A Orde do 4 de outubro de 1995 (DOG do 8 de novembro) pola que regulan as actividades de estudio alternativas ó ensino da relixión, establecidas polo Decreto 235/1995, do 20 de xullo (DOG do 10 de agosto), para as ensinanzas de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, autoriza na súa disposición derradeira a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para dicta-las normas precisas para a execución do establecido na devandita orde.
As actividades de estudio alternativas, co seu dobre carácter de ensinanzas complementarias e o seu carácter formativo, de xeito especial na modalidade de cultura relixiosa, presentan unha novidade no desenvolvemento da actividade académica dos centros. Por iso faise oportuno establecer unhas normas complementarias que poidan prestar unha orientación adecuada ós centros nos que se inician estas actividades e ós que en sucesivos anos académicos, en virtude da progresiva implantación das destas, as impartan.
Deste xeito os centros poderán dispor dunhas directrices prácticas orientadoras na elaboración dos proxectos de centro e na súa aplicación efectiva polo profesorado responsabilizado dela.
En virtude disto, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional,
RESOLVE:
Primeiro.
1. No segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria e no primeiro curso de bacharelato os alumnos que non optasen polo ensino relixioso deberán desenvolver con carácter obrigatorio actividades de cultura relixiosa baixo a dirección e supervisión dun profesor.
Estas actividades consistirán en tarefas encadrables no marco normativo establecido na Orde do 4 de outubro de 1995 e nas orientacións didácticas propostas no anexo á presente resolución.
2. No segundo ciclo da educación infantil, na educación primaria e no primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, as orientacións propostas no anexo serán aplicables ós alumnos que opten pola actividade de cultura relixiosa. Ós alumnos que opten pola outra alternativa outras ensinanzas de actividades complementarias seralles de aplicación o recollido no punto II do anexo da Orde do 4 de outubro de 1995.
Segundo.
1. Os departamentos didácticos na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato asi como, cando pro
ceda, os equipos de ciclo na educación infantil e na educación primaria elaborarán as propostas de actividades de cultura relixiosa segundo o disposto na Orde do 4 de outubro de 1995 e consonte as orientacións didácticas do anexo desta resolución. Estas propostas integraranse no proxecto curricular do centro.
2. Os centros de formación continuada do profesorado (CEFOCOP) incluirán, na súa programación anual, actividades de formación do profesorado relacionadas coas actividades de estudio alternativas o ensino relixioso.
3. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional difundirá materiais de apoio que lles sirvan de orientación ós centros para desenvolve-las propostas incluídas no proxecto curricular e facilitarlle ó profesorado a organización e dirección das actividades concretas.
Terceiro.
1. As actividades de cultura relixiosa con carácter de ensinanzas complementarias alternativas para os alumnos que non optaran por seguir ensino relixioso non serán obxecto de avaliación nin terán constancia nos seus expedientes académicos. Non obstante, a asistencia a estas actividades ten a mesma obrigatoriedade cá asistencia ás demais áreas ou materias.
2. Ó remate de cada curso e co obxecto de que quede constancia de que os alumnos realizaron as actividades alternativas propostas, os profesores encargados delas entregaránlle ó xefe de estudios do centro unha relación dos alumnos que participaron nas actividades correspondentes.
3. Os centros poderán expedir, por petición dos alumnos, unha acreditación que especifique as actividades de estudio alternativas que realizaron, tendo en conta a asistencia regular a elas e a participación nas correspondentes tarefas.
Cuarto.
1. A dirección das actividades de cultura relixiosa nos centros de educación infantil, educación primaria e nos institutos de educación secundaria obrigatoria estará a cargo do profesorado do centro que voluntariamente poida realizalas en función da súa dispoñibilidade horaria, da súa especialidade e da natureza das actividades.
2. Nos centros de educación infantil, educación primaria, de non haber profesorado voluntario, o director do centro asignaralle esta tarefa ós mestres en función da súa dispoñibilidade horaria, da súa especialidade e da natureza das actividades programadas.
3. No primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria, de non haber profesorado voluntario, o director encomendaralle estas tarefas ó profesorado que imparta clase neste ciclo, en función da súa dispoñibilidade horaria, da súa especialidade e da natureza de actividades programadas.
4. No segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria e no primeiro curso de bacharelato, de non haber profesorado voluntario, o director encomendará a direc
ción destas actividades preferentemente ós profesores de filosofía, ciencias sociais, historia e xeografía, latín, grego, lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura, linguas extranxeiras, sempre en función da súa dispoñibilidade horaria, e da natureza das actividades programadas.
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 1996.
José Luis Mira Lema
Director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional
ANEXO
Orientacións didácticas para programación das actividades de cultura relixiosa
1. Xustificación e sentido das actividades de cultura relixiosa.
As actividades de cultura relixiosa ofértanse nun contexto escolar como alternativa a unhas ensinanzas de relixión confesional. Isto leva a orientar preferentemente o seu desenvolvemento en dirección á vertente cultural, histórica e social do feito relixioso. En dirección ó que ten máis de fenómeno obxectivable, o que pode ser descrito e presentado con maior rigor científico, deixándolle respectuosamente ás ensinanzas comprometidas cunha determinada fe -(voluntariamente elixidas polo alumno) o desenvolvemento dos contidos dogmáticos específicos desta.
O interese e valor educativo do contido destas actividades de cultura relixiosa é indiscutible pola importancia obxectiva do feito relixioso en si mesmo, nas súas raíces e consecuencias antropolóxicas e sociais, na súa evolución, e nas súas manifestacións nas artes, na literatura, na música. Todos estes factores foron decisivos na constitución da identidade sociocultural de Galicia e de presencia continua na nosa historia, como tamén na sociedade e na cultura, na historia de España, do mundo occidental e de toda a humanidade.
A importancia e complexidade do feito relixioso aboan a conveniencia do seu coñecemento reflexivo que debe graduarse de acordo cos niveis de evolución persoal que lles corresponden ós alumnos das diferentes etapas educativas.
A programación e realización destas actividades de cultura relixiosa teñen un carácter formativo complementario ó favoreceren que os alumnos afonden no coñecemento das crenzas, actitudes e valores básicos da nosa tradición e patrimonio cultural e analicen e valoren criticamente as realidades do mundo contemporáneo e os factores e antecedentes que nel inflúen.
2. Obxectivos xerais.
Ó longo de todo o proceso escolar, as actividades de cultura relixiosa contribuirán dunha forma gradual á consecución dos seguintes obxectivos xerais:
-Discernir na complexidade do mundo social circundante os principais elementos de natureza, orixe ou connotación relixiosa nas súas manifestacións plásticas, literarias e musicais e nas súas concrecións históricas e sociais.
-Interpretar eses elementos relixiosos en relación cos seus axentes creadores ou actores; a súa finalidade e os seus significados simbólicos.
-Comprende-lo feito relixioso nas súas relacións con outros fenómenos importantes, naturais e sociais.
-Avalia-los elementos das principais relixións criticamente no que puideron achegar no pasado e achegen hoxe ó patrimonio cultural da humanidade e á constitución da identidade sociocultural galega.
-Analiza-la interacción que vencella os fenómenos relixiosos, políticos, económicos, estéticos e, se é o caso, científicos apreciando o compoñente relixioso dentro da causalidade múltiple dos feitos históricos.
-Delimita-las características principais que definen as grandes relixións de Oriente e de Occidente, tanto nas súas ideas fundamentais sobre a transcendencia, como na súa interpretación do ser humano e da súa dimensión moral.
-Examina-lo conflicto da razón e a fe nos seus desenvolvementos máis significativos, comprendendo que a filosofía deu respostas moi diversas.
-Analiza-lo feito relixioso na súa dimensión social, como contribución a cultura e tamén como fonte de conflicto entre os homes.
3. Contidos xerais e organización.
3.1. Aspectos xerais.
O feito relixioso presenta un contido variado e complexo, non só como feito cultural senón tamén como experiencia persoal. No seu estudio deberase ter en conta:
-Actitudes relixiosas persoais.
-Concepción do mundo.
-Normas ou preceptos de conducta.
-Libros sagrados.
-Sistemas de organización social ou institucional.
-Manifestacións: culto, cerimonias, costumes.
-Simbolismos relixiosos: na literatura, na arquitectura, nas artes plásticas, na música.
En todo momento histórico o tema relixioso estivo presente na vida humana. As manifestacións varían en función dos pobos. Isto lévanos a dar conta da diversidade de manifestacións dun feito histórico.
No noso medio galego detéctanse elementos relixiosos arcaicos procedentes de substratos culturais prerromanos, grecolatinos e cristiáns. Ademais, na actualidade, nun mundo cada vez máis intercomunicado, prodúcese a introducción de contidos relixiosos diversos incluso pertencentes a grupos minoritarios.
O marco de referencia para o estudio do feito relixioso situarase na indagación da propia identidade e vertebrarase arredor das preguntas:
-¿Quen somos?
-¿De onde vimos e onde imos?
-¿Como forma parte a cultura relixiosa das engrenaxes da nosa cultura?
3.2. Eixes vertebradores.
No seguinte cadro sintetízanse dun xeito esquemático os tres grandes eixes de contidos destas actividades de cultura relixiosa:
O feito relixioso como obxecto de estudio require, polos seus múltiples contidos e manifestacións, ser organizado nunha estructura cos conceptos máis esenciais:
-O sagrado.
-O profano.
-A crenza.
-A fe.
-A transcendencia.
-O misterio.
-A salvación.
Como proceso histórico, o estudio do feito relixioso debería tratar sobre:
-As manifestacións primitivas.
-As grandes relixións.
Como queira que unha dimensión fundamental do feito relixioso é a experiencia persoal, teranse en conta á hora de estudialo as actitudes ante a relixión:
-Ateísmo.
-Agnosticismo.
-Afirmacións de Deus.
O desenvolvemento dos contidos estructurados por estes eixes deberá leva-los alumnos a cimenta-lo sentido de tolerancia e aceptación respectuosa das diversas crenzas que existen no seu contorno.
4. Orientacións sobre os contidos.
Dun xeito moi xenérico, sinálanse a continuación unhas orientacións que permitan os profesores responsables destas actividades facer en cada etapa educativa a concreción e desenvolvemento correspondente dos contidos xerais
4.1. Educación infantil.
Tendo en conta as dificultades desta etapa, en especial a curta idade dos alumnos, para realizar un desenvolvemento e programación destas actividades débense ter en conta as indicacións que a continuación se desenvolven.
Para concreta-los contidos relativos ó feito relixioso, os mestres que atendan os alumnos de educación infantil enfocarán o achegamento ó seu significado cultural desde a observación e a exploración do contorno natural, familiar e social.
As actividades que se leven a cabo deberán facilitarlles ós alumnos a comprensión do significado relixioso das tradicións, dos ritos e dos costumes do seu contorno.
A partir de narracións (contos ou lendas) poderanse introducir elementos propios de crenzas da cultura galega en xeral e do seu contorno próximo.
Procurarase fomenta-lo diálogo respecto das narracións e, coas ideas que vaian xurdindo, poderanse rea
lizar actividades de plástica nas que os nenos e nenas poidan simboliza-lo que eles entenden sobre estas crenzas e tradicións. Durante a actividade de diálogo fomentaranse valores de respecto e interese polas distintas manifestacións culturais.
Mediante visitas a lugares de significado sagrado para as distintas confesións, nos que se poidan observar imaxes de personaxes históricos relacionados con algunha relixión, de elementos da natureza ou obxectos de carácter igualmente sagrado, poderase aborda-lo significado das pregarias, dos ritos e do espacio sagrado. A comprensión do significado destes aspectos poderá plasmarse en actividades creativas de plástica ou mediante narracións orais.
A partir de revistas e outros materiais que poidan existir na escola ou na casa, os nenos e nenas poderán recoller imaxes de obxectos tradicionais de uso ou significado relixioso, así como de persoas e personaxes que participan activamente en acontecementos relixiosos. A continuación, poderase proceder á clasificación das imaxes obtidas e ó diálogo sobre o significado das cerimonias, peregrinacións, monumentos relixiosos e aqueloutros aspectos que se recollesen.
Con motivo das onomásticas dos nenos e nenas poderase proceder a relata-las historias ou acontecementos de significación relixiosa que teñan relación cos nomes propios dos escolares ou dos seus familiares.
Mediante cancións populares ou infantís coñecidas, ou que os nenos e nenas poidan aprender facilmente, estes poderán identificar aspectos referidos a personaxes ou obxectos de significación relixiosa e relacionalos con historias, lugares, elementos da natureza, etc.
A partir dalgunha das historias narradas, pola mestra ou mestre ou polos mesmos nenos, estes poderán realizar actividades de comunicación e representación, mediante a dramatización da historia narrada.
A través dalgunha actividade na que se semente ou se plante algo de crecemento rápido, os nenos e as nenas poderán achegarse ó significado máis elemental das festas e ritos que teñen relación cos ciclos da sementeira e da colleita.
Con actividades creativas nas que os nenos poidan expresa-lo que fan os días de festa, poderase aborda-lo significado nas diversas relixións dos días festivos da semana ou do ano, das vacacións de Nadal ou de Semana Santa.
4.2. Educación primaria.
Na educación primaria, ademais das orientacións xa indicadas para a educación infantil, poderanse realizar outras adaptadas ó nivel e capacidades dos alumnos de 6 a 12 anos, nas que se introduzan ámbitos de coñecemento relativos ós fundadores de distintas relixións ou ós protagonistas de historias sagradas que se relacionarán con manifestacións culturais (cine, literatura, música, arte...) e con tradicións orais que coñezan:
-Lectura e comentario de textos bíblicos, coránicos, relixións orientais, etc. ou de narracións nas que os personaxes teñan relación con estas temáticas.
-Transcrición e comentario de tradicións orais e costumes de significado relixioso.
-Visualización e comentario de películas, reportaxes ou documentais de temática de connotación relixiosa, realizando un texto narrativo no que se inclúa e emisión de opinións persoais fundamentadas.
-Recollida e comentario de noticias, ilustracións etc., sobre acontecementos sociais relacionados con algunhas relixións e elaboración dun dossier informativo.
-Intercomunicación de experiencias persoais relacionadas cos diversos elementos relixiosos integrantes das culturas.
4.3. Educación secundaria obrigatoria.
Nesta etapa o adolescente acada o uso do pensamento formal co seguinte exercicio das operacións lóxicas e a capacidade de comprender e mesmo elaborar teorías. Isto non debe esquecerse ó deseña-la programación das actividades de cultura relixiosa que sempre terán un carácter complementario en relación cos obxectivos xerais desta etapa, nos que se establece que os alumnos coñezan e comprendan os elementos básicos da cultura.
No desenvolvemento das actividades debe terse en conta as necesidades e intereses dos alumnos nestas idades para, cunha metodoloxía axeitada, favorece-la súa capacidade de aprender por si mesmo e de traballar en equipo.
A proposta dos contidos desta etapa faise arredor dos seguintes núcleos:
a) As manifestacións artísticas como elementos expresivos de crenzas.
Trátase de ir vendo como o home se serviu das artes máis diversas para expresar e manifesta-los sentimentos relixiosos. A finalidade que se persegue é a de desvela-la mensaxe relixiosa expresada nas obras a través de exemplos que permitan desentraña-la súa simboloxía. É dicir, asocia-la obra de arte a unha determinada forma de relixiosidade, comprendendo a súa simboloxía e acadando os conceptos básicos, indicados anteriormente, que permitan comprende-lo feito relixioso.
Establécense as seguintes manifestacións:
-Manifestacións na arquitectura: templos, mesquitas, ermidas.
-Manifestacións na pintura: selección de cadros representativos de distintas crenzas.
-Manifestacións na escultura: selección de obras.
-Manifestacións na música relixiosa: cantos e himnos.
-Manifestacións literarias: ascética e mística.
-Exemplos representativos das distintas expresións artísticas relixiosas na cultura galega.
b) Evolución histórica do feito relixioso:
-Nas sociedades primitivas: mitos, relixiosidade natural, meiguería, fetichismo, etc.
-As grandes relixións: budismo, xudaísmo, islamismo, cristianismo.
Desenvolvemento histórico, xeográfico e principais características que as definen.
4.4. Bacharelato.
Completando a educación secundaria, o bacharelato debe proporcionarlles ós alumnos unha maduración intelectual e humana xunto coa adquisición dos coñecementos e destrezas que lles permitan desempeña-las súas funcións sociais con responsabilidade, competencia e tolerancia, analizando e avaliando criticamente as realidades da súa sociedade.
Tendo en conta o contexto indicado anteriormente, propóñense os seguintes bloques de contidos:
a) Actitudes ante a relixión:
-Tolerancia e intolerancia.
-Fundamentalismos.
-Laicismo.
-Teoloxía da liberación.
b) Razón e fe:
-Ateísmo.
-Agnosticismo.
-Afirmación de Deus.
c) Relixión e sociedade civil.
-Acordos das confesións relixiosas e os estados.
-Liberdade relixiosa.
-Confesionalismos estatais.
-Conflictos político-relixiosos.
-A relixiosidade da sociedade galega.
5. Dimensión formativa.
As referencias no apartado anterior ós contidos inciden especialmente nos de tipo conceptual. Ademais, a semellanza coas áreas ou materias curriculares, nestas actividades de cultura relixiosa podemos tamén falar de contidos de tipo procedemental e actitudinal. Neste apartado resáltanse estes dous tipos de contidos, especialmente importantes nestas actividades, que serán obxecto de concreción e desenvolvemento na programación que faga cada centro, tendo en conta as características do alumnado e o seu contorno.
5.1. Contidos procedementais.
Os contidos conceptuais formulados anteriormente, pola súa natureza e variedade, reclaman diversidade de técnicas requiridas polo desenvolvemento efectivo desta actividade:
-Recollida e clasificación de obxectos.
-Documentación bibliográfica e recompilación e valoración de noticias.
-Lectura comprensiva e análise de textos.
-Redacción de informes e traballos temáticos.
-Dramatizacións.
5.2. Contidos actitudinais.
-Favorece-la adquisición de actitudes de interese humano, de comprensión e de aceptación da diferencia,
de tolerancia co discrepante e de apertura ó diálogo e á cooperación na defensa e promoción de valores comúns, entre os diversos grupos nos que se encarna o pluralismo relixioso do noso tempo, incluído o laicismo irrelixioso, agnóstico ou indiferente.
-Cultiva-la capacidade de apreciación e desfrute do patrimonio cultural de orixe ou connotación relixiosa.
-Promove-lo compromiso na conservación do patrimonio e na difusión do seu coñecemento.
6. Directrices metodolóxicas xerais.
A programación, execución e avaliación técnico-pedagóxica, xa que non académica, destas actividades, das que o profesorado encargado terá que responsabilizarse, deberán adecuarse ás idades dos alumnos e ó conseguinte desenvolvemento das súas capacidades. Neste sentido, os elementos temáticos concretos e as actividades correspondentes que reaparecen e se repiten en sucesivas etapas e niveis, deberán ser novamente seleccionados e enfocados segundo as características e posibilidades de cada etapa e nivel. Cabe falar así de rememoración por vía de progresión e afondamento, articulándose segundo unha clave que poderiamos esquematizar como círculo de círculos.
O labor escolar centrarase sempre na actividade do alumno, acollendo e estimulando a súa iniciativa no marco das directrices que se sinalan nestas orientacións didácticas que pretenden dar coherencia a unha actividade cun valor especificamente formativo tanto no qué (contidos temáticos), canto no cómo (procedementos) e no para qué (actitudes).
As experiencias directas dos alumnos deben se-la porta de entrada a todo este mapa de contidos. Polo tanto os contidos concretos sobre os que se exerza a actividade individual ou de grupo dos escolares serán os máis inmediatos en lugar e tempo e consideraranse nas manifestacións máis accesibles e significativas das súas expresións plásticas, literarias e musicais, así como nas onomásticas, toponimia, usos e costumes, tradicións e relatos, que o alumno ten xa presentes ou pode buscar no seu contorno inmediato, dándolle pautas para facelo e artellando todo o traballo conforme o esquema conceptual proposto.
Partindo dos niveis máis elementais de inmediatez dos obxectos considerados, ós que deberán limitarse as actividades dos cursos máis básicos, será despois posible e obrigado progresar gradualmente na amplitude espacial e temporal das manifestacións do feito relixioso e na profundidade da interpretación dos seus significados, facilitándolles ós alumnos liñas de indagación e selección, así como claves de análise congruentes co desenvolvemento das súas capacidades de comprensión e expresión e coa riqueza crecente dos materiais de que pode dispor.
A coherencia sistemática e continuidade progresiva que deben ter estas actividades reclama un importante traballo en equipo por parte de tódolos profesores responsables da súa realización en cada centro, tanto polo carácter interdisciplinar destas como para establecer unha programación coherente e garantir unha realización
harmónica en cada etapa, ciclo e nivel, así como a transición fácil e progresiva duns a outros.
Na realización destas actividades e no tratamento dos correspondentes contidos, débese asegurar sempre o respecto debido á intimidade de todos e cada un dos alumnos e ás súas conviccións persoais sobre eles. Procede promove-la tolerancia, a comprensión e aceptación da diferencia, o diálogo, a cooperación entre os diversos grupos con ideoloxías ou crenzas diferentes. Estas actitudes deben manifestarse ante todo no ámbito cotián das relacións interpersoais.
En definitiva, estas activades de estudio debidamente organizadas deben propiciar, mediante o fomento dun esforzo persoal gratificante, a adopción de comportamentos cívicos e a elección responsable de valores, hábitos e formas de vida que favorezan o desenvolvemento integral como persoas.
7. Avaliación.
Segundo a normativa vixente, se ben as actividades de cultura relixiosa non son obxecto de avaliación e non terán constancia no expediente académico dos alumnos, isto non implica que estas actividades non deban ser obxecto de avaliación no senso máis amplo e técnico-pedagóxico do termo. Como toda actividade educativa, debe levar consigo un proceso de avaliación no que se realice unha reflexión crítica para revisar e perfecciona-lo proceso de ensino-aprendizaxe.
Metodoloxicamente podemos destinguir dous ámbitos na avaliación, nos que está implicado o alumno:
-Os logros formativos conseguidos polos alumnos ó longo do proceso de desenvolvemento destas actividades nos tres eidos: conceptos, procedementos e actitudes. Isto permitirá valora-lo proceso e será o principal elemento motivador para o alumno
-Valoración do desenvolvemento da programación didáctica das actividades de cultura relixiosa: a súa validez, as orientacións, os obxectivos programados e a metodoloxía. Esta valoración levará a introduci-las correccións necesarias.
5059

