Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 19 de xullo de 1996 Páx. 7.007

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal.

I A actividade desenvolvida pola Xunta de Galicia no ámbito da planificación comarcal durante os últimos anos plasmouse no deseño e na aplicación dun modelo experimental de desenvolvemento local, denominado Plan de desenvolvemento comarcal, que tivo a súa orixe no acordo do Consello da Xunta do 19 de decembro de 1990, no que se regulaban dun xeito inicial os instrumentos e procedementos necesarios para articula-lo dito modelo e se designaban catro comarcas piloto.

A aplicación do plan a estas primeiras comarcas piloto permitiu avanzar de forma gradual no deseño do modelo. Así, a esta fase inicial fóronselle sumando outras, nas que se incrementaron as comarcas piloto ata vinte e nas que diversas innovacións foron introducidas, como o deseño de novos mecanismos e procedementos, os sistemas de participación cidadá e social ou a creación das fundacións para o desenvolvemento das comarcas.

Chegados a este punto, e unha vez que o plan está consolidado, tanto na súa estructura coma na súa inserción social, faise precisa unha lei que regule definitivamente o que ata agora era un modelo experimental de planificación e intervención no territorio.

II

A corrección dos desequilibrios territoriais constitúe, de feito, unha preocupación común, sendo numerosos os textos normativos que recollen este principio como un dos obxectivos prioritarios.

Como é sabido, moitas comarcas caracterízanse polo seu baixo nivel de renda, escasa dotación infraestructural, baixa cualificación de man de obra, baixa productividade sectorial e, en moitos casos, unha forte dependencia dun único sector productivo, e o seu afastamento dos principais mercados, que incide nun escaso aproveitamento dos seus recursos endóxenos. Polo contrario, as áreas máis desenvolvidas concentran o poder decisorio, a información e a capacidade de innovación tecnolóxica, á vez que presentan a máxima accesibilidade.

En consecuencia, a dinámica interna do sistema territorial non asegura por si mesma a corrección dos desequilibrios espaciais e demanda a necesidade de adoptar un modelo de intervención no territorio que, desde os centros activos, xere os impulsos necesarios para dinamiza-lo potencial endóxeno das ditas áreas. A complementariedade de ambos

permitirá unha mellor articulación do territorio galego e o aproveitamento das sinerxias territoriais existentes.

Ante a situación exposta, a capacidade de resposta de cada comarca -sexa urbana ou rural-, aínda que en moitos casos sexa reducida, dependerá da posibilidade de deseñar un modelo de desenvolvemento que sexa adecuado á súa propia realidade xeográfica, cultural e socioeconómica. Por iso, non se poden seguir aplicando mimeticamente modelos convencionais de desenvolvemento.

É máis, debido a razóns estructurais, o máis probable é que os desequilibrios internos se acentúen aínda máis, porque os espacios interiores capaces de se incorporaren por si mesmos son moi poucos, dado que ó déficit estructural se lle engaden o escaso aproveitamento dos recursos naturais competitivos, a carencia da información necesaria e a baixa cualificación dos recursos humanos.

Deste contexto deriva a necesidade de poñer en marcha dous modelos complementarios:

1) O modelo rexional, que ten por obxectivo crear ou consolida-los eixes dinámicos máis competitivos, e que acostuma estar asociado a unha política espacial de concentración, xeralmente vinculada ó sistema de cidades.

2) O modelo comarcal, como modelo de desenvolvemento endóxeno e sostido, que ten por obxectivo fixar e mante-las capacidades relacionadas cos recursos endóxenos, funcionando como unha peza básica para alcanzar un desenvolvemento territorial equilibrado.

III

O modelo comarcal de desenvolvemento combina a filosofía en que se sustentan os dous modelos conceptuais básicos de desenvolvemento local vixentes.

Nunha concepción clásica, o desenvolvemento local constitúe un proceso global, integrado e sostido de cambio social, protagonizado pola poboación asentada nun territorio (rural ou urbano) ben definido, que participa activamente no aproveitamento dos recursos humanos, naturais, económicos e sociais, co fin de mellora-las súas condicións de vida, incluíndo aspectos culturais, educativos, económicos, sociais e políticos.

Pero, como non tódalas comunidades locais teñen os requisitos adecuados para emprenderen por si mesmas este proceso, necesítase un estímulo.

Este é o papel impulsor ou dinamizador que lle corresponde ó Plan de desenvolvemento comarcal. Neste plan, a poboación e o territorio deixan de ser elementos pasivos para se converteren en factores activos do seu propio desenvolvemento.

Galicia posúe unha serie de características que inducen a pensar en que, para a implantación dun proceso de desenvolvemento integrado e descen

tralizado como o que se propón, a área comarcal é o ámbito máis adecuado. En efecto, Galicia presenta como trazos territoriais dominantes os seguintes:

1) O carácter accidentado da súa topografía, que dá lugar a unidades naturais de reducida extensión e a unha forte compartimentación do territorio, facendo que a protección medioambiental demande unha acción en detalle que ten o seu soporte lóxico na área comarcal.

2) A extraordinaria dispersión do hábitat, sometido en gran parte a unha continua transformación, que se acrecenta nas extensas áreas de urbanización difusa do litoral, e que ten unha gran incidencia no custo das redes infraestructurais e de servicios.

3) A atomización das explotacións familiares agrarias e a diversidade no uso do solo rural dan lugar a unha morfoloxía moi fragmentada, que impide a aplicación de clasificacións e normas homoxéneas de ordenación territorial e uso do solo.

4) A existencia da parroquia como unidade histórico-social introduce un principio natural de descentralización na organización social e territorial.

5) A mellora da calidade de vida está condicionada pola existencia de déficits importantes nas dotacións e infraestructuras locais; para a súa corrección, nun esquema posibilista, cómpre unha mínima racionalización e concentración dos investimentos en determinados puntos do territorio.

6) A existencia de recursos locais, actividades económicas moi diversas e economías comarcais diferenciadas esixe, para a súa dinamización, coñecer con detalle a localización dos recursos endóxenos existentes. Por conseguinte, cada área comarcal debe axustarse a un determinado modelo espacial de desenvolvemento, que en cada caso cómpre definir.

7) O predominio de pequenas empresas, a abundancia de organizacións sociais e culturais intermedias e a desconexión das iniciativas locais demandan unha acción articuladora mediante a intervención decidida dos axentes locais que dinamicen a comarca.

8) O arraigamento do concepto de comarca é, así mesmo, un feito histórico e psicosociolóxico que cómpre ter en conta.

IV

Todo o anterior xustifica a necesidade de introducir -entre as existentes- esta escala intermedia de planificación, organización e xestión territorial.

Máis aínda, na actualidade case toda a Comunidade Autónoma está afectada por un forte proceso de avellentamento e regresión demográfica, que demanda unha escala de intervención territorial que favoreza a fixación dos recursos humanos existentes,

a súa cualificación e a súa adaptación ou axuste ó cambiante sistema productivo.

Por outra parte, a crise do sistema económico tradicional nunha rexión rural, periférica e en fase de desenvolvemento esixe detectar cáles poden se-las alternativas complementarias dos sistemas económicos tradicionais. E para iso, a área comarcal é tamén o nivel máis conveniente, ó supera-los reducidos ámbitos de actuación municipal, que impoñen restriccións ou limitacións derivadas do reducido tamaño e do excesivo número de concellos. Isto pode aplicarse tanto ás áreas urbanas e metropolitanas, cada vez máis afectadas pola descentralización do seu crecemento cara a periferias municipais próximas, coma ás áreas rurais. Nelas, normalmente, os concellos illados non alcanzan os limiares mínimos para que sexa aplicable un modelo de planificación descentralizado e, asemade, operativo. Nas áreas urbanas, os mesmos procesos expansivos demandan áreas supramunicipais estables.

A presente lei ten por obxecto o cumprimento dos fins sinalados anteriormente, en exercicio das competencias contidas nos artigos 27.24 e 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de desenvolvemento comarcal

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da lei.

Coa finalidade de promove-lo desenvolvemento comarcal, a presente lei ten por obxecto establece-lo marco normativo daquel, que se realizará a través dunha actuación territorial baseada na dinamización dos recursos endóxenos e das iniciativas locais, mediante a implantación gradual e participativa de plans de desenvolvemento comarcal que permitan a integración da planificación socioeconómica e a ordenación do territorio, así como a coordinación das distintas administracións e dos investimentos públicos nos ámbitos comarcais que se configuren e que serían o instrumento para ir dotando de capacidade de actuación as comarcas.

Artigo 2. Fins.

Os fins do desenvolvemento comarcal que persegue a presente lei son os seguintes:

1) A coordinación das diferentes administracións implicadas para favorece-lo desenvolvemento local, mediante un modelo de cooperación horizontal e vertical que permita unha maior e máis eficiente asignación dos recursos.

2) A configuración das comarcas como unidades supramunicipais, como o ámbito máis adecuado

para a coordinación e integración da planificación socioeconómica e da planificación física, e para a protección do medio ambiente nun modelo de desenvolvemento integrado.

3) A implantación de estratexias de coordinación e de planificación integrada sen multiplica-las estructuras administrativas existentes.

4) O fortalecemento do papel dos axentes socioeconómicos públicos e privados da comarca como factores dinamizadores do desenvolvemento.

5) A aplicación dos principios e dos métodos do modelo de desenvolvemento local a todo o territorio, mediante unha implantación gradual e participativa para deseñar proxectos estratéxicos de desenvolvemento comarcal.

6) A busca dunha solución para as situacións críticas que derivan dos procesos de despoboamento demográfico, avellentamento, descapitalización, infraequipamento e subutilización de recursos.

7) A definición das especificidades productivas comarcais, que permitan establece-las vantaxes comparativas dentro dunha oferta de calidade.

8) A reducción dos desequilibrios territoriais existentes.

9) A contribución á ordenación do territorio, co fin de facer compatible a protección do medio -entendido como recurso e como calidade de vida- co desenvolvemento comarcal.

Artigo 3. Ámbito de aplicación.

1) Subxectivo.

a) O cumprimento dos obxectivos especificados no artigo anterior é responsabilidade de tódalas administracións públicas implicadas, e, en particular, afectará a:

-A Administración autonómica.

-A Administración local.

b) Dentro do marco de competencias constitucionalmente establecido o Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial da Xunta de Galicia procurará a coordinación coas accións da Administración xeral do Estado.

2) Territorial.

A presente lei abrangue a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Título II

Do Plan de desenvolvemento comarcal de Galicia

Capítulo I

Principios e obxectivos

Artigo 4. Dos plans de desenvolvemento comarcal.

1. A comarca constitúe o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal.

2. O Plan de desenvolvemento comarcal concíbese como un instrumento de coordinación para a con

creción das directrices e normas básicas contidas na lexislación de ordenación do territorio e no Plan económico e social para alcanza-lo desenvolvemento territorial homoxéneo e equilibrado de Galicia.

3. Os plans de desenvolvemento comarcal serán formulados, tramitados e aprobados segundo o procedemento establecido nesta lei e nas normas que a desenvolvan. En todo caso, deberá asegurarse o trámite de información pública e de audiencia das administracións implicadas.

Artigo 5. Principios do Plan de desenvolvemento comarcal.

O Plan de desenvolvemento comarcal fundamentarase nos seguintes principios xerais:

1) Voluntariedade na incorporación ó proceso de desenvolvemento comarcal.

2) Participación, mediante a colaboración activa e voluntaria, dos axentes económicos e sociais de cada comarca.

3) Coordinación das accións das distintas administracións no territorio comarcal.

4) Subsidiariedade, como principio destinado a alcanza-la maior eficacia na distribución das accións de desenvolvemento entre as diferentes administracións territoriais.

5) Adicionalidade, mediante a suma de esforzos financeiros das distintas administracións e axentes socioeconómicos implicados.

6) Complementariedade entre as iniciativas de desenvolvemento local a través dos plans de desenvolvemento integrado de cada comarca.

7) Flexibilidade, tanto no deseño e na aplicación dos plans coma no sistema de avaliación aberta e seguimento continuo.

Artigo 6. Obxectivos.

Para o cumprimento dos fins sinalados no título anterior, o Plan de desenvolvemento comarcal estará orientado á consecución de:

a) A estandarización dos equipamentos públicos.

b) O desenvolvemento social e económico da comarca nos seus ámbitos formativos, culturais e sociais.

c) A inserción da comarca nos sistemas xerais de comunicación, producción, comercialización, promoción e outros relativos ó desenvolvemento económico dela.

d) A determinación das distintas aptitudes e usos do solo en función das súas capacidades productivas e do seu valor medioambiental.

e) Crear e mellora-las infraestructuras e servicios locais que favorezan a descentralización productiva, a capacidade de innovación e o uso de novas tecnoloxías, para competir nun mercado aberto.

f) Articula-lo sistema de asentamentos, potenciando os niveis intermedios, é dicir, os centros e subcentros comarcais de desenvolvemento, como núcleos de crecemento.

g) Promove-la creación de mancomunidades voluntarias para a prestación de servicios na totalidade ou en parte dos concellos que integran a comarca.

h) Propicia-la creación e potenciación de organizacións intermedias de dinamización interna.

i) Implantar unha estructura territorial descentralizada, adaptada á dispersión do hábitat, co fin de lle achegar á poboación os servicios que a sociedade moderna demanda.

j) Racionalizar unha desconcentración flexible dos servicios administrativos, para conseguir unha mellor relación entre eles e as necesidades comarcais.

Capítulo II

A estructura dos instrumentos de planificación

Artigo 7. Dos instrumentos de planificación.

1. O Plan de desenvolvemento comarcal materialízase por medio dos plans de desenvolvemento de cada comarca, que son así os instrumentos específicos de planificación.

2. Os plans de desenvolvemento comarcal axustaranse ós plans de ordenación dos recursos naturais, ás directrices de ordenación do territorio e ós plans territoriais integrados que os afecten, e, se é o caso, revisaranse para axustar a estes as súas determinacións no prazo e mediante o procedemento que regulamentariamente se estableza.

3. Os plans de desenvolvemento comarcal que se aproben terán a consideración de programas coordinados de actuación previstos na Lei de ordenación do territorio.

Artigo 8. Estructura e contido.

Os plans de desenvolvemento de cada comarca terán a seguinte estructura e contido mínimo:

1) Estudio socioeconómico.

2) Estudio do medio físico.

3) Programación de estratexias e accións de desenvolvemento comarcal.

Artigo 9. Estudio socioeconómico.

O estudio socioeconómico terá, polo menos, os seguintes contidos:

1) Unha análise da cohesión interna e da integración funcional da comarca, así como a súa vertebración económica e social co resto de Galicia.

2) O estudio do marco territorial, co fin de establecer unha clasificación do territorio comarcal en áreas e subáreas.

3) Unha análise dos recursos humanos, para determina-la estructura e as tendencias na evolución da poboación.

4) Unha análise da estructura socioeconómica, co fin de detecta-las vantaxes comparativas e as barreiras que afecten o sistema productivo.

5) Unha análise da calidade de vida, para determina-las debilidades existentes ou os problemas de marxinalidade que poden condiciona-la habitabilidade e as condicións de vida dos habitantes da comarca.

6) O estudio da rede urbana comarcal e da estructura funcional do territorio, establecendo, con criterios técnicos, os centros urbanos ou núcleos de poboación que, polas súas características e posibilidades, poidan funcionar como centros e subcentros de desenvolvemento da comarca.

7) Unha síntese funcional, detectando as oportunidades e debilidades existentes, co fin de fixa-los mecanismos alternativos de potenciación ou corrección.

Artigo 10. O estudio do medio físico.

O estudio do medio físico ten como fin obter unha síntese do potencial do territorio, en función dos recursos naturais da comarca. Isto implica unha clasificación do espacio comarcal segundo as súas aptitudes productivas, para compatibiliza-lo desenvolvemento socioeconómico co medio ambiente e coa calidade de vida. O dito estudio incluirá, polo menos:

a) Un mapa ambiental, no que se localicen áreas con forte impacto negativo, áreas de conservación e de protección.

b) Un mapa de recursos naturais de valor estratéxico, que conteña os usos e as aptitudes do medio físico que, polo seu potencial natural, sexan susceptibles de seren utilizados como recursos para o desenvolvemento, en particular, no que concirne ós recursos paisaxísticos, cinexéticos, piscícolas ou doutras actividades de ocio.

Artigo 11. Programación de estratexias e accións de desenvolvemento.

A programación de estratexias e accións de desenvolvemento abranguerá, polo menos, os seguintes apartados:

1) Os factores diferenciais da comarca.

Determinarase, a partir dos estudios realizados, un diagnóstico das potencialidades da comarca. Abranguerá tanto as debilidades estructurais coma as oportunidades existentes, determinando as vantaxes diferenciais que constitúen -ou poden constituír- o fundamento para o desenvolvemento da comarca.

2) Obxectivos estratéxicos.

A partir dos factores diferenciais farase unha selección de prioridades e obxectivos co fin de esta

blecer unha estratexia integrada de desenvolvemento comarcal.

3) Accións de desenvolvemento.

Cada obxectivo estratéxico componse dun conxunto de accións de desenvolvemento, é dicir, actuacións que se considera necesario realizar no período de vixencia do plan para a consecución dos ditos obxectivos.

Artigo 12. Iniciativa.

1. A iniciativa para a inclusión dunha comarca no Plan de desenvolvemento comarcal corresponderalles ós concellos integrantes, sempre que o soliciten polo menos dous tercios deles, mediante acordo que lle trasladarán á Xunta de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente por razón da materia, adoptará o acordo de incluí-la área comarcal no Plan de desenvolvemento comarcal.

2. Adoptado o acordo anterior, constituirase o Consello Comarcal conforme o artigo 22 desta lei.

Artigo 13. Prediagnóstico.

Unha vez que o Consello da Xunta acorde a inclusión dunha comarca no Plan de desenvolvemento comarcal, e constituído o Consello Comarcal, o órgano competente da Xunta de Galicia elaborará un prediagnóstico, que incluirá o estudio socioeconómico e do medio físico. A súa elaboración prevé un sistema participativo que inclúe as corporacións locais da comarca e os axentes socioeconómicos dela. O dito prediagnóstico constitúe unha primeira proposta de obxectivos e accións, que se someterá á consideración do Consello Comarcal polo prazo dun mes.

Coas suxerencias que este emita daráselle traslado á Comisión de Comarcalización, que emitirá informe no prazo dun mes sobre a súa viabilidade, conveniencia e oportunidade.

Artigo 14. Procedemento de aprobación do Plan de desenvolvemento comarcal.

1. Á vista das suxerencias emitidas polo Consello Comarcal e do informe da Comisión de Comarcalización, redactarase o proxecto do Plan de desenvolvemento comarcal da área.

O dito proxecto será sometido, simultaneamente, a informe:

a) Da Consellería de Economía e Facenda, co fin de verifica-la súa adecuación ós obxectivos do Plan económico e social de Galicia e ó Plan de investimentos.

b) Da Consellería competente en política territorial, para comprobar se as súas determinacións se axustan ás establecidas nos instrumentos de ordenación do territorio de rango superior.

c) Da Consellería competente en materia de Administración local.

d) Da Consellería de Agricultura.

e) Da Consellería de Pesca nas comarcas pesqueiras.

Ó mesmo tempo, someterase a informe das demais consellerías que se consideren interesadas.

Os ditos informes deberán emitirse no prazo de dous meses. Transcorrido o dito prazo, entenderase emitido con carácter positivo.

2. Emitidos e incorporados, no que proceda, os ditos informes ó proxecto, remitiránselles estes ós concellos e ás deputacións provinciais afectados, para que no prazo dun mes formulen as alegacións que coiden convenientes. Igualmente, daráselle traslado á Delegación do Goberno en Galicia para que, se o considera oportuno, os distintos órganos sectoriais da Administración xeral do Estado interesados emitan o oportuno informe.

No mesmo período de tempo abrirase un trámite de información pública, e coas modificacións que, se é o caso, sexan pertinentes procederase á aprobación inicial polo Consello Comarcal, que deberá ser acordada por maioría de dous tercios dos seus membros.

3. Unha vez aprobado inicialmente, elevaráselle ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.

A aprobación definitiva revestirá a forma de decreto e será obxecto de publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Colaboración das deputacións provinciais.

As deputacións provinciais participarán activamente na elaboración e xestión dos plans de desenvolvemento comarcal, colaborando no cumprimento dos seus obxectivos a través das súas unidades técnicas comarcais.

Os plans de desenvolvemento comarcal terán carácter de marco de referencia para a elaboración dos plans provinciais de cooperación de obras e servicios.

Capítulo III

Eficacia do plan

Artigo 16. Efectos.

1. Unha vez aprobado o Plan de desenvolvemento comarcal, as accións e estratexias nel contidas serán marco de referencia para as distintas administracións.

2. As actuacións dotacionais que se inclúan nun Plan de desenvolvemento comarcal terán a consideración de utilidade pública para os efectos da lexislación de expropiación forzosa.

Artigo 17. Vixencia.

O Plan de desenvolvemento de cada comarca terá unha vixencia de catro anos, contados desde a súa

aprobación definitiva. Anualmente, efectuarase unha avaliación do grao de cumprimento de obxectivos, de acordo co prazo de execución previsto para cada acción.

Artigo 18. Modificación do plan.

Coincidindo coas avaliacións anuais, o Consello Comarcal poderá propoñe-los reaxustes que se consideren necesarios para adecua-los obxectivos e as accións establecidas no plan á cambiante realidade socioeconómica da comarca.

Estes reaxustes poderán tratar acerca dos seguintes puntos:

1) Supresión daqueles obxectivos ou accións que, de acordo coa experiencia adquirida, resulten escasamente operativos.

2) Modificación, supresión ou substitución de accións de desenvolvemento por outras alternativas que teñan maior eficacia.

3) Alteracións na priorización temporal das accións.

Estas, e calquera modificación que se produza, non poderán nunca alterar substancialmente o contido estratéxico do plan.

Para a súa inclusión no plan, estes reaxustes deberán ser, logo de información pública dun mes, acordados polas dúas terceiras partes dos compoñentes do Consello Comarcal, e aprobados mediante decreto do Consello da Xunta.

Artigo 19. Prórroga do plan.

Transcorridos os catro anos de vixencia do plan, este poderá prorrogarse a petición do Consello Comarcal e logo do informe do Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial. Esta prórroga terá carácter excepcional, deberá ser aprobada polo Consello da Xunta e non poderá supera-los dous anos de duración.

Título III

Órganos de planificación, coordinación, xestión e promoción

Artigo 20. Órganos.

A coordinación, a xestión e a promoción do Plan de desenvolvemento comarcal levarana a cabo os seguintes órganos:

A) Órganos de planificación e coordinación:

-O Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial.

-O Consello Comarcal.

-A Comisión de Comarcalización.

B) Órganos de xestión e promoción:

-As unidades técnicas comarcais.

-As fundacións para o desenvolvemento das comarcas.

-A Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

Capítulo I

Órganos de planificación e coordinación

Artigo 21. O Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial.

O Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial, como órgano dependente do presidente da Xunta de Galicia, ten asignadas as funcións de impulso na elaboración, coordinación e seguimento do Plan de desenvolvemento comarcal.

Neste sentido, son tarefas específicas del:

1) A elaboración da proposta dos plans de desenvolvemento das comarcas.

2) A proposta de avaliación anual e o seguimento dos ditos plans.

3) A avaliación das propostas de prórroga, revisión e modificación dos plans de desenvolvemento de cada comarca.

4) A coordinación do Plan de desenvolvemento comarcal.

Artigo 22. O Consello Comarcal.

O Consello Comarcal ten como obxecto propoñer e avalia-los obxectivos e as accións de desenvolvemento comarcal, na elaboración do cal terá unha participación activa, segundo o establecido nesta lei. Así mesmo, correspóndelle ó Consello Comarcal a aprobación inicial do Plan de desenvolvemento da súa comarca, participando tamén na súa avaliación anual.

O Consello Comarcal estará facultado para solicita-la prórroga do plan, conforme o disposto no artigo 19, de acordo co procedemento nel establecido.

O Consello Comarcal estará integrado por:

1) O conselleiro competente na materia, que exercerá a presidencia do Consello Comarcal.

2) Un representante de cada un dos concellos integrantes da comarca, que ocuparán, de forma rotatoria, a vicepresidencia do Consello.

3) Un representante da Deputación Provincial respectiva.

4) O director do Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial, que actuará como secretario.

Artigo 23. A Comisión de Comarcalización.

A Comisión de Comarcalización é un órgano colexiado da Xunta de Galicia, coordinador interconsellerías, e ten como finalidade a avaliación e verificación dos obxectivos do plan e o seguimento deles e da súa execución. Funcionará en pleno e en grupos de traballo.

Regulamentariamente determinarase o seu funcionamento e composición.

Capítulo II

Órganos de xestión e promoción

Artigo 24. As unidades técnicas comarcais.

As unidades técnicas comarcais son órganos técnicos de planificación dependentes das deputacións provinciais respectivas. Están coordinadas polo Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial e teñen como función materializa-la participación activa das deputacións nos plans de desenvolvemento comarcal do seu ámbito territorial.

Artigo 25. As fundacións para o desenvolvemento das comarcas.

As fundacións para o desenvolvemento das comarcas promovidas pola Xunta de Galicia teñen a súa razón de ser na necesidade de crear un ente específico que permita a integración do sector público e do privado, constituíndose como un grupo de acción comarcal que ten como obxectivo fundamental a dinamización das iniciativas comarcais e a promoción dos seus recursos endóxenos. Así mesmo, tratarán de promove-las accións xenéricas ou específicas de desenvolvemento previstas nos plans de desenvolvemento comarcal e impulsa-la participación dos sectores económicos e sociais de base ós que van dirixidos. Tamén poderán promover e impulsar actuacións, programas, accións e proxectos que incidan no desenvolvemento territorial, económico e social da comarca que constitúe o seu ámbito de actuación. En ningún caso será competencia das fundacións a execución dos investimentos públicos previstos nos respectivos plans de desenvolvemento comarcal.

As fundacións estarán rexidas por un Padroado de goberno, do que formarán parte o Consello Comarcal e os representantes dos sectores estratéxicos productivos da comarca, segundo o procedemento que se estableza nos seus estatutos ou regulamentos internos. Os fins concretos das fundacións, o seu funcionamento interno, composición e demais determinacións regularanse polos seus respectivos estatutos.

Artigo 26. A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia configúrase como unha sociedade anónima de carácter instrumental e de servicios de apoio ó desenvolvemento territorial, constituída pola Xunta, que ten como obxecto a realización de actividades de investigación e a prestación de servicios relacionados cos estudios e a planificación territorial e o desenvolvemento comarcal. Así mesmo, encargarase da elaboración de estudios, programas, proxectos, plans e accións de desenvolvemento local e comarcal. Estas actuacións terán como característica diferenciadora o seu carácter multisectorial, é dicir, que terán en conta a inte

gración do desenvolvemento socioeconómico, a planificación do territorio e o medio ambiente.

Un dos servicios específicos que presta a Sociedade é a coordinación da rede de xerentes de desenvolvemento comarcal no que concirne á súa formación técnica e á difusión dos programas de desenvolvemento local que son competencia dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, sempre que así sexan requiridos por estes.

Tamén se encargará do deseño e da xestión do sistema de información territorial de Galicia, que inclúe unha unidade cartográfica.

En ningún caso será competencia da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia a execución dos investimentos públicos previstos nos respectivos plans de desenvolvemento comarcal.

Título IV

O Mapa comarcal de Galicia

Artigo 27. Delimitación territorial das comarcas.

A aplicación formal e temporal do Plan de desenvolvemento comarcal concretarase nun Mapa comarcal, no que aparecerá a delimitación territorial das distintas comarcas, e a súa aprobación e sucesivas modificacións serán efectuadas por decreto do Consello da Xunta, polo procedemento que se establece nos artigos seguintes.

Para estes efectos, a comarca concíbese como un ámbito territorial intermedio, formado por un conxunto de concellos estremeiros que teñen unha cohesión interna entre eles baseada en feitos xeográficos, históricos, económicos e funcionais.

Artigo 28. Procedemento de selección.

A proposta de configuración das distintas comarcas nas que se divide o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia será levada a cabo polo Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial, que deberá ter en conta para isto os datos existentes, os criterios que expoñan razoadamente as distintas consellerías e a opinión dos distintos entes xurídico-públicos afectados.

Xuntaráselle á proposta un documento xustificativo do Mapa comarcal que se elevará para a súa aprobación.

Artigo 29. Aprobación inicial.

O documento a que se refire o artigo anterior, unha vez redactado, elevaráselle ó conselleiro competente, para que acorde sobre a súa aprobación inicial.

Artigo 30. Exposición pública.

Unha vez aprobado inicialmente, someterase o documento a exposición pública para alegacións, polo período dun mes, mediante publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia; tamén se anunciará en dous

dos xornais de maior difusión na Comunidade Autónoma.

Simultaneamente, daráselles traslado do documento ás deputacións provinciais e ós concellos de Galicia, para que no mesmo período de tempo poidan formular, tamén, alegacións.

Do mesmo xeito, daráselle traslado do documento á Delegación do Goberno en Galicia, para que, se o considera oportuno, manifeste as alegacións que coide convenientes.

Artigo 31. Aprobación definitiva.

Estudiadas e dictaminadas polo Gabinete de Planificación e Desenvolvemento Territorial as distintas alegacións e informes, coas correccións que procedan, o conselleiro competente elevaralle o documento ó Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva por decreto.

Artigo 32. Publicación.

O decreto polo que se aprobe definitivamente o Mapa comarcal de Galicia publicarase no Diario Oficial de Galicia e mais no Boletín Oficial del Estado.

Artigo 33. Modificación.

A delimitación comarcal contida no documento a que se refire este título poderá ser obxecto de modificación, segundo o mesmo procedemento establecido nos artigos anteriores, coa especialidade de que unicamente se lles dará traslado á Deputación Provincial e ós concellos directamente afectados.

Disposicións adicionais

Primeira.

A Comisión Galega de Cooperación Local propoñerá criterios, singularmente no que se refire á participación do Fondo de Cooperación Local, para o cumprimento dos obxectivos dos plans de desenvolvemento comarcal.

Segunda

A presente lei deberá interpretarse e aplicarse en coordinación co contido do disposto nas leis autonómicas de Administración local e ordenación do territorio. Para estes efectos, a designación polo Consello da Xunta dunha comarca para a súa inclusión no Plan de desenvolvemento comarcal implicará, de non se facer anteriormente, a tramitación simultánea do Plan territorial integrado correspondente, segundo o procedemento establecido na Lei de ordenación do territorio.

Disposición transitoria

Os plans de desenvolvemento comarcal vixentes, aprobados por decreto da Xunta de Galicia, adaptaranse na súa primeira revisión ó procedemento establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Facúltase a Xunta de Galicia para o desenvolvemento regulamentario da presente lei, no que proceda.

Segunda.

A presente lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

4755