Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 17 de xullo de 1996 Páx. 6.937

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 1996, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, pola que se resolve con carácter definitivo a convocatoria de axudas para a formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras de acordo coa acción B do programa Lingua (capítulo 3 do programa Sócrates).

Cumpridos os trámites derivados da resolución provisional desta convocatoria, e de conformidade coa Orde do 4 de decembro de 1995 (DOG do 16

de xaneiro de 1996) pola que se convocaban axudas para a formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras de acordo coa acción B do programa lingua.

Esta dirección xeral resolveu, con carácter definitivo:

Primeiro.

Concederlles axudas ós profesores de linguas estranxeiras que aparecen relacionados no anexo I, pola contía en pesetas correspondente ós ECUs que se indican en cada caso, con cargo ós fondos do programa Sócrates, Lingua, acción B.

Segundo.

Incorporar en lista de suplentes o profesorado que aparece relacionado por orde de puntuación no anexo II desta orde, ante as posibles renuncias dos profesores seleccionados.

Terceiro.

Excluí-las solicitudes e denegárlle-las axudas ós profesores relacionados no anexo III desta resolución, por algunha das seguintes causas, correspondentes ós apartados que se citan, da orde de convocatoria do 4 de decembro de 1995:

1. Non estar impartindo na actualidade o idioma para o que solicita a actividade de formación e/ou non ter tres anos de docencia en linguas estranxeiras. Apartado segundo.1.1.

2. Ter desfrutado dunha axuda da acción I do programa Lingua nas dúas convocatorias anteriores ou dun reintegro económico individual de gastos para asistir a actividades de formación durante o ano 1995 ou durante 1996. Apartado segundo.2.a) e b).

3. Non especifica-la actividade para a que solicita axuda.

4. Estar nun período de licencia por estudios.

Cuarto.

1. O pagamento efectivo da totalidade da axuda faráselle á persoa interesada unha vez realizada a actividade. Para iso, remitirá os seguintes documentos á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Subdirección Xeral de Ordenación Educativa. San Lázaro, 107. 15771 Santiago de Compostela), dentro dos vinte días naturais seguintes á finalización da actividade:

a) Cuestionario debidamente cuberto segundo o modelo que figura no anexo IV desta resolución, ó que deberá xunta-lo programa do curso.

b) Fotocopia compulsada do certificado de asistencia ó curso no que se especifiquen as datas de realización e o número total de horas lectivas.

c) Factura ou documento que xustifique a inscrición no curso, no que se especifique o importe do gasto en concepto de matrícula.

d) Declaración da persoa interesada manifestando se é ou non beneficiaria doutra axuda ou bolsa procedente de calquera administración ou ente público nacional ou internacional, con especificación, se é o caso, da contía e finalidade.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. As persoas beneficiarias da axuda estarán obrigadas a facilitar canta información lles sexa requirida polo organismo competente, quedando sometidas ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Administración do Estado e ás de comprobación que poida efectua-lo Ministerio de Educación y Cultura.

Quinto.

Contra a presente resolución as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes, recurso ordinario perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 1996.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Ordenación Educativa e Centros

5515