Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 19 de decembro de 1996 Páx. 11.594

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de outubro de 1996 pola que se regula a avaliación psicopedagóxica dos alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais que cursan as ensinanzas de réxime xeral, e se establece o procedemento e os criterios para a realización do dictame de escolarización.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) recoñece no seu artigo 36 o dereito que asiste o alumnado con necesidades educativas especiais, sexan temporais ou permanentes, a alcanza-los obxectivos establecidos con carácter xeral para tódolos alumnos, e dispón que, ó remate de cada curso, se avaliarán os resultados conseguidos por cada un dos alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais, en función dos obxectivos propostos a partir da valoración inicial. A dita lei establece, igualmente, que a identificación e valoración das necesidades educativas especiais se realizará por equipos integrados por profesionais, que establecerán en cada caso plans de actuación en relación coas necesidades educativas específicas dos alumnos e alumnas.

No artigo 37.3º da citada lei determínase que a escolarización en unidades ou centros de educación especial só se levará a cabo cando as necesidades do alumnado non poidan ser atendidas nun centro ordinario. Así, en desenvolvemento do establecido, no preámbulo do Decreto 320/1996, do 26 de xullo (DOG do 6 de agosto), de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais, concreta que só no caso de que os alumnos e alumnas manifesten necesidades educativas especiais asociadas a condicións de discapacidade permanente que non puidesen ser satisfeitas axeitadamente nos centros ordinarios, será aconsellable a súa escolarización en centros específicos.

No capítulo II do dito decreto sobre a escolarización, establécese que os alumnos con necesidades educativas especiais serán escolarizados, como norma xeral, nos centros ordinarios, nas condicións establecidas no Decreto 87/1995, do 10 de marzo, polo que se establece a admisión de alumnos e alumnas nos centros públicos, agás que o informe dos equipos psicopedagóxicos de apoio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aconselle outra modalidade de escolarización máis axeitada para dar resposta ás súas necesidades.

A Orde do 6 de outubro de 1995, pola que se regulan as adaptacións do currículo nas ensinanzas de réxime xeral prevé, co fin de garanti-lo ensino comprensivo propugnado pola LOXSE, as modificacións dun ou máis elementos prescritivos do currí

culo indicados nos decretos 426/1991, 245/1992, 78/1993 e 275/1994 polos que se establecen os currículos de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, e bacharelato, respectivamente, para aqueles alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais motivadas tanto por unha determinada dificultade persoal como polas súas capacidades excepcionais. Por outra parte, no capítulo II, artigo 10, da dita orde disponse que a avaliación do alumno que siga unha adaptación curricular se fará en función dos criterios de avaliación individualizados establecidos nela, de acordo coas ordes do 5 e 6 de maio de 1993, do 25 de abril de 1994 e da Orde do 1 de marzo de 1995, polas que se regula a avaliación na educación infantil, educación primaria, educación secundaria e bacharelato, respectivamente.

A resposta axeitada ás necesidades educativas especiais do alumnado, asociadas á súa historia educativa ou debidas a condicións persoais de sobredotación ou discapacidade psíquica, motora ou sensorial ou a situacións sociais ou culturais desfavorecidas, esixe tomar decisións que tendan a equilibra-las medidas específicas de adaptación e as medidas que fagan posible a súa participación nun contexto escolar o máis normalizado posible.

Neste senso, o proceso de toma de decisións implica, por unha banda, identificar e valorar de xeito coidadoso e preciso as ditas necesidades e, pola outra, concreta-la oferta educativa ordinaria ou específica máis axeitada que lles permita ós pais ou titores legais a adecuada elección entre as diferentes posibilidades existentes no actual sistema educativo.

A presente orde regula os aspectos referentes á escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais, articula o proceso de valoración psicopedagóxica que garanta o seu progreso persoal, académico e social, e determina os procedementos técnicos e administrativos necesarios para afrontar con tódalas garantías posibles a resposta educativa máis axeitada ás necesidades particulares de cada alumno e alumna.

En consecuencia, e en cumprimento do disposto nas disposicións adicional terceira e derradeira do Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é regula-las condicións, o proceso e os criterios da avaliación psicopedagóxica do alumnado con necesidades educativas especiais temporais ou permanentes para,

unha vez identificadas e valoradas, propoñe-lo réxime de escolarización e, en definitiva, a resposta educativa máis axeitada para garanti-lo mellor desenvolvemento posible das potencialidades destes alumnos e alumnas.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde será de aplicación nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos e dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan as ensinanzas de réxime xeral.

Capítulo II

A avaliación psicopedagóxica

Artigo 3º.-Condicións.

1. Para os efectos da presente orde, enténdese por avaliación psicopedagóxica o proceso de recollida, análise e valoración da información relevante dos distintos elementos que interveñen no proceso de ensino-aprendizaxe, coa finalidade de identifica-las necesidades educativas de determinados alumnos que presentan ou poden presentar desaxustes no seu desenvolvemento persoal ou académico, e poder fundamenta-las decisións respecto de aspectos tales como a modalidade de escolarización máis axeitada, a proposta de flexibilización do período de escolarización, a elaboración de adaptacións curriculares, a proposta de diversificacións do currículo, a determinación de recursos e apoios específicos complementarios, a orientación escolar e profesional e cantos outros aspectos que aqueles poidan precisar para progresar no desenvolvemento harmónico das distintas capacidades.

2. En todo caso, a avaliación psicopedagóxica, terá que contribuír á mellora da calidade da institución escolar e, en definitiva, das condicións educativas nas que se dean as situacións individuais, aínda que a avaliación psicopedagóxica se orixine a partir das necesidades particulares de determinados alumnos.

3. A avaliación psicopedagóxica basearase no nivel acadado polo alumno en canto ós obxectivos e contidos de aprendizaxe, e especialmente na valoración das súas potencialidades e da interacción co profesor, cos seus compañeiros e cos materiais no contexto da aula e no centro escolar, así como co seu contorno sociofamiliar.

4. A avaliación psicopedagóxica será de carácter revisable, de xeito que se garanta mediante un seguimento periódico a modificación, se cumprise, das medidas propostas.

Artigo 4º.-Procedemento.

1. A avaliación psicopedagóxica constitúe un proceso de recollida de información acerca das características individuais do alumno e do seu contexto sociofamiliar e escolar que resulte relevante para axusta-la resposta educativa ás súas necesidades.

A avaliación psicopedagóxica deberá recolle-los aspectos seguintes:

a) Características individuais do alumno: avaliaranse aspectos como as condicións persoais de discapacidade ou de sobredotación, antecedentes escolares dignos de ser sinalados, grao de motivación e intereses, nivel de competencia curricular acadado e estilos de aprendizaxe.

b) Características do contexto sociofamiliar: analizaranse aquelas características da familia e do seu contorno social, cultural ou económico de interese para comprender mellor a situación actual do alumno, as expectativas dos pais e as posibilidades de cooperación no desenvolvemento do programa de atención educativa na propia familia.

c) Características do contexto escolar: analizaranse aspectos como a organización do centro, as características da intervención educativa, así como as características e relacións que se establecen no grupo clase e no ámbito xeral do centro.

2. A avaliación psicopedagóxica será competencia dos equipos psicopedagóxicos de apoio e, se é o caso, dos departamentos de orientación dos centros docentes.

3. O responsable da realización da avaliación psicopedagóxica pode ser tanto un membro do equipo psicopedagóxico de apoio adscrito a praza de psicoloxía ou pedagoxía como, se é o caso, o xefe do departamento de orientación correspondente.

4. A avaliación psicopedagóxica transcende os límites do ámbito propio do equipo psicopedagóxico de apoio e do departamento de orientación, polo que, sen prexuízo do sinalado no punto anterior, deberán colaborar nela os profesionais que participan directamente no proceso de ensino e aprendizaxe do alumno.

5. Para efectua-la avaliación psicopedagóxica, os ditos profesionais utilizarán as técnicas e os instrumentos de avaliación propios das áreas ou materias implicadas, tales como a observación, a revisión dos materiais escolares, as probas válidas para avalia-lo nivel de competencia curricular, cuestionarios, entrevistas, etc., que permitan recolle-la información á que se refire o punto 1 do artigo 4º da presente orde.

6. Para efectua-la avaliación psicopedagóxica do alumnado con necesidades educativas especiais, os equipos psicopedagóxicos de apoio e, se é o caso, o departamento de orientación correspondente, poderán solicita-la colaboración, ademais do profesorado que participa directamente no proceso de ensino e aprendizaxe do alumno, doutros profesionais.

7. A avaliación das aprendizaxes do alumnado con necesidades educativas especiais naquelas áreas ou materias que foran obxecto de adaptacións curriculares e a avaliación diagnóstica previa á elaboración destas efectuaranse segundo o disposto na

Orde do 6 de outubro de 1995, pola que se regulan as adaptacións do currículo nas ensinanzas de réxime xeral.

Artigo 5º. Informe psicopedagóxico.

1. As conclusións derivadas da información obtida a que se fai referencia nos artigos precedentes recollerase nun informe psicopedagóxico no que deberá constar da forma máis completa posible a situación evolutiva e educativa actual do alumno, a concreción das súas necesidades educativas especiais, se é o caso, a proposta curricular e o tipo de apoio que pode precisar durante a súa escolarización.

2. O informe psicopedagóxico incluirá, como mínimo, a síntese da información do alumno relativa ós seguintes aspectos:

a) Datos persoais, historia escolar e motivo da avaliación.

b) Desenvolvemento xeral do alumno, que incluirá, se é o caso, as condicións persoais de saúde, de discapacidade ou de sobredotación, o nivel de competencia curricular e o estilo de aprendizaxe.

c) Aspectos máis relevantes do proceso de ensino e aprendizaxe na aula e no centro escolar, tendo en conta as observacións realizadas e a información facilitada polo profesorado e outros profesionais que interveñan na educación e o tratamento individualizado do alumno.

d) Influencia do contorno sociofamiliar no desenvolvemento do alumno.

e) Identificación das necesidades educativas especiais que permitan a adecuación da oferta educativa e a previsión dos apoios persoais e materiais a partir dos recursos existentes ou que poidan ser incorporados.

f) Orientacións para a proposta curricular e para o mellor desenvolvemento persoal e sociofamiliar do alumno.

Artigo 6º. Confidencialidade.

Os profesionais que, en razón do seu cargo, deban coñece-lo contido do informe de avaliación psicopedagóxica e do dictame de escolarización garantirán a súa confidencialidade.

Capítulo III

Rexistro

Artigo 7º.

Os documentos relativos á avaliación psicopedagóxica levarán constancia do seu carácter confidencial co selo correspondente. A súa custodia será competencia do departamento de orientación, se é o caso, ou do equipo psicopedagóxico de apoio, e trasladarase ó expediente do alumno só aquela información relevante para a intervención educativa dos docentes. Esta información levará igualmente o selo de confidencialidade.

Artigo 8º.-Educación infantil.

1. Sen prexuízo do disposto na Orde do 5 de maio de 1993, pola que se regula a avaliación da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, rexistrarase na ficha de avaliación inicial do expediente persoal do alumno ou alumna o informe de avaliación psicopedagóxica ó que se refire o artigo 5º da presente orde, así como aqueloutros informes ou documentación que se consideren de interese para o mellor coñecemento das características do alumno ou alumna, co fin de adapta-la resposta educativa ás súas necesidades.

2. Así mesmo, na ficha-informe de avaliación anual do expediente persoal do alumno recolleranse os aspectos máis significativos do seu desenvolvemento respecto ó expresado no informe da avaliación psicopedagóxica que consta na ficha de avaliación inicial.

3. Igualmente, rexistraranse no informe de avaliación final de ciclo ou etapa os aspectos máis significativos do grao de desenvolvemento do alumno respecto ó informe de avaliación psicopedagóxica inicial.

4. Consignarase tamén na ficha-resumo de cada un dos ciclos de educación infantil, dentro do apartado Observacións sobre a escolaridade, o dictame de escolarización e, se é o caso, a resolución da comisión de escolarización ou da inspección educativa correspondente.

Artigo 9º.-Educación primaria.

1. Sen prexuízo do disposto na Orde do 6 de maio de 1993, pola que se regula a avaliación da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, rexistrarase no expediente académico do alumno, dentro do apartado Datos médicos ou psicopedagóxicos relevantes, a información procedente do informe da avaliación psicopedagóxica ó que se refire o artigo 5º da presente orde, así como aqueloutros informes ou documentación derivados dunha avaliación psicopedagóxica actualizada, de carácter relevante para a intervención educativa dos docentes.

2. Do mesmo xeito, nos informes de avaliación individualizados de final de cada ciclo deberase facer consta-lo grao de desenvolvemento daqueles aspectos da avaliación psicopedagóxica máis relacionados coas medidas de adaptación do currículo que se tomasen para determinado alumno ou alumna.

3. Así mesmo, consignaranse nas actas de avaliación, ó final de cada un dos tres ciclos da educación primaria, os datos máis relevantes dunha avaliación psicopedagóxica actualizada, na que consten as posibles diferencias respecto dos resultados da avaliación psicopedagóxica inicial.

4. Ó remate da educación primaria, o equipo psicopedagóxico correspondente realizará un informe sobre o proceso educativo destes alumnos e alumnas

ó longo desta etapa. O dito informe recollerá a avaliación do apoio adicional recibido tanto a nivel curricular como de equipamento especializado, se o houbese, e xuntarase á documentación que se lle remita ó centro no que o alumno vaia continua-la súa escolarización.

Artigo 10º.-Educación secundaria obrigatoria.

1. A avaliación inicial establecida no punto décimo, apartado 1, da Orde do 25 de abril de 1994, pola que se regula a avaliación da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, ó comezo da educación secundaria obrigatoria terá en conta o informe sobre o proceso educativo dos alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais emitido ó remate da educación primaria.

2. Sen prexuízo do disposto na devandita orde, rexistrarase no expediente académico do alumno, dentro do apartado Datos médicos ou psicopedagóxicos relevantes, a información procedente do informe da avaliación psicopedagóxica ó que se refire o artigo 5º da presente orde, así como aqueloutros informes ou documentación derivados dunha avaliación psicopedagóxica actualizada, de carácter relevante para a intervención educativa dos docentes.

3. Así mesmo, consignaranse nas actas de avaliación final do primeiro ciclo e de cada un dos cursos do segundo ciclo os datos máis relevantes da avaliación psicopedagóxica, onde consten as posibles diferencias respecto dos resultados da avaliación psicopedagóxica inicial.

4. Do mesmo xeito, nos informes de avaliación individualizados ó remate do primeiro ciclo e do terceiro curso establecidos no punto noveno, apartado 1, da Orde do 25 de abril de 1995, sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria, deberase facer consta-lo grao de desenvolvemento daqueles aspectos da avaliación psicopedagóxica máis relacionados coas medidas de adaptación do currículo que se tomasen para un determinado alumno ou alumna.

5. O consello orientador proporcionaralle a información sobre o futuro académico e profesional ó alumnado con necesidades educativas especiais, obtivesen ou non o título de graduado en educación secundaria. Deberá, ademais, co fin de facilitar unha elección axustada e realista, incluír aquelas propostas que considere máis axeitadas para o alumno ou alumna, tendo en conta tanto as súas preferencias como os diferentes itinerarios educativos que lle permitirán desenvolver máis plenamente as súas capacidades.

6. A avaliación psicopedagóxica á que se refire a Orde do 19 de xuño de 1996, pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria, será un requisito imprescindible para poder acceder a un programa de diversificación curricular.

Artigo 11º.-Bacharelato.

1. Sen prexuízo do disposto na Orde do 1 de marzo de 1995, pola que se regulan a avaliación e a cualificación dos alumnos e das alumnas que cursan o bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, rexistrarase no expediente académico do alumno, dentro do apartado Datos médicos ou psicopedagóxicos relevantes, a información procedente do informe da avaliación psicopedagóxica ó que se refire o artigo 5º da presente orde, así como aqueloutros informes ou documentación derivados dunha avaliación psicopedagóxica actualizada.

2. Así mesmo, consignarase nas actas de cualificación final de cada un dos cursos do bacharelato a información máis relevante respecto das posibles diferencias cos resultados da última avaliación psicopedagóxica realizada.

3. Nos informes de avaliación individualizados que se deben elaborar cando un alumno se traslade a outro centro, consignarase o grao de desenvolvemento daqueles aspectos da avaliación psicopedagóxica máis relacionados coas medidas de adaptación do currículo e en xeral coas que se tomasen cun determinado alumno ou alumna.

Capítulo IV

Proceso de escolarización

Artigo 12º.

1. Os alumnos con necesidades educativas especiais serán escolarizados,con carácter xeral, nos centros ordinarios, nas condicións establecidas no Decreto 87/1995, do 10 de marzo, polo que se regula a admisión de alumnos e alumnas nos centros públicos, e na Orde do 5 de abril de 1995 que o desenvolve, así como nas condicións establecidas no capítulo II, referido á escolarización, do Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais.

2. Ademais dos requisitos establecidos con carácter xeral, o procedemento incluirá:

a) Dictame de escolarización elaborado polo equipo psicopedagóxico de apoio ou, se é o caso, do departamento de orientación do centro ó que pertence o alumno ou alumna ou onde a familia ou titores legais ordinarios, ou persoas ou institucións que ostentan a garda dos menores, solicitaron a admisión do alumno ou alumna.

b) Informe da inspección educativa correspondente.

c) Resolución de escolarización da delegación provincial correspondente.

Artigo 13º.

1. O dictame de escolarización incluirá os seguintes aspectos:

a) As conclusións do proceso de avaliación psicopedagóxica referidas ó desenvolvemento xeral do alumno ou alumna, o seu nivel de competencia curricular, así como outras condicións significativas para o proceso de ensinanza-aprendizaxe.

b) Orientacións sobre a proposta curricular axeitada ás necesidades educativas do alumno ou alumna, sobre os aspectos organizativos e metodolóxicos e, se é o caso, sobre o tipo de apoio persoal e material necesario, indicando, ademais dos recursos dispoñibles, os necesarios para levar a cabo unha atención adecuada.

c) Proposta razoada de escolarización en función das necesidades do alumno ou alumna e das características e posibilidades dos centros da zona. Incluirase, ademais, se é o caso, o prazo de revisión da proposta de escolarización.

d) A opinión dos pais en relación coa proposta de escolarización.

2. O dictame de escolarización levarase a cabo nas seguintes circunstancias:

a) Cando os pais ou titores legais dos alumnos e alumnas solicitasen ou desexen solicita-la admisión destes nun centro ordinario e poida preverse que estes alumnos van requirir durante a súa escolarización adaptacións curriculares ou medios materiais complementarios.

b) Cando os pais ou titores legais dos alumnos e alumnas solicitasen ou desexen solicita-la admisión destes nun centro de educación especial.

c) Cando sexa necesario modifica-la modalidade de escolarización dun alumno e alumna con necesidades educativas especiais dun centro de educación especial a un ordinario ou viceversa e, se é o caso, cando se considere como resposta educativa máis axeitada a modalidade combinada a tempo parcial nos dous tipos de centros.

3. A proposta de escolarización poderá referirse a calquera das etapas educativas, así:

a) Na etapa preobrigatoria que ten por obxecto a atención educativa temperá, permitindo que a escola comparta coa familia o importante papel de proporcionarlle ó neno e á nena experiencias básicas que contribuirán ó seu desenvolvemento e ás súas primeiras aprendizaxes.

b) Na etapa obrigatoria que ten por obxecto garanti-la resposta máis axeitada ás necesidades do alumnado para que poida desenvolve-las capacidades establecidas nos obxectivos da etapa no maior grao posible.

c) Na etapa posobrigatoria que ten por obxecto proporciona-la atención educativa máis acorde coas características persoais do alumnado, coa finali

dade de facilita-la transición á vida activa adulta e laboral mediante a continuidade dos seus estudios acordes coa oferta educativa existente para tal fin.

4. Para a elaboración do dictame de escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación, de discapacidade psíquica, sensorial ou motora ou a situacións sociais ou culturais desfavorecidas, os equipos psicopedagóxicos de apoio e, se é o caso, o departamento de orientación correspondente, poderán solicita-la colaboración doutros profesionais.

Artigo 14º.

O informe da inspección educativa ó que se refire o apartado 2.b do artigo 11º, versará fundamentalmente sobre a idoneidade da proposta de escolarización considerando a oferta escolar da zona e do centro, e valorará se recolle os dereitos dos alumnos e alumnas e os das súas familias.

Artigo 15º.

A comisión de escolarización ou a delegación provincial, se é o caso, á vista do dictame e do correspondente informe da Inspección Educativa, resolverá sobre a escolarización do alumno ou alumna.

Artigo 16º.

1. O proceso de escolarización inicial do alumnado con necesidades educativas especiais incluirá os seguintes pasos:

a) Unha vez presentada polos pais ou titores legais a solicitude de admisión dun alumno ou alumna nun centro determinado, ou no caso de que o alumno ou alumna estea xa escolarizado e se considere que precisa dunha avaliación psicopedagóxica, a dirección do centro, despois de informarlles do proceso que se seguirá ós familiares, poñerá en coñecemento do equipo psicopedagóxico de apoio correspondente e, se é o caso, do departamento de orientación, a necesidade de realiza-la dita avaliación.

b) O equipo psicopedagóxico de apoio e, se é o caso, o departamento de orientación, unha vez realizada a avaliación psicopedagóxica pertinente coa colaboración das familias e, se é o caso, do profesorado, procederá a cubri-lo dictame de escolarización.

c) O equipo psicopedagóxico de apoio e, se é o caso, o departamento de orientación informaralle á familia sobre os resultados da avaliación psicopedagóxica, os servicios educativos da zona e a proposta de escolarización, e incluirá na documentación a opinión asinada polos pais/nais ou titores legais sobre a dita proposta.

d) O equipo psicopedagóxico de apoio ou, se é o caso, o departamento de orientación, dará traslado do dictame á Inspección Educativa.

e) A Inspección Educativa elevará o dito dictame, xunto co seu informe, ó delegado provincial ou ó

presidente da comisión de escolarización, segundo corresponda.

f) O delegado provincial ou, se é o caso, o presidente da comisión de escolarización notificaralle a decisión tomada ó director do centro, quen informará á familia e ó equipo psicopedagóxico de apoio ou ó departamento de orientación, segundo corresponda.

2. A resolución de escolarización producirase nos prazos que garantan a adecuada escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais dentro dos períodos habituais de admisión de alumnos.

3. De conformidade co establecido no artigo 19 da Orde do 5 de abril de 1995 (DOG do 10 de maio), pola que se regula o procedemento para admisión de alumnos en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos, os pais ou titores legais, así como as persoas ou institucións que ostenten a garda e protección de menores, poderán presentar reclamación, no prazo de tres días contados a partir da data da súa publicación, ante o órgano que as dictou, que deberá resolver no prazo de cinco días. Contra desta resolución poderá interpoñerse recurso no prazo de cinco días contados a partir da súa comunicación, perante a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá no prazo de cinco días. Todo isto sen prexuízo do establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.

Segundo o establecido no punto 2, sección 1ª, sobre medidas de escolarización do Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais, a escolarización deste alumnado estará suxeita a un proceso de seguimento continuado e revisarase ó remate de cada etapa. Non obstante, o director do centro, logo do acordo da familia, poderá solicita-la revisión de escolarización cando determinadas circunstancias así ó aconsellen.

Capítulo V

Criterios para a escolarización

Artigo 18º.

As propostas de escolarización formuladas polos equipos psicopedagóxicos de apoio e, se é o caso, dos departamentos de orientación dos centros, as realizadas pola Inspección Educativa e a resolución da delegación provincial ou da comisión de escolarización, deberán ter en conta os seguintes criterios xerais:

a) Tódolos alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais terán garantido o posto escolar

que mellor responda ás súas necesidades educativas.

b) As decisións relativas tanto á escolarización inicial como á súa revisión terán como obxectivo logra-lo máximo desenvolvemento posible das potencialidades do alumnado con necesidades educativas especiais de acordo cos principios de normalización e integración. En consecuencia, a escolarización destes alumnos e alumnas realizarase nos centros ordinarios, agás no caso no que aqueles manifesten necesidades educativas especiais asociadas a condicións de discapacidade permanente que non puidesen ser satisfeitas axeitadamente nos centros ordinarios. En tal suposto, estes alumnos poderán ser escolarizados en centros específicos.

En determinadas circunstancias, cando as necesidades dos alumnos e alumnas así o aconsellen, poderán establecerse fórmulas de escolarización combinadas entre centros ordinarios e centros de educación especial.

c) A escolarización dos alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais deberá iniciarse tan pronto se detecte a súa necesidade. A colaboración coas familias será fundamental tanto para a identificación das necesidades dos seus fillos como para o apoio nas accións de carácter preventivo ou compensador.

d) As propostas de escolarización deberán fundamentarse non só nas necesidades educativas especiais do alumno ou alumna identificadas a partir da avaliación psicopedagóxica, senón tamén nas características dos centros e na existencia ou previsión dos recursos, tanto persoais como materiais.

e) Os pais e, se é o caso, os titores legais ou ordinarios do alumno e alumna, así como as persoas ou institucións que ostenten a garda e protección dos menores, deberán ter en todo momento información sobre o procedemento de escolarización e sobre as distintas ofertas educativas que mellor garantan o desenvolvemento das potencialidades deses alumnos e alumnas.

f) A escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais estará suxeita a un proceso de seguimento continuado de xeito que as decisións adoptadas teñan carácter revisable.

g) O alumno ou alumna con necesidades educativas especiais será escolarizado nun centro de educación especial cando se considere no informe correspondente que esa modalidade de escolarización é a máis axeitada para posibilita-lo desenvolvemento das potencialidades persoais do devandito alumno ou alumna e cando a súa adaptación e integración social, nun centro ordinario, sexan moi reducidas.

h) Cando a modalidade de escolarización máis axeitada para un alumno con necesidades educativas especiais sexa un centro de educación especial e non exista esta oferta educativa na súa zona, aquel

poderá ser escolarizado, se é o caso, en aulas establecidas para o efecto, segundo o disposto no artigo 13.3º do Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación do alumnado con necesidades educativas especiais.

Disposición transitoria

Primeira.-En tanto se manteñan vixentes as ensinanzas derivadas da Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación, a avaliación dos alumnos con necesidades educativas especiais que cursen esas ensinanzas rexerase, con carácter xeral, polo disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a adopta-las medidas oportunas para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

9151