Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 1997 Páx. 1.321

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 1997 pola que se convocan tres bolsas de investigación para o Instituto da Lingua Galega.

O Instituto da Lingua Galega convoca tres bolsas de investigación para o proxecto da base de datos lexicográfica para un Diccionario da Lingua Galega.

1. Duración.

As bolsas terán unha duración dun ano, con posibilidade de renovación.

2. Dotación económica.

Cada bolsa terá unha dotación de 65.000 ptas. mensuais.

Para atende-lo gasto que supón a bolsa existe crédito suficiente na aplicación 6025 CI 3664200 do orzamento vixente.

3. Requisitos.

Poderán optar á bolsa tódolos membros da UE, maiores de idade, e con plena capacidade para obrar, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Seren licenciados universitarios na especialidade de Filoloxía Hispánica, subsección Galego-Portugués ou equivalente.

b) Ter 2 de nota media nos tres últimos anos de carreira ou sobresaliente no grao de licenciatura. A media dos cursos obterase dividindo o total de puntos polo número de convocatorias tendo en conta que o aprobado vale 1 punto; o notable, 2; sobresaliente, 3; e MH, 4.

c) Non ser traballadores por conta propia ou allea, nin recibir remuneración de ningún tipo ou gozar dunha bolsa ou axuda semellante.

4. Solicitudes.

Os solicitantes entregarán na sede do Instituto da Lingua Galega (Praza da Universidade 4, Santiago de Compostela), dentro do prazo de dez días contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

-Instancia de solicitude dirixida ó director do Instituto da Lingua Galega.

-Titulación universitaria.

-Currículum vitae con indicación dos estudios, actividades e documentación acreditativa de tódolos méritos que se aleguen.

-Declaración xurada de non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin gozar de bolsas ou axudas equiparables á convocada.

5. Selección dos bolseiros.

A selección dos bolseiros será realizada polo tribunal, que fará unha valoración dos méritos achegados. De consideralo necesario o tribunal poderalles facer unha entrevista ós candidatos preseleccionados.

6. Tribunal.

O tribunal estará composto polo vicerrector de Investigación ou persoa delegada, e polos seguintes membros do ILG: o director, o secretario, un membro do Consello Científico e un bolseiro.

7. Nomeamento.

Os bolseiros serán nomeados polo director do Instituto da Lingua Galega de acordo coa proposta do tribunal. Os bolseiros seleccionados deberán presentarse na sede do Instituto da Lingua Galega dentro dos dez días seguintes ó da notificación da súa selección.

8. Incidencias.

A solicitude de bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa coa Universidade de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 1997.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

942