Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 19 de novembro de 1996 Páx. 10.382

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.14º establece competencias exclusivas da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de augas minerais e termais, e o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, establece a asunción definitiva das ditas competencias.

En uso desas competencias promulgouse a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulamentación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, autorizando na súa disposición final o Consello da Xunta de Galicia para o desenvolvemento regulamentario da dita lei.

Por iso, consciente a Comunidade Autónoma de Galicia da crecente relevancia económica dos recursos mineromedicinais, derivada de novos conceptos de saúde e calidade de vida, considera conveniente a súa regulamentación, ordenación, aproveitamento e fomento deles.

Esta regulamención efectúase dentro do marco legal que supón a adhesión de España á Unión Europea, incorporando ó ordeamento xurídico a Directiva 80/777/CEE, do 15 de xullo, que trasposta ó ordeamento xurídico español, deu lugar ó Real decreto 1164/1991, do 22 de xullo, polo que se aproba a regulamentación técnico-sanitaria para a elaboración, circulación e comercio de augas de bebida envasada.

O regulamento estructúrase nun título preliminar e tres títulos, regulamentadores respectivamente de: obxecto e ámbito de aplicación (título preliminar); das augas mineromedicinais e termais (título I) dividido, a súa vez, en dous capítulos: da declaración da condición mineromedicinal ou termal das augas e recoñecemento do dereito á utilización de tal denominación (capítulo I) e da autorización ou concesión

de aproveitamento das augas mineromedicinais ou termais (capítulo II); dos establecementos balnearios (título II) e das infraccións e sancións (título III).

Na súa virtude, oído o Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o presente texto do Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de industria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o cumprimento do establecido no presente decreto.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia

Título preliminar

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º

O presente regulamento ten por obxecto o aproveitamento das augas mineromedicinais e termais que teñan o lugar de nacemento ou saída á superficie dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, ó abeiro do disposto na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulamentación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

É obxecto, así mesmo, deste regulamento, dentro do ámbito territorial sinalado, a regulamentación dos establecementos balnearios.

Título I

Das augas mineromedicinais e termais

Capítulo I

Declaración da condición mineromedicinal ou termal das augas e recoñecemento do dereito á utilización de tal denominación

Artigo 2º

1. Son augas mineromedicinais as que emerxen natural ou artificialmente e que polas súas características e calidades sexan declaradas de utilidade pública e aptas para tratamentos terapéuticos.

As augas mineromedicinais só poderán ser aproveitadas para usos terapéuticos en instalacións balnearias sitas nas áreas de emerxencia.

Tamén poderán envasarse para o seu consumo sempre que cumpran os requisitos sinalados no Real decreto 1164/1991, do 22 de xullo, polo que se aproba a regulamentación técnica sanitaria para a elaboración, circulación e comercio de augas de bebida envasada.

2. Son augas termais, para os efectos previstos neste regulamento, aquelas augas que xorden a unha temperatura superior, polo menos en catro graos centígrados á media anual do lugar onde emerxan e sexan declaradas de utilidade pública e aptas para usos terapéuticos en instalacións balnearias sitas nas áreas de emerxencia.

Artigo 3º

1. A declaración da condición de mineromedicinal ou termal das augas e o recoñecemento do dereito á utilización de tal denominación acordarase polo conselleiro competente en materia de industria, como requisito previo ó outorgamento do seu aproveitamento como tal.

2. A declaración dun auga como mineromedicinal ou termal implicará a súa declaración de utilidade pública.

Artigo 4º

1. O expediente iniciarase de oficio ou por solicitude de calquera persoa que reúna as condicións necesarias para ser titular de dereitos mineiros, mediante a correspondente solicitude conforme se sinala no anexo II deste regulamento, que se presentará ante a consellería competente en materia de industria, con expresión da situación e características do acuífero, os datos persoais do propietario do terreo, no caso de non coincidir co solicitante e cantos datos se consideren necesarios para a súa su exacta determinación.

2. A documentación sinalada no apartado anterior completarase coa documentación recollida no apartado 1 do anexo II do Real decreto 1164/1991, do 22 de xullo, polo que se aproba a regulamentación técnico-sanitaria para a elaboración, circulación e comercio de augas de bebida envasada, se ben os niveis máximos admitidos para as prescricións sinaladas no apartado 1.2.3. do citado anexo concretaranse pola consellería competente en materia de sanidade con suxeición á normativa aplicable.

3. O acto de iniciación publicarase no Diario Oficial de Galicia, facendo constar se o expediente se iniciou de oficio ou por instancia de parte interesada, así como os datos sinalados no apartado 1º deste artigo.

Se o expediente se inicia por instancia de parte, publicarase, así mesmo, os datos persoais do solicitante.

4. A iniciación do expediente notificarase, no prazo de dez días, ó propietario do terreo onde emerxan as augas, co fin de que poida comparecer no expediente.

A publicación da iniciación do expediente no Diario Oficial de Galicia producirá os efectos previstos na lei para o suposto de propietarios descoñecidos.

Artigo 5º

1. A delegación provincial da consellería competente en materia de industria correspondente notificará ás partes interesadas o día e hora en que se procederá á toma de mostras das aguas, xirando visita ó lugar de emprazamento de saída á superficie con cargo ó peticionario. A mostra dividirase en tres partes, que serán lacradas e seladas, entregándose unha delas ó solicitante; outra depositarase na delegación provincial e a terceira remitirase, para a súa análise e informe, ó Instituto Tecnolóxico Xeomineiro de España.

No suposto de que o propietario do terreo comparecese na toma de mostras, esta dividirase en catro partes, entregándose unha delas a aquel.

Levantarase acta das operacións realizadas que será asignada por tódolos presentes, ós que se lles entregará un exemplar dela.

2. Para a declaración dunhas augas como termais, a toma de mostras substituirase pola toma de tres temperaturas espaciadas entre sí cando menos dúas horas. A acta orixinal, co informe da delegación provincial será a que se remita ó informe do Instituto Tecnolóxico Xeomineiro de España.

Artigo 6º

O expediente así tramitado remitirase á consellería competente en materia de sanidade co fin de que emita informe que será vinculante, sobre a declaración da auga que se pretende.

Artigo 7º

1. Á vista das actuacións realizadas e dos informes obtidos, a delegación provincial correspondente emitirá o seu informe e elevará proposta de resolución ó conselleiro competente en materia de industria.

2. A resolución do expediente notificarase ós interesados e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. Toda declaración da condición de mineromedicinal ou termal das augas será inscrita, de oficio, no Rexistro de Auguas Minerais, Termais e de Manancial da consellería competente en materia de industria.

Artigo 8º

1. A perda da condición de mineromedicinal ou termal das augas declararase mediante resolución motivada do conselleiro competente en materia de industria, logo de audiencia do interesado e do informe vinculante da consellería competente en materia de sanidade.

2. A resolución notificarase ós interesados e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo II

Da autorización ou concesión de aproveitamento de augas mineromedicinais ou termais

Artigo 9º

1. Efectuada a declaración da condición de mineromedicinal ou termal das augas, quen iniciou o expediente disporá do prazo dun ano, desde a notificación da resolución, para solicita-la autorización ou, se é o caso, concesión administrativa de aproveitamento.

2. Dentro do mesmo prazo previsto no apartado anterior, o propietario do terreo poderá solicita-lo dito aproveitamento, aboando, se é o caso, os desembolsos realizados polo solicitante da declaración durante a tramitación do dito expediente.

3. Realizada de oficio a declaración ou non solicitado o aproveitamento segundo sinalan os apartados anteriores, ou se este fose denegado, poderá outorgarse o aproveitamento mediante concurso público, de acordo co disposto no artigo 29º deste regulamento.

Artigo 10º

1. Cando as augas mineromedicinais ou termais, obxecto de aproveitamento, se encontren en terreo de dominio público, o aproveitamento outorgarase mediante concesión administrativa.

2. A concesión que se outorgue terá un prazo de vixencia de 30 anos, prorrogable como máximo por outros dous prazos iguais, salvo que finalice con anterioridade, nos supostos previstos na lei.

O titular da concesión solicitará a prórroga cunha anterioridade mínima dun ano á finalización do prazo de vixencia.

Artigo 11º

A solicitude, segundo o anexo III deste regulamento, presentarase ante a consellería competente en materia de industria, xunto coa documentación acreditativa da capacidade para ser titular de dereitos mineiros e do proxecto xeral de aproveitamento, asinado por técnico competente, que comprenderá os seguintes documentos:

a) Unha memoria, que conterá como mínimo:

.Descrición e obras executadas na captación.

.Conduccións ata as instalacións de aproveitamento.

.Sistema de vixilancia e control da captación e o seu contorno.

.Réxime de explotación do acuífero, caudal, temporadas de máximo aproveitamento, etc.

.Descrición dos tratamentos que hai que realizar.

.Descrición detallada das instalacións principais e accesorias.

.Estudio xustificativo da necesidade do perímetro de protección e a delimitación proposta.

b) Orzamento de inverstimentos totais que se van realizar e estudio económico do seu financiemento, así como plan e garantías que ofrezan sobre a súa viabilidade.

c) Planos.

Artigo 12º

1. O perímetro de protección para a conservación do acuífero, definido por coordenadas xeográficas referidas ó meridiano de Greenwich, constituirase por tres zonas, que limitarán as actividades que se pretenden levar a cabo nelas: zona de restriccións máximas (ZMA), zona de restriccións medias (ZME) e zona de restriccións mínimas (ZMI). As tres zonas estableceranse en función do que se denomina tempo de tránsito, que se define como o tempo que transcorre entre a entrada dunha substancia no sendo do acuífero e a súa extracción pola captación.

As actividades que se van desenvolver en cada zona suxeitaranse ás limitacións de prohibición (P) ou condicionadas (C) sinaladas no anexo I deste regulamento.

2. Para o exercicio do dereito de aproveitamento, o titular del acreditará a plena dispoñibilidade dos terreos comprendidos na Zona de Restriccións Máximas para o fin que se pretende.

3. Para outras actividades non incluídas no anexo I deste regulamento ou ben actividades condicionadas, a súa licencia e instalación contará co informe vinculante da consellería competente en materia de industria, logo do asesoramento do Instituto Tecnolóxico Xeomineiro de España.

Artigo 13º

A solicitude de aproveitamento das augas sometarase a información pública durante un prazo de 15 días mediante a súa insercción no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de anuncios do concello onde radique a captación, co fin de que os interesados e, en particular, os propietarios dos terreos, bens e dereitos comprendidos no perímetro de protección, poidan alegar canto conveña ós seus intereses.

Artigo 14º

1. A delegación provincial requirirá o informe da consellería competente en materia de sanidade, que será vinculante.

2. Requerirase, así mesmo, informe da Administración hidráulica, para os efectos da súa exclusión do ámbito da Lei de augas, se procedese.

No caso de non existir unidade de criterio entre os dous departamentos, elevarase a oportuna proposta ó Consello da Xunta de Galicia para a súa resolución.

Artigo 15º

A delegación provincial correspondente comprobará e examinará a documentación presentada e, de encontrala conforme, determinará, logo de inspección do terreo por conta do interesado, o perímetro que resulte adecuado para garanti-la protección suficiente do acuífero en cantidade e calidade, informando ó mesmo tempo acerca do proxecto, investimentos e garantías a que se refire o apartado b) e c) do artigo 11º.

Artigo 16º

1. Concluída a tramitación do expediente e á vista dos informes obtidos, a delegación provincial correspondente o elevará, co seu informe, ó conselleiro competente en materia de industria, que dictará a resolución que proceda.

2. A resolución que se dicte conterá, como mínimo, os seguintes apartados:

a) Nome e enderezo do titular ó que se lle outorga o aproveitamento.

b) Caudal máximo aproveitable; clase, utilización das augas, condicións de aproveitamento e tratamentos autorizados.

c) Perímetro de protección.

d) Condicións especiais que en cada caso procedan.

3. O aproveitamento outorgado inscribirase de oficio no Rexistro de Augas Minerais, Termais e de Manancial da Consellería de Industria e Comercio.

Artigo 17º

O outorgamento dun aproveitamento de augas mineromedicinais ou termais levará implícita a declaración de utilidade pública para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o establecemento das instalacións e servicios e dos terreos comprendidos dentro da Zona de Restriccións Máximas.

Artigo 18º

Os aproveitamentos das augas aquí regulamentadas outorgan ó seu titular os seguintes dereitos:

a) Dereito exclusivo a utilizalas na forma, condicións e durante o tempo sinalado na correspondente resolución administrativa.

b) Á protección do acuífero en cantidade e calidade para o seu normal aproveitamento na forma concedida e a utiliza-los medios legais necesarios para impedir que se realicen dentro do perímetro de protección fixado, traballos ou actividades que poidan perxudica-lo acuífero ou o seu normal aproveitamento.

Artigo 19º

O titular dun aproveitamento das augas regulamentadas no presente regulamento deberá inicia-la explotación no prazo dun ano, contado a partir da data en que estean debidamente autorizadas as instalacións.

Así mesmo, dentro do mes de xaneiro e con carácter cuatrienal, este presentará ante a delegación provincial da consellería competente en materia de industria que corresponda un plan de aproveitamento, asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial que corresponda. O plan entenderase aprobado se no prazo de tres meses a citada delegación provincial non opón reparos a el, independentemente e sen prexuízo das prescricións ou consideracións que se poidan establecer en visitas de inspección.

O primero plan de aproveitamento presentarase dentro do mes de xaneiro do cuarto ano posterior ó da obtención da concesión ou autorización de tal aproveitamento.

O plan conterá, como mínimo, os seguintes apartados:

.Datos do aproveitamento (situación, titular, características, etc.)

.Producción e investimentos anteriores e previstos, referidos ós períodos cuatrienais anteriores e posteriores.

.Modificacións nas instalacións que non foran obxecto de proxecto.

.Cadro comprensivo de datos no que se inclúa caudal, temperatura, composición química e características microbiolóxicas, referidos ós últimos catro anos.

. Custos de explotación.

.Esquema xeral de conducción das augas desde a saída á superficie á planta de tratamento e envasado, se é o caso.

.Plan de prevención ante posibles incidentes de contaminación e plan de vixiancia e control doperímetro de protección.

.Outros datos de interese.

Artigo 20º

A ampliación, restricción, paralización por máis dun ano ou calquera outra modificación dun aproveitamento ou das súas instalacións requirirá a previa autorización ou, se é o caso, nova concesión administrativa.

Artigo 21º

1. Os dereitos que outorga unha concesión ou autorización de aproveitamento de augas mineromedicinais ou termais poderán ser transmitidos, arrendados e gravados, en todo ou en parte, por calquera medio admitido en dereito, a persoas que reúnan as condicións do artigo 4º deste regulamento.

2. O exercicio de calquera dos dereitos a que se refire o punto anterior requirirá a previa autorización da consellería competente en materia de industria.

Artigo 22º

As autorizacións e concesións regulamentadas no presente regulamento terán só efectos de carácter administrativo, deixando a salvo os dereitos e obrigas de carácter civil. Así mesmo, non eximen o titular ou explotador do aproveitamento da obtención dos permisos e licencias de competencia doutros organismos ou administracións.

Artigo 23º

Calquera explotación das augas obxecto deste regulamento que non obtivera a necesaria autorización ou concesión de aproveitamento será considerada ilegal e o organismo competente ordenará a inmediata paralización dela, sen prexuízo das sancións que procedan.

Artigo 24º

As consellerías competentes en materia de industria e sanidade velarán, mediante os controis e inspeccións que estimen oportunos, pola permanencia das características que motivaron a declaración da condición de mineromedicinal ou termal das aguas, así como a adecuación do seu uso ás condicións establecidas nas concesións ou autorizacións de aproveitamento

Artigo 25º

1. As delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria, en casos de urxencia en que perigue a salubridade das augas, a conservación do recurso, a protección do medio ambiente ou outras causas que poñan en perigo a seguridade das persoas ou cousas, poderán suspender provisionalmente os aproveitamentos, poñéndoo en coñecemento da dirección xeral en materia de industria e informando dos feitos que a motivaron e propoñendo as medidas que considere oportunas.

No prazo máximo de 15 días, a dirección xeral en materia de industria, se non procedese a suspensión, levantará aquela ou en caso contrario elevará proposta ó conselleiro competente para a resolución oportuna, logo do dictame da consellería competente en materia de sanidade para o caso de insalubridade das augas.

2. Cando a suspensión dos traballos se acorde por causa non imputable ó titular, o período de vixencia polo que se outorgou o aproveitamento ampliarase polo prazo en que se mantivo a dita suspensión.

Artigo 26º

As concesións ou autorizacións de aproveitamento declararanse extinguidas por resolución motivada do conselleiro competente en materia de industria, logo do expediente instruído para o efecto, nos seguintes supostos:

1. Por renuncia voluntaria do titular, aceptada pola Administración.

2. Pola perda da condición de mineromedicinal ou termal das augas.

3. Polo esgotamento do recurso.

4. Pola diminución do caudal do acuífero que impida a súa explotación nas condicións establecidas na autorización ou concesión outorgada.

5. Pola finalización do prazo polo que foi outorgada a autorización ou concesión de aproveitamento, ou as prórrogas sucesivas.

6. Pola contaminación irreversible do acuífero.

7. Por manter paralizados os traballos de aproveitamento máis dun ano sen autorización administrativa.

8. Por incumprimento das condicións impostas na concesión ou autorización de aproveitamento.

9. Polos restantes supostos previstos na lei que impliquen a extinción.

As extincións dos aproveitamentos poranse en coñecemento da consellería competente en materia de sanidade, requiríndose informe previo, con carácter vinculante, para os supostos previstos nos puntos 2, 4, 6 e 8 do apartado anterior.

Artigo 27º

A extinción dun aproveitamento de augas mineromedicinais ou termais levará implícita a retirada das autorizaciós de funcionamento como establecemento balneario.

Artigo 28º

1. Extinguida a autorización ou concesión, para o abandono do aproveitamento o titular está obrigado a deixa-los traballos en boas condicións de seguridade para persoas e cousas, para tal efecto pora o en coñecemento da delegación provincial da consellería competente en materia de industria, que, logo da comprobación, autorizará o abandono ou imporá as condicións previas que estime necesarias.

Neste último caso, practicará nova comprobación acerca do cumprimento das condicións impostas e non autorizará o abandono ata que aquel teña lugar.

2. Autorizado o abandono, o titular poderá dispor libremente da maquinaria e instalacións da súa propiedade. Nembargantes, cando a retirada destas puidera prexudica-lo aproveitamento, poderá prohibirse en tanto a delegación provincial non emita o seu informe favorable. Se a prohibición alcanza carácter de definitiva, o interesado terá dereito á indemnización con prezo xusto establecido na forma que sinala a Lei de expropiación forzosa, logo da instrucción do oportuno expediente.

Os titulares das saídas á superficie non quedarán exonerados de responsabilidade polos prexuízos que poidan derivarse da inobservancia do estipulado no presente artigo.

Artigo 29º

1. Declarada a extinción dunha concesión ou autorización de aproveitamento e sempre que non se

debese á perda das condicións ou características que serviron de base para o seu aproveitamento, poderase outorga-lo aproveitamento mediante o procedemento de concurso público.

2. En todo caso, nos pregos de condicións incluirase a documentación sinalada no artigo 11º deste regulamento.

3. A mesa de contratación que se constitúa para o efecto seleccionará entre as ofertas admitidas aquela que conteña as mellores condicións técnicas, económicas e sociais, en atención ó investimento, postos de traballo e condicións de explotación do acuífero.

4. Non poderá declararse deserto o concurso se se presentase algunha oferta conforme as normas establecidas na convocatoria.

Título II

Dos establecementos balnearios

Artigo 30º

1. Para os efectos previstos neste regulamento, os establecementos balnearios son aqueles que, estando dotados dos medios adecuados, utilizan as augas mineromedicinais ou termais para usos terapéuticos declaradas de utilidade pública con fins terapéuticos e preventivos para a saúde.

Consideraranse establecementos sanitarios e, como tales, quedan suxeitos ó disposto na lexislación sanitaria.

2. Correponde á consellería en materia de sanidade a competencia para establece-los requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimas de apertura de balnearios, así como o procedemento para outorga-la autorización sanitaria previa en canto á súa creación, modificación, apertura e posta en funcionamento.

A consellería competente en materia de sanidade resolverá as solicitudes presentadas no prazo máximo de catro meses. Transcorrido o dito prazo sen dictar resolución expresa, estas entenderánse desestimadas.

3. Estes establecementos poderán dispor de instalacións de complemento turístico, de ocio e industriais, que quedarán sometidas ás súas normativas específicas.

Artigo 31º

Os complexos balnearios deberán dispor, para as súas instalacións industriais, do persoal e medios técnicos adecuados de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 32º

Calquera tipo de instalación industrial, xa sexa de nova creación ou de ampliación, que se relice no complexo balneario necesitará a aprobación do respectivo proxecto, pola dirección xeral competente en materia de industria, asinado por técnico

competente conforme a lexislación vigente. A delegación provincial correspondente resolverá, unha vez executada a obra ou montaxe, a oportuna posta en marcha, cumpridas as especificacións impostas ó proxecto, se as houbese.

Artigo 33º

Será de obrigado cumprimento para as instalacións industriais dos complexos balnearios toda a normativa vixente que as afecte, correspondendo ós órganos competentes en materia de industria a súa aplicación, tramitación e execución e, se é o caso, a tramitación do expediente sancionador que corresponda.

Título III

Das infraccións e sancións

Artigo 34º

As infraccións ó disposto neste regulamento clasifícanse en leves, graves e moi graves, e serán sancionadas de conformidade co disposto no presente título, sen prexuízo, se é o caso, das correspondentes responsabilidades civís e penais.

Artigo 35º

1. Son infraccións leves os seguintes feitos:

a) A presentación do plan cuadrienal de aproveitamento fóra do prazo establecido, pero dentro do primeiro semestre do ano que corresponda.

b) O incumprimento das obrigas formais derivadas da lei.

c) O incumprimento das prescricións impostas.

d) En xeral, calquera incumprimento das obrigas legais que non estea tipificado como falta grave ou moi grave.

2. Son infraccións graves:

a) Non comeza-lo aproveitamento no prazo establecido no artigo 16 da lei e 19º deste regulamento.

b) Levar a cabo modificacións, ampliacións, restriccións ou paralizacións do aproveitamento sen a previa autorización ou nova concesión, se é o caso.

c) O incumprimento dos plans cuadrienais de aproveitamento.

d) A presentación do plan cuadrienal de aproveitamento fora de prazo, pero dentro do segundo semestre do ano que corresponda.

e) A utilización das augas para fins distintos ós autorizados, salvo o previsto no apartado 3.d) deste artigo.

f) A transmisión dos dereitos que outorga a concesión ou autorización de aproveitamento sen a previa autorización administrativa.

g) A reiteración de infraccións leves.

3. Son infraccións moi graves:

a) O incumprimento das condicións impostas no outorgamento do aproveitamento.

b) A deterioración significativa en calidade ou cantidade do acuífero por causas imputables ó titular ou explotador.

c) A falta de presentación do plan cuadrienal de aproveitamento ou a súa presentación fóra do primeiro ano que corresponda.

d) A utilización das augas para fins distintos ós autorizados, cando poida afectar á saúde das persoas.

e) A reiteración de infraccións graves.

Artigo 36º

1. As infraccións administrativas tipificadas no artigo anterior prescribirán nos seguintes prazos, contando desde a comisión do feito ou desde a súa detección:

a) Seis meses, no caso de infraccións leves.

b) Un ano, no caso de infraccións graves.

c) Dous anos, no caso de infraccións moi graves.

2. Entenderase que existe reiteración cando se cometesen dúas ou máis infraccións do mesmo grao que foran obxecto de sanción antes de finaliza-lo seu período de prescrición.

Artigo 37º

1. As infraccións tipificadas no presente regulamento sancionaranse, logo de incoación do oportuno expediente, de acordo coa seguinte graduación:

a) Infraccións leves: multa ata 100.000 pesetas.

b) Infraccións graves: multa desde 100.001 ata 1.000.000 de pesetas.

c) Infraccións moi graves: multa desde 1.000.001 ata 10.000.000 de pesetas. Nestes casos poderá decretarse, ademais, unha suspensión do aproveitamento de ata seis meses ou a extinción do dito aproveitamento.

2. A competencia para impoñe-las sancións, sen prexuízo do disposto no artigo 40º deste regulamento, corresponderá:

a) Infraccións leves: ó delegado provincial da consellería competente en materia de industria.

b) Infraccións graves: ó director xeral competente en materia de industria.

c) Infraccións moi graves: ó conselleiro competente en materia de industria .

As sancións superiores a 5.000.000 de pesetas e, en todo caso, a extinción do aproveitamento acordaraas o Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 38º

1. Para a graduación das sancións terase en conta o grao de repercusión da infracción no aproveitamento outorgado, a súa trascendencia respecto a

persoas e bens, a participación e o beneficio obtido, a intencionalidade do infractor, así como a deterioración producido na calidade do recurso.

2. Terase en conta, igualmente, na graduación da sanción o feito de que durante a tramitación do expediente e antes de recaer resolución definitiva se acreditara, por algún dos medios válidos en dereito, que se emendaron os defectos que orixinaron á iniciación do procedemento de que se trate.

Artigo 39º

Non poderá impoñerse sanción administrativa por infracción do disposto na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulamentación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia e no presente regulamento, senón en virtude de procedemento instruído para o efecto conforme os principios regulamentados no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución, que de ser sancionatoria fixará os prazos para o cumprimento das sancións e obrigas derivadas da infracción, notificarase na forma e prazos previstos na lei, séndolle aplicable o réxime común de recursos.

Artigo 40º

As infraccións en materia sanitaria, turística ou industrial sancionaranse de conformidade co previsto na normativa específica que resulte de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os informes preceptivos que se recollan neste regulamento emitiranse no prazo máximo dun mes. Noutro caso, entenderanse emitidos en sentido favorable.

Os informes vinculantes emitiranse no prazo máximo de dous meses. Transcorrido o dito prazo e reiterada a petición, entenderanse favorables de non cubrirse no prazo dun mes contado desde a recepción da reiteración do informe, que deberá comunicarse previamente ó órgano solicitante.

Segunda.-En todo o non previsto no presente regulamento, haberá que aterse ó establecido na lexislación do Estado en materia de minas e augas.

Terceira.-Só poderán acollerse ós beneficios e axudas que os órganos da Xunta de Galicia determinen, os titulares das concesións de aproveitamento debidamente inscritos no Rexistro de Augas Minerais, Termais e de Manancial a que se refire o artigo 21 da lei.

ANEXO I

ACTIVIDADESZMAZMEZMI

Uso de fertilizantesPPC

Uso de herbicidasPPC

Uso de pesticidasPPC

Almacenamento estercoPPC

Vertido restos animaisPPC

Gandería intensivaPPC

Gandería extensivaPPC

Almacenamento materias fermentables

alimentación animaisPPC

Bebedoiros e refuxio animaisPPC

SilosPPC

Vertidos augas residuais urbanas

sobre o terreoPPC

Ídem. en pozos negros, balsas

ou fosas sépticasPPP

Ídem. en leitos públicosPPP

Vertidos de residuos sólidos urbanosPPP

CemiteriosPPC

Asentamentos industriaisPPC

Vertidos de residuos líquidos industriaisPPP

Vertidos de residuos sólidos industriaisPPP

Almacenamento hidrocarburosPPC

Depósitos productos radiactivosPPP

Inxección residuos industriais

en pozos e sondaxesPPP

Conduccións líquidos industriaisPPP

Conduccións hidrocarburosPPP

Explotación canteiras e minasPPC

Recheo de canteiras, minas

ou excavacións calqueraPP

CampingsPPC

Execución novas perforacións e pozosPPC

Acceso peonilP

Traballos subterráneos alleos

á propia saída á superficiePCC

8359