Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 16 de outubro de 1996 Páx. 9.163

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Vapores de Pasaje, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Vapores de Pasaje, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-6-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 14-6-1996. De conformidade co

disposto no artigo 90.2º y 3º, do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido la Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidad Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 21 de xuño de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para o persoal da empresa Vapores de Pasaje, S.A., que subscriben, dunha parte, a representación legal da empresa Vapores de Pasaje, S.A. e doutra, os delegados de persoal.

TÍTULO I

Condicións preliminares e xerais de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio é de aplicación á empresa Vapores de Pasaje, S.A., ó seu persoal de flota e terra.

Artigo 2º.-Vinculación á totalidade.

Para tódolos efectos este convenio constitúe unha unidade indivisible, ó que non poderá pretenderse a aplicación dunha ou varias das súas cláusulas, desbotando o resto, senón que sempre terá que ser observado e aplicado na súa totalidade.

No suposto de que algunha autoridade laboral, facendo uso das súas facultades, non lle dese a súa aprobación a algúns dos pactos do presente convenio, este quedaría sen efecto, debendo procederse á reconsideración do articulado.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade a este convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas do que se establezan deberá conservalas.

Artigo 4º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día 1 de abril de 1996 e a súa duración será dun ano; prorrogarase tacitamente se non é denunciado cun mes de antelación ó 31 de marzo de 1997.

Aínda vencida a vixencia do convenio, ou denunciado este, o seu contido normativo manterase en vigor, entrementres non se asine un novo convenio.

Artigo 5º.-Cláusula de compensación e absorción.

O conxunto de condicións salariais pactadas neste convenio absorberá e compensará en cómputo anual calquera das melloras parciais que, por disposición legal de carácter xeral, o específica para o sector, pactada ou por calquera orixe que fose no futuro, puidesen establecerse.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, a publicación e entrada en vigor de calquera disposición de carácter xeral ou específico para o sector, que mellore calquera dos temas pactados non salariais, será de aplicación no contido e regulación sobre o establecido no presente convenio.

Artigo 6º.-Concorrencia de normas.

En todo o non recollido no presente convenio haberá que aterse á lexislación aplicable ó sector. En caso de contradicción entre dúas ou máis normas prevalecerá a de maior rango normativo.

TÍTULO II

Réxime económico

Artigo 7º.-Antigüidade.

A antigüidade será a que vén sinalada na táboa anexa a este convenio. O valor recollido en táboas vén referido a trienio vencido.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores terán dereito a percibir en concepto de gratificación extraordinaria dúas pagas que se farán efectivas, a primeira antes do día 30 do mes de xuño e a segunda con anterioridade ó día 30 do mes de decembro.

A cantidade para percibir en función da categoría profesional será a sinalada no anexo número un.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

O valor da hora extraordinaria será o que vén indicado no anexo II do presente convenio.

Artigo 10º.-Plus de transporte, plus de embarque.

O plus de transporte e plus de embarque están recollidos nas táboas salariais do anexo I. O plus de embarque percibirase inclusive nas vacacións e pagas extras. O plus de transporte percibirase tal como se viña facendo ata a sinatura do presente convenio.

Artigo 11º.-Quebranto de moeda.

Como consecuencia da posta en circulación de moedas que substitúen o papel, este concepto incrementarase ata o valor de 1.465 ptas. mensuais.

Con independencia do disposto no parágrafo anterior, establécese un quebranto de moeda para os expendedores de billete ás illas Cíes de 5.175 ptas. mensuais na temporada de verán.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

Se os traballadores tivesen que xantar ou cear por orde de servicio ou pernoctar fóra do seu domicilio, percibirán as seguintes axudas de custo:

Xantar: 1.553 ptas.

Cea: 1.553 ptas.

Aloxamento: 4.757 ptas.

O aloxamento correrá por conta da empresa, logo de presentación de factura.

Estas cantidades aboaranse o día seguinte de que se orixine algunha das circunstancias arriba indicadas. En caso de que se orixinasen gastos maiores de contía razoable, aboaranse logo de xustificación de facturas. En todo caso, para as cantidades arriba indicadas non será necesaria a presentación de factura ningunha.

Artigo 13º.-Baixa médica (ILT).

A empresa comprométese a suplementa-las cantidades aboadas pola Seguridade Social, durante o período de baixa médica, por accidente de traballo ou enfermidade profesional de forma que o traballador perciba o 100% do seu salario en activo.

Se por enfermidade común houbese lugar a hospitalización, a empresa complementará as prestacións de Seguridade Social ata o 100% do salario real mentres dure a situación de hospitalización.

TÍTULO III

Cuestións laborais e sociais

Capítulo primeiro

Xornada, vacacións e outras normas

Artigo 14º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais de presencia efectiva no posto de traballo.

En calquera caso respéctanse os dous descansos de dez minutos por quenda de traballo, así como os días de descanso semanais, un deles obrigatoriamente en sábado ou domingo.

Artigo 15º.-Xornada de traballo realizada en sábados e domingos.

Na xornada de traballo realizada en sábados e domingos aboarase un plus consistente en 183 ptas. por hora traballada. Este plus aboarase sobre o salario e horas extras, se é o caso, sen que anule ningún destes conceptos. A xornada realizada en domingo entre as 6 horas e as 8 horas estará exenta de plus. Non obstante se o buque fose ó mar durante as horas mencionadas, a exención anterior quedará sen efecto.

Artigo 16º.-Traballo en terra.

Cando se produzan vacantes nos postos de terra, daráselles preferencia para ocupar estes ós traballadores que proveñan do persoal embarcado na empresa, sempre que teñan a cualificación adecuada.

Artigo 17º.-Traballos en varadoiro.

As quendas encargadas de realiza-lo traballo en varadoiro, sen que iso menoscabe a potestade exclusiva de organización da dirección da empresa, elixiranse de forma que non se prexudique o resto dos traballadores no reparto de horas extraordinarias, establecéndose unhas xornadas iguais para tódolos compoñentes das citadas quendas, agás casos excepcionais de inaprazable urxencia e necesidade.

Artigo 18º.-Traballos diferentes ós dos seus cargos.

A ningún tripulante se lle ordenará a realización de traballos diferentes á súa categoría profesional, agás naqueles casos en que, a xuízo do capitán ou patrón sexa necesaria a súa realización para garanti-la seguridade da navegación ou a salvación do buque.

Artigo 19º.-Traballos de categoría superior.

A realización de traballo de categoría superior dá dereito ó soldo e demais condicións de traballo do persoal da dita categoría.

A realización destes traballos durante un período de 90 días consecutivos ou de 100 días de forma descontinua, no prazo de 2 anos, suporá para o tripulante a consolidación na categoría superior e en tódalas condicións de traballo.

En caso de que en futuros embarques non existise posto similar ó xa consolidado, ocupará o seu posto primitivo pero coas condicións económicas da categoría superior xa consolidada.

Artigo 20º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de 35 días naturais para todo o persoal da empresa.

Terase dereito á percepción dunha bolsa de vacacións cunha contía que será a que se marca nas táboas salariais anexas.

Na confección do calendario de vacacións participará a empresa e a representación dos traballadores co fin de que exista un reparto equitativo.

O calendario de vacacións farase público con dous meses de anterioridade ó desfrute das vacacións.

Artigo 21º.-Licencias.

O traballador, avisándoo con antelación e xustificándoo adecuadamente, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración polos motivos e durante o tempo que a seguir se expoñen:

Matrimonio: 20 días.

Nacemento de fillos: 15 días.

Enfermidade grave, pai, nai, esposa e fillos: 10 días.

Morte de cónxuxe e fillos: 15 días.

Morte de pais, mesmo políticos: 15 días.

Morte de irmáns: 10 días.

Cambio de domicilio: 3 días.

En caso de urxencia poderá presenta-lo xustificante no prazo de 48 horas despois de regresar ó posto de traballo.

Artigo 22º.-Permutas.

Cando os tripulantes soliciten a permuta dos seus postos de traballo, xuntaranlle á solicitude un prego razoado das causas que motiven tal petición. A empresa, se iso é posible, accederá ó solitado.

Artigo 23º.-Traslados.

Polo que respecta ós traslados e comisións de servicio que impliquen unha estancia prolongada fóra do porto en que a empresa preste os seus servicios regulares, esta de común acordo cos seus traballadores, establecerá un sistema de tempos máximos, rotatividade e compensacións, que prexudiquen o menos posible os traballadores, sen que iso implique conculcación ó principio de organización de empresas, a titularidade da cal lle correspónde ó empresario.

Artigo 24º.-Excedencias.

Tódolos tripulantes terán dereito a que lle sexa concedida a excedencia nos seguintes supostos:

a) Todo traballador con máis dun ano de antigüidade na empresa poderá solicitar unha excedencia por un prazo non inferior a 6 meses nin superior a 5 anos, e por unha soa vez, con excepción das peticións de carácter político e sindical.

b) Calquera traballador que sexa elixido para algún cargo de carácter político ou sindical terá dereito a desfrutar da excedencia en tanto dure a función que lle impida a súa incorporación ó traballo. Neste caso, o tempo de excedencia será computado para efectos de antigüidade e a empresa estará obrigada a reintegralo no posto de traballo na primeira vacante que se produza, ou noutro inferior á súa categoría se é aceptado polo traballador e respectando, en todo caso, o salario que lle correspondería de ocupa-lo seu antigo posto.

Así mesmo, o traballador poderá solicitar licencia para atender asuntos persoais que non teñan demora, por un período de 6 meses. Estas licencias non terán dereito a retribución de ningunha clase.

Artigo 25º.-Período de proba.

O período de proba, que se concederá sempre por escrito, non poderá ser superior a:

Titulados: 1 mes.

Non titulados: 15 días.

Durante o período de proba ámbalas partes poden rescindir unilateralmente o contrato de traballo, comunicándollo por escrito á outra parte cunha antelación mínima de 8 días.

Artigo 26º.-Promoción e formación promocional no traballo.

O traballador terá dereito:

1. O desfrute dos permisos necesarios para acudir ós exames, así como a unha preferencia a elixir quenda de traballo se tal é o réxime instaurado na empresa, cando curse con regularidade estudios para a obtención dun título académico profesional.

2. Á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia a cursos de formación profesional ou á concesión do permiso oportuno de formación ou perfeccionamento profesional, con reserva do posto de traballo unha soa vez. Esta situación non suporá prexuízo para o resto dos traballadores.

3. Unha vez feita a debida solicitude polo traballador e sempre e cando a necesidade do servicio e a empresa o considere conveniente e non haxa máis dun 5% do persoal fixo da empresa que veña desfrutando dese dereito, seralle concedida a oportuna autorización, non superándose, en ningún caso, o 3% de cada categoría.

4. Tódalas solicitudes de permiso atenderanse seguindo a orde de recepción das peticións e tendo en conta a antigüidade do peticionario, ata completa-lo tope establecido.

Artigo 27º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá os traballadores do vestiario necesario consistente en:

2 pantalóns.

2 camisas.

2 niques.

1 xersei ou cazadora.

1 par de botas ou zapatos de seguridade para máquinas.

3 pares de luvas de manobra.

1 muda de roupa de augas.

1 par de botas de augas.

Todo o vestiario será entregado anualmente antes da finalización do convenio, agás as pezas de augas e as botas, que o serán cada dous anos.

Só en casos excepcionais e de acordo entrámbalas partes se establece unha cantidade compensatoria por ano de 17.098 ptas.

Artigo 28º.-Perda de equipaxe.

En caso de perda de equipaxe da dotación do buque, por naufraxio, incendio ou calquera outra causa non imputable ó prexudicado e que supoña perda total, a emprea aboará como compensación a cantidade de 40.000 ptas. no porto interior e 95.000 ptas. nas saídas ó mar, para o ano.

Artigo 29º.-Seguro de vida, accidentes.

A empresa comprométese a subscribir un seguro de vida e accidente para os traballadores, coas seguintes condicións:

a) Causa de morte por accidente laboral: 2.000.000 ptas.

b) Caso de invalidez permanente: 2.500.000 ptas.

Artigo 30º.-Servicio militar.

Os traballadores terán dereito a que se lles compute o tempo en que se atopen en servicio miliatar para efectos de antigüidade, así como a súa reincorporación inmediata unha vez finalizado aquel.

Artigo 31º.-Creación de emprego.

Polo presente artigo, a empresa comprométese a que cada traballador fixo, que abandone a empresa por xubilación, despedimentos procedentes ou improcedentes, ou a súa propia vontade para cubri-la dita vacante,

será substituído por outro traballador da empresa, tendo preferencia dentro de cada categoría o que teña maior antigüidade.

Capítulo segundo

Comisión paritaria-Comité de Seguridade e Hixiene

Artigo 32º.-Cláusula de interpretación-Comisión paritaria.

Para interpretar e vixia-la aplicación do presente convenio colectivo crearase unha comisión de seis membros, dos cales tres serán designados pola representación da empresa e os outros tres en representación dos traballadores.

As partes someterán cantas dúbidas, discrepancias ou conflictos, puidesen derivarse da interpretación ou aplicación do convenio, a esta comisión, que resolverá o que proceda no prazo máis curto posible; deberá reunirse, non máis tarde de 48 horas despois de cada requirimento polas partes.

Artigo 33º.-Seguridade e hixiene a bordo.

Co fin de declarar para que a normativa en canto a seguridade e hixiene no traballo, elaborado pola OIT e ratificada polo Estado español, sexa observada pola empresa, formarase no seo desta un comité de vixilancia, segundo a normativa vixente, e os seus compoñentes serán nomeados pola asemblea respecto ós representantes dos traballadores.

Este comité de vixilancia vixiará que tódolos traballos se realicen nas mellores condicións de seguridade e hixiene, redactada de común acordo co empresario a normativa que será observada pola tripulación para a normativa nesta materia.

Cando exista o risco grave de accidente de traballo, este comité poderá propoñerlle ó capitán, patrón ou persoa responsable a adopción das medidas para o evitar. Así mesmo, vixiarán naqueles casos en que así proceda todo o relativo ás cuestións de seguridade e hixiene, con capacidade de elevar propostas ó armador para consegui-lo mellor funcionamento.

Capítulo terceiro

Acción representativa e sindical

Artigo 34º.-Dereitos e funcións dos delegados de persoal.

a) Cando o delegado de persoal actúe en representación dos traballadores, considerarase que se atopa en comisión de servicios, percibindo as axudas de custo establecidas e o salario como se estivese traballando, para ter que negociar convenios ou calquera outro motivo que afecte os traballadores respecto á empresa.

b) Asegura-lo cumprimento das normas laborais e de seguridade e hixiene no traballo.

c) Exercerá o control sobre as horas extraordinarias solicitadas pola empresa, así como a distribución equitativa delas.

d) Vixiará que se cumpran os períodos de embarque e vacacións previstos na empresa.

e) Respecto á utilización de servicios da empresa, tales como fotocopiadora, máquina de escribir, teléfono, télex, fonía, etc., será por conta da empresa sempre que a dita utilización afecte a intereses de ámbalas partes.

As que sexan meramente de carácter sindical serán por conta dos traballadores.

f) Ser informados de cantas medidas afecten directamente ós traballadores, especialmente aquelas que puidesen adoptarse sobre:

-Reestructuracion de novos sistemas de traballos e incentivos.

-Novas construccións ou venda das actuais.

g) As medidas disciplinarias que lle impoña empresa ou os seus representantes a calquera traballador, se se consideran moi graves, deberán ser postas en coñecemento dos delegados de persoal, os cales, por escrito, deberán emiti-la súa opinión dentro das 48 horas hábiles seguintes á comunicación da empresa ós delegados.

h) A empresa facilitará información acerca da situación e marcha xeral dela.

i) Propoñerlle á empresa cantas medidas considere adecuadas en materia de organización da producción ou melloras técnicas.

Artigo 35º.-Exercicio do cargo.

A designación para un cargo siindical faculta o seu titular a exercelo libremente por toda a duración do seu mandato.

Artigo 36º.-Facultades de cargo sindical.

a) Expresar con enteira liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera da representación sindical.

b) Reunirse cos restantes membros da súa central sindical para deliberar sobre temas de actividade sindical.

c) Propoñe-las accións a que haxa lugar para a defensa dos seus dereitos ou do interese sindical dos seus representados.

d) Ser protexido contra calquera acto de usurpación, abuso ou inxerencia, que afecte o servicio libre das súas funcións.

e) Dispoñer das facultades precisas para interrompe-la súa actividade laboral cando as esixencias da súa representación sindical así o impoñan e para se comunicar cos seus representantes e informalos sobre asuntos de interese sindical común.

Artigo 37º.-Reserva de horas para asuntos sindicais.

Os representantes sindicais disporán dunha reserva de horas de ata 25 horas mensuais, que poderán ser empregadas nos seguintes casos:

a) Asistencia a congresos, asembleas, consellos e, en xeral, a calquera clase de reunións que fosen convocadas polo seu sindicato.

b) Participación de seminarios, cursos de actividades de carácter informativo realizados pola central sindical a que pertenzan.

c) Actos de xestión que deban realizar por encargo da central sindical á que pertenzan ou por razón das súas obrigas específicas.

Non se incluirá no cómputo das horas en tempo empregado en actuacións ou reunións levadas a cabo por iniciativa do empresario e participación en órganos de colaboración, convenios e outros de análoga natureza. De acordo co establecido na lexislación vixente, poderase acumula-la reserva mensual de 25 horas nun só membro do comité de empresa.

Artigo 38º.-Dereito de asemblea.

Os tripulantes poderán exerce-los seu dereito de reunión, logo de aviso á empresa con dous días de antelación, acordando con ela as medidas oportunas para que a dita reunión se produza de maneira que lle cause os menores prexuízos á empresa.

Artigo 39º.-Lugar de reunión.

A empresa dotará os seus traballadores dun lugar adecuado para exerce-lo seu dereito a reunións e asembleas e poderá usar para o dito efecto os buques da empresa.

A empresa facilitará os medios adecuados para permitir desenvolve-las actividades sindicais que afecten os traballadores na súa relación coa empresa.

Disposicións adicionais

Traballo en domingo.

Independentemente da hora de saída dos buques, os traballadores da quenda da mañá comezarán a xornada de traballo ás 6 horas. Os traballos que se realicen serán os que considere oportunos o patrón, en función das misións que a cada categoría profesional corresponda.

Traballo en semana.

Coa sinatura do presente convenio, a parte social comprométese a te-los buques en condicións de operatividade á saída, sempre en condicións normais de traballo (non se inclúen avarías ou outra situación anómala). Considérase como extraordinaria a xornada realizada en festivos non recuperables.

Cobertura de imprevistos.

Se durante a xornada de descanso regulamentario dalgún traballador, este é chamado a cubrir algún imprevisto e este de forma voluntaria aceptase, aboaráselle da seguinte forma:

De 1 a 4 horas de traballo: 4 horas.

De 4 horas en diante, as que realicen.

Xiras nocturnas.

As xiras que fagan os traballadores que realizasen a xornada laboral e que se efectuasen a partir das 23 horas, aboaranse a razón de 8 horas extras.

Cobertura de vacantes.

Sempre que reúnan as condicións necesarias para o traballo, cubriranse as vacantes con familiares dos traballadores en activo na empresa.

Relevos.

Liña das Cíes: os relevos efectuaranse en Vigo ás 13 ou 14 horas segundo quenda.

Liña regular: con carácter xeral estableceranse os relevos en Vigo ás 13.30 ou 14 horas, dependendo da quenda. Sen embargo, con acordo dos afectados poderá realizarse en Cangas ou Moaña sempre e cando non se lle cause prexuízo á empresa.

Quendas de traballo e rotación.

A partir da sinatura do presente convenio a distribución das quendas de traballo e retén en porto será de forma mensual. A empresa terá unha distribución das quendas equitativa, especialmente as xornadas dos sábados e domingos, entre tódolos traballadores, ó tempo que se entregará copia deles, así como as posibles modificacións que poida haber coa suficiente antelación ó comité de empresa.

As quendas de traballo serán rotativos, realizándose unha xornada pola tarde e a seguinte pola mañá, e así sucesivamente, tratando a empresa de realiza-las quendas de sábados e domingos os máis equitativamente posible.

Desfrute de vacacións.

As vacacións fixadas no calendario corresponden ó ano natural para o que se confecciona aquel.

Disposcións transitorias

Relevo salarial.

Se o incremento real do índice de prezos ó consumo (IPC) o 31 de decembro de 1996, fose superior ó 3,5%, efectuarase unha revisión salarial, para o período comprendido entre o 1 de abril de 1996 ó 31 de marzo de 1997, tan pronto como sexa constatada oficialmente a dita circunstancia polo INE, no exceso sobre o dito 3,5%.

ANEXO I

Táboas salariais

Categoría profesionalSoldo

base

TrienioPlus

embarque

Plus

transpote

Patrón maior cabotaxe146.1223.8033.5057.226
Patrón de cabotaxe132.6753.2623.0497.266
Patrón tráfico interior119.2272.7222.5947.266
Mecánico naval maior144.0893.7123.1467.266
Mecánico naval 1ª129.5813.1662.8707.266
Mecánico naval 2ª115.0732.6212.5947.266
Mariñeiro-engraxador111.0812.4632.3317.266
Expendedor de billetes106.4972.4632.3317.266

Os conceptos salariais de vencemento mensual pagaranse nos 5 primeiros días e as pagas extras nas datas sinaladas no artigo 8º.

As pagas extraordinarias compóñense de soldo base, plus de embarque e antigüidade.

ANEXO II

Horas extraordinarias, bolsa de vacacións

Categoría profesionalHora extraBolsa de

vacacións

Patrón maior de cabotaxe96512.741
Patrón de cabotaxe96512.741
Patrón tráfico interior96512.741
Mecánico naval maior91812.741
Mecánico naval 1ª91812.741
Mecánico naval 2ª86312.741
Mariñeiro, engraxador e expendedor

de billetes

86312.741

Tódalas cantidades dos anexos 1 e 2 veñen referidas a ptas./mes, coa excepción da bolsa de vacacións que se cobrará unha soa vez no ano, tal e como vén estructurado no corpo do convenio.

A bolsa de vacacións aboarase antes do comezo delas.

En Vigo, 14 de xuño de 1996, aproban e subscriben o texto que antecede.

Pola representación da empresa:

Gonzalo Freire Freire.

Alfredo del Río López.

Pola representación dos traballadores:

Alfonso Casas Pérez.

José Carlos Álvarez Castro.

Fernando Álvarez Magdalena.

5140