Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 18 de novembro de 1996 Páx. 10.357

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 1996 pola que se convocan catro cursos sobre a protección e a loita contra incendios, dirixidos ós membros dos corpos de bombeiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, a formación dos bombeiros é unha das tarefas encomendadas á devantida academia.

Con base no anterior anúnciase a celebración de catro cursos sobre a protección e a loita contra incendios, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-los participantes dos coñecementos necesarios no tema da protección e loita contra incendios, co fin de que consigan unha destreza na práctica da loita contra o lume real.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros dos corpos de bombeiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazas.

O número de prazas ofertadas para cada curso será de 25.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 20 de novembro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito suporá a non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4, pPolígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

Os cursos terán unha duración de 24 horas lectivas, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas:

-Natureza do lume.

-Mecanismos de extinción.

-Productos de combustión.

-Axentes extintores.

-Sistemas fixos de extinción.

-Sistemas de detección e alarma.

-Protección persoal.

-Protección respiratoria.

-Lumes estructurais.

-Normativas xerais.

Datas.

Os cursos celebraranse nas seguintes datas:

1º curso: os días 25, 26 e 27 de novembro.

2º curso: os días 2, 3 e 4 de decembro.

3º curso: os días 9, 10 e 11 de decembro.

4º curso: os días 16, 17 e 18 de decembro.

O horario será o seguinte:

Mañá: de 9 a 13.30 horas.

Tardes: de 15.30 a 19 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 22 de novembro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

No centro de formación de SEGANOSA, sito na parroquia de Alxen, s/n, en Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Certificado de asistencia.

Ó remate de cada curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, implicará a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

8284