Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 08 de xaneiro de 1997 Páx. 195

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de novembro de 1996 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas privadas para accións de promoción da lingua galega.

A Xunta de Galicia promove o uso do galego coma lingua propia de Galicia e recoñece, así mesmo, que as empresas privadas, pola súa incidencia e implantación territorial e social, poden constituírse en promotoras da extensión do uso do idioma galego.

Segundo o exposto, a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística de Galicia anima as empresas para que promovan o emprego da lingua galega, introducíndoa no ámbito económico e mercantil.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten o obxectivo de fomenta-lo uso da lingua galega nas actividades mercantís, comerciais e publicitarias, coa finalidade de cumpri-lo disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, polo que cre conveniente arbitra-las medidas e os procedementos económico-administrativos necesarios para

concederlles subvencións a aquelas empresas privadas legalmente constituídas, que realicen actividades de promoción da lingua galega.

Por todo isto, e de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, faise pública a presente convocatoria, e para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás empresas privadas legalmente constituídas que promovan o emprego da lingua galega no ámbito económico e mercantil.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a realización de accións de promoción da lingua galega no ámbito económico e mercantil, con suxeición ás normas contidas na presente orde, con cargo á partida orzamentaria 07.06.353 F.470.0, por unha contía máxima total de 100.000.000 de ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997, e condicionado o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1997, neste momento en trámite parlamentario.

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de catro millóns de pesetas por acción solicitada. Non obstante, por proposta motivada da comisión de avaliación, poderanse conceder subvencións en porcentaxes superiores ás anteriormente indicadas.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionaranse as accións de promoción que estean correctamente realizadas en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro) e se celebren entre o 1 de novembro de 1996 e o 1 de outubro de 1997. Excluiranse o financiamento de materiais ordinarios de traballo das empresas como: papel, selos, sobres, ordenadores, bolsas, máquinas de escribir e os rótulos.

Os textos e calquera información gráfica que figure nas accións de promoción que realice a empresa terán que estar debidamente elaborados en galego pola empresa solicitante.

Artigo 4º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación os seguintes:

1. A promoción da lingua galega en actuacións de carácter permanente.

2. A formación en galego do seu cadro de persoal.

3. A normalización da documentación da empresa.

4. A modificación, por realizarse en lingua galega, do nome comercial, a marca, as marcas colectivas e de garantía, de acordo co establecido na Lei 32/1988, do 10 de novembro de marcas (BOE nº 272, do 12 de novembro).

5. O ámbito que abrange a actividade tanto cuantitativa como cualitativamente considerado.

Artigo 5º.-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1. Solicitude debidamente cuberta utilizando o anexo I da presente orde debidamente cuberta.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade e do poder notarial correspondente, constando a inscrición de ámbolos documentos no rexistro mercantil.

No caso de empresas individuais, presentarase fotocopia compulsada do NIF do titular e unha acreditación de estar ó día no pago do imposto de actividades económicas.

3. Fotocopia do CIF da empresa.

Artigo 6º.-Entrega da documentación.

As solicitudes, no modelo oficial, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, serán tramitadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando un informe-proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 8º.-Órgano informante.

Será competente para a valoración do informe-proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-A xefa da Sección de Xestión e Promoción Lingüística.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz e sen voto.

Artigo 9º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que lle porá fin á vía administrativa.

Contra a resolución poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte da publicación da resolución no DOG, de acordo cos artigos 57 e seguintes da Lei reguladora da xurisdicción contencioso administrativa.

As notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da oficina de información e atención ó cidadán (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela) e no Diario oficial de Galicia. Notificaráselle asi mesmo ós interesados.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As empresas seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

En todo o material para o que se conceda a subvención constará impreso, coa mesma técnica cós créditos da empresa que leve adiante o proxecto de promoción da lingua galega, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 11º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que de seguido se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o 1 de outubro de 1997.

Antes da citada data deberán remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos remitidos:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó dobre da axuda outorgada, xunto cunha relación numerada deles e unha relación pormenorizada das facturas que incluirá o nº de factura, o emisor, suma parcial folla por folla e suma do total da relación. O incumprimento desta obriga por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

2. Certificación de estar ó día das súas obrigas tributarias expedida pola correspondente delegación ou axencia do Ministerio de Economía e Facenda.

3. Certificación de atoparse ó corrente das súas obrigas sociais expedida pola Tesourería da Seguridade Social.

4. Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia expedida pola Consellería de Economía e Facenda.

5. Mostras materiais ou exemplares impresos da actividade subvencionada, no caso de realizalos dentro da actividade, e, en tódolos casos, xustificación documental da realización desta (mediante vídeo, dossier de prensa, disquetes, etc.) e o correcto emprego do galego nos termos do artigo 3º da presente orde.

En relación cos xustificantes citados no número 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de novembro de 1996 e o 1 de outubro de 1997, e non se admitirán xustificantes de adquisición de material inventariable.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

De o resultado da publicación non se axustar ós datos que figuran no impreso de solicitude ou incumprir algunha das normas contidas na presente orde, revogarase a axuda e a empresa interesada, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma empresa no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, e empresa terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias,

as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

8933