Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 1997 Páx. 611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de xaneiro de 1997 pola que se dictan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos a partir do curso académico 1997-1998.

Ó remata-lo curso 1996-1997 quedarán extinguidos os concertos educativos subscritos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ó abeiro da Orde do 18 de xaneiro de 1993 (DOG do 26 de xaneiro), que dictou normas para a aplicación do réxime de concertos educativos.

Nos próximos anos concluirá a implantación do novo sistema educativo establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE). Esta circunstancia, así como o previsto nas normas de desenvolvemento da citada Lei sobre adecuación dos concertos educativos, fai necesario aprobar novas regras procedementais polas que se rexerá a renovación ou subscrición por primeira vez dos concertos educativos a partir do curso 1997-1998, así como as modificacións que nestes se poidan producir nos próximos catro anos.

Por todo iso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Para a subscrición do concerto educativo deberán presentar solicitude á Consellería de

Educación e Ordenación Universitaria antes do 31 de xaneiro:

1. Os centros docentes privados con autorización definitiva que desexen renova-lo concerto.

2. Os centros docentes privados con autorización definitiva que desexen acollerse por primeira vez sempre que manifestasen a súa vontade de acollerse ó réxime de concertos no momento de solicita-la súa autorización definitiva, subscribindo, neste caso, o convenio ó que se refire o artigo 29 do regulamento, así como aqueles centros que levan máis de 5 anos funcionando desde a data da súa autorización definitiva.

3. Os centros, non incluídos nos apartados anteriores, que para o curso 1996-1997 obtiveron autorización provisional para imparti-lo primeiro curso de educación secundaria obrigatoria por resolución da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán renova-lo concerto nas seguintes condicións:

a) No caso de que obteñan autorización definitiva, antes do 1 de marzo do ano no que solicitan, para imparti-la educación secundaria obrigatoria, o concerto renovarase polo tempo que resta ata a renovación xeral dos concertos, sen prexuízo das posibles modificacións do concerto co fin de aplicalo ás novas ensinanzas conforme o calendario de implantación do novo sistema educativo.

b) No caso de que obteñan, antes do 1 de marzo do ano no que solicitan, autorización provisional para imparti-las correspondentes ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, o concerto abarcará unicamente un curso académico.

c) De non obter autorización provisional nin definitiva para impartir educación secundaria obrigatoria non poderá renova-lo concerto.

4. Así mesmo, de acordo co previsto na disposición adicional primeira.2 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, no sucesivo regulamento, os centros con autorización excepcional e transitoria ou con clasificación provisional poderán solicita-la renovación do concerto para as ensinanzas obrigatorias. O concerto subscribirase para un curso, sen prexuízo de que poida ser renovado se o centro obtén autorización definitiva ou se subsisten as necesidades de escolarización que xustificaron a súa subscrición.

5. Os centros de educación xeral básica con clasificación provisional ou autorización excepcional e transitoria para impartir educación primaria, nos que se está a producir un cesamento progresivo de ensinanzas, poderán renova-lo concerto ano a ano para os cursos aínda non extinguidos, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria quinta do Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño.

Segundo.-Poderase presentar solicitude para subscribir por primeira vez ou renovar concerto nas ensinanzas seguintes:

a) Subscribir por primeira vez ou renova-lo concerto para as ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial.

b) Renova-lo concerto educativo de unidades de formación profesional de primeiro grao, ou transformalas en unidades concertadas nas que se impartan ciclos formativos de grao medio ou programas de garantía social, para os que teña autorización.

c) Renova-lo concerto educativo de unidades de formación profesional de segundo grao, ou transformalas en unidades concertadas nas que se impartan ensinanzas de ciclos formativos de grao medio, de ciclos formativos de grao superior ou de ensinanzas do bacharelato, sempre que estivesen autorizados para impartir estas ensinanzas.

Terceiro.-Nos centros que imparten educación secundaria obrigatoria ós que se adscribisen outros centros de educación primaria terase en conta, para o curso 1997-1998, o número total de unidades de primeiro e segundo curso de educación secundaria obrigatoria correspondentes ó total de unidades do conxunto de tódolos centros afectados. Nestes centros, cando sexa necesario incrementa-lo número de unidades concertadas como consecuencia das adscricións mencionadas, estas deberán ser cubertas de mutuo acordo entre os titulares dos centros, sempre que non comporte perda de emprego do cadro de profesorado.

Cuarto.-Nos centros nos que unidades de formación profesional foron transformadas en unidades de segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria renovarán o concerto educativo para as ditas ensinanzas. No caso de que conten con autorización provisional, o concerto abarcará un curso. O módulo económico aplicable será o correspondente ó segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria.

Quinto.-O titular do centro obrígase a ter en funcionamento o número total de unidades escolares correspondentes ós niveis ou graos de ensino obxecto do concerto e a ter unha relación media alumnos/unidade escolar non inferior á que se determine tendo en conta a existente para os centros públicos da bisbarra, municipio, ou, se é o caso, distrito no que estea situado o centro. Así mesmo, independentemente do número de unidades autorizadas, os centros privados concertados en niveis de ensino obrigatorio unicamente poderán poñer en funcionamento o número de unidades concertadas. Todo iso sen prexuízo do previsto no artigo 17 e na disposición adicional segunda do regulamento.

Sexto.-Os centros de ensinanzas non obrigatorias subscribirán os concertos no réxime singular que determina a disposición adicional terceira da LODE. Os devanditos centros, así coma os de ensinanzas obrigatorias que subscriban concertos en réxime singular, poderán recibir dos alumnos a contía de 3.000 ptas. por alumno/mes durante 10 meses, de xaneiro a decembro.

Sétimo.-O conxunto de unidades concertadas dun centro non poderá exceder, en ningún caso, do número de unidades que cada centro tivese concertadas á entrada en vigor da LOXSE, sen prexuízo da ampliación de unidades correspondentes ás ensinanzas obrigatorias, que se aterá ó disposto con carácter xeral no regulamento.

Oitavo.

1. Os concertos que se subscriban ó abeiro desta orde terán unha duración de catro anos, sen prexuízo do regulamentado para os centros con autorización provisional, para os centros en proceso de cesamento progresivo de ensinanzas e para os que deban modifica-lo concerto por aplicación do calendario de implantación do novo sistema educativo.

2. Se se denegase a renovación dun concerto educativo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria podería acordar co titular do centro a renovación do concerto por un só ano.

Noveno.-A contía global dos fondos públicos destinados ó sostemento dos centros concertados é a que se establece na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo.

1. As solicitudes presentaranse, conforme os modelos que se xuntan como anexos, nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do ámbito territorial no que se encontren localizados os respectivos centros.

2. Deberán ser subscritas polo titular do centro docente. No suposto de que a titularidade corres

ponda a unha persoa xurídica, a solicitude deberá ser asinada por quen teña a súa representación.

Décimo primeiro.-Para efectos da prioridade establecida no artigo 48.3º da LODE, ás solicitudes deberá achegárselles unha memoria explicativa na que se farán consta-los seguintes puntos:

a) Nivel educativo para o que se solicita o concerto, con expresión do número de unidades autorizadas e en funcionamento actualmente. Se se trata de centros con unidades de formación profesional, especificaranse as profesións ou especialidades correspondentes a cada unidade. Se se trata dun centro que imparte educación secundaria ó que está adscrito algún centro de educación primaria, farase constar.

b) Alumnos matriculados no momento da solicitude, indicando a súa distribución en cada curso e unidade. No caso de centros de formación profesional, indicarase a distribución dos alumnos nas distintas profesións ou especialidades.

c) Condicións socioeconómicas da poboación escolar atendida polo centro (só para centros que solicitan por primeira vez).

d) Experiencias pedagóxicas que se realicen no centro, e interese delas para a calidade do ensino e para o sistema educativo (só centros que soliciten por primeira vez).

e) Os centros con autorización definitiva que desexen acollerse por primeira vez ó réxime de concertos, deberán presentar ademais a documentación xustificativa de reuniren os requisitos previstos no apartado 2 do punto primeiro desta orde.

f) No caso de cooperativas, presentarase declaración xurada, asinada polo seu presidente, de que os estatutos correspondentes non conteñan cláusulas que impiden o cumprimento das obrigas propias dos centros acollidos ó réxime de concertos educativos. Engadiráselle á citada declaración unha copia dos estatutos, no caso de que estes sufrisen modificacións desde a última sinatura de concerto.

Décimo segundo.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria verificarán que os titulares dos centros achegan a documentación esixida, solicitarán informe da inspección educativa e someterán as solicitudes presentadas ás comisións provinciais de concertos educativos, que terán a composición e actuación que se establece no punto décimo cuarto e seguintes.

Décimo terceiro.-O informe da Inspección educativa constará dos seguintes aspectos referidos ó curso académico no que se presenta a solicitude.

-Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación alumnos/unidade nos centros de titularidade pública da localidade ou, de se-lo caso, na zona de escolarización do centro solicitante de concerto.

-Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación alumnos/unidade no centro solicitante de concerto.

-Experiencias pedagóxicas realizadas no centro, se as houbese (só centros que soliciten por primeira vez).

-Características socioeconómicas da zona, (só para centros que solicitan por primeira vez).

Décimo cuarto.-As comisións provinciais de concertos educativos, que se constituirán antes do 1 de febreiro, terán a seguinte composición:

Presidente: o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Vocais:

-Dous membros da Administración educativa designados polo delegado provincial.

-Dous representantes dos concellos nos que teña maior incidencia o ensino concertado.

-Dous profesores do ensino privado concertado designados polas organizacións sindicais máis representativas no sector.

-Dous pais de alumnos designados polas federacións de pais de alumnos máis representativas no ensino privado.

-Dous representantes de centros docentes privados concertados designados polas organizacións de titulares máis representativas no ámbito provincial.

Secretario: o secretario da Delegación Provincial de Educación.

Décimo quinto.-As comisións provinciais de concertos educativos reuniranse cantas veces sexa necesario, por convocatoria previa do seu presidente, antes do 20 de febreiro, co fin de examinar e avalia-la documentación presentada e de formula-las correspondentes propostas nos termos previstos no artigo 23 do regulamento.

Décimo sexto.-Os delegados provinciais remitirán, antes do 1 de marzo, as solicitudes dos centros acompañadas do informe da inspección e as propostas das comisións provinciais de concertos educativos, á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Décimo sétimo.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, á vista das dispoñibilidades orzamentarias destinadas ó financiamento dos centros concertados, procederá, se é o caso, a dar vista do expediente ós solicitantes para que poidan alega-lo que consideren procedente no seu dereito.

Décimo oitavo.-Unha vez valoradas as alegacións presentadas, a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa formulará ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria proposta de resolución sobre a concesión ou denegación dos concertos educativos solicitados.

Décimo noveno.-A resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria que será definitiva, publicarase no Diario Oficial de Galicia. No caso de resultar denegatoria, deberá estar motivada e notificaráselles ós interesados. A resolución que esgotará a vía administrativa poderá ser obxecto de recurso ante a xurisdicción do contencioso administrativo.

Vixésimo.-Os concertos educativos formalizaranse en documento administrativo no que se farán consta-los dereitos e obrigas recíprocos, así como as características concretas do centro e demais circunstancias derivadas da LODE e dos regulamentos de aplicación desta.

Vixésimo primeiro.

1. Procederá a modificación do concerto:

a) Nos centros con autorización definitiva que, por aplicación do calendario de implantación do novo sistema educativo establecido no Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, modificado polo Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, están a impartir educación secundaria obrigatoria e/ou formación profesional, no primeiro caso, para facelo extensivo ás unidades de terceiro e cuarto de educación secundaria obrigatoria, no segundo, para transformar unidades de formación profesional en ciclos formativos, programas de garantía social ou unidades de bacharelato.

b) Poderán ser modificados os concertos educativos por instancia de parte nos casos previstos no artigo 46 do regulamento.

2. As solicitudes de modificación presentaranse, conforme o modelo que se xunta como anexo IX, nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do ámbito territorial no que se encontren localizados os respectivos centros.

3. Os centros presentarán a solicitude acompañada unicamente dunha certificación actualizada de alumnos matriculados. A inspección informará sobre este aspecto, e a comisión provincial realizará a proposta que considere sobre a modificación solicitada.

4. As modificacións por instancia do centro estarán sometidas ás normas e prazos contidos nesta orde.

Vixésimo segundo.

1. De acordo co previsto no artigo 46 do regulamento, a Administración poderá de oficio modifica-lo número de unidades concertadas dun determinado centro.

Procederá reduci-lo número de unidades concertadas dun centro no caso de que a proporción alumnos/unidade escolar permita concentrar grupos que tivesen poucos alumnos, ou cando o número de alumnos por unidade escolar sexa inferior ó determinado pola Administración de acordo co previsto no punto quinto desta orde.

2. En caso de inexistencia de alumnos ou dun número notoriamente baixo nalgunha unidade concertada, o titular do centro está obrigado a comunicarllo no prazo de 15 días naturais, contados a partir da data de finalización da matrícula, á Administración, co fin de que esta considere a posibilidade de eliminar ou reducir unidades de forma inmediata.

3. Para proceder de oficio á reducción de unidades, a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, logo de informe da inspección educativa, daralle vista de expediente ó centro comunicándolle as alte

racións que considera necesarias para o curso seguinte co fin de que no prazo de 15 días naturais faga as alegacións que considere convenientes. Avaliadas as alegacións presentadas, elevará proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria que resolverá definitivamente. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderá ser obxecto de impugnación ante a xurisdicción do contencioso administrativo.

4. A reducción do número de unidades concertadas dará lugar á modificación do correspondente concerto educativo subscrito polo centro afectado.

Vixésimo terceiro.-A subscrición das modificacións efectuarase mediante addeuda ó documento de formalización do concerto educativo.

Vixésimo cuarto.-Os posibles incrementos de unidades concertadas quedarán condicionados á existencia de autorización, á comprobación de que as novas unidades satisfán necesidades de escolarización e ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposicións transitorias

Primeira.-Entrementres non se estableza nos orzamentos da comunidade autónoma o importe do módulo económico das distintas unidades concertadas, aplicarase o que se fixa anualmente nos orzamentos xerais do Estado.

Segunda.-Para efectos da renovación do concerto prevista nos apartados 3.b) e 4 do punto primeiro, os centros deberán xuntar coa solicitude do concerto a documentación necesaria referente ó estado de execución do proxecto de obras que cómpre realizar para a autorización definitiva.

Terceira.- Para o curso 1997-1998 o prazo de entrega de solicitudes rematará o 7 de febreiro.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 18 de xaneiro de 1993 pola que se dictan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos a partir do curso académico 1993-1994.

Segunda.-Queda derrogada a Orde do 24 de setembro de 1992 pola que se establecen as contías que os centros concertados en réxime singular poderán percibir dos alumnos.

Terceira.-Quedan derrogadas todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan a esta orde.

Disposicións finais

Primeira.-Queda facultada a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las normas necesarias para a execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

146