Visto o expediente do convenio colectivo do Hotel Finisterre da Coruña, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-6-1996, subscrito en representación da parte económica por Gerardo Villarino Gómez, e da parte social, polo comité de empresa, o día 11-6-1996 de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, de 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,
ACORDA:
Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.
Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).
Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
A Coruña, 2 de xullo de 1996.
Mª Reyes Carabel Pedreira
Delegada provincial da Coruña
Na Coruña, once de xuño de mil novecentos noventa e seis.
Reunidos, dunha parte Gerardo Villarino Gómez, como director xerente do Hotel Finisterre, e doutra,
o comité de empresa do Hotel Finisterre, constituído por:
José Casanova Cabado.
José Mª Suárez Pardo.
Ofelia Mahía Ramos.
Celso Castro Ramos.
Jorge Fiaño Sánchez.
1) Que denunciado en forma o convenio de empresa do Hotel Finisterre, asinado o 15 de abril de 1981, e renovado nos anos sucesivos, acordan renovalo nas condicións e pactos que se especifican.
2) Que a vixencia do convenio que se asina no día de hoxe, tal como se especifica no artigo 2, terá unha duración dun ano natural, se ben poderá ser prorrogado pola tácita por períodos anuais, agás a súa denuncia na forma establecida. No caso de prórroga pola tácita, as melloras económicas e sociais que se acordan entre as partes, faranse constar en documento asinado que se unirá a este convenio.
3) Que ámbalas partes conveñen o convenio de empresa de 1996, de acordo coas cláusulas seguintes:
Artigo 1º.-Ámbito funcional.
O presente convenio afecta ó persoal do cadro fixo do Hotel Finisterre na Coruña.
Artigo 2º.-Vixencia.
Este convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1996 e rematará o 31 de decembro de 1996.
Poderá ser denunciado por calquera das partes mediante escrito certificado cunha antelación mínima de tres meses á data do seu vencemento, e se non fose denunciado entenderase prorrogado por períodos dun ano sucesivamente.
Acórdase unha suba sobre tódolos conceptos económicos do 3,5%, repartida como se viña facendo habitualmente no hotel. En todo caso garantirase o IPC real o 31 de decembro de 1996, con efectos do 1-1-1996.
Artigo 3º.-Sistema de retribución.
A retribución salarial do persoal afectado polo presente convenio consistirá nun soldo base, de acordo coas distintas categorías profesionais, ó que se sumarán os complementos que se pactan, polo que queda totalmente suprimido o réxime de porcentaxe de servicios que rexía nesta actividade, e queda substituído o sistema a que se refiren os artigos 49.52 e seguintes da ordenanza laboral vixente pola nova regulación convida, considerando, ademais, que esta nova modalidade é máis beneficiosa para a totalidade do persoal ó suprimi-las diferencias que noutro suposto habería entre as distintas categorías profesionais.
Artigo 4º.-Compensación e melloras.
As melloras que se implantan neste convenio, así como as voluntarias que se establezan no sucesivo, serán compensadas e absorbidas ata onde alcance, nos aumen
tos, melloras ou condicións superiores de calquera natureza, que, fixadas por disposición legal, contrato individual ou concesión voluntaria, poidan establecerse no sucesivo.
Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.
Tódalas condicións económicas establecidas neste convenio teñen consideración de mínimas, polo que os pactos, cláusulas, condicións e situacións actuais implantadas que impliquen condicións máis beneficiosas cás aquí convidas, subsistirán para aqueles productores que viñesen desfrutándoas o 1 de xaneiro de 1981.
Artigo 6º.-Comisión en divisas.
O tanto por cento correspondente á dita comisión será repartido entre o persoal do departamento que efectúa os ditos cambios.
Artigo 7º.-Ordenación das categorías profesionais.
Tódalas categorías profesionais das actividades de hostelería adscribiranse segundo os seguintes niveis:
Nivel I
Xefe de cociña.
Xefe de comedor.
Xefe de recepción.
Xefe de administración.
Gobernante xeral.
Encargado de mantemento.
Nivel II
Segundo xefe de comedor.
Segundo xefe de cociña.
Nivel III
Xefe de sector.
Encargado de economato.
Subgobernante.
Encargado de lencería e lavandería.
Xefe de partida.
Secretario de dirección.
Nivel IV
Interventor.
Adegueiro.
Cafeteiro.
Camareiro.
Recepcionista.
Cociñeiro.
Oficial 1ª administrativo.
Caixeiro de comedor.
Fontaneiro.
Electricista.
Carpinteiro.
Pintor.
Nivel V
Axudante de economato.
Axudante de recepción.
Axudante de camareiro.
Axudante cociñeiro.
Axudante de conserxe.
Conserxe de noite.
Auxiliar administrativo.
Telefonista 2ª.
Camareiro pisos.
Nivel VI
Calefactor.
Mozo de equipaxes.
Vixilante de noite.
Fregador.
Marmitón.
Lavandeiro-lenceiro.
Pranchador.
Costureiro.
Limpador.
Mozo limpeza.
Nivel VII
Aprendices.
Mozo dos recados.
Nos casos nos que non se incluíse algunha categoría neste artigo, a comisión paritaria determinará o seu encadramento correspondente, categoría e nivel.
Artigo 8º.-Retribucións.
A cada profesional aplicaranselle as contías salariais mínimas correspondentes a cada nivel e que serán as seguintes:
Nivel 1: 147.298.
Nivel 2: 141.579.
Nivel 3: 132.944.
Nivel 4: 124.311.
Nivel 5: 112.934.
Nivel 6: 100.234.
Nivel 7: 92.942.
Artigo 9º.-Manutención.
O persoal de calquera clase e categoría terá dereito á manutención como complemento salarial en especie, que se percibirá con cargo á empresa, e durante as horas en que presten os seus servicios e sempre que avisen o mes anterior.
O complemento en especie de manutención poderá substituírse mediante a entrega da cantidade de 5.990 ptas. mensuais computadas diariamente.
Artigo 10º.-Aloxamento.
Considerarase incluído nos salarios que figuran no artigo 8 o importe de aloxamento a aquel persoal que o ten recoñecido pola ordenanza laboral do 28 de febreiro de 1974.
Artigo 11º.-Plus de convenio.
Establécese un plus de convenio para todo o persoal de 7.415 ptas.
Artigo 12º.-Transportes.
Establécese un plus de transporte para todo o persoal afectado polo presente convenio de 6.500 ptas.
Artigo 13º.-Antigüidade.
Os premios por antigüidade establecidos polo vixente convenio para o persoal fixo o 31-12-1985 quedan
de acordo coa seguinte escala, tomando como base o salario garantido no convenio provincial de hostelería para as categorías laborais incluídas no artigo 7º deste convenio de empresa. A partir do 1 de xaneiro de 1997, a antigüidade calcularase utilizando os salarios garantidos no convenio provincial de hostelería para hoteis da mesma categoría (4 estrelas), e incrementarase tódolos anos automaticamente na mesma contía cá suba deste convenio colectivo.
1) Un 4% sobre o salario garantido ó se cumpriren tres anos de servicio efectivo na empresa.
2) Un 9% ós seis anos.
3) Un 17% ós nove anos.
4) Un 29% ós catorce anos.
5) Un 41% ós dezanove anos.
6) Un 48% ós vintecatro anos.
A partir dos 25 anos de servicio na empresa nun 2 por cento anual ata un límite dos 40 anos.
A data inicial para a determinación da antigüidade será a de ingreso na empresa, aínda que cambie por ascenso ou por calquera outro motivo de categoría profesional.
Os premios por antigüidade do vixente convenio para o persoal con data de ingreso na empresa posterior ó 1-1-1986, quedan establecidos por trienios de 3.686 ptas. en cada unha das pagas. A dita cantidade será revisada conxuntamente co resto das condicións económicas do convenio.
Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.
As gratificacións extraordinarias de Nadal e 18 de xullo serán de 30 días, a de setembro de 15 días.
Estarán constituídas polos salarios do artigo 8º, incrementados coa antigüidade que corresponda en cada caso.
No mes de marzo aboarase unha paga extraordinaria consistente en 15 días da retribución que corresponda en cada empregado de acordo cos salarios do artigo 8º.
Artigo 15º.-Vacacións.
O período de vacacións para todo o persoal afectado polo presente convenio será de trinta días naturais.
Procurarase que os días festivos traballados sexan computados en descanso día a día, pero se por necesidades de organización isto non se pode realizar, desfrutaranse acumulados e, se é o caso, co preceptivo descanso semanal.
Artigo 16º.-Xornada laboral.
A duración máxima da xornada ordinaria de traballo será de 38 horas semanais de traballo efectivo.
Será xornada continuada nos departamentos de recepción, conserxería, teléfonos, pisos, lencería e administración.
Entenderase por xornada partida aquela na que haxa un descanso ininterrompido dunha hora como mínimo.
O tempo traballado computarase de xeito que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria o traballador estea no seu posto de traballo.
Artigo 17º.-Dote por matrimonio.
O dote do persoal fixo que contraia matrimonio consistirá no aboamento dunha mensualidade por cada ano de servicio nun máximo de seis.
Entenderase como salario o do artigo 8º que lle corresponde ó traballador pola súa categoría profesional, previsto neste convenio, incrementado coa antigüidade. Este dereito afectará unicamente ós traballadores que ó contraeren matrimonio rescindan o seu contrato de traballo.
Tanto o persoal masculino como feminino que leve dous anos de servicio na empresa e contraia matrimonio continuando nela, percibirá en concepto de dote unha mensualidade de retribución que abranguerá o soldo e maila antigüidade. No suposto de que o dito persoal non permanecese na empresa un ano máis a partir da data do casamento, descontaráselle na liquidación que se lle realice a cantidade que percibise en concepto de dote. Este dereito soamente poderá ser desfrutado unha soa vez polo productor durante a súa permanencia na empresa.
Artigo 18º.-Licencias.
Sen perda de ningunha retribución a empresa concederá licencias nos casos seguintes:
-Matrimonio do productor: 15 días.
-Enfermidade grave do cónxuxe, pais, fillos e parto da esposa: 4 días.
-Morte do cónxuxe, pais, fillos ou irmáns: 4 días.
-Morte de pais ou irmáns políticos: 2 días.
-Morte de tíos, sobriños e curmáns: 1 día.
-Morte de avós ou netos: 1 día.
-Vodas de fillos ou irmáns: 1 día se é dentro da provincia e tres se é fóra dela.
-Bautizos, primeiras comuñóns de fillos ou netos: 1 día.
-Traslado de domicilio: 1 día.
Artigo 19º.-Excedencia.
O traballador cunha antigüidade na empresa polo menos dun ano, terá dereito a que se lle recoñeza a situación de excedencia voluntaria por un período máximo de cinco anos, sen que en ningún caso se poida producir tal situación nos contratos de duración determinada. Reunirá o traballador as condicións seguintes:
a) Contar cunha antigüidade na empresa superior a un ano. A concesión outorgarase dentro do prazo dun mes a partir da data da súa petición.
b) A excedencia terá unha duración mínima de seis meses e máxima de cinco anos, concedéndose polo tempo solicitado.
c) O traballador que desexe incorporarse ó seu posto de traballo deberá notificalo cun mes de anticipación á data en que expire o prazo.
d) Perderá o dereito á reincorporación ó seu posto de traballo todo aquel excedente que en tal período de tempo prestase os seus servicios por conta allea en calquera posto de traballo dentro do territorio nacional en empresas abranguidas na ordenanza laboral de traballos de hostelería.
e) Se a empresa dese emprego a outro traballador para substituí-lo excedente, aquel tería a condición de interino, causando baixa ó reincorporarse o susbtituído. Se este non se reincorporase no prazo e condicións sinalados cesaría definitivamente na empresa, adquirindo o interino a condición de fixo.
f) Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, contado desde a data de nacemento deste. Os fillos sucesivos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é caso, poría fin á que viñese desfrutando.
Cando a nai e o pai traballen, só un deles poderá exercer este.
g) Así mesmo poderán solicita-la situación de excedencia os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, e mentres dure o exercicio do seu mandato.
h) Para acollerse a outra excedencia voluntaria o traballador deberá cubrir un novo período de polo menos catro anos de servicios efectivos na empresa.
i) A excedencia concederase sen ningún dereito a retribución e o tempo que dure non será computable a ningún efecto.
Artigo 20º.-Enfermidade.
En caso de enfermidade ou accidente, a empresa incrementará as prestacións da Seguridad Social ata o 100 por 100 do salario establecido no artigo 8º e maila antigüidade, plus de manutención, convenio e transporte. Esta prestación manterase por un período máximo de doce meses.
Absentismo. Nos tres primeiros días de ausencia deixarase de devenga-lo 20% da retribución diaria.
Do cuarto ó décimo día, ámbolos dous incluídos, deixarase de devenga-lo 10% da citada retribución, mediante xustificación médica á empresa.
Cando a situación de enfermidade común dure máis de dez días ininterrompidos, devengarase a retribución íntegra desde o primeiro día de ausencia.
Das situacións de enfermidade aludidas exclúense as ausencias orixinadas por:
-Hospitalización.
-Intervención cirúrxica.
-Descanso por maternidade.
Artigo 21º.-Auxilio de defunción.
En caso de falecemento do productor concederáselle á viúva ou ós fillos un auxilio de defunción que será da seguinte forma:
-Por cinco anos de servicio: 1 mes.
-Por dez anos de servicio: 2 meses.
-Por vinte anos de servicio: 3 meses.
-Por vintecinco anos de servicio: 4 meses.
Ó persoal que non leve os cinco anos ó servicio da empresa pagaráselle a parte proporcional ó tempo traballado en seis días por anos de servicio.
Artigo 22º.-Xubilación.
A xubilación do persoal afecto ó presente convenio será obrigatoria á idade que regulamentariamente estableza o Goberno para ter dereito ás prestacións do 100 por 100 por xubilación, sendo neste momento de 65 anos. Para o persoal fixo na empresa o 31 de decembro de 1996 ó se produci-la xubilación dun traballador que leva como mínimo 15 anos ó servicio da empresa, percibirá dúas mensualidades incrementadas con tódolos emolumentos inherentes a ela e unha mensualidade máis por cada cinco anos que excedan dos quince de referencia.
Para o persoal de novo ingreso a partir do 1 de xaneiro de 1987, o premio por xubilación será:
-Ós 60 anos: 10 mensualidades.
-Ós 61 anos: 8 mensualidades.
-Ós 62 anos: 6 mensualidades.
-Ós 63 anos: 4 mensualidades.
-Ós 64 anos: 3 mensualidades.
-Ós 65 anos: 2 mensualidades.
Tendo en conta que a xubilación con dereito ó 100 por 100 de prestacións na actualidade está fixada en 65 anos. Se esta fose modificada á baixa, en igual proporción modificarase a táboa adxunta.
Artigo 23º.-Nocturnidade.
As horas transcorridas durante o período abranguido entre as 12 da noite e as 8 da mañá, agás nos casos en que a categoría do empregado que realiza o traballo nocturno así o especifique, terá unha retribución complementaria do 25% do salario base.
Artigo 24º.-Prazos de revisión.
O prazo de revisión, nos casos de cesamento voluntario dos traballadores, será o seguinte:
-De quince días os traballadores encadrados nos niveis 1 e 2 do artigo 7º.
-De 10 días o resto do persoal.
O incumprimento destes prazos por parte dos traballadores dará lugar á perda do que puidese corresponderlles polas partes proporcionais das gratificacións extraordinarias recollidas no artigo 14º.
Artigo 25º.-Horas extraordinarias.
Aboaranse de acordo coa lexislación vixente sobre a materia.
Artigo 26º.-Seguro.
A empresa concertará ó seu cargo un seguro por importe de 1.700.000 ptas. para os casos de morte ou incapacidade total para o traballador, en caso de accidente laboral e para todos e cada un dos traballadores.
Artigo 27º.-Vixilancia, interpretación e aplicación.
As partes asinantes do presente convenio colectivo, axustándose ó establecido na recomendación número 92 da OIT e no seu artigo número 6 da Carta Social Europea, sobre conciliación, mediación e arbitraxe voluntaria, acordan, no caso de conflictos non individuais xurdidos como consecuencia da aplicación e interpretación deste convenio colectivo, someterse ós procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo establecidos no acordo interprofesional (AGA), subscrito entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as centrais sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e a Confederación Intersindical Galega (CIG), nos propios termos nos que nel están formulados.
Cláusula adicional. En cumprimento co disposto no artigo 26.5º do Estatuto dos traballadores, faise consta-lo seguinte:
a) Que o número de horas anuais de traballo efectivo será de 1.748 horas, en xornada partida e continua.
b) Que as remuneracións anuais dos traballadores en función do dito número de horas son as seguintes:
Nivel 1: 2.448.330.
Nivel 2: 2.362.545.
Nivel 3: 2.233.020.
Nivel 4: 2.103.525.
Nivel 5: 1.932.870.
Nivel 6: 1.742.370.
Nivel 7: 1.632.990.
Comisión paritaria.
Para a interpretación, aplicación e vixilancia deste convenio créase unha comisión paritaria integrada por catro persoas, designadas dúas pola empresa e dúas polo comité de traballadores.
En proba de conformidade con canto antecede, asínano os comparecentes no lugar e data ó principio indicados.
Pola empresaPolo comité de empresa
5546

