Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 19 de novembro de 1996 Páx. 10.381

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 401/1996, do 31 de outubro, polo que se crea a Comisión Coordinadora de Axudas a Establecementos Balnearios e Explotacións de Augas Minerais, Termais e de Manancial, e se regula a súa composición e funcións.

O valor dos mananciais existentes no territorio da Comunidade Autónoma galega, ricos en augas termais e medicinais, foi recoñecido desde épocas históricas.

A riqueza natural que presentan os mananciais de augas, asociados en moitos casos con espacios naturais e edificios de singular beleza, constitúe unha inmellorable oportunidade para fomentar unha rede turístico-terapéutica, de ocio e relax, que sexa un motivo máis de atracción turística en Galicia e sente unhas sólidas bases de partida para impulsar e diversifica-la economía das súas zonas de asentamento.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no artigo 27.14º, como competencia exclusiva desta Comunidade Autónoma, a referida ás augas minerais e termais, e o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo iso, considerando que estamos ante unha actividade con futuro e con especiais vantaxes naturais e de investimentos xa realizados, cómpre que a Administración autonómica poña en marcha un conxunto coordinado de medidas intensivas de apoio financeiro, de concertación de uso e de publicidade que contribúan ó definitivo despegue, a través da iniciativa privada, dos establecementos balnearios de Galicia.

A comisión a que se refire este decreto créase co fin de coordina-las axudas e subvencións que as distintas consellerías e organismos dependentes delas establezan para apoia-la creación ou a mellora dos establecementos dedicados á explotación das augas reguladas na Lei 5/1995.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a comisión coordinadora de axudas a establecementos balnearios e a explotacións de augas minerais, termais e de manancial.

Esta comisión terá as seguintes funcións:

a) Informar preceptivamente sobre os proxectos de disposicións que regulen especificamente axudas a establecementos balnearios e a explotacións de augas minerais, termais e de manancial que convoquen as consellerías da Xunta de Galicia e os organismos autónomos e entes públicos dependentes delas.

b) Informar preceptivamente sobre a concesión das axudas a que se refire o apartado a).

Artigo 2º

1. A comisión regulada neste decreto estará adscrita ó Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e terá a seguinte composición:

Presidente: o director do Igape.

Vocais: os titulares de cada un dos centros directivos que teñan atribuídas competencias en materia de turismo, saúde pública, industria e dominio público hidráulico, así como o responsable do portelo único regulado no Decreto 400/1996, do 31 de outubro.

Secretario: un representante do Igape, que actuará con voz pero sen voto.

2. O presidente acordará a convocatoria das sesións da comisión e a fixación da orde do día. Calquera dos demais membros da comisión poderá pedirlle ó presidente a convocatoria desta cando o volume dos asuntos pendentes ou a urxencia da súa tramitación así o aconsellen.

Artigo 3º

As disposicións nas que se convoquen axudas ou subvencións para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial, deberán incluír no seu articulado a esixencia do informe preceptivo previsto no apartado b) do artigo 1.

Artigo 4º

As consellerías e os organismos autónomos e entes públicos dependentes delas remitirán os asuntos obxecto de informe a que se refire o artigo 1, xunto cos informes técnicos pertinentes, ós membros da comisión, coa finalidade de que estes poidan estudialos antes da reunión da citada comisión.

A remisión deberá efectuarse con 10 días de antelación á data da reunión da comisión.

Artigo 5º

As sociedades mercantís cun capital social no que a Comunidade Autónoma de Galicia teña participación maioritaria, antes da adopción de acordos sobre proxectos referentes ó tipo de establecementos e explotacións sinalados no artigo anterior, solicitarán informe á Comisión Coordinadora, coa finalidade de teren en conta as directrices xerais e axudas solicitadas. O informe mencionado non condicionará as decisións e a autonomía do Consello de Administración das citadas empresas públicas.

Disposición adicional

O titular do centro directivo que teña atribuídas as competencias sobre o patrimonio da Comunidade Autónoma cursará as instruccións oportunas para que os representantes da Xunta de Galicia nos consellos de administración de sociedades mercantís con participación da Comunidade Autónoma promovan acordos dos consellos de administración respectivos tendentes a solicita-lo informe a que se refire o artigo 5º.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Economía e Facenda poderá dicta-las disposicións necesarias para a aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

96-8317