Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 1997 Páx. 904

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de xaneiro de 1997 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Xosé Neira Vilas.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Xosé Neira Vilas, con domicilio en Vila de Cruces.

Supostos de feito.

1. José Santiago Neira Vilas, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito do 3 de xaneiro de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 27 de maio de 1993, ante o notario Juan José Ecenarro y Anzorandia, co número mil catrocentos corenta e dous bis do seu protocolo e corrixida por outra posterior outorgada en Santiago de Compostela, o día 23 de decembro de 1996, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número dous mil trescentos trece do seu protocolo, outorgada polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia, o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, o director xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia, o alcalde-presidente do Concello de Vila de Cruces, o presidente da Asociación de Veciños da Parroquia de Gres, o presidente da Comisión de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra, os cónxuxes José Santiago Neira Vilas e Anisia Miranda Fernández, Isaac Díaz Pardo, Cesáreo Sánchez Iglesias e Álvaro Rodríguez Carballo,

interveñen o primeiro en nome e representación da Xunta de Galicia, o segundo en nome e representación da Deputación Provincial de Pontevedra, o terceiro, no exercicio do seu cargo, o cuarto en nome e representación do Concello de Vila de Cruces, o quinto en nome e representación da Asociación de Veciños de Gres, o sexto en representación da Comisión de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra e os demais comparecentes interveñen no seu propio nome e dereito, e José Santiago Neira Vilas, ademais, en representación de Jesús Neira Vilas e Daniel Barata Quintas.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é, entre outros, promover e divulga-la cultura galega nos seus máis diversos aspectos, en tódalas facetas da cultura universal que incidan no patrimonio cultural de Galicia.

4. O padroado da fundación está constituído polos membros sinalados no artigo 11 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Xosé Neira Vilas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime

das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/92, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 20 de xaneiro de 1997.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Xosé Neira Vilas e adscribila á Consellería de Cultura e Comunicación Social que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

535