Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 18 de outubro de 1996 Páx. 9.233

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 1996, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do III convenio colectivo para o persoal laboral das universidades públicas de Galicia.

Visto o texto do III convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia do persoal laboral das universidades públicas de Galicia, que se subscribiu o 20 de setembro de 1996, entre a representación das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, representados polos repectivos comités de empresa, integrados polas organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, e de conformidade co disposto no artigo 90, apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta dirección xeral,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 1996.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

III Convenio colectivo das universidades públicas de Galicia

Capítulo I

Ámbito, vixencia e normas xerais de aplicación

Artigo 1º

Concertan este convenio as universidades de Santiago de Compostela e Vigo, universidades públicas de Galicia, e o persoal das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, representados polos respectivos comités de empresa, integrados polas organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT.

Artigo 2º.-Ámbito funcional e territorial.

Este convenio é de aplicación ás universidades públicas do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, ós seus centros de traballo existentes actualmente e a aqueloutros que durante a vixencia do convenio se poidan crear ou integrar nelas.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As normas do presente convenio aplicaránselle a todo o persoal que, integrado no ámbito funcional do artigo anterior, estea vinculado ás universidades

en virtude de relación xurídico-laboral, formalizada polo rector ou órgano en que delegue, estea suxeito ó poder de dirección delas e perciba as súas retribucións con cargo ás correspondentes consignacións orzamentarias de persoal laboral de administracións e servicios.

Artigo 4º.-Período de vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG e terá vixencia ata o 31 de decembro de 1998. Os seus efectos económicos aplicaranse desde o 1 de xaneiro de 1995 e, ó seu termo, quedará automaticamente prorrogado por períodos anuais, salvo denuncia expresa dalgunha das partes.

Artigo 5º

Durante o período de vixencia deste convenio as condicións retributivas fixadas nel serán revisadas anualmente con efectividade desde o primeiro de xaneiro, en virtude do incremento porcentual que determinen as respectivas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o persoal sometido ó réxime estatutario da función pública. Igualmente, se nas referidas leis de orzamentos se establecesen condicións máis beneficiosas para o citado persoal, estas faranse extensivas ós grupos correspondentes do persoal laboral suxeito ó presente convenio. Así mesmo, cando se produza unha desviación entre o incremento do IPC na Comunidade Autónoma de Galicia e a revisión establecida na lei de orzamentos, negociarase a revisión das condicions retributivas procurando compensa-la perda de poder adquisitivo, no marco en que as disponibilidades orzamentarias o permitan.

Artigo 6º.-Compensación e absorción.

As condicións económicas establecidas no presente convenio compensarán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa orixe e natureza.

Artigo 7º

Respectaranse, manténdose estrictamente ad personam, as condicións particulares que, con carácter global, en cómputo anual, excedan das melloras do presente convenio e veñan derivadas da norma preexistente estatal ou da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo II

Comisión paritaria de vixilancia e interpretación do convenio, comités intercentros e comité interuniversitario

Artigo 8º

1. Constituirase a comisión paritaria do convenio colectivo, sen prexuízo das competencias atribuídas ós órganos administrativos e xudiciais correspondentes.

2. A comisión estará composta por nove representantes do persoal laboral designados polas centrais sindicais asinantes do presente convenio en propor

ción ós resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais celebradas, e por outros nove representantes das universidades públicas galegas. As partes poderán nomear asesores segundo se estableza no regulamento de réxime interno.

3. A comisión paritaria constituirase por iniciativa de calquera das partes no prazo dun mes contado a partir da data da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia.

Na sesión constitutiva procederase a designa-las persoas que exercerán a presidencia da comisión e a súa secretaría.

4. Son competencias da comisión:

a) A interpretación da totalidade do articulado e cláusulas do convenio.

b) Vixia-lo cumprimento do pactado.

c) A conciliación previa naqueles conflictos de carácter colectivo que lle sexan sometidos a consideración por calquera das partes.

d) Aproba-lo seu Regulamento de funcionamento interno.

e) Calquera outro asunto que lle sexa encomendado no articulado deste convenio.

5. A sede da comisión decidirase na primeira reunión desta que se celebrará na Xerencia da Universidade de Santiago.

6. Os acordos da comisión paritaria requirirán o voto afirmativo do sesenta por cento de cada unha das partes integrantes. Estes acordos, que vinculan as partes nos mesmos termos con que o fai o presente convenio, serán recollidos en actas que se incorporarán como anexos ó convenio.

7. A comisión reunirase con carácter ordinario unha vez ó semestre e con carácter extraordinario trala petición do 50% de calquera das partes.

8. As universidades e cada central sindical con representación na comisión poderán solicitar toda clase de información relacionada cos asuntos da competencia desta a través da secretaría.

9. A comisión continuará desenvolvendo as súas competencias sobre a parte do convenio que siga vixente.

10. Os acordos da comisión paritaria poderán fixa-lo prazo de execución.

Artigo 9º.-Comité intercentros.

No ámbito de cada universidade poderá constituírse un comité intercentros cun máximo de trece membros. A composición terá unha representación proporcional ós resultados obtidos por cada central sindical ou agrupación electoral nas últimas eleccións sindicais consideradas globalmente. Terán as competencias que lle delegue o comité de empresa no seu regulamento de réxime interno.

Artigo 10º

Poderá crearse un comité interuniversitario composto por doce membros representantes dos traballadores das tres universidades de Galicia de xeito proporcional ó resultado obtido por cada sindicato ou agrupación nas últimas eleccións sindicais.

Serán competencias deste comité:

a) A denuncia e negociación de futuros convenios.

b) A negociación das revisións salariais cando proceda.

c) As mesmas competencias que posúen os comités de empresas ou delegados sindicais cando afecte ó ámbito global das partes do convenio.

d) A elección dos representantes de persoal na comisión paritaria de vixilancia e interpretación do convenio, respectando a proporcionalidade existente no comité intercentros.

e) Solicitar conflicto colectivo e interpoñer calquera tipo de reclamación, así como solicita-la declaración de folga legal.

As normas de funcionamento aprobaranse por maioría absoluta, na primeira sesión en que se constitúa o devandito órgano de representación.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 11º

1. Anualmente cada universidade aprobará a súa relación de postos de traballo (RPT) negociada pola representación unitaria dos traballadores, na cal se indicarán por unidade ou centro de traballo as características esenciais dos postos, os requisitos esixidos para o seu desempeño e, de se-lo caso, os complementos retributivos que lles correspondan, así como o tipo de xornada que corresponda a cada posto de traballo.

Procurarase que a antedita negociación se realice con anterioridade á aprobación dos orzamentos de cada unha das universidades.

2. O persoal comprendido no ámbito de aplicación deste convenio clasificarase atendendo ós seguintes criterios:

a) Grupos: atendendo á titulación académica esixida para o ingreso:

Grupo I.-Título de doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente.

Grupo II.- Título de diplomado universitario, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico ou equivalente.

Grupo III.- Título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

Grupo IV.- Graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

Grupo V.- Certificado de escolaridade ou equivalente.

A clasificación por grupo determinará as retribucións básicas do persoal.

b) Categorías: dentro de cada grupo e atendendo ás especificidades das funcións que deban desenvolver.

c) Dentro de cada grupo atendendo ás características de xornada, responsabilidade e outras específicas ou xerais do posto ocupado, clasificaranse en postos singularizados e non singularizados. Esta clasificación por posto determinará as retribucións complementarias do persoal.

3. Unha vez asinado este convenio procederase a elaborar un manual coas funcións de cada un dos postos de traballo existentes en cada universidade, para dar concreción ós criterios establecidos neste artigo. O dito manual de funcións será incorporado como anexo ó presente convenio colectivo.

Artigo 12º

O persoal que teña recoñecida legalmente a diminución da súa capacidade será destinado a un traballo axustado ás súas condicións, sen reducción salarial nin profesional.

As traballadoras terán o dereito ó cambio de posto de traballo por embarazo se, segundo a prescrición dun facultativo da sanidade pública ou, se é o caso, do servicio de medicina de empresa, se certifica que as condicións deste resultan nocivas para a súa saúde, para as do feto ou impiden o normal desenvolvemento da actividade que desempeña. Neste suposto asegurarase que a traballadora non sufra ningunha mingua dos seus dereitos económicos, e terá dereito a incorporarse ó seu posto habitual cando remate a circunstancia que deu lugar ó cambio.

Capítulo IV

Organización do traballo e modificación das súas condicións

Artigo 13º

A organización do traballo, conforme a lexislación vixente, é facultade exclusiva da universidade; a súa aplicación práctica correspóndelles ó rector ou ós titulares da delegación expresa deste das súas competencias en materia de xefatura de persoal de administración e servicios, segundo o establecido nos estatutos das universidades, todo iso sen prexuízo dos dereitos e facultades de audiencia e información recoñecidos ós traballadores no Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 14º

a) Cambios de quenda voluntaria e provisional.

Con carácter previo a un concurso de traslados e de existiren vacantes nun centro de traballo que posibiliten o cambio de quenda, os traballadores nel destinados poderán solicitar ó xerente o cambio pro

visional de quenda ata a adxudicación do próximo concurso.

De existiren varias peticións acudirase ó criterio de antigüidade para dirimi-la adxudicación provisional.

De non existiren traballadores interesados no propio centro, a vacante poderá ser solicitada por traballadores doutros centros seguindo o procedemento e os criterios establecidos neste artigo.

b) Cambio de quenda obrigatoria por necesidades do servicio.

Cando as necesidades do servicio o fagan necesario poderase proceder ó cambio de quenda dos traballadores conforme co procedemento establecido no artigo 41 do Estatuto dos traballadores. No prazo de 30 días establecido no artigo 41.3º do Estatuto dos traballadores, as xerencias e os respectivos comités iniciarán un período de consultas con anterioridade á execución do acordo. De non aceptar ningún traballador o cambio, realizarao o de menor antigüidade destinado no centro de traballo, cambiando da seguinte vez que ocorra ó segundo menos antigo, e así sucesivamente.

Artigo 15º

1. A mobilidade funcional non poderá aplicárselle a aquelas persoas que non posúan a titulación académica específica ou a titulación profesional esixida na RPT. Os traballadores deberán pertencer sempre ó mesmo grupo profesional ou a unha categoría profesional equivalente.

2. Funcións de categoría superior. Unicamente o rector poderá autoriza-la realización de funcións de categoría superior, resultará nulo de pleno dereito o acto adoptado nesta materia por calquera outra autoridade universitaria.

De autorizarse a realización de funcións de categoría superior para a cobertura dun posto de traballo vacante, a duración do período de desempeño poderá comprender ata un ano prorrogable por seis meses máis.

Para os efectos do artigo 24 do Estatuto dos traballadores, a superación do correspondente proceso selectivo por promoción interna será o único procedemento que permita o ascenso ou cambio de categoría profesional dun traballador.

3. Traballos de categoría inferior. Se por necesidades perentorias e imprevisibles fose preciso destinar un traballador a tarefas correspondentes a unha categoría ou posto singularizado inferior ó que exerce, os xefes das unidades poderán propoñelo á xerencia a través dun informe motivado, á vista do cal a xerencia poderá facelo por tempo non superior a un mes dentro do mesmo ano e comunicándollelo ós representantes dos traballadores. Nestes casos, ós traballadores manteránsenlle-las retribucións e os demais dereitos da súa categoría profesional.

Capíbulo V

Provisión de vacantes, selección e contratación

1. Provisión ordinaria.

Artigo 16º

1. Traslados de localidade ou centro de traballo na mesma categoría. Os traballadores pertencentes á mesma categoría, e que reúnan os demais requisitos da vacante que se debe cubrir, poderán ocupa-las vacantes producidas na súa e nas outras universidades mediante traslado. Unha vez ó ano, cada universidade convocará o correspondente concurso de traslados, procurando que sexa no primeiro semestre, que será resolto pola aplicación do baremo que se establece no presente convenio. Nas ditas convocatorias ofreceranse tódalas prazas consignadas como vacantes nas correspondentes RPT de cada universidade.

Na convocatoria respectiva, no suposto de prazas que se correspondan con perfís específicos, poderá establecerse a realización dunha entrevista ou proba de natureza similar, co obxecto de garanti-la adecuación do aspirante á praza que pretende ocupar.

2. A convocatoria do concurso de traslados de cada universidade será publicada, para a súa exposición, nos taboleiros de anuncios de tódolos centros de traballo de tódalas universidades públicas galegas, por resolución rectoral da universidade correspondente. Na convocatoria figurarán:

A) Requisitos e condicións de participación.

Poderán tomar parte os traballadores e traballadoras fixos das universidades públicas galegas que pertenzan á mesma categoría profesional das prazas ofrecidas e que reúnan os demais requisitos da vacante, así como os funcionarios de corpos e escalas de subalternos declarados a extinguir en categoría profesional equivalente, nas condicións que se determinen nas disposicións adicionais.

Non se poderá participar en quendas de traslado ata que transcorran dous anos desde a obtención do último destino definitivo salvo que:

a) Durante ese período variase a quenda de traballo da praza.

b) Se producise un cambio ou modificación substancial das condicións de traballo decidido pola xerencia, no uso das súas competencias.

c) Obtivesen un posto polo sistema de cambio de localidade por cobertura provisional.

d) Solicitase o traslado provisional por causa xustificada de índole persoal ou familiar polo menos tres meses antes da convocatoria do concurso e non obtivese praza por falta de vacante.

B) Postos.

Ademais das prazas consignadas como vacantes na RPT engadiranse as que resulten vacantes en cada universidade por mor do proceso de cobertura do propio concurso.

C) Irrenunciabilidade.

Unha vez transcorrido o período de presentación das instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables.

D) Valoración de méritos.

O baremo que rexerá os concursos de traslado será:

-0,025 puntos por cada mes de antigüidade ata un máximo de 6 puntos, e 2 puntos que se repartirán de acordo cos seguintes criterios:

-0,2 puntos por fillo en idade escolar ata un máximo de 1 punto.

-0,5 por traslado á cidade da residencia distante a máis de 30 km, con dous anos como mínimo de empadroamento.

-0,5 puntos por minusvalidez ou fillos con minusvalías.

En caso de empate entre candidatos desempatará a maior puntuación obtida en antigüidade na mesma categoría á que se opta, e de persisti-lo empate empregarase o criterio de maior idade.

E) Comisión de avaliación.

Os méritos serán valorados por unha comisión de avaliación integrada por tres representantes da universidade convocante e dous representantes dos traballadores nomeados polos respectivos comités.

Ás reunións das comisións de avaliación poderán asistir, con voz pero sen voto, un representante de cada unha das outras universidades e un representante dos traballadores destas nomeados polos respectivos comités sen que sexan membros legais da comisión e co deber de sixilo correspondente.

F) Resolución do concurso e toma de posesión.

A resolución do concurso farase no prazo máximo de 3 meses desde que remate o prazo de presentación de solicitudes. A incorporación no posto de traballo farase efectiva nun mes, e excepcionalmente poderase alongar ata 3 meses.

3. Antes de remata-lo primeiro trimestre de cada ano poderá acordarse na comisión paritaria do convenio que as convocatorias de concurso de traslados sexan realizadas e resoltas conxunta e simultaneamente. Esta comisión adaptará o concurso ós criterios establecidos no apartado dous do presente artigo naquelas cuestións que se poidan ver alteradas polo feito de tratarse dun único concurso de traslado interuniversitario, respectándose, en todo caso, o espírito destas en canto a criterios e prazos. Neste suposto a comisión de avaliación estará constituída por un representante de cada universidade e un representante dos traballadores de cada unha delas nomeados polos respectivos comités. A presidencia recaerá na representación das universidades e terá voto de calidade en caso de empate.

4. Reingreso procedente de excedencias voluntarias. Os traballadores que soliciten o seu reingreso

ó servicio activo deberán participar obrigatoriamente no concurso de traslado dos apartados anteriores. Non obstante, as xerencias poderán adscribilos con ocasión de vacante a un destino provisional ata a celebración do seguinte concurso.

5. Traslado provisional por cambio de localidade. As vacantes que se produzan con posterioridade á resolución do concurso poderán ser cubertas provisionalmente polas xerencias respectivas no uso das súas funcións de organización do traballo. O xerente poderá autoriza-lo traslado provisional ós traballadores que o soliciten cando neles concorran causas xustificadas de índole persoal ou familiar, debidamente acreditadas.

Cando o traslado implique cambio de universidade os traballadores deberán presenta-la súa solicitude ante a xerencia da universidade na que estean destinados, a que solicitará a conformidade da universidade de destino.

6. As universidades públicas de Galicia promoverán o asinamento de convenios coas restantes universidades públicas españolas que permitan o recíproco traslado dos seus traballadores.

A efectividade do traslado suxeitarase á comprobación pola comisión paritaria da devandita equivalencia de categorías profesionais ou funcións entre o posto de orixe e o solicitado.

II. Selección.

Artigo 17º

Anualmente tódalas vacantes serán ofrecidas mediante convocatoria pública e a súa cobertura realizarase polos sistemas de promoción interna e acceso libre de acordo co seguinte réxime:

1. A selección farase mediante concurso-oposición, e quedarán exentos, os de promoción interna, dunha proba das determinadas para a quenda libre. Os procesos de selección de promoción interna e libre realizaranse separadamente, e serán en primeiro lugar os de promoción interna. As vacantes non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse á provisión externa.

Os seleccionados pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre a quenda libre para a elección de vacantes. Cada universidade reservará o 4% da súa oferta de emprego anual para persoas con minusvalidez. Nas probas selectivas estableceranse para as persoas con minusvalidez que así o soliciten e acrediten, adaptación de tempo e medios para a súa realización, de tal xeito que gocen das mesmas oportunidades que o resto dos participantes.

2. Para os grupos IV e V establecerase unha quenda inicial de promoción interna para a que se reservarán a totalidade das prazas convocadas, e na que poderán participar tódolos traballadores de calquera universidade que pertenzan a categoría distinta á das prazas obxecto de provisión. As vacantes non provistas por esta quenda serán provistas pola quenda libre. Neste procedemento o contido das probas de promoción e de quenda libre será idéntico.

3. Para os grupos I, II e III establecerase unha quenda de promoción para a que se reservarán o 50% das vacantes e unha quenda libre para o resto. Na quenda de promoción poderán participa-los traballadores de calquera universidade que pertenzan a categoría distinta á das prazas obxecto de provisión e que dispoñan da titulación que os habilite para o desenvolvemento profesional das prazas ás que aspiran.

4. As prazas do grupo III, IV e V poderán quedar exentas do requisito de titulación esixido para a quenda libre, agás que na relación de postos de traballo a titulación sexa esixida preceptivamente.

Artigo 18º

1. Os temarios das probas selectivas e a convocatoria correspondente serán elaboradas por unha comisión composta polas xerencias e o comité de empresa.

2. Os tribunais dos procesos selectivos estarán compostos por:

a) O rector ou persoa na que delegue, que actuará como presidente.

b) Dous representantes da universidade convocante, nomeados polo rector.

c) Dous membros designados polo comité correspondente.

d) Un representante proposto polo servicio de PAS e nomeado polo rector, que actuará como secretario con voz pero sen voto.

O presidente só votará en caso de empate.

3. Procurarase que os membros do tribunal sexan especialistas na materia, que teñan a mesma titulación ou superior á requirida para o acceso ó correspondente grupo do convenio, e que pertenzan ó mesmo grupo ou superior ó da praza convocada.

4. A universidade convocante, por proposta dos tribunais, poderá designar asesores especiais que se limiten a informar das probas e méritos relativos á súa especialidade. O nomeamento dos asesores farase público, e seranlles aplicables as causas de abstención e recusación ó igual que ós membros do tribunal.

Artigo 19º

Con carácter xeral procurarase que a estructura das probas selectivas, sen prexuízo da negociación das convocatorias prevista no artigo 18º, sexa a seguinte:

1ª Fase.

Será igual para as quendas de acceso por promoción interna e libre; constará dunha proba sobre os coñecementos específicos necesarios para o desempeño do posto en cuestión que poderá desenvolverse nun ou en varios exercicios,e terá carácter eliminatorio.

2ª Fase.

A quenda de acceso por promoción interna constará dunha proba de coñecemento do idioma galego, que terá carácter selectivo e non eliminatorio, e deberá

adecuarse ó grupo e categoría profesional do posto que se vaia desenvolver.

A quenda libre constará de dúas probas, unha de coñecementos non específicos do posto, e outra de coñecemento do idioma galego, que terá carácter selectivo e non eliminatorio. A proba de coñecementos sobre o idioma galego deberá adecuarse ó grupo e categoría profesional do posto que se vaia desenvolver.

3ª Fase.

A quenda de acceso por promoción interna consistirá nun concurso de méritos no que se terá en conta a antigüidade, a experiencia, os cursos e outros méritos que se determinarán na convocatoria.

A quenda de acceso libre consistirá nun concurso de méritos no que se terá en conta a experiencia, os cursos e outros méritos que se determinarán na convocatoria.

Excepcionalmente para os postos que así se acorde en ámbalas quendas, poderá celebrarse unha entrevista. O peso relativo de cada proba determinarase na convocatoria, e entenderase que, en calquera caso, a proba específica será determinante e valorarase como mínimo no 50% dos puntos totais.

Artigo 20º

As universidades, de común acordo, poderán acumula-las súas ofertas de emprego e desenvolve-las probas resultantes conxuntamente. Para os efectos de composición dos tribunais aplicaranse os criterios descritos no artigo 18º.

Artigo 21º

Para a fixación do período de proba terase en conta o disposto no artigo 14 do Estatuto dos traballadores.

III. Da contratación temporal.

Artigo 22º

1. O contrato de traballo presúmese concertado por tempo indefinido. Non obstante, poderán celebrarse contratos de traballo de carácter temporal ou duración determinada de acordo coa lexislación vixente, especialmente nos casos de substitución de traballadores con reserva de posto, relevo e xubilación parcial, interinidade por vacante, por circunstancias da producción e para obras ou servicios determinados. Este tipo de contratos deberá formalizarse por escrito dándolle comunicación ó comité de empresa.

2. Para a selección de traballadores contratados temporalmente, as convocatorias de prazas por quenda libre para persoal fixo poderán establece-la constitución de listas de espera dos aspirantes seguindo a orde da puntuación obtida. Igualmente, cando non existan listas de espera dispoñibles, poderase proceder á convocatoria dun procedemento selectivo para o establecemento de listas previas.

No ámbito de cada universidade negociarase entre a xerencia e os respectivos comités de empresa a regulación da xestión das listas de espera e das listas previas.

3. Nos supostos de que non existan listas de espera nin listas previas nunha determinada categoría profesional, e fose urxente a contratación de persoal laboral non permanente, solicitarase do INEM e axencias públicas de colocación, de xeito xenérico, un mínimo de tres traballadores en situación legal de desemprego, que deberán ser sometidos a unha entrevista ou proba de aptitude consonte as funcións requiridas. No órgano de selección estarán presentes representantes do comité de empresa da universidade ou universidades respectivas.

IV. Provisión de postos de responsabilidade.

Artigo 23º

1. Os postos de traballo de natureza singularizada que se definan na relación de postos de traballo polo criterio de responsabilidade serán cubertos segundo estableza a respectiva relación de postos de traballo.

Cando existan determinadas tarefas ou traballos de carácter temporal que supoñan a asunción dunha responsabilidade extraordinaria ou cualificación específica que comporte a percepción do plus correspondente, serán asignadas polo rector por proposta do xefe da unidade ou centro de traballo correspondente, co visto e prace do xerente, e informarase ó comité de empresa.

2. Remoción no desempeño dun posto singularizado. Se por causas obxectivas un traballador non desenvolve axeitadamente as funcions dun posto singularizado, definido polo criterio de responsabilidade, poderá ser removido del, oído o comité de empresa, mediante resolución rectoral motivada e logo do trámite de audiencia e alegacións do interesado, quen poderá solicita-la realización da fase de proba.

Capítulo VI

Xornada e horario de traballo

Artigo 24º

A xornada de traballo será de 1.637 horas anuais. A súa realización axustarase a algún dos seguintes réximes:

1. A xornada ordinaria efectuarase, en termos xerais, de luns a venres, de forma continuada, en quendas de mañá ou tarde.

Así mesmo, e tras acordo co comité de empresa, poderán existir nas relacións de postos de traballo, outras modalidades de xornada para determinados postos de traballo que poderán ser:

a) Xornada diaria partida, de luns a venres, ata completar un total de 35 horas fixas semanais.

b) Xornada de 35 horas semanais de media en cómputo mensual, non axustada a quenda.

c) Xornada nocturna de 22 a 8 horas para a categoría de vixilantes.

2. O total de horas anuais realizarase cun horario de 35 horas fixas á semana, agás nos meses de xullo e agosto, que será de 25 horas de traballo efectivo, quedando o resto ata completa-lo total, que é de

110 horas, como horario dispoñible para a súa realización en momentos en que a acumulación de traballo o faga necesario e respectando o réxime de xornada establecido para o posto. Os xefes das unidades deberanlles comunicar ós traballadores esta necesidade, como mínimo cunha antelación de 24 horas, sempre que fose posible ou resultase previsible. No suposto de que tales horas teñan que utilizarse fóra do réxime normal de traballo, logo da aceptación do traballador, deberán ser autorizadas pola xerencia.

Por cada 22 horas traballadas das 110 anteriormente indicadas, o traballador terá dereito a un día adicional de vacacións, que se incorporará ó período ordinario destas. Para estes efectos, o consumo anual das 110 horas computarase do mes de xullo de cada ano ata o de xuño do seguinte.

As causas da súa realización e as horas consumidas serán comunicadas á xerencia. Os traballadores terán a obriga de realizar 15 sábados ó ano como máximo, e sempre que no centro de traballo no que preste servicios necesite o mantemento de servicios mínimos. A prestación de cada sábado implicará o consumo das 110 horas non repercutidas no horario ordinario e o dereito do traballador a desfrutar dun día libre na semana inmediatamente seguinte, ou ben acumulándose ó período ordinario de vacacións anuais. Para estes efectos, os sábados realizados computaranse desde o 1 de xullo de cada ano ó 30 de xuño do seguinte. O réxime de desfrute do día libre acordarase entre a xerencia e o comité de empresa.

Non se lle poderán recoñecer horas extraordinarias ó persoal se non se consumiu a totalidade das 110 horas sinaladas anteriormente, ou cando existan traballadores de igual categoría no centro de traballo que aínda non as consumiran. Exceptúanse desta limitación aqueles centros ou postos de traballo nos que se determinará con autorización da xerencia, tralo informe do comité de empresa, unha repercusión regular das citadas horas ó longo do ano.

3. Exceptúanse do réxime ordinario de xornada os seguintes casos.

a) Conductores. Para a determinación do exceso de xornada distinguirase entre o traballo efectivo, é dicir, o tempo de conducción e o tempo de presencia por razóns de espera, expectativas de servicio, avarías, comidas en ruta ou outras circustancias similares.

O tempo efectivo que exceda da quenda ordinaria, computadas as 110 horas de dispoñibilidade, aboarase como horas extraordinarias.

As horas de presencia que excedan da xornada ordinaria pactada ou da súa distribución segundo o réxime de quenda, non se considerarán dentro da xornada de traballo nin se computarán para o efecto de aboamento de horas extraordinarias, e serán retribuídas como plus de permanencia definido no artigo 30 deste convenio.

Para o control das horas de traballo efectivo establecerase un parte de control de viaxes realizadas

fóra de xornada ordinaria, que será asinado polo responsable da viaxe.

b) Postos de traballo que impliquen a realización da totalidade ou parte de xornada laboral en sábados pola tarde, domingos e días declarados festivos, tanto pola autoridade laboral coma polo rectorado. A xornada destes postos será fixada pola xerencia, logo de acordo co comité de empresa. En calquera caso, o cómputo das horas traballadas neses días deberá efectuarse como dobre para os efectos de determina-lo réxime de xornada.

c) Os postos da gardería universitaria nos que se recoñeza o dereito á comida poderán ter un réxime de xornada continuada que non coincida cos horarios ordinarios de inicio e fin das quendas, o cal fixará a xerencia, logo do informe do comité de empresa.

Neste sentido, o persoal técnico da gardería universitaria de Santiago de Compostela, terá un horario de 10 da mañá a 6 da tarde, así como a obriga de asistencia fóra dese horario ás sesións de coordinación pedagóxica que se determinen, compensándoselle o exceso de xornada co desfrute dun mes máis de vacacións anuais. Igual réxime lle será de aplicación, coas adaptacións necesarias, ó persoal de apoio da gardería nos postos en que sexa preciso. Nestes casos a compensación en vacacións será de 21 días naturais, por non ter tal persoa obrigatoriedade de asistencia ás sesións de coordinación pedagóxica.

d) Para a categoría de vixilantes, será a comisión paritaria a que acorde o réxime de libranzas.

Artigo 25º.-Horas extraordinarias urxentes.

Non se terán en conta, para os efectos da duración máxima de xornada ordinaria laboral, nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias utilizadas, o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros ou danos, ou para atender necesidades extraordinarias e urxentes. Cando non existan traballadores que desexen realizalas voluntariamente, a xerencia poderá sinalar quen teña que executalas o que lle comunicará, a seguir, ó comité de empresa.

As horas extraordinarias e a razón da súa urxencia seranlle comunicadas ó comité de empresa 48 horas antes, a non ser que non se poida prever, caso no que se comunicará nas 48 horas seguintes.

Capítulo VII

Réxime retributivo

Artigo 26º.-Estructura do salario.

O réxime salarial pactado no presente convenio queda estructurado da seguinte forma:

1. Retribucións básicas.

-Salario base.

-Pagas extraordinarias.

-Trienios.

2. Retribucións complementarias.

-Plus de nocturnidade.

-Plus de permanencia.

-Plus de perigosidade.

-Plus de posto.

Artigo 27º.-Salario base e pagas extraordinarias.

A retribución anual por grupo é a que figura no anexo, que se fará efectiva en 15 pagamentos: 12 mensualidades e 3 pagas extraordinarias que se farán efectivas en xuño, setembro e decembro, de idéntica contía ás retribucións básicas. O seu importe será calculado proporcionalmente ó tempo de servicios efectivamente prestados nos doce meses inmediatamente anteriores ós sinalados para o seu aboamento.

Artigo 28º.-Antigüidade.

Percibirase cada trienio coa cantidade de 5.085 pesetas mensuais, manténdose a contía dos acumulados ata o 1 de febreiro de 1988 na cantidade xa recoñecida, incrementada no 3,5%. Este concepto aboarase tanto nas pagas ordinarias como nas tres pagas extraordinarias.

Así mesmo recoñeceranse para efectos de antigüidade os servicios previos prestados á Administración pública, os do período de proba e aqueles correspondentes a contratacións temporais de calquera natureza laboral sempre que se adquira a condición de persoal fixo. Este tempo só poderá ser recoñecido por unha soa vez, aínda cando durante el o traballador prestase servicios simultáneos nunha ou máis esferas da mesma ou distintas administracións públicas. O sistema de recoñecemento de servicios regularase por unha resolución rectoral de cada universidade e terá efectos económicos a partir da data na que se adquira a condición de persoal fixo de calquera universidade galega.

Os trienios consolidados en réximes diferentes ós do presente convenio, dos que se solicite o recoñecemento de servicios previos, aboaranse na contía en que fosen devengados de acordo co réxime xurídico no que se consolidaron.

Artigo 29º.-Plus de posto.

Atendendo ás características da xornada, responsabilidade ou outras específicas ou xerais do posto ocupado, procederá a retribución complementaria do persoal mediante os pluses de posto definidos no anexo do convenio. En calquera caso, non se poderá percibir máis dun plus de posto por persoa.

Artigo 30º.-Plus de permanencia.

Os conductores que se determinen na relación de postos de traballo percibirán un plus mensual de permanencia nas contías que se detallan no anexo.

Artigo 31º.-Plus de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá, salvo que o salario base se establecera atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza,

terán unha retribución específica incrementada nun 25 por 100 sobre o salario base.

Artigo 32º.-Plus de perigosidade, penosidade e toxicidade.

Os titulares de postos de traballo que sexan declarados tóxicos, perigosos, ou penosos percibirán un complemento mensual de 10.826 ptas./mes.

Artigo 33º.-Horas extraordinarias.

Tenderase a reducir ó mínimo imprescindible as horas extraordinarias que se deban a imprevistos e teñan carácter excepcional. Como norma xeral a realización de horas extraordinarias terá sempre un carácter voluntario. O seu límite sera de 80 horas en cómputo anual.

As horas extraordinarias aboaranse nas contías establecidas como valor da hora ordinaria de cada traballador ou poderán compensarse por tempos equivalentes de descanso retribuído.

Artigo 34º.-Réxime de incompatibilidades.

Ó persoal laboral ó servicio das universidades galegas aplicaráselle a Lei 53/1984, do 26 de decembro e o seu desenvolvemento regulamentario en materia de incompatibilidades.

A teor do artigo 16 da referida lei, non poderán desempeñar un segundo posto de traballo no sector público nin exercer actividades privadas os membros do persoal laboral das universidades que perciban o plus de posto do A ó M ou de permanencia.

No resto dos postos, para realizar unha segunda actividade, deberá solicitarse a compatibilidade con carácter previo ó desenvolvemento doutra actividade pública ou privada.

Os contratos de traballo, que se formalizarán por escrito, incluirán unha cláusula de que o contrato é asinado polo traballador con coñecemento das obrigas que se derivan da normativa de incompatibilidades e de que o seu incumprimento pode supoñe-la rescisión do contrato, sen prexuízo da responsabilidade disciplinaria que se puidese deducir no outro posto de traballo que viñera desempeñando. En calquera caso, a universidade subministrará información ó traballador, antes do asinamento do contrato, das normas sobre incompatibilidades que lle afecten.

Capítulo VIII

Vacacións, permisos e licencias

Artigo 35º.-Vacacións.

Todo traballador terá dereito a un mes de vacacións retribuídas ó ano, procurando, de acordo coas necesidades do servicio, que sexa desfrutado preferentemente en xuño, xullo, agosto ou setembro. Por solicitude do traballador, poderá disfrutarse ó longo de todo o ano en períodos mínimos de 7 días seguidos, sempre que as necesidades do servicio o permitan.

Artigo 36º.-Licencias sen soldo.

O persoal que teña cumprido polo menos un ano de servicios efectivos poderá solicitar licencia sen

soldo por un prazo non inferior a quince días nin superior a tres meses. Por causas excepcionais, apreciadas co informe favorable do comité de empresa, poderanse conceder licencias de 6 meses durante un ano ou 9 durante dous anos. No caso de denegación esta deberá ser debidamente motivada.

Artigo 37º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores, logo de xustificación, se é o caso, terán dereito a licencias retribuídas polas causas e tempos seguintes:

a) Quince días naturais por matrimonio.

b) Catro días naturais en caso de nacemento dun fillo e no de morte ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

c) Para concorrer a exames finais, liberatorios e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais de formación, durante os días da súa celebración, e coa debida xustificación.

d) Polo tempo indispensable por asuntos propios e por causa xustificada, non podendo supera-la quinta parte da xornada computada trimestralmente. No caso de que a causa que motivou a licencia implique a percepción de retribución ou indemnizacións, descontarase o importe desta do salario ó que teña dereito.

e) As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, tralo aviso ás respectivas xerencias e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

f) As traballadoras, por lactancia dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, pode substituír ese dereito por unha reducción da xornada normal dunha hora, coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ambos traballen.

g) Os traballadores que por razón de garda legal teñan ó seu coidado directo un menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desenvolva ningunha actividade remunerada, terán dereito a unha reducción dun tercio ou da metade da xornada de traballo, coa reducción proporcional das súas retribucións. A concesión de reducción de xornada por este motivo será incompatible co desenvolvemento de calquera outra actividade, sexa ou non remunerada, durante o horario que foi obxecto de reducción.

No suposto de incapacidade debidamente xustificada do cónxuxe ou persoa coa que demostre convivir, do pai ou da nai, se convive co traballador, poderase solicitar reducción de xornadas nas mesmas condicións que as establecidas no parágrafo anterior.

h) Ata nove días cada ano natural de traballo efectivo por asuntos particulares non incluídos nos puntos anteriores. Tales días non poderán acumularse, salvo autorización expresa da xerencia, ás vacacións anuais

retribuídas. O persoal poderá distribuí-los ditos días á súa conveniencia, logo da autorización da correspondente unidade de persoal. Os traballadores que se incorporen ó longo do ano natural desfrutarán destes días na proporcionalidade que lle corresponda ó período efectivamente traballado. Os traballadores en xornada especial de fin de semana e festivos terán dereito a catro días por asuntos propios, os cales deberán ser solicitados cunha antelación de 15 días para permitir ás xerencias correspondentes o mantemento do servicio. A substitución destes traballadores poderá realizarse excepcionalmente acudindo a axencias de colocación, empresas de traballo temporal ou asimiladas.

i) Os días 24 e 31 de decembro, que, no caso de ser preciso mante-lo servicio, serán substituídos por outros dous días, determinados por acordo entre a xerencia e o comité de empresa.

Serán de aplicación, nesta materia, as condicións máis beneficiosas que teña recoñecido ou se lle recoñezan ó persoal funcionario.

Capítulo IX

Suspensión do contrato de traballo

Artigo 38º

Sen prexuízo do establecido nos artigos 45 e 48 do Estatuto dos traballadores, o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio terá dereito á suspensión do seu contrato, con reserva do seu posto de traballo, nos seguintes casos:

a) Maternidade da muller traballadora ou adopción de menores de cinco anos. No suposto de parto, por unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables por parto multiple ata dezaoito semanas, distribuídas a opción da interesada e sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto; poderá facer uso destas o pai, para o coidado do fillo, no caso de falecemento da nai. A pesar do anterior, no caso de que o pai e a nai traballen, aquela, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai desfrute de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ó remate do citado período, agás que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña risco para a súa saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, terá unha duración máxima de oito semanas, contadas a partir da resolución oficial pola que se constitúe a adopción. Se o fillo adoptado é menor de cinco anos e maior de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de seis semanas. No caso de que o pai e a nai traballen, soamente un deles poderá exercer este dereito. Nestes casos manterase o dereito á percepción do 100% do salario.

b) Cumprimento do servicio militar, obrigatorio ou voluntario, ou servicio social substitutorio ou equivalente, con reincorporación ó traballo no prazo máximo de dous meses, a partir da terminación do servicio. Durante a prestación do servicio militar ou servicio

social substitutorio ou equivalente manterase o dereito á percepción das pagas extraordinarias.

c) Exercicio de cargo público representativo ou de funcións sindicais electivas, de acordo cos estatutos do sindicato, de ámbito provincial ou superior, suposto en que será de aplicación a situación de excedencia forzosa, con cómputo de antigüidade, sempre que o dito exercicio imposibilite a asistencia ó traballo ou sempre que se perciban retribucións por el. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo ou función sindical.

d) Privación de liberdade do traballador, mentres non exista sentencia condenatoria firme, incluídas tanto a detención preventiva como a provisional.

Artigo 39º

1. En materia de excedencia forzosa rexerá o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

2. A excedencia voluntaria poderá ser solicitada polos traballadores que teñan un ano, polo menos, de antigüidade ó servicio da universidade. A duración desta situación non poderá ser inferior a un ano, nin superior a cinco, e o dereito a esta situación só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreran dous anos desde o final da anterior excedencia voluntaria, agás nos supostos de que se solicite para atende-lo coidado dun fillo, que comezará a contar desde a data de nacemento deste, casos nos que o período de excedencia non poderá ser superior a tres anos e nos que a iniciación dun novo período de excedencia por un novo fillo porá fin, de se-lo caso, ó que se viña desfrutando.

Artigo 40º

O traballador que, como aplicación da normativa de incompatibilidades, deba optar por un posto de traballo pasará á situación de excedencia voluntaria no posto que viña desempeñando sen que lle sexa esixible a permanencia dun ano nel. Permanecerá nesa situación mentres persistan as razóns que xeren a incompatibilidade, e conservará indefinidamente o dereito preferente ó reingreso en vacante de igual ou similar categoria á súa que haxa ou se produza na universidade.

O reingreso por excedencia derivada de incompatibilidades deberá solicitala o traballador no mes seguinte ó remate desta. Caso de non solicitalo no mes perderá a condición de persoal laboral da universidade.

Artigo 41º

O traballador excedente voluntario que solicite a súa incorporación terá dereito a ocupa-la primeira vacante que se produza na súa categoría ou, no caso de estar extinguida, no mesmo grupo. Se, non existindo vacante na súa mesma categoría ou grupo, existise unha inferior á que se exercía, poderá optar a ela ou agardar a que se produza aquela.

Capítulo X

Prevención de riscos e seguridade no traballo

Artigo 42º

As universidades e os traballadores comprométense a cumprir estrictamente as disposicións vixentes na materia, de conformidade co establecido na Lei 31/1995, de prevención dos riscos laborais, no Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

No caso de non teren servicio médico as universidades asegurarán a realización dunha revisión médica anual para tódolos traballadores.

Todo traballador ten dereito a participar por medio dos seus representantes, en materia de seguridade e saúde laboral no traballo.

Para estes efectos, e como órgano paritario e colexiado de consulta, constituirase en cada universidade un comité de seguridade e saúde laboral que velará pola adopción, mantemento e perfeccionamento de medidas axeitadas en materia de prevención de riscos, seguridade e saúde laboral nos centros de traballo das universidades.

Estará composto polos delegados de prevención elixidos na proporción e segundo o procedemento establecido no artigo 35 da Lei 31/1995, e por igual número de representantes da universidade.

Sen prexuízo do establecido no artigo 38 e ss. da Lei de prevención de riscos, son funcións do comité as seguintes:

-Promove-la observancia das disposicións vixentes en materia de seguridade e hixiene no traballo e prevención dos riscos profesionais.

-Informar sobre o contido das normas de seguridade e hixiene no traballo ós traballadores.

-Realizar visitas para coñoce-las condicións relativas a orde, limpeza, ambiente, instalacións, maquinaria, ferramentas e procesos laborais, e constatar riscos que poidan afectar á vida ou saúde dos traballadores, e informar dos defectos e perigos que advirtan á universidade e, de se-lo caso, promove-la adopción das medidas necesarias para a corrección destas situacións e calquera outra que considere oportunas.

-Velar pola organización da loita contra incendios nos centros de traballo.

-Coñece-las investigacións realizadas polos técnicos de seguridade sobre accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

-Procurar para os traballadores da empresa unha formación adecuada en materia de seguridade.

-Cooperar na realización e desenvolvemento de cursos e campañas de seguridade.

-Propoñe-la imposición de sancións ós que incumpran as normas e instruccións en materia de seguridade.

O comité de seguridade reunirase con carácter ordinario trimestralmente, ou cando a necesidade o requira, a petición dunha das partes, con carácter extraor

dinario. O comité adoptará as súas propias normas de funcionamento.

Artigo 43º

En materia de roupa de traballo e vestiario, as universidades proporcionaranlles anualmente ós traballadores as seguintes pezas de roupa:

-Persoal de mantemento, mozos de servicio e almaceneiros: 2 fundas ou traxes ou 2 batas e 1 par de botas de pel.

-Electricistas: 2 fundas ou 2 traxes de mahón e 1 par de calzado illante.

-Auxiliares técnicos de biblioteca, conserxes e auxiliares de servicio: 2 batas.

-Oficiais de laboratorio, técnicos de laboratorio e persoal de cociña: 2 batas e 1 par de zocos.

-Persoal de limpeza: 2 batas e 2 pares de zocos.

-Mestres, educadores e auxiliares puericultores da escola infantil: 2 chándales.

-Monitores deportivos: 2 chándales e 1 par de tenis.

-Xardineiros: 1 traxe de pana, 1 traxe de mahón, 1 par de botas de pel, 1 par de botas de goma e 2 pares de luvas.

-Técnicos especialistas da imprenta: 2 batas ou 2 traxes de mahón ou 1 funda.

-Especialistas de oficios de deportes: 2 batas ou 1 funda ou 1 traxe de mahón.

-Especialistas de oficios de deportes que realicen labores propios de xardinería para o mantemento das instalacións deportivas: a maiores, 1 par de botas de pel.

-Persoal dos animalarios: 2 batas ou 2 fundas, 1 par de botas e 4 pixamas cirúrxicos.

-Médicos, A.T.S. e enfermeiros: 2 batas brancas e 1 par de zocos.

-Auxiliares de clínica: 2 pixamas cirúrxicos, 1 par de zocos e 1 chaqueta.

-Vixilantes: cada 2 anos: 2 uniformes que constarán de : 2 traxes, 2 camisas, 2 gravatas, 2 pares de calcetíns e 2 pares de zapatos. Cada 3 anos e só para os vixilantes de noite: 1 abrigo.

-Conductores: 1 funda, 1 gabardina e 2 uniformes que constarán de: 2 traxes, 2 camisas, 2 gravatas, 2 pares de calcetíns e 2 pares de zapatos.

-Persoal de correos: 2 batas e cada dous anos 1 chuvasqueiro.

-Socorristas: 2 bañadores, 2 gorros de baño, 1 albornoz e 1 par de zapatillas de goma.

-Delineantes: 2 batas brancas.

-Persoal de apoio a actos oficiais: cada dous anos: 1 uniforme que constará de: 1 traxe, 2 camisas, 1 gravata, 2 pares de calcetíns e 1 par de zapatos.

A subministración de vestiario implica o seu uso obrigatorio durante a xornada de traballo.Cada uni

forme comprende: traxe, camisa, gravata, calcetíns e zapatos.

En todo caso, as xerencias e o comité de empresa determinarán aquelas necesidades de roupa de traballo que non estean incluídas nos puntos anteriores.

Os traballadores deberán presenta-la súa solicitude para a subministración das pezas recollidas neste artigo no Servicio de PAS, durante os meses de xaneiro e febreiro de cada ano; entenderanse decaídos nos seus dereitos aqueles traballadores que non fagan a súa solicitude dentro do prazo establecido, agás que isto se deba a causas debidamente xustificadas.

Capítulo XI

Réxime disciplinario

Artigo 44º

Os traballadores poden ser sancionados polo rector, en virtude de incumprimentos laborais segundo a graduación de faltas e sancións que se establecen neste artigo.

As faltas disciplinarias dos traballadores, cometidas con ocasión ou como consecuencia do seu traballo, poden ser leves, graves ou moi graves.

A) Son faltas leves as seguintes:

1. A incorrección co público e cos compañeiros ou subordinados.

2. O atraso, neglixencia ou falta de atención no cumprimento das tarefas.

3. Non comunicar coa antelación debida a falta de asistencia por causa xustificada, se non se proba a imposibilidade de facelo.

4. A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada un ou dous días nun mes.

5. A falta de coidado na conservación dos locais, materiais e documentos dos servicios.

6. En xeral, o incumprimento dos deberes por neglixencia ou falta de atención inescusable.

B) Son faltas graves:

1. A falta de disciplina no traballo ou do respecto debido ós superiores, compañeiros ou subordinados.

2. O incumprimento das ordes e instruccións dos superiores e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que se deriven ou poidan derivarse prexuízos graves para o servicio.

3. A desconsideración co público no desempeño do traballo.

4. O incumprimento ou o abandono das normas e medidas de seguridade e hixiene do traballo establecidas.

5. A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada durante tres días nun mes.

6. As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada durante cinco días ou máis nun mes e menos de dez.

7. O abandono do traballo sen causa xustificada en dúas xornadas laborais nun mes.

8. A simulación de enfermidade ou accidente por un tempo inferior a tres días.

9. A simulación ou o encubrimento de faltas doutros traballadores en relación ós seus deberes de puntualidade, asistencia e permanencia no traballo.

10. A diminución continuada e voluntaria no rendemento do traballo normal ou pactado.

11. A neglixencia que poida causar graves danos na conservación dos locais, materiais ou documentos dos servicios.

12. O desempeño de actividades profesionais públicas ou privadas, sen solicitar autorización de compatibilidades, sendo compatibles.

13. A utilización ou difusión indebida de datos ou asuntos de que se teña coñecemento por razón do traballo.

14. A reincidencia na comisión de tres ou máis faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo trimestre, cando houbera sanción por aquelas.

C) Son faltas moi graves:

1. A publicación ou utilización indebida de segredos oficiais así declarados por lei ou clasificados como tales.

2. Toda actuación que comporte discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

3. O acoso sexual, sobre todo cando vai acompañado de abuso de autoridade por ser efectuado por un superior contra unha persoa subordinada laboralmente.

4. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas e calquera conducta constitutiva de delicto doloso.

5. A desobediencia manifesta.

6. O falseamento voluntario de datos e informacións do servicio.

7. A falta de asistencia ó traballo non xustificada durante máis de tres días nun mes.

8. As faltas reiteradas de puntualidade non xustificadas durante dez ou máis días nun mes ou durante máis de vinte días nun trimestre.

9. O desempeño de actividades públicas ou privades incompatibles co exercicio do posto público.

10. A reincidencia de tres ou máis faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun período de catro meses.

Artigo 45º

As sancións que se poidan impoñer en función da cualificación das faltas e que, en calquera caso, se comunicarán por escrito, son as seguintes:

A) Por faltas leves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata dous días.

B) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de tres días a un mes.

-Suspensión do dereito a concorrer a probas selectivas ou concursos de ascenso por un perído dun ano.

C) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo dun a tres meses.

-Suspensión do dereito a concorrer a probas selectivas ou concursos de ascenso por un período de dous a tres anos.

-Despedimento disciplinario. Poderase impoñe-la sanción de despedimento disciplinario nos casos de extrema gravidade na comisión de faltas moi graves ou pola reiteración de sancións deste mesmo tipo de faltas. No caso de que a imposición destas sancións disciplinarias de despedimento sexan declaradas improcedentes por sentencia xudicial firme, as universidades optarán pola readmisión do traballador co aboamento dos salarios devengados e deixados de percibir.

As sancións por faltas graves e moi graves requiren a tramitación previa de expediente disciplinario, a súa iniciación débese comunicar ós representantes dos traballadores e á persoa interesada, a quen se debe dar audiencia, e serán escoitados aqueles.

Para a imposicións de sancións por faltas leves non será preceptiva a previa instrucción do expediente ó que se refire o apartado anterior, salvo o trámite de audiencia do interesado, quen poderá ser asistido pola persoa que considere oportuna. Este trámite cumprirase en todo caso.

A imposición das sancións por faltas leves requiren a comunicación ós representantes dos traballadores.

As faltas leves prescriben ós dez días; as faltas graves ós vinte días, e as moi graves ós sesenta días, a partir da data na que a Administración tivo coñecemento delas e en todo caso ós seis meses despois de cometerse. Eses prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente instruído, ou información reservada, de se-lo caso, sempre que a duración do expediente, en conxunto, non supere o prazo de seis meses sen mediar culpa do traballador expedientado.

Os xefes ou superiores que toleren ou encubran as faltas dos subordinados incorrerán en responsabilidades e sufrirán a corrección ou sanción que corresponda, tendo en conta a que se impón ó autor e a intencionalidade, perturbación para o servicio atentando á dignidade da Administración e reiteración ou reincidencia desta tolerancia ou encubrimento.

Todo traballador pode dar conta por escrito, persoalmente ou mediante os seus representantes, dos

actos que impliquen faltas de respecto á súa intimidade ou á consideración debida á súa dignidade humana ou laboral. A universidade, a través do órgano directivo ó que se encontre adscrita a persoa interesada, abrirá a información oportuna e instruirá, de se-lo caso, o expediente disciplinario que proceda, no cal intervirá a representación dos traballadores.

As sancións impostas e a súa cancelación anotaranse no expediente persoal, e informarase diso ós representantes dos traballadores e á comisión paritaria.

Non se poden impoñer sancións que consistan na reducción das vacacións ou outra minoración dos dereitos ó descanso dos traballadores, ou multa de haber.

A cancelación das sancións impostas por faltas leves, graves e moi graves, anotarase no expediente persoal ó ano, tres anos ou cinco anos, respectivamente, desde a data do seu cumprimento, por petición previa da persoa interesada.

Capítulo XII

Fomento do emprego

Artigo 46º

Dentro da política de promoción do emprego, a xubilación será obrigatoria ó cumpri-lo traballador a idade de sesenta e cinco anos; comprométense as universidades a constituíren bolsas de emprego coas vacantes que se produzan por esta causa, incluíndo nas súas ofertas de emprego prazas de idéntica categoría profesional ou outras de distinta categoría que se creen por transformación das citadas vacantes.

As universidades, antes de remata-lo primeiro trimestre, informarán ás correspondentes representacións sindicais das previsións de xubilacións nos doce meses seguintes á data de emisión do informe, co obxecto de planifica-las futuras vacantes. Esta información realizarase por centros, reflectindo a categoría profesional, a clasificación do posto ou servicios, a xornada, a quenda e os pluses ou complementos correspondentes.

Artigo 47º

A idade de xubilación establecida no artigo anterior considerarase sen prexuízo de que todo traballador poida completa-los períodos de carencia para a xubilación, supostos nos cales a xubilación obrigatoria se producirá ó completa-lo traballador os ditos períodos de carencia na cotización á Seguridade Social.

Artigo 48º

O persoal afectado por este convenio poderá xubilarse a partir dos sesenta anos, concedéndoselle unha gratificación, por unha soa vez e polo referido feito, de acordo coa seguinte escala:

Sesenta anos: 550.000 pesetas.

Sesenta e un anos: 450.000 pesetas.

Sesenta e dous anos: 350.000 pesetas.

Sesenta e tres anos: 250.000 pesetas.

Artigo 49º

Coa previa conformidade do traballador afectado, poderá producirse a xubilación ós 64 anos, segundo o establecido no Real decreto 1194/1985, naqueles casos en que a contratación simultánea doutro traballador, esixida no citado real decreto, sexa aconsellable por circunstancias do servicio ou da función, apreciadas pola xerencia co informe favorable do comité de empresa.

Capítulo XIII

Asistencia social

Artigo 50º

Cada universidade creará unha comisión, constituída de forma paritaria, de asistencia e acción social, formada por 3 representantes da universidade e 3 do comité de empresa do persoal laboral de administración e servicios, co obxecto de desenvolver unha política nese campo.

Artigo 51º

Sen prexuízo das medidas que se desenvolvan, manterase a efectividade das seguintes:

-Ensino universitario. As universidades habilitarán os medios para conseguir que a matrícula nos centros universitarios dependentes das universidades públicas galegas sexa gratuíta para os traballadores activos e xubilados, para os seus cónxuxes ou persoa coa que convivan maritalmente, e para fillos ó seu cargo.

-Gardería infantil. Os traballadores da Universidade de Santiago terán os mesmos dereitos de admisión e réxime económico que o resto do persoal da universidade no uso da gardería infantil para os seus fillos.

-Incapacidade transitoria. Cada universidade completará as percepcións do traballador durante a situación de incapacidade transitoria ata o 100% das súas retribucións mensuais durante os 18 meses da incapacidade transitoria.

-Xubilación. Ó se produci-la xubilación dun traballador que teña como mínimo 15 anos de antigüidade recoñecida en calquera das tres universidades que asinan este convenio, percibirá da súa o importe íntegro de tres mensualidades e unha máis por cada cinco anos ou fracción que exceda dos quince de referencia.

-Indemnización por falecemento. Os herdeiros do traballador da universidade percibirán, en concepto de indemnización por falecemento, a cantidade de 136.500 pesetas, compatibles con calquera tipo de axuda por esta causa.

-Instalacións deportivas. Os traballadores terán para si, para o seu cónxuxe e para os fillos ó seu cargo, dereito á utilización das instalacións deportivas da súa universidade, nas mesmas condicións que as

establecidas para o resto dos membros da comunidade universitaria.

-Anticipos reintegrables. Cada universidade poderá conceder anticipos reintegrables ó seu persoal laboral nas mesmas condicións que as establecidas para os funcionarios públicos.

Artigo 52º

Co obxecto de financiar accións dirixidas ó persoal que se acorden na comisión de acción social, ou ben que complementen ás adoptadas nela, decididas entre a xerencia e o comité de empresa respectivos, constitúese en cada universidade un fondo de acción social para o persoal laboral, equivalente, cada ano, ó 1% da masa salarial do ano anterior. Tal fondo dedicarase, prioritariamente, ó:

l. Financiamento dun seguro por invalidez e morte e demais responsabilidade civil derivada do exercicio profesional para o persoal, incluíndo un seguro complementario para a compensación de accidentes en vehículos automóbiles de propiedade dos traballadores utilizados en actos de servicio.

2. Financiamento de gratuidade no uso de instalacións e servicios da universidade.

3. Financiamento de medidas de apoio a traballadores que teñan ó seu cargo fillos diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais.

4. Financiamento de sistemas complementarios de axudas ó estudio.

5. Financiamento de anticipos reintegrables.

No suposto de que nalgunha universidade se chegue a un acordo co comité de empresa respectivo, no sentido de dedicar parte ou todo deste fondo a financiar un plan de pensións, tal fondo quedaría reducido na cantidade que a universidade promotora se comprometa a achegar con carácter permanente ó devandito plan.

Capítulo XIV

Dereito de representación colectiva do persoal

Artigo 53º

Ningún traballador poderá ser discriminado en razón da súa afiliación sindical e todos poderán expoñer libremente no centro as súas opinións sobre o particular.

Artigo 54º

Todo traballador poderá ser elector e elixible para exercer cargos sindicais, sempre que reúna os requisitos establecidos no Estatuto dos traballadores.

Artigo 55º

Todo traballador poderá dispoñer de vinte horas laborais ó ano como permiso retribuído para asistir a reunións sindicais ou de entidades legalmente constituídas e relacionadas coa súa profesión, e ás que fose oficialmente citado. Para o uso deste dereito, daráselle comunicación á xerencia con corenta e oito

horas de anticipación e achegando a correspondente citación.

Artigo 56º

Sen prexuízo do disposto nos artigos 77 a 81 do Estatuto dos traballadores, poderá ser constituída a asemblea dos traballadores de cada universidade, dun centro ou de varios centros dela. Deberá ser convocada polo comité de empresa ou por un 20% dos traballadores do seu cadro de persoal.

Terán dereito a reunirse nun local da súa universidade facilitado pola xerencia, sen presencia desta. A xerencia deberá recibir comunicación cunha antelación de corenta e oito horas. Manteranse cubertos, en todo caso, os servicios mínimos.

Artigo 57º

No caso de estar negociando un convenio colectivo, poderá reunirse dentro do horario de traballo cun límite de seis horas no período dun mes, e con só vintecatro horas de preaviso.

Artigo 58º

Os comités de empresa e os delegados de persoal poderán acumula-las horas sindicais dos seus membros nun ou en varios deles. O pedimento de acumulación deberá facerse por escrito, con autorización tanto do cedente como do cesionario, resolvendo a xerencia de cada universidade.

O crédito horario é de carácter persoal, retribuído, mensual e para o exercicio exclusivo de funcións de representación.

Non se poderán acumular nin suma-las horas non utilizadas dun mes para outro.

A acumulación de horas sindicais terá unha duración mínima de 6 meses, debéndose comunicar cunha antelación mínima de 20 días hábiles ó seu inicio. Non obstante, poderanse autorizar acumulacións inferiores cos mesmos requisitos para a realización de actividades concretas sempre que exista crédito horario e non fose previamente acumulado.

Artigo 59º.-Delegados sindicais.

Recoñécese o dereito das centrais sindicais a seren representadas por un delegado da súa universidade. O delegado deberá ser traballador en situación de activo da universidade correspondente.

Os sindicatos que aleguen este dereito deben acreditalo de modo fidedigno fe diante da universidade correspondente, recoñecéndolle esta, acto seguido, ó citado delegado a súa condición de representante do sindicato para tódolos efectos.

Artigo 60º

Os membros dos comités de empresa e os delegados de persoal terán os dereitos que lle recoñece a lei e os seguintes:

-Dereito á libre difusión na universidade correspondente das publicacións, avisos ou opinións que lles poidan interesar ós respectivos afiliados ó sindicado e ós traballadores en xeral.

-Dereito de reunión nos locais da súa universidade nas mesmas condicións que se sinalan para a asemblea dos traballadores.

-Os membros dos comités de empresa e os delegados de persoal dispoñerán de tempo retribuído para realizar en xestións conducentes á defensa dos intereses do pesoal. As horas mensuais necesarias para cubrir esta finalidade fixanse de conformidade coa seguinte escala:

*Campus de ata 250 traballadores: 35 horas.

*Campus de 251 a 700 traballadores: 50 horas.

*Campus de 701 traballadores en adiante: 60 horas.

-Dereito a seren informados dos asuntos da súa universidade nos termos fixados para o comité de empresa no Estatuto dos traballadores, debendo observa-lo sixilo profesional recollido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 61º

Cada universidade, na medida das súas posibilidades, facilitará un local para a actividade sindical e o material de oficina necesario. Así mesmo dispoñerase de taboleiros de anuncios reservados á libre comunicación sindical en tódolos centros onde sexan precisos.

Capítulo XV

Formación e perfeccionamento do persoal

Artigo 62º

Coa finalidade de desenvolver un plan para a formación e perfeccionamento do persoal crearase unha comisión de formación para cada universidade, tendo como funcións a análise e a avaliación do plan de formación profesional.

Para o financiamento do plan de formación que se aprobe, as universidades contribuirán co 1% da masa salarial que se orce en concepto de retribucións para o persoal laboral excluíndo as contribucións á Seguridade Social.

Artigo 63º

Os traballadores que cursen estudios oficiais de perfeccionamento da súa profesión, dispensados por centros oficiais, terán preferencia para elixir quenda de traballo, así como a adaptación da xornada ordinaria de traballo á asistencia ós cursos, sempre que as necesidades do servicio e a organización do traballo o permitan.

Disposicións adicionais

Primeira.-Aqueles traballadores que no momento do asinamento do presente convenio estean a desfrutar dunha cesión de uso gratuíta dalgunha das vivendas situadas nos inmobles de titularidade das universidades galegas, estarán suxeitos ás seguintes normas:

A cesión de uso estará directamente vinculada á ocupación efectiva dun posto de traballo, sen que

poida existir posibilidade de subrogación, alugueiro, ou subalugueiro por parte do traballador.

O traballador estará obrigado a ocupa-la vivenda. No caso de non facer uso dela durante o período de dous meses ó ano, sen causa debidamente xustificada, a universidade pode proceder a dar por rematada a cesión de uso.

Serán por conta do traballador os gastos correntes derivados da utilización da vivenda obxecto da cesión, tales como luz, auga, teléfono, calefacción e outros que puidesen existir. Para tal fin a universidade posibilitará a instalación de contadores que permitan unha efectiva imputación deses gastos ó titular da cesión.

Segunda.-Definición de categorías.

Seguirá vixente a definición de categorías do convenio colectivo anterior ata que se aprobe o manual de funcións que se realizará no prazo de seis meses.

Terceira.-O persoal funcionario pertencente ó grupo E poderá participar en calquera concurso de provisión de postos laborais da categoría de auxiliar de servicios e de conserxe. Para estes efectos, adaptarase o baremo que rexa nos traslados do persoal laboral ás peculiaridades do réxime estatutario para os efectos dunha avaliación homoxénea dos méritos.

Cuarta.

Queda excluído do ámbito do convenio o persoal do Instituto de Idiomas e o persoal contratado para proxectos de investigación.

Disposicións transitorias

Primeira.-O novo réxime retributivo non terá efecto inmediato desde a publicación do convenio senón desde a adaptación das RPT ós novos pluses que, en todo caso, deberá realizarse nun prazo máximo de seis meses desde o asinamento do convenio.

Segunda.-Os traballadores que, como consecuencia do novo réxime retributivo, e que anteriormente percibiran o plus de dispoñibilidade horaria ou plus de perigosidade por importe do 20%, vexan reducidas as súas retribucións, no período que dure a adaptación ó novo sistema, percibirán un complemento persoal transitorio pola diferencia, sen prexuízo do dereito que corresponda ás universidades de revisa-la concesión do plus de perigosidade.

Esta cantidade será integrada no plus de posto que lle corresponda ó adaptarse as R.P.T. ó novo sistema retributivo. Naqueles casos nos que non se produza a integración no plus de posto, este complemento persoal quedará conxelado e será absorbible por calquera mellora producida nas súas retribucións.

Terceira.-O persoal laboral de administración que se vaia extinguir e que desempeñe postos de traballo definidos no cadro funcionarial percibirá, con cargo ós créditos orzamentarios deste, a diferencia entre

o seu salario base e a retribución do posto, calculada como se o ocupante fose do grupo de clasificación que se corresponde co que teña o laboral.

Cuarta.-En cada universidade negociaranse os criterios para xestiona-las listas de espera para promoción interna, que deberán ser aprobadas pola comisión paritaria.

Quinta.-En razón do obxectivo de modificación do sistema de organización do traballo establecido neste convenio para os anos 1995 e 1996, aboarase por cada un deles un plus de convenio nun pagamento único de 50.000 ptas. para tódolos grupos profesionais. A partir do 1 de xaneiro de 1997 consolidarase a contía de 50.000 ptas. no salario base de cada grupo.

Sexta.-A partir da productividade devengada polos funcionarios durante o ano 1997, naquelas universidades nas que se aboe en concepto de productividade ou especial rendemento unha paga ó persoal funcionario, negociarase co comité de empresa a súa aplicación ó persoal laboral segundo as dispoñibilidades orzamentarias de cada exercicio.

Disposición derradeira

En todo o non recollido no presente convenio atenderase á lexislación laboral que lle é de aplicación. En defecto desta, atenderase ó acordo entre ámbalas partes, formalizado mediante pacto. No caso de non chegar a un acordo, aplicarase, sempre que a natureza do tema o permita, como criterio interpretativo supletorio o réxime legalmente establecido para os funcionarios.

Si, por disposición legal ou regulamentaria, ó persoal funcionario das universidades se lle recoñeceran melloras no seu réxime de xornada e horario, vacacións, permisos, licencias e asistencia social, estas aplicaranse automaticamente ó persoal suxeito a este convenio.

ANEXO I

Retribucións básicas

GrupoImporte 1995

I3.368.067
II2.816.393
III2.266.524
IV1.924.569
V1.727.774

ANEXO II

Retribucións complementarias anexo

Escala do plus do posto de traballo

TiposPesetas/anoGrupos de

aplicación

A2.280.6041
b2.033.5491
C1.789.4981
D1.241.74612
E960.13412
F931.31112
G788.221123
H649.697123
I620.874123
J477.7841234
K463.4371234
L404.9901234
M392.6521234
N339.2601234
Ñ310.4371234
O268.4761234
P227.73912345
Q204.76412345
R124.17612345
S85.08912345

ANEXO III

Plus de permanencia

GrupoAnual (*)

III477.784
IV204.764

(*) Pagadeiro en 11 mensualidades

9607439