Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 12 de agosto de 1996 Páx. 7.644

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de xullo de 1996 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Soledad Solano Aza.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Soledad Solano Aza, con domicilio en Vigo, rúa Doutor Cadaval nº 4, sollado.

Supostos de feito.

1. José Martínez Gómez, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 28 de febreiro de 1996, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Madrid, o día 21 de decembro de 1995, perante o notario Gerardo Muñoz de Dios, co número nove mil douscentos corenta e tres do seu protocolo por Soledad Solano Aza e José Martínez Gómez. O 16 de maio, outórgase escritura de modificación de estatutos por Soledad Solano Aza, en Madrid, perante o notario Antonio Crespo Monerri, co número mil setecentos corenta e nove do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos a fundación ten por obxecto e finalidade a conservación, restauración, fomento e desenvolvemento do patrimonio artístico-relixioso na Comunidade Autónoma galega e no resto do territorio nacional.

4. O padroado da fundación regúlase no artigo 8dos seus estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Soledad Solano Aza, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 8 de xullo de 1996.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Soledad Solano Aza, e adscribila á Consellería de

Cultura e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6035