Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 20 de novembro de 1996 Páx. 10.429

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

A disposición adicional sexta da Lei de contratos das administracións públicas establece o concepto básico de que tódalas sociedades mercantís no capital das cales sexa maioritaria a participación directa ou indirecta das administracións públicas ou dos seus organismos autónomos, ou entidades de dereito público, axustaranse na súa actividade contractual ós principios de publicidade e concorrencia. E a aplicación destes principios débese estender a todo o seu ámbito de actuación, calquera que sexa a forma organizativa que a propia Administración asumise.

Isto impón, en puridade, adapta-la esixibilidade dos ditos principios ás características propias dos entes e empresas nos que a participación da Xunta de Galicia sexa maioritaria.

E isto constitúe, en parte, o obxecto da presente lei.

Pero, ademais, e para alcanza-la maior transparencia no actuar de todas aquelas persoas xurídicas nas que a achega da Xunta sexa maioritaria, considerouse oportuno amplia-lo seu obxecto nun dobre sentido.

Por unha parte, inclúense as fundacións que estivesen constituídas maioritariamente ou na súa totalidade por achegas da Administración da Comunidade Autónoma.

Por outra, establécese tamén para estas entes e empresas a esixibilidade de que na selección do seu persoal se respecten os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria.

Por último, e con esa mesma pretensión da maior e mellor transparencia, considérase adecuado somete-las fundacións ás que se refire a lei á fiscalización do Consello de Contas, sen que iso implique a súa inclusión na Conta xeral da Comunidade Autónoma, debendo o dito órgano darlle conta do seu informe e conclusións ó Parlamento de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

Capítulo I

Ámbito de aplicación e principios xerais de

actuación

Artigo 1º.-Principios.

Nos termos regulados nos artigos seguintes, deberán axusta-la súa actuación en materia de persoal e contratación ós principios básicos que regulan a

función pública e contratación das administracións públicas:

a) As entidades de dereito público vinculadas á Administración da Comunidade Autónoma ou dependentes dela.

b) As fundacións constituídas maioritariamente ou na súa totalidade por achegas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, polos seus organismos autónomos ou entidades de dereito público vinculadas ou dependentes ou das que os seus ingresos proveñan maioritariamente de subvencións con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma, sempre que neste último caso a Comunidade Autónoma forme parte dos seus órganos de goberno ou de dirección.

c) As sociedades mercantís no capital das cales exista participación maioritaria, directa ou indirecta, da Administración da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das demais entidades de dereito público.

Capítulo II

Persoal

Artigo 2º

A selección de persoal das entidades, fundacións e sociedades mencionadas no artigo 1 será efectuada con respecto ós principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria.

Artigo 3º

O cadro de persoal dos entes enumerados no artigo anterior deberá ser aprobado polo órgano superior de dirección.

A contratación de persoal será decidida polo órgano correspondente sinalado nos seus propios estatutos.

Artigo 4º

Para estas efectos, para a selección do seu persoal de cadro, será necesario un anuncio público de convocatoria, que se efectuará no Diario Oficial de Galicia e, polo menos, nun diario de difusión xeral cunha antelación respecto das probas de, como mínimo, un mes, e a selección será efectuada por unha comisión designada para o efecto.

Artigo 5º.-Persoal de alta dirección.

1. A contratación de persoal de alta dirección someterase ós principios de mérito e capacidade, entre persoas que demostrasen a súa cualificación profesional.

2. A fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda. Do mesmo xeito, fixaranse as indemnizacións que puidesen corresponderlles, que, en todo caso, deberán ir acompañadas dunha proposta-razoada.

Artigo 6º.-Indemnizacións.

As indemnizacións máximas que por asistencia puidesen corresponderlles ós integrantes dos órganos superiores de dirección fixaranse por acorde do Consello da Xunta.

Artigo 7º.-Persoal temporal.

1. O asinamento de contratos laborais de duración determinada debe ser autorizado polo órgano superior de dirección, e en ningún caso podará dar lugar a contratos indefinidos. A convocatoria poderá efectuarse mediante anuncio público, e a comisión de selección formulará proposta razoada, entre as persoas que se presenten en virtude do dito anuncio ou entre as incluídas nas listas do INEM ou doutros servicios de colocación legalmente autorizados.

2. Malia o disposto no apartado anterior, as entidades ás que se refire o artigo 1 poderán acollerse a un sistema de listas previo por categorías. As ditas listas confeccionaranse, tralo pertinente anuncio público, de conformidade co baremo aprobado pola entidade respectiva.

Artigo 8º.-Incompatibilidades.

O persoal das entidades, fundacións e sociedades ás que se refire o artigo 1 da presente lei estará suxeito ó réxime de incompatibilidades que se derive da súa condición de acordo co réxime xeral que lle sexa aplicable.

Capítulo III

Contratación

Artigo 9º.-Principios.

As fundacións e sociedades ás que se refire o artigo l.b) e c) desta lei, así como as entidades de dereito público ás que non lles fose aplicable directamente a lexislación de contratos das administracións públicas, axustarán a súa actuación en materia de contratación ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que rexen na contratación das administracións públicas, agás que a natureza da operación que se vaia realizar sexa incompatible con estes principios.

Artigo 10º.-Publicidade e concorrencia.

Os principios de publicidade e concorrencia establecidos no artigo anterior materializaranse na obriga de publicar anuncios nos medios de comunicación, así como na concesión dun prazo mínimo de dez días para a presentación de solicitudes.

Non será necesario cumprir estas trámites nos mesmos casos exceptuados pola lexislación de contratos das administracións públicas.

Capítulo IV

Fiscalización

Artigo 11º.-Auditoría.

As fundacións reguladas no artigo l.b) estarán suxeitas ó control financeiro da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que o exercerá mediante a realización de auditorías en cada exercicio orzamentario.

Artigo 12º.-Competencia do Consello de Contas.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo anterior, as fundacións reguladas no artigo l.b) deberán remitirlle as súas contas ó Consello de Contas de Galicia, para a súa fiscalización por este órgano.

A dita remisión realizarase independentemente da Conta xeral da Comunidade Autónoma.

2. Realizado o labor fiscalizador regulado no apartado anterior, o Consello de Contas de Galicia remitiralle un informe coas súas conclusións ó Parlamento de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.

A entidade de dereito público Compañía de Radio-Televisión de Galicia rexerase pola súa lexislación específica.

Segunda.

A fiscalización das fundacións á que se refire ó capítulo IV levarase a cabo en relación coas contas do exercicio orzamentario seguinte á entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria

As entidades, fundacións e sociedades mercantís ás que se refire o artigo 1 desta lei deberán adapta-los seus estatutos, en canto for preciso, ó disposto nesta lei, no prazo de doce meses a partir da súa entrada en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase a Xunta de Galicia para dicta-las normas regulamentarias precisas para o desenvolvemento desta lei.

Segunda.

A presente lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente