Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 16 de decembro de 1996 Páx. 11.470

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 13 de decembro de 1996 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio de 1997.

Mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administación do Estado en materia de formación profesional ocupacional.

Na antedita transferencia a Administración do Estado reserva para si, entre outras funcións, a da aprobación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP). En exercicio de tal competencia díctase o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, no que se marcan as pautas e as directrices que deben seguir tanto o Instituto Nacional de Empleo (INEM) coma as comunidades autónomas con competencias na materia, e establécese a necesidade de realizar unha convocatoria pública para aquelas entidades que desexen participar na correspondente programación anual, indicando os termos, prazos e condicións nas que as solicitudes deben presentarse e as accións executarse.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, atribúelle a ésta, a través da Dirección Xeral de Formación e Emprego, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional e o Decreto 52/1994, do 4 de marzo, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da antedita consellería en materia de formación, promoción de emprego e fomento da economía social recolle, no seu artigo 5, as axudas á formación ocupacional e orientación profesional e preconiza a necesidade de que a concesión delas se efectúe de conformidade cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, en aplicación do disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ós que se axusta a presente disposición.

Esta orde pretende concreta-los principios xerais contidos no antedito decreto no relativo ás axudas dirixidas ós cursos de formación ocupacional para os traballadores desempregados.

Nesta convocatoria e como consecuencia da posta en funcionamento do Servicio Galego de Colocación o 1 de xaneiro de 1997, incorpórase a obriga das

entidades impartidoras de introduci-lo currículum dos alumnos que rematen os cursos na base de datos do antedito servicio.

De conformidade co establecido no Artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación. Así, o financiamento destas axudas realizarase con cargo ós créditos dos programas 14.04.222A.480 e 14.04.222A.474 que figuran no proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1997.

Consecuentemente con todo o anterior, e facendo uso da autorización expresa contida na disposición derradeira primeira do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, consultado o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego da Xuventude, en exercicio das facultades que me confire o Art. 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. A presente orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas do Plan FIP correspondentes ó exercicio de 1997, xestionadas pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude a través da Dirección Xeral de Formación e Emprego e das súas delegacións provinciais.

Artigo 2º.-Impartición.

1. A impartición das accións de formación profesional ocupacional realizarase ademais de nos centros de formación profesional de titularidade da Xunta de Galicia, naqueles de que dispoñan as entidades que a continuación se indican e que, consecuentemente, poderán participar na convocatoria pública:

a) As que, de conformidade co disposto no decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para inscrición no Censo de Centros

Colaboradores de Formación Ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, dispoñan de centros que estean inscritos nel o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes establecido na presente orde, para impartir aquelas especialidades formativas que teñan homologadas ou solicitada a súa homologación, aínda que as ditas solicitudes estarán supeditadas á resolución positiva de homologación.

b) As empresas ou grupos de empresas ou as entidades privadas que, non dispoñendo de centro colaborador con especialidades homologadas, presenten un proxecto formativo específico para elas cun compromiso de contratación de polo menos o 60 por cento dos alumnos que inicien o curso por un período inicial mínimo de seis meses. Neste caso seguirase o procedemento de homologación previsto no artigo 8 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, sen que lles sexa de aplicación o prazo fixado na alínea anterior ou ben poderá autorizarse a impartición, de non ser posible pola propia empresa, por entidades inscritas no Censo de Centros Colaboradores.

c) As organizacións empresariais ou sindicais, os organismos paritarios de formación de ámbito sectorial estatal e as organizacións representativas da economía social que dispoñan de centros con especialidades homologadas de conformidade co establecido na alínea a).

Para a impartición de cursos de formación ocupacional polas entidades sinaladas nas alíneas a), b) e c) poderá establecerse a sinatura de convenios de colaboración entre a Consellería de Familia, Muller e Xuventude e aquelas entidades.

2. As entidades beneficiarias de axudas para a impartición de cursos de formación ocupacional e as correspondentes subvencións non poderán subcontratar ou ceder a un terceiro a súa xestión e/ou impartición.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente orde serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. As anteditas subvencións terán unha contía máxima que se concretará no producto do número de horas do curso polo número de alumnos que asistisen unha vez transcorrido o primeiro cuarto del e polo importe do módulo que lle corresponda ó propio curso. Os módulos, que se fixarán por resolución do director xeral de Formación e Emprego, asignaranse a cada curso segundo a súa clasificación en función do seu nivel formativo e do grao de dificultade da técnica utilizada, de conformidade co disposto no artigo 13.2º.

3. Sobre as partes A e B do módulo efectivamente gastadas e xustificadas poderá calcularse un 10 por 100 correspondente ós gastos de difícil xustificación. Este importe deberá imputarse, en todo caso,

á parte A do módulo, non podendo superar, en ningún caso, as cincocentas mil pesetas.

A cantidade global resultante, despois de efectuada a antedita aplicación, non poderá ser superior ó importe da subvención máxima deducido segundo as regras do parágrafo segundo do presente artigo.

4. A percepción desta subvención, que financia o 100 por 100 dos custos xerados pola impartición da acción formativa, será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.

Artigo 4º.-Custos subvencionables.

1. O módulo correspondente a cada curso constará de tres partes: A, referida ós custos de persoal, B, referida ó resto dos custos aboables do curso e C, referida ás bolsas e axudas ós alumnos. A cada unha destas partes fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual á do módulo completo.

2. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte A do módulo, os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de profesorado, que incluirá a elaboración de medios e materiais didácticos, comprendendo os soldos ou honorarios do persoal docente incluíndo os gastos de seguridade social. Cando a totalidade do curso sexa impartida por un único docente, acudirase preferentemente a unha contratación laboral permitíndose a utilización de contratos civís ou mercantís para os profesores que colaboren esporadicamente nun módulo específico para o que estea acreditada a súa especialización.

b) Gastos de persoal directivo e administrativo e do dedicado ó seguimento e control do curso e, en xeral, das actividades de coordinación sen que poida superarse, en ningún caso, o 15 por 100 da parte A do módulo. Estas actividades deberán ser realizadas por persoas físicas distintas das encargadas da impartición do curso.

3. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte B do módulo os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos e, de se-lo caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización de actividades relacionadas co curso.

b) Gastos de medios e materiais didácticos como textos e materiais dun só uso polo alumno, e os materiais de traballo funxible utilizados durante as actividades de formación.

c) Gastos de amortización de instalacións, equipos e maquinarias de duración superior a un exercicio anual.

En ningún caso os gastos de amortización dos bens, que terán unha relación directa coa actividade docente da entidade, poderán superar unha imputación do 25 por 100 da parte B do módulo, que

se realizará de conformidade cos criterios que por resolución do director xeral de Formación e Emprego se establezan.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos xerais, que en ningún caso poderán supera-lo 10 por 100 desta parte B do módulo, comprendendo aqueles gastos que, sen estaren incluídos nas alíneas anteriores, deban imputarse ou teñan a súa orixe na actividade do curso: seguros, tanto de instalacións coma de maquinaria; teléfonos e comunicacións; gastos de administración da entidade necesarios para a posta en funcionamento e permanencia dos cursos; e publicidade expresamente demandada e realizada de conformidade coas normas establecidas na presente orde, para a execución dos cursos aprobados e programados dentro do Plan FIP.

f) Gastos de alugueiros de instalacións e de maquinaria, que non poderán supera-lo 35 por cen desta parte B do módulo.

4. A parte C do módulo estará constituída polas bolsas, cando se trate de desempregados minusválidos, e as axudas de transporte ós alumnos, ás que terán dereito de conformidade coas normas que en desenvolvemento da presente orde dicte a Dirección Xeral de Formación e Emprego, sempre que a duración do curso sexa superior a catro horas diarias e vinte semanais.

Artigo 5º.-Obrigas.

Ademais das obrigas establecidas con carácter xeral para tódolos centros colaboradores no artigo 11 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, os beneficiarios das axudas deberán:

1. Cando se trate de entidades con ánimo de lucro acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ó cobramento das subvencións, que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Solicitar, no momento da incorporación dos alumnos, a seguinte documentación que deberá arquivarse separadamente por cada curso:

-Copias compulsadas do seu DNI e da tarxeta de demandante de emprego actualizada.

-Ficha individual de cada alumno.

-Documentación acreditativa de atoparse nos supostos de concesión das bolsas ou axudas de transporte.

3. Remitir, no momento que en cada caso se indica, a seguinte documentación:

a) Como mínimo dez días antes do inicio do curso á delegación provincial correspondente:

-As datas de inicio e remate, a planificación temporal dos módulos do curso e daquelas actividades relacionadas con el que se pretendan realizar.

-O programa completo do curso cando este se aparte do previamente homologado.

-O enderezo completo do lugar de impartición.

-A relación dos docentes que van imparti-lo curso xunto coa documentación acreditativa da súa formación e experiencia, cando esta non conste xa en poder da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

b) Transcorridos quince días lectivos desde o inicio de cada curso:

-Informaticamente, as fichas do sistema informático de formación ocupacional (SIFO).

-Documentalmente, á Dirección Xeral de Formación e Emprego ou á delegación provincial correspondente, segundo quen concedera o curso, a solicitude de anticipo.

-Documentalmente, á delegación provincial correspondente, o resultado da selección dos alumnos no modelo establecido para o efecto, así como a relación dos alumnos que tiveran dereito á bolsa ou axuda de transporte.

c) Mensualmente e por vía informática, arquivando, nos dous últimos casos, separadamente por curso os orixinais asinados:

-As fichas SIFO de incidencias.

-A folla de control de asistencia.

-As nóminas dos alumnos perceptores de bolsas ou axudas de transporte asinadas por estes.

d) Transcorridos, como máximo, quince días desde a finalización do curso:

-Informaticamente, a ficha SIFO de finalización.

e) Enviar como data límite o 31 de xaneiro de 1998, á Dirección Xeral de Formación e Emprego ou á correspondente delegación provincial, segundo quen concedera o curso, a xustificación dos custos inherentes a el, a través da seguinte documentación, que deberá presentarse selada e asinada:

-Solicitude de liquidación final.

-Relación de facturas.

-Certificación dos gastos por módulos.

4. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo do curso temporizado por módulos, así como os deberes e dereitos dos alumnos e dos centros colaboradores.

5. Aboarlles mensualmente ós alumnos as axudas previstas no artigo 4, así como ós profesores a súa remuneración, aínda que non percibiran anticipos da axuda.

6. Realizar un informe acerca da situación laboral dos alumnos formados, ós seis meses da finalización do curso, co fin de coñece-la súa porcentaxe de colocación, no modelo establecido para o efecto.

7. Introduci-lo currículum dos alumnos que rematen o curso, coa súa conformidade, na base de datos do Servicio Galego de Colocación, na forma que se estableza pola Dirección Xeral de Formación e Emprego.

8. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, tanto no relativo ó desenvolvemento das accións formativas coma á súa xestión e tramitación administrativa e documental.

9. Contratar un seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso ou das prácticas non laborais en empresas.

10. Se é o caso, contratar unha póliza de responsabilidade civil para facerlles fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización de actividades relacionadas co curso.

11. Comunicarlles ás delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, no prazo de cinco días, calquera circunstancia ou eventualidade imprevista que poida afectar substancialmente á execución dos cursos programados.

12. Solicitarlles ás delegacións provinciais, con cinco días de antelación, autorización de calquera modificación no desenvolvemento dos cursos.

Artigo 6º.-Incumprimento de obrigas.

O incumprimento de calquera das obrigas previstas na presente orde ou na súa normativa de desenvolvemento poderá dar lugar ó reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinaladas no artigo 15 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 7º.-Pagamento.

1. Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo no momento no que a Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou a Dirección Xeral de Formación e Emprego, segundo proceda, reciba comunicación da entidade impartidora notificando o inicio de tódolos cursos, así como a documentación sinalada no parágrafo primeiro do artigo 5.

b) O importe restante, unha vez rematadas as accións formativas e recibida a xustificación, do responsable da entidade por conceptos orzamentarios dos gastos realmente efectuados.

Nos supostos de proxectos formativos con compromiso de contratación, non se realizará a liquidación final mentres non se remitan copias dos contratos de traballo rexistrados polo organismo público competente.

Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta sexa correcta, emitirase certificación polo Servicio Administrativo de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Emprego, nos servicios centrais, ou polo Servicio de Formación e Emprego nas respectivas delegacións provinciais, para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

En caso de que a xustificación fora incorrecta, requirirase á entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle que de non facelo se procederá, se é o caso, a reclama-lo reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinaladas no artigo 15 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

2. O aboamento da subvención ás organizacións empresariais e sindicais que teñan o carácter de máis representativas farase efectivo da forma seguinte:

a) O 25% do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, no momento en que a Dirección Xeral de Formación e Emprego reciba comunicación que notifique o inicio das actividades.

b) O 30% do total do orzamento de gastos, unha vez transcorridos tres meses desde o inicio das actividades e outro 25% transcorridos cinco meses desde o seu inicio. En ámbolos dous casos será necesaria a presentación dunha memoria descritiva dos cursos.

c) O 20% restante, unha vez rematadas as accións formativas e recibida a xustificación do responsable da entidade por conceptos orzamentarios dos gastos realmente efectuados.

3. A presentación da documentación requirida para a xustificación final dos gastos dos cursos deberá realizarse como data límite o 31 de xaneiro de 1998.

Artigo 8º.-Seguimento e control dos cursos.

1. Para comproba-lo cumprimento do disposto na presente orde ou na normativa que a desenvolva, a Dirección Xeral de Formación e Emprego, en coordinación coas delegacións provinciais, establecerá un sistema de seguimento e control que terá como

obxectivo a realización de visitas a todos e cada un dos cursos aprobados para o presente exercicio.

2. Cando nun curso se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser emendadas no prazo concedido para o efecto polo delegado/a provincial correspondente e que incidan negativamente na súa cualidade docente, procederase ó peche del por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión, coa obriga de reintegro da axuda concedida nos termos e coas condicións establecidas no artigo 15 do decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Capítulo II

Das accións formativas

Artigo 9º.-Iniciación e remate.

Con carácter xeral as accións formativas de máis de 250 horas iniciaranse como data límite o 30 de xuño e o resto o 30 de setembro, rematándose todas elas dentro do ano 1997 e debendo estar xustificados os custos inherentes a elas o 31 de xaneiro de 1998.

Artigo 10º.-Colectivos beneficiarios.

1. Terán preferencia para participar nas accións formativas os seguintes colectivos:

a) Desempregados perceptores de prestación ou subsidio por desemprego.

b) Desempregados maiores de vintecinco anos, en especial os que leven inscritos máis dun ano como parados, aínda que non se atopen na situación prevista na alínea a).

c) Desempregados menores de vintecinco anos que perderan un emprego anterior de, polo menos, seis meses de duración, aínda que non se atopen na situación prevista na alínea a).

d) Desempregados con especiais dificultades para a súa inserción ou reinserción laboral, en especial mulleres que queiran reintegrarse á vida activa, minusválidos, emigrantes e beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia.

e) Os demandantes de primeiro emprego respecto das accións solicitadas polas empresas que se comprometan a contratar, polo menos, ó 60 por 100 dos alumnos que inicien o curso.

2. Cando non sexa posible completa-lo número de alumnos dun curso con integrantes do colectivo ó que en principio vai dirixido, poderá acudirse a integrantes doutros colectivos, incluídos ou non no parágrafo anterior, sempre que se trate de desempregados inscritos nas oficinas do INEM con anterioridade á súa incorporación ó curso.

Artigo 11º.-Selección de alumnos.

1. O número máximo de alumnos participantes en cada curso será de 15, non podendo iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12. No suposto de que o curso se inicie con 12 ou máis alumnos e menos de 15, deberá completarse o dito número dentro do seu primeiro cuarto; en caso contrario, deduciranse do cómputo da subvención os alumnos que falten para completalo, de conformidade co disposto no artigo 3. 2º.

Excepcionalmente, e só cando se trate dos proxectos formativos con compromiso de contratación previstos no artigo 2.1º b), o número de alumnos participantes nos cursos poderá variar entre un mínimo de 10 e un máximo de 20, sen que en ningún caso poidan terse en conta máis de 15 alumnos para o cómputo da subvención.

2. Co fin de proceder á selección dos alumnos, solicitarase, a través da Delegación Provincial correspondente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, á Dirección Provincial do INEM unha lista de traballadores en paro que se adecúen ó perfil axeitado para cada tipo de curso. Nesta solicitude deberá facerse constar, ademais do perfil dos candidatos, o número ó que se dirixe a acción, o ámbito territorial e o período previsto de duración.

3. A entidade que vai imparti-lo curso convocará, mediante carta certificada ou telegrama con xustificante de recepción, os candidatos preseleccionados polo INEM ou os que se presenten como consecuencia da convocatoria pública prevista no parágrafo seguinte, e procederá á seleción dos alumnos mediante as probas que estime pertinentes e de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude e que deberán poñerse en coñecemento dos candidatos antes da súa realización, levantando a correspondente acta no modelo normalizado que se estableza pola Dirección Xeral de Formación e Emprego que deberá remitirse á respectiva delegación provincial, transcorridos 15 días lectivos desde o inicio do curso.

As delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude remitirán, mensualmente, á correspondente dirección provincial do INEM os resultados de selección alumnos recibidos en igual período de tempo.

4. No caso de quedaren prazas vacantes, ben sexa como consecuencia da non remisión das listas de desempregados por parte do INEM no prazo de 15 días, ben porque remitidos estes foran insuficientes ou non se adaptasen ó perfil solicitado, a entidade realizará unha convocatoria pública mediante anuncio, que se publicará de conformidade coas instruccións que se establezan pola Dirección Xeral de Formación e Emprego, en modelo normalizado, no que necesariamente deberá facerse consta-lo financiamento da acción por parte da Dirección

Xeral de Formación e Emprego da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e do Fondo Social Europeo, polo menos a través dun dos xornais de maior tirada da provincia, e efectuará a selección entre os que acudan á mesma na forma prevista no parágrafo anterior, tendo en conta que os alumnos seleccionados deben ser, en todo caso, desempregados inscritos nalgunha das oficinas de emprego do antedito instituto con anterioridade á súa incorporación ó curso.

O custo dos anuncios que non se adapten ós anteditos requisitos e a calquera outros que se puideran establecer pola Dirección Xeral de Formación e Emprego non será aboado con cargo ás axudas previstas na presente orde.

5. De conformidade cos obxectivos establecidos no Plan de Emprego Xuvenil, procurarase que, como mínimo, o 60 por 100 dos alumnos das accións formativas de cada entidade, teñan menos de 30 anos.

6. De non se incorporaren os alumnos seleccionados ou de producirse baixas dentro do primeiro cuarto do curso, poderán substituírse, a ser posible, por alumnos preseleccionados ou procedentes da convocatoria pública, sempre que teñan o nivel de acceso correspondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do alumno.

7. Nos cursos nos que a pesar de que se intentara completa-lo número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50 por 100 do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos alumnos, poderán ser pechados polo órgano en cada caso competente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, sempre e cando non transcorrera máis da metade do seu período lectivo. En caso de peche a entidade terá dereito a unha indemnización que será proposta pola Comisión de Valoración prevista no artigo 15 e será aprobada pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou polo respectivo delegado/a provincial, calculada en función das circunstancias concorrentes en cada caso.

Artigo 12º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

1. Os alumnos participantes nas accións formativas gozarán da gratuidade da formación.

2. Os que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente nin causar baixa nun para acceder a outro incluído dentro da programación de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

meiros días lectivos, sendo causa de exclusión deles o incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes.

4. Os que rematen os cursos con aproveitamento recibirán un diploma oficial, no modelo que se estableza pola Dirección Xeral de Formación e Emprego, acreditativo da súa realización, no que constarán os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e DNI do alumno.

b) Denominación do curso.

c) Lugar e datas de realización.

d) Número de horas e programa impartido.

e) Entidade impartidora.

Poderá concedérselle-lo diploma a aqueles alumnos que causen baixa no curso por colocación, cando o docente estime que ten os coñecementos equivalentes ó nivel do curso e asistise ó 75 por 100 das horas del.

Artigo 13º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e desenvolveranse, preferentemente, en horario de mañá.

2. Con carácter xeral, tódalas especialidades formativas que se impartan dentro da programación do Plan FIP deberán estar incluídas no ficheiro de especialidades homologadas polo INEM e comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado de acordo co seu nivel formativo e o grao de dificultade establecido.

3. A Dirección Xeral de Formación e Emprego, excepcionalmente, poderá autoriza-la impartición de especialidades formativas que non estean recollidas no ficheiro sinalado no parágrafo anterior, como proxectos experimentais ou innovadores, sempre que as entidades que os promovan acompañen a solicitude da seguinte documentación:

a) Informe motivado das necesidades de formación nesa especialidade en relación co mercado de traballo.

b) Descrición do programa formativo segundo a estructura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional.

c) Valoración estimada do custo da formación de acordo co sistema de cálculo establecido pola Dirección Xeral de Formación e Emprego.

4. O programa que se impartirá en cada curso será o previamente homologado. Cando este non conste poder da Consellería de Familia, Muller e Xuventude deberá ser reclamado de conformidade co disposto no artigo 16.2º da presente orde.

Artigo 14º.-Prácticas non laborais en empresas.

1. Cando a entidade impartidora dos cursos estime pertinente que os alumnos realicen prácticas non laborais en empresas ou institucións públicas e así estea previsto no correspondente convenio de colaboración, deberá presentar, cunha antelación mínima de quince días hábiles á súa realización, perante a Dirección Xeral de Formación e Emprego, información sobre os seguintes aspectos:

a) Contido das prácticas que deben realiza-los alumnos.

b) Datas previstas e lugar de realización delas.

c) Documentación que acredite a aceptación da empresa ou institución da súa realización sen percibir compensación económica ningunha.

d) Número de alumnos que realizarán as prácticas e número de horas por alumno.

e) Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

f) Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de realización das prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período da súa realización.

g) Documento que acredite a contratación dunha póliza de responsabilidade civil para facerlles fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización das prácticas non laborais.

2. Antes do comezo das prácticas unha relación mensual dos alumnos que as realizarán porase en coñecemento dos representantes legais dos traballadores na empresa e da Inspección de Traballo.

3. As prácticas poderán iniciarse, ben simultaneamente á realización do curso ou unha vez finalizado, sempre que non transcorreran máis de 30 días desde a súa finalización, sen que en ningún caso superen a duración en horas do curso de referencia.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 15º.-Solicitudes.

1. As entidades que estando incluídas no artigo 2º, desexen colaborar na impartición das accións formativas correspondentes ó Plan FIP, deberán formaliza-la correspondente solicitude por triplicado no modelo normalizado que se publica como anexo I á presente orde e se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Emprego ou en calquera das oficinas administrativas de Información ó Cidadán, subs

crita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado, e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado, segundo o anexo II.

c) En caso de ter impartido cursos incluídos na programación da consellería correspondentes ó exercicio de 1995, deberán informar sobre o grao de inserción laboral acadado polos alumnos formados, nos modelos establecidos para o efecto e sempre que non os remitisen con anterioridade.

d) Se é o caso, compromiso de contratación asumido pola/as empresa/as que vaian contratar ós alumnos.

e) Cando as accións solicitadas non estean incluídas no ficheiro de especialidades as entidades deberán achega-lo programa completo do curso temporizado por módulos que inclúa unha relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais a utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición das aulas e talleres indicando metros cadrados, condicións de luminosidade, de seguridade, etc., xuntando planos.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de trinta días naturais, agás no suposto de proxectos formativos con compromiso de contratación que poderán presentarse ata o 15 de setembro.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada contivera erros ou sexa insuficiente, procederase da forma prevista no Artigo 10.2 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 17º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no artigo 9 e seguintes do antedito decreto coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados nos parágrafos 1º e 2º do artigo 10 do antedito decreto, os expedientes remitiránselle á Comisión de Valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos previstos no presente artigo a Comisión de Valoración estará composta:

a) Nas delegacións provinciais, polo xefe de Servicio de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o xefe de sección competente en materia de programación da formación ocupacional, que actuará como secretario, e un funcionario designado polo delegado da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de entre o persoal adscrito a ela.

b) Nos servicios centrais, polo director xeral de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o subdirector xeral de Formación Ocupacional e os xefes dos servicios Administrativo e Técnico de Formación Ocupacional, actuando este último como secretario.

4. A Comisión de Valoración á hora de barema-las solicitudes terá en conta, como prioritarios, os seguintes criterios:

a) A existencia de proxectos formativos previstos no artigo 2.1º b).

b) A existencia dun compromiso de contratar algún dos alumnos que realicen o curso por parte das entidades previstas no Artigo 2. 1º a).

c) A impartición de accións formativas en exercicios anteriores cun grao de cumprimento, de calidade da formación impartida e de colocación de alumnos satisfactorio.

d) A adecuación ás necesidades de formación detectadas no territorio para o que se soliciten os cursos.

e) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais en empresas, axeitadas ós coñecementos impartidos.

f) A inclusión de módulos de orientación e información profesional, que conteñan información sobre as posibilidades de emprego abertas trala formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

g) A realización, acreditada, de actuacións previas tendentes a detecta-las necesidades de formación nas especialidades a impartir entre as empresas do sector co fin de acada-la a promoción ou inserción laboral dos alumnos no mercado de traballo.

h) A inclusión de accións que se leven a cabo en comarcas que teñan actuacións especiais en desenvolvemento do Plan de Comarcalización.

i) A realización de accións dirixidas ós colectivos máis desfavorecidos no emprego.

j) A poboación e o número de desempregados do territorio para o que se solicitan os cursos.

k) A existencia doutros recursos formativos na zona.

Artigo 18º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da Comisión de Valoración, do Consello Galego de Ensinanzas Técnico Profesionais ou dos comités provinciais de Seguimento da Formación Ocupacional, segundo proceda, da cumprimentación do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle á conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou ós respectivos delegados provinciais, segundo se subscriba ou non convenio, e deberán de ser notificadas ós interesados. No primeiro caso, a concesión dos cursos estará supeditada á sinatura do correspondente convenio.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses a contados desde o día seguinte ó de remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderán efectuarse resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro del, cando existisen fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma pola Administración do Estado ou doutros remanentes dos módulos.

Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes nin outras homologacións distintas das tidas en conta para a resolución inicial.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións de formación previstas na presente orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento no que as comisións de valoración teñan que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou o director xeral de Formación e Emprego, segundo proceda.

Terceira.-A formación profesional ocupacional do persoal que presta servicios nas Forzas Armadas como tropa e mariñeira, así como das persoas en situación de privación de liberdade rexerase polo

que anualmente se estableza nos convenios de colaboración que subscriba a Xunta de Galicia cos órganos competentes da Administracion do Estado.

Cuarta.-De acordo co disposto no artigo 3.2º do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, durante a vixencia do prazo sinalado no artigo 14 da presente orde non poderán presentarse solicitudes de homologación e de inscrición no censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude. As solicitudes que se presenten neste período non serán tramitadas mentres non remate o antedito prazo.

Quinta.-En todo o non disposto na presente disposición será de aplicación o R.D. 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan FIP,así como a súa normativa de desenvolvemento.

Disposición transitoria

Ó abeiro do disposto no artigo 11 do Decreto 209/1995, do 6 de xullo, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude no ano 1997 comprobará a adecuación das instalacións e dotacións das entidades coas que, en exercicios anteriores, subscribiran convenios de colaboración e tiveran especialidades homologadas en virtude dos mesmos e da Orde do 25 de xaneiro de 1993 de homologación de especialidades para a súa impartición nos centros colaboradores de formación ocupacional na Comunidade Autónoma de Galicia, xa sen vigor, ás esixencias do Decreto 209/1995, do 6 de xullo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

96-9045