaración de impacto ambiental.

Considérase que un encoro que se proxectou debidamente é «humanamente seguro», sexa cal sexa a súa tipoloxía. No noso caso a calidade do cimento foi comprobada mediante sondaxes que os catalogan como axeitados para a cimentación dunha presa de gravidade de ata 70 m de altura, e a de Caldas ten

38,50 m. En calquera caso o encoro levará tódolos elementos de seguridade que se indican na normativa vixente, incluíndose no proxecto constructivo os documentos sinalados no Decreto 54/1996, do 12 de xaneiro.

Na comunidade galega existe un bo número de encoros, en xeral de maior capacidade e ocupación, sen que se teñan novas de problemas motivados pola aparición de insectos, animalias, etc. Por outra parte nestas mesmas zonas dos encoros, a climatoloxía non variou de forma substancial, se acaso nas proximidades ó leito pódense producir fenómenos locais que foron valorados no estudio de impacto e catalogados como de pouca importancia.

Durante o proceso de información pública, detectáronse erros no documento de estudio de efectos ambientais que foron comunidados ós concellos afectados para o seu coñecemento e efectos.

Non se constatou, nin existe proba fidedigna ningunha de que a construcción dun encoro como o de Caldas de Reis poida afectar á saúde das persoas no referente a enfermidades asmáticas, gripes, etc. Especialmente se temos en conta que se trata da construcción dun encoro de dimensións reducidas nunha das zonas máis húmidas do Estado.

A mellora que se espera obter coa execución do encoro de Caldas é basicamente a dispoñibilidade de 6 hm de auga adicionais durante os meses de xullo-agosto nos que a aportación media do río é de só 11,3 hm nos dous meses, e moi irregular duns anos a outros, con mínimos de 4,8 e 3,5 hm.

Non pode realmente falarse de «regulación» neste caso pois a aportación media anual do río é de 290 hm e a mínima de 95 hm. Trátase de corrixir unha carencia concentrada mediante un almacenamento previo.

Da seguridade desta dispoñibilidade derivan importantes beneficios en tódolos sectores primarios, secundarios e terciarios como:

-Mellora de rego: permite regar eficientemente a un custo razoablemente económico por hectárea, tanto polo que respecta ó investimento de capital como ó custo da operación.

-Regulación do río: a construcción do encoro supoñerá o incremento do caudal circulante en época de estiaxe mellorando substancialmente a garantía dos dereitos concesionais existentes augas abaixo. Tendo en conta o reducido volume do encoro, o cheo do mesmo non afectará de forma perceptible ós usos existentes augas abaixo toda vez que o mesmo se realizará en épocas de augas altas.

-Esparexemento:

Permitirá o desenvolvemento de zonas de esparexemento e residenciais de ribeira.

A utilización para baño nos lugares de profundidade axeitada habilitados como praias fluviais e zonas recreativas.

Admitirá diversións acuáticas como a pesca deportiva, e algúns deportes náuticos (piragüismo, etc.).

As obras de regulación nos leitos xera transformacións tanto morfolóxicas como hidrolóxicas, biolóxicas,

paisaxísticas e de carácter social, aparecendo un sistema de características modificadas que precisa dunha xestión integral.

Esta xestión integral do novo esquema fluvial debe considerar non só a explotación do recurso, a seguridade das obras, os órganos de control e desaugadoiros, senon considera-lo contorno circundante, as comunidades que nel se atopan e a calidade da auga. De feito, na Lei de augas, no apartado de planificación hidrolóxica, as zonas do encoro están catalogadas como de especial protección pola súa relación directa co medio.

Nos últimos anos, xunto ós usos prioritarios para os que foron concibidos os diferentes encoros, desenvolvéronse arredor deles actividades complementarias, especialmente de tipo recreativo, que xurdiron dunha forma espontánea por parte das comunidades próximas e que, cunha xestión adecuada, poden ser compatibles cos usos prioritarios, aportando importantes beneficios.

Mediante o establecemento dos oportunos mecanismos de ordenación garantiranse os usos para os que foron deseñados os encoros e os recursos naturais circundantes, compatibilizándose con outras actividades de carácter social existentes ou potenciais sobre eles. Este múltiple aproveitamento pode supoñer ademáis unha dinamización, tanto ambiental como social, nos medios rurais nos que se circunscribe, o cal pode derivar en melloras no medio natural das infraestructuras, aumento do emprego e, en definitiva, de benestar social xeral. Proba que corrobora o exposto son as actuacións que están a levar a cabo as deputacións de Lugo e Ourense nos encoros interiores de Galicia.

ANEXO V

RESUMO DO ESTUDIO DA POSIBLE AFECCIÓN DA PRESA DE CALDAS DE REIS SOBRE AS AUGAS TERMAIS

Tendo en conta a importancia das augas termais na actividade dos concellos de Caldas de Reis e Cuntis, realizouse un estudio para determinar se coa construcción do encoro se pode chegar a producir algún tipo de afección sobre as ditas augas termais.

No estudio realízase unha análise previa xeolóxica, unha análise das augas superficiais, unha análise das augas subterráneas xunto cun inventario de puntos de auga (pozos e mananciais). Así mesmo analízanse as augas termais realizando unha interpretación xeoquímica de parámetros fisicoquímicos e isotópicos e determinando a súa orixe e funcionamento.

O estudio conclúe que as augas termais teñen marcadas diferencias coas augas superficiais e subterráneas de acuíferos someiros, chegándose ás seguintes conclusións:

Os acuíferos someiros están formados por materiais detríticos cuaternarios, rochas graníticas alteradas ou rochas graníticas moi facturadas e xeralmente tamén alteradas. A súa permeabilidade é por porosidade intergranular e nalgúns casos por fisuración. Están presentes a modo de pequenos retallos nas marxes dos ríos. Son acuíferos de pouca entidade pola súa

escasa extensión superficial e pouco espesor, arredor de 4 a 6 m. Recárganse por infiltración directa da auga de chuvia e descárganse polo bombeo de pozos que se explotan para uso doméstico para atende-lo aumento de demanda estival. Estes acuíferos teñen unha resposta directa á chuvia. Os niveis de auga están a 2 ou 3 m de profundidade. As augas están pouco mineralizadas e non teñen índices xeotérmicos.

Os acuíferos profundos están formados por rochas graníticas asociadas a fracturas de gran desenvolvemento, a súa localización limítase exclusivamente ás zonas de Cuntis e Caldas de Reis. Recárganse mediante a infiltración da auga de chuvia en zonas fracturadas e topograficamente moito máis altas cás de surxencia. Durante o seu percorrido descendente, que chega a alcanzar de 2,8 a 3,5 km, sofren grandes cambios físicos e químicos como consecuencia dos cambios de presión e temperatura, que se reflicte no quimismo destas augas.

A descarga realízase a través de grandes fracturas de gran desenvolvemento na vertical. Canto máis grande é a fractura máis rápido é o ascenso e polo tanto prodúcese menor perda de temperatura da auga.

As súas augas caracterízanse por conteren litio e altas concentracións de fluoruros e sílice, pero a súa característica principal é a alta temperatura de surxencia.

Non existe ningunha relación entre as augas superficiais ou as subterráneas someiras e as augas termais debido a que a orixe e zonas de recarga, circuítos e formas de emerxer á superficie son totalmente distintas.

Non se prevé ningunha afección da presa sobre as augas termais de Cuntis nin de Caldas de Reis porque non existe relación ningunha entre estas e as augas superficiais e subterráneas someiras.

9604738