Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 09 de agosto de 1996 Páx. 7.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 327/1996, do 26 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Forcarei (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de saneamento en Forcarei e outros (apertura da rúa J).

O Concello de Forcarei (Pontevedra), en sesión celebrada o día 27 de maio de 1996, aprobou o proxecto de saneamento en Forcarei e outros (apertura rúa J), e na sesión do día 29 de marzo de 1996 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O concello remitíu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de xuño de 1996 de baixo o número 6490.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitíu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de xullo 1996, nº 6661.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque, de acordo co plan de obras incluído no proxecto, o movemento de terras sería conveniente e necesario inicialo antes do mes de setembro do ano en curso. O custo da obra incrementaríase se non se inicia na data prevista. A obra está incluída no Programa Operativo Local do ano 1996, polo que tería que iniciarse antes do 1 de outubro deste ano, co risco de perde-la subvención correspondente se se demora a contratación e a posterior ocupación de terreos para poder executala.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Forcarei (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de saneamento en Forcarei e outros (apertura rúa J).

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5857