Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 11 de xullo de 1996 Páx. 6.783

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de xuño de 1996 pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria.

O Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, que modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establece as datas nas que se han de implantar, con carácter xeral, as ensinanzas correspondentes á etapa da educación secundaria obrigatoria, extinguíndose, á vez, as ensinanzas correspondentes ós cursos sétimo e oitavo da educación xeral básica e ós cursos primeiro e segundo do bacharelato unificado e polivalente e da formación profesional de primeiro grao.

Por outra parte, o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, regulou o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 25 de abril de 1994 estableceu as condicións da implantación anticipada desta etapa na nosa Comunidade.

Por isto, en cumprimento do Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, e tendo en conta a experiencia acumulada durante o período de implantación anticipada e o regulamentado en disposicións precedentes, procede establece-las medidas actualizadas de promoción e titulación para os alumnos que sigan estas ensinanzas, as áreas de coñecemento e as materias que conforman esta etapa educativa, as condicións da optatividade, os horarios lectivos dos distintos cursos e as instruccións para regula-lo proceso de elaboración e revisión do proxecto curricular de centro.

Igualmente, cómpre establece-las condicións e as características básicas dos programas de diversificación curricular como medida de atención á diversidade que ha favorece-lo logro dos obxectivos xerais desta etapa e, xa que logo, a obtención do título de graduado en educación secundaria.

En consecuencia co exposto e en virtude da disposición derradeira primeira do Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, e da disposición derradeira primeira do Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. Ó comezo do curso 1996/97 iniciarase a implantación progresiva da educación secundaria obrigatoria, segundo o disposto no Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, polo que se modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba

o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo.

2. Os centros docentes públicos e privados de educación secundaria e os autorizados provisionalmente a impartir esta etapa implantarán con carácter xeral ó inicio do curso 1996/1997 o primeiro curso da educación secundaria obrigatoria.

3. Os centros privados que impartan as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ateranse, en todo caso, en canto ó número de unidades en funcionamento, ós termos da súa autorización e, de se-lo caso, do concerto educativo subscrito coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Capítulo II

Acceso dos alumnos

Artigo 2º

1. O proceso de admisión dos alumnos e alumnas axustarase ó disposto no Decreto 87/1995, do 10 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 28), polo que se regula a admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, educación primaria e educación secundaria e na Orde do 5 de abril de 1995, (Diario Oficial de Galicia do 10 de maio), que desenvolve o devandito decreto. En todo caso, para a admisión nun centro educativo terán prioridade aqueles alumnos e alumnas procedentes dun centro adscrito a el.

2. De acordo co regulado no artigo 2 do Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria, incorporaranse ó primeiro curso desta etapa os alumnos e alumnas logo de cursa-la educación primaria. A idade mínima para inicia-las ensinanzas da educación secundaria obrigatoria será de 12 anos cumpridos no ano natural do inicio do curso, agás aqueles alumnos e alumnas ós que se lles tivese autorizada a flexibilización da duración do período de escolarización debido a necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación.

Capítulo III

Axuste de ratios

Artigo 3º

1. A ratio máxima desta etapa axustarase ós períodos establecidos no anexo II da Orde do 6 de maio de 1992 (Diario Oficial de Galicia do 21), e será de 30 alumnos, agás no suposto de incremento de ratios derivado da permanencia dalgúns alumnos e alumnas durante un ano máis nun determinado ciclo ou curso por non ter acadado os obxectivos previstos.

2. Os centros que participen no programa de integración para alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais terán, naquelas unidades nas que estes se escolaricen, un número máximo de vintecinco alumnos.

Capítulo IV

Proxecto curricular

Artigo 4º

1. Os centros educativos desenvolverán, mediante o proxecto curricular correspondente, o currículo da etapa aprobado polo Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, e tomando como referente o proxecto educativo do centro.

2. A comisión de coordinación pedagóxica supervisará a elaboración do proxecto curricular e responsabilizarase da súa redacción segundo os criterios acordados polo claustro.

3. O proxecto curricular de etapa e as súas modificacións anuais serán aprobados polo claustro de profesores.

4. O proxecto curricular da educación secundaria obrigatoria incluirá:

a) A adecuación dos obxectivos xerais ó contexto socioeconómico e cultural do centro e ás características dos alumnos e alumnas, tendo en conta o establecido no proxecto educativo do centro.

b) Criterios de carácter xeral sobre metodoloxía.

c) Os procedementos para avalia-la progresión na aprendizaxe do alumnado e os criterios de promoción de ciclo ou curso.

d) As características e o tipo de informes que se utilizarán para transmiti-la información que se desprende da avaliación.

e) Orientacións para incorporar, a través das distintas áreas, a educación para a paz, a educación moral e cívica, a igualdade de oportunidades entre os sexos, a educación ambiental, sexual, para a saúde; e a educación do consumidor e vial.

f) Os criterios e procedementos previstos para organiza-la atención á diversidade dos alumnos. Cando existan alumnos con necesidades educativas especiais incluiranse os criterios para realiza-las adaptacións curriculares apropiadas para eles. Para a elaboración, seguimento e avaliación das adaptacións do currículo terase en conta o disposto na Orde do 6 de outubro de 1995 pola que se regulan as adaptacións do currículo nas ensinanzas de réxime xeral.

g) Criterios para avaliar e, de se-lo caso, revisa-los procesos de ensino e a práctica docente.

h) Criterios para a organización dos contidos das distintas áreas ou materias para favorece-lo seu tratamento interdisciplinar.

i) O plan de orientación académica e profesional e o plan de acción titorial.

l) As programacións didácticas dos distintos departamentos.

Capítulo V

Avaliación, promoción e titulación

Artigo 5º

1. A avaliación e a promoción dos alumnos e das alumnas que cursen a educación secundaria obrigatoria rexeranse polo disposto na Orde do 25 de abril de 1994 sobre avaliación nesta etapa (Diario Oficial de Galicia do 18 de maio) na que se recollen tanto os aspectos básicos do proceso de avaliación como os elementos básicos dos informes e os requisitos formais derivados deste proceso que son precisos para garanti-la mobilidade do alumnado.

2. Os alumnos que acaden os obxectivos xerais da educación secundaria obrigatoria obterán o título de graduado en educación secundaria.

Capítulo VI

Horarios

Artigo 6º

O horario semanal para cada un dos cursos desta etapa será de trinta períodos lectivos no primeiro ciclo e de trinta e dous no segundo ciclo, segundo a distribución que con carácter xeral figura no anexo I da presente orde.

Independentemente da distribución horaria establecida con carácter xeral no devandito anexo, os centros terán autonomía para decidi-la distribución por cursos dos períodos lectivos establecidos para o primeiro ciclo, en función das súas necesidades organizativas e de carácter educativo. Esta decisión deberá constar no proxecto curricular do centro. En ningún caso unha área ou materia poderá ter menos de dous períodos lectivos en cada curso.

Capítulo VII

Optativas

Sección primeira

Condicións

Artigo 7º

1. A oferta de materias optativas nos centros deberá realizarse en función da dispoñibilidade horaria do profesorado, dos recursos de equipamento existentes e das condicións que se establecen nos apartados deste capítulo.

2. O catálogo das materias optativas da educación secundaria obrigatoria e o seu currículo son os establecidos na Orde do 1 de febreiro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 30 de marzo) e na Orde do 30 de abril de 1996 (Diario Oficial de Galicia do 29 de maio). Este catálogo poderá ser ampliado en función das necesidades reais que vaian xurdindo ó longo do período de implantación desta etapa educativa.

3. O número de materias optativas que poderán ser impartidas nos centros será un mínimo dunha e un

máximo de tres no primeiro ciclo e un mínimo de dúas e un máximo de cinco no segundo ciclo.

4. En todo caso, os centros terán como materias optativas de oferta obrigada unha segunda lingua estranxeira durante toda a etapa e unha materia de iniciación profesional e cultura clásica no segundo ciclo.

5. No primeiro ciclo, os alumnos e alumnas deberán cursar unha materia optativa en cada curso, que será a mesma durante todo o ciclo.

6. Durante o primeiro ciclo os alumnos cursarán preferentemente como optativa a segunda lingua estranxeira. Non obstante, por razóns motivadas, o director do centro, por instancia dos pais e do titor do grupo, e logo do informe do departamento de orientación, poderá autorizar que se curse a materia optativa do ámbito científico-matemático ou a materia do ámbito lingüístico establecidas con carácter xeral para este ciclo.

7. No segundo ciclo os alumnos deberán cursar unha materia optativa no terceiro curso e dúas no cuarto curso. Os alumnos e alumnas non poderán cursa-la mesma materia durante os dous cursos que conforman o segundo ciclo, agás a segunda lingua estranxeira e a cultura clásica.

8. No segundo ciclo, os alumnos e alumnas poderán seguir cursando a segunda lingua estranxeira como materia optativa durante os dous cursos ou incorporarse en calquera deles, sempre que a xuízo do departamento didáctico correspondente, posúan un nivel que lles permita acada-los obxectivos previstos. Así mesmo, os alumnos poderán cursar cultura clásica como materia optativa durante os dous cursos ou incorporarse en calquera deles.

9. No segundo ciclo, os centros poderán oferta-la mesma materia optativa no terceiro e no cuarto cursos para que os alumnos poidan optar a ela, se é o caso, nun curso ou noutro.

10. No cuarto curso, os alumnos poderán elixir como materias optativas as áreas troncais opcionais polas que inicialmente non optaron.

11. Os centros proporán anualmente, antes do vinte de febreiro, a relación de materias optativas de entre as incluídas no catálogo establecido para esta etapa, que ofertarán ó alumnado en cada ciclo ou curso e corresponderalle á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a aprobación destas propostas.

De non existir variación na relación de materias optativas, estas poderán impartirse en cursos sucesivos sen necesidade de nova aprobación.

12. De existir variación na relación de materias optativas que se van ofertar, os centros proporán anualmente, antes do vinte de febreiro anterior ó curso no que se desexa impartilas, a relación de materias optativas de entre as incluídas no catálogo establecido

para esta etapa e corresponderalle á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a aprobación destas propostas.

13. Nos centros que impartan as ensinanzas correspondentes á formación profesional específica, polo menos unha das materias optativas de iniciación profesional deberá ter relación coa oferta de ciclos formativos do propio centro. Se a materia que se pretende ofertar non está incluída no catálogo de materias optativas, os centros poderán efectua-la solicitude de autorización prevista nos apartados seguintes.

Sección segunda

Materias optativas propias do centro

Artigo 8º

1. Os centros poderán propoñer para o segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria outra materia optativa, non incluída no catálogo, que deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros. Esta deberá gardar relación coas características do seu medio xeográfico e sociocultural e facilita-la inserción dos alumnos na vida activa.

2. A solicitude de autorización da materia optativa sinalada no apartado anterior deberá tramitarse, por proposta do claustro de profesores e coa aprobación do consello escolar, a través da delegación provincial correspondente, antes do 20 de febreiro anterior ó comezo do curso no que se desexe impartila. Xuntarase á solicitude:

a) Unha xustificación da proposta.

b) O currículo da materia optativa no que figuren os obxectivos, os contidos básicos e os criterios de avaliación.

c) A xustificación dos recursos materiais e humanos suficientes para o desenvolvemento e impartición da materia en todo o ciclo.

d) O departamento didáctico ó que se vincula a materia.

3. As delegacións provinciais remitirán á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, antes do 15 de abril, os expedientes de autorización acompañados do informe da inspección educativa.

4. As materias optativas autorizadas pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros poderán impartirse nos cursos sucesivos sen necesidade de nova autorización mentres non se modifiquen as condicións que motivaron a súa autorización.

Sección terceira

Número de alumnos

Artigo 9º

1. As ensinanzas de materias optativas que oferten os centros só poderán ser impartidas se existe un número mínimo de 15 alumnos e alumnas matriculados.

No caso das materias optativas de oferta obrigada por parte dos centros, o número mínimo de alumnos matriculados será de 10.

2. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, logo do informe da inspección educativa, poderá autoriza-la impartición de materias optativas a un número menor de alumnos do establecido con carácter xeral cando as peculiaridades do centro así o requiran ou circunstancias especiais así o aconsellen.

Capítulo VIII

Ensinanzas de relixión

Artigo 10º

1. Segundo o establecido no Decreto 235/1995, do 20 de xullo, polo que se regula o ensino da relixión nas ensinanzas de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, as ensinanzas de relixión católica serán de oferta obrigatoria para os centros e de carácter voluntario para os alumnos. Os pais ou titores legais dos alumnos manifestarán á dirección do centro a súa opción, sen prexuízo de que a decisión poida modificarse no comezo de cada curso escolar.

2. Os centros educativos organizarán actividades de estudio alternativas con carácter de ensinanzas complementarias para os alumnos e alumnas que non optaron por seguir ensino relixioso.

Capítulo IX

Programas de diversificación curricular

Artigo 11º

1. Segundo o disposto no artigo 17 do Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria, os alumnos e alumnas con máis de dezaseis anos ou que os cumpran no ano natural no que comeza o curso poderán seguir programas de diversificación do currículo que lles permitan, mediante unha metodoloxía e uns contidos axeitados ás súas características e necesidades, acada-los obxectivos xerais desta etapa e, xa que logo, obte-lo título de graduado en educación secundaria.

2. Poderanse incorporar a estes programas os alumnos e alumnas da devandita idade que amosaran en cursos anteriores dificultades xeneralizadas de aprendizaxe que lles impedisen acada-los obxectivos previstos para o ciclo ou curso, malia recibiren medidas complementarias de adaptación do currículo e que, a xuízo do profesorado do grupo ó que pertenzan e do departamento de orientación, poderían acada-los obxectivos xerais da educación secundaria obrigatoria con medidas especiais de atención, tanto de organización do currículo como de intervención educativa, diferentes das establecidas con carácter xeral.

3. Para establecer programas de diversificación curricular, os centros deberán contar con alumnos e alumnas escolarizados neles no curso anterior que

cumpran os requisitos establecidos no apartado precedente, acreditados a través da correspondente avaliación psicopedagóxica. Ademais, deberán contar coa autorización expresa da inspección educativa que se outorgará á vista do informe da devandita avaliación e oídos os alumnos e os seus pais ou titores legais.

4. Con carácter xeral, a duración destes programas será de dous anos. Poderanse establecer programas dun ano de duración para aqueles alumnos que teñan cursado o cuarto curso da educación secundaria obrigatoria.

5. Os alumnos e alumnas que sigan un programa de diversificación curricular terán un grupo de referencia co que cursarán algunhas áreas do currículo común, segundo se establece nos apartados seguintes.

6. Os programas de diversificación curricular incluirán tres áreas de coñecemento con tratamento de contidos globalizador:

-Unha área de lingua estranxeira que tomará como referencia o currículo do idioma correspondente e que terá dous períodos lectivos semanais.

-Unha área do ámbito lingüístico e social que tomará como referencia o currículo das áreas seguintes: lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura, e ciencias sociais, xeografía e historia; e que terá dez períodos lectivos semanais.

-Unha área do ámbito científico que tomará como referencia o currículo das áreas de matemáticas e ciencias da natureza e que terá sete períodos lectivos semanais.

7. Os alumnos completarán este programa con tres áreas do currículo común: tecnoloxía, educación física e educación plástica e visual no terceiro curso, e tecnoloxía, educación física e música no cuarto curso. Estas áreas serán cursadas por estes alumnos co seu grupo de referencia.

8. Igualmente, completarase o programa de diversificación curricular cunha materia optativa en cada curso. No terceiro curso esta materia terá tres períodos lectivos semanais e estará deseñada especificamente para estes alumnos; os seus obxectivos deberán ter estreita relación coas capacidades vencelladas á iniciación profesional. No cuarto curso a materia optativa será unha das ofertadas polo centro con carácter xeral e cursarase co grupo de referencia.

9. As ensinanzas de relixión ou, se é o caso, as actividades de estudio alternativas a elas deberán ser cursadas co grupo de referencia.

10. Cada grupo de alumnos e alumnas que siga un programa de diversificación curricular deberá ter un profesor titor designado polo director de entre os profesores que impartan docencia a todo o grupo. O espacio horario dedicado á titoría será similar ó establecido no proxecto curricular con carácter xeral para a educación secundaria obrigatoria.

Disposicións adicionais

Primeira.

Os profesores pertencentes a corpos declarados a extinguir e non integrados nos corpos docentes establecidos na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, poderán impartir materias optativas na educación secundaria obrigatoria relacionadas coas áreas ou materias que se estean impartindo, sempre que sexan autorizados seguindo o procedemento previsto no artigo 8 da presente orde.

Segunda.

Os mestres e mestras que conten coa habilitación correspondente, segundo o disposto no anexo II da presente orde, poderán impartir no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria aquelas áreas ou materias para as que están habilitados e incorporaranse ós departamentos didácticos correspondentes dos institutos de educación secundaria.

Terceira.

Con carácter xeral os alumnos e alumnas poderán permanecer na educación secundaria obrigatoria ata os 18 anos cumpridos no ano natural. Non obstante este límite de idade non se terá en conta para aqueles alumnos que se incorporen a esta etapa cunha idade superior á establecida con carácter xeral, en aplicación do disposto no punto décimo primeiro da Orde do 25 de abril de 1994 sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. Os alumnos e alumnas que non superaran sétimo de educación xeral básica poderán incorporarse ó primeiro curso da educación secundaria obrigatoria.

2. Os alumnos e alumnas menores de 16 anos que, estando escolarizados no ano académico anterior cursando oitavo de educación xeral básica, non obtiveron o título de graduado escolar incorporaranse ó segundo curso da educación secundaria obrigatoria.

3. Durante o período de implantación anticipada da educación secundaria obrigatoria, poderán acceder ó terceiro curso desta etapa os alumnos que no ano académico anterior cursaron oitavo de educación xeral básica e que estean en posesión do título de graduado escolar ou que teñan cumpridos dezaseis anos e estean en posesión do certificado de escolaridade.

4. Os alumnos escolarizados no ano académico anterior no primeiro e no segundo curso do bacharelato unificado e polivalente, na formación profesional de primeiro grao ou nos cursos comúns das escolas de artes incorporaranse ós distintos cursos do segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria cando estes se implanten e conforme establece o anexo III da presente orde.

Segunda.

Durante o proceso de implantación anticipada do segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria,

nos centros que supriman ensinanzas de formación profesional de primeiro grao, se non existen centros próximos coa mesma especialidade, excepcionalmente poderase conformar para alumnos repetidores un grupo específico un ano máis, sempre que o número de alumnos sexa superior a quince.

Terceira.

1. Durante o proceso de implantación anticipada das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria cando os alumnos as cursen sen completalas, autorízase a expedición dos títulos correspondentes ás ensinanzas reguladas pola Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación. Igualmente, a Direccción Xeral de Ordenación Educativa e Centros poderá autorizar, en casos excepcionais, a incorporación ós plans de estudio que se extinguen, segundo o disposto na Orde do 7 de setembro de 1994 (Boletín Oficial del Estado do 17).

2. Así mesmo, autorizarase a expedición do título de graduado escolar a aqueles alumnos e alumnas que, procedentes da educación xeral básica, superaran o primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria e non tiveran oportunidade de acada-lo título de graduado en educación secundaria, sexa por non teren completada a súa escolarización por esta vía ou porque, cursando toda a etapa, non acadaron os obxectivos desta. Para estes efectos, entenderase que un alumno superou o primeiro ciclo cando o equipo docente decidise a promoción ó segundo ciclo como consecuencia do resultado da avaliación e non pola imposibilidade legal de permanecer un ano máis no primeiro ciclo.

Cuarta.

1. Os centros de educación primaria autorizados provisionalmente para o efecto de acordo coa disposición transitoria sétima do Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, implantarán a partir do curso 1996/1997 o primeiro curso da educación secundaria obrigatoria de acordo co currículo oficial desta Comunidade Autónoma establecido no Decreto 78/1993, do 25 de febreiro.

2. Durante o período de implantación da educación secundaria obrigatoria e de acordo co establecido na Orde do 6 de maio de 1992, os centros poderán excede-la ratio establecida con carácter xeral, coa finalidade de garanti-la permanencia de tódolos seus alumnos procedentes da educación primaria. Neste caso, se se produciran baixas de alumnos, estas non poderán ser cubertas se a ratio segue a excede-los 30 alumnos.

3. Os mestres, alumnos e pais de alumnos do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que sigan ensinanzas en colexios de educación primaria poderán formar parte de tódolos seus órganos de goberno e de coordinación docente e asumirán os dereitos e obrigas que como membros da comunidade educativa lles correspondan.

4. Nos colexios de educación primaria que se transforman progresivamente en institutos de educación

secundaria, mentres se escolaricen neles alumnos de educación primaria, o profesorado, o alumnado e os pais e nais ou titores legais dos alumnos desta etapa educativa integraranse no centro e formarán parte, segundo corresponda, de tódolos órganos de goberno e de coordinación docente, asumindo tódolos dereitos e obrigas que, como membros de dita comunidade educativa, lles son aplicables.

5. Cada grupo de alumnos e alumnas do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria terá un profesor titor que será designado polo director de entre os mestres que impartan docencia a todo o grupo.

6. Para os efectos de coordinación docente das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, os profesores que impartan estas ensinanzas nos colexios de educación primaria constituiranse como equipo de ciclo e coordinaranse cos correspondentes departamentos didácticos do instituto de educación secundaria ó que estean adscritos, co fin de garanti-la continuidade da etapa.

Quinta.

1. Cando os institutos de educación secundaria teñan anticipadas as ensinanzas correspondentes á educación secundaria obrigatoria, os equipos de ciclo dos colexios de educación primaria que estean adscritos a estes institutos e que impartan provisionalmente o primeiro ciclo desta etapa participarán na elaboración, aprobación e avaliación das programacións didácticas para toda a etapa dos departamentos correspondentes do instituto, así como no proceso de revisión e modificación, se cumprise, do proxecto curricular da etapa.

2. Cando os institutos de educación secundaria que teñan adscritos colexios de educación primaria nos que se imparta provisionalmente o primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria non teñan anticipada esta etapa, os xefes dos departamentos dos devanditos institutos organizarán un plan de traballo de xeito que se leve a cabo a coordinación entre o instituto de educación secundaria e estes colexios. A coordinación deberá garantir, polo menos, que os obxectivos xerais de área e os criterios de avaliación de tódolos proxectos curriculares de etapa sexan os mesmos para asegura-la coherencia na continuidade dos estudios dos alumnos e alumnas que cursen o primeiro ciclo da etapa nun colexio de educación primaria.

3. A dirección dos colexios de educación primaria e a dirección do instituto de educación secundaria ós que estean adscritos velarán pola realización da coordinación disposta na presente orde. Esta coordinación será especialmente intensa na primeira quincena de setembro, celebrándose polo menos unha reunión trimestral co fin de face-lo seguimento da aplicación dos proxectos curriculares.

4. A inspección educativa fomentará a coordinación entre o profesorado dos institutos e o profesorado que imparta o primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria nos centros adscritos a eles e velará polo desenvolvemento e a posta en práctica dos proxectos curriculares conxuntos.

Sexta.

1. Sen prexuízo do establecido no artigo 6º.1 da presente orde, no curso 1996/1997 os centros unicamente poderán programa-la área de tecnoloxía no primeiro ciclo en dous períodos lectivos semanais por cada curso cando conten con profesorado, instalacións e equipamento axeitado.

2. Nos centros de educación primaria nos que se imparta transitoriamente o primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria a impartición das áreas de tecnoloxía e de educación plástica e visual será asignada polo director do colexio en función da cualificación do profesorado e das necesidades organizativas do centro. No caso da tecnoloxía, a designación recaerá preferentemente nos mestres con certificado de habilitación en matemáticas e ciencias da natureza.

3. O profesorado de tecnoloxía ou adscrito a este posto, o de educación plástica e visual e, se é o caso, o de música dos institutos que teñan adscritos como extensión colexios de educación primaria que impartan o primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria impartirá clase ós alumnos e alumnas do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, integrándose no equipo de ciclo constituído no colexio.

4. Cando o instituto conte con aulas específicas dalgunha das áreas sinaladas no apartado anterior, os alumnos e alumnas que cursen o primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria nun colexio de educación primaria adscrito a aquel como extensión poderán recibi-las ensinanzas correspondentes no instituto; en tal suposto, as direccións dos centros respectivos deberán adopta-las medidas necesarias para facilita-lo desenvolvemento desas ensinanzas.

Sétima.

Os centros poderán solicita-la autorización de materias optativas para o curso 1996/1997 ó longo do período dun mes, a partir da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derrogatorias

Primeira.

Queda derrogada a Orde do 25 de abril de 1994 (Diario Oficial de Galicia do 12 de maio), sobre a implantación anticipada da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, e aquelas disposicións de igual ou inferior rango en todos aqueles aspectos que se opoñan ó establecido na presente orde.

Segunda.

Queda derrogado o segundo parágrafo do punto 8º do apartado 5 sobre actas de avaliación final da orde do 25 de abril de 1994 (Diario Oficial de Galicia do 18 de maio), sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase as direccións xerais de Ordenación Educativa e Centros e de Persoal a dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros

ANEXO I

Períodos lectivos semanais
Áreas e materias1º ciclo2º ciclo
TotalTotal

Lingua galega e literatura426336
Lingua castelá e literatura426336
Lingua estranxeira336336
Ciencias sociais, xeografía e historia336347
Matemáticas336336
Educación física224224
Ciencias da natureza *336336
Educación plástica e visual *3-3235
Tecnoloxía *-44336
Música *-33235
Optativa I224235
Optativa II----33
Relixión224213
Titoría112112
Períodos lectivos totais:30303232

No 4º curso os alumnos deberán escoller entre as catro áreas troncais que figuran cun asterisco (*), segundo o establecido na presente orde. A elección pola que se opte deberá ter un cómputo de 6 períodos lectivos semanais.

ANEXO II

Mestres con certificación de habilitación en:Atribución de áreas do 1º ciclo de educación secundaria obrigatoria

Filoloxía: lingua castelá e inglésLingua estranxeira (inglés)
Filoloxía: lingua castelá e francésLingua estranxeira (francés)
Filoloxía: lingua galegaLingua galega e literatura
Filoloxía: lingua casteláLingua castelá e literatura
Matemáticas e ciencias da naturezaMatemáticas. Ciencias da natureza
Ciencias sociaisCiencias sociais, xeografía e historia

Mestres con certificación de habilitación en:Atribución de áreas do 1º ciclo de educación secundaria obrigatoria

Educación físicaEducación física
MúsicaMúsica
Pedagoxía terapéuticaApoio á atención de alumnos con necesidades educativas especiais
Audición e linguaxeAudición e linguaxe

ANEXO III

Estudios realizados do sistema que se extinguePromocionan a:

8º de EXB cursado e certificado de escolaridade3º de ESO
1º de bacharelato unificado e polivalente ou de formación profesional de primeiro grao con avaliación negativa en máis de dúas materias3º de ESO
1º de bacharelato unificado e polivalente ou de formación profesional de primeiro grao con todo o curso superado ou avaliación negativa en dúas materias como máximo4º de ESO
1º e 2º comúns das escolas de artes aplicadas e oficios artísticos, plan 63 ou 1º común experimental con tódalas materias superadas4º de ESO

5060