Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Mércores, 12 de marzo de 1997 Páx. 2.190

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de xaneiro de 1997 pola que se dictan instruccións para o procedemento de autorización de cantidades que se percibirán como contraprestación por actividades escolares complementarias, actividades extraescolares e servicios complementarios dos centros privados en réxime de concerto.

O Decreto 444/1996, do 13 de decembro, regulou as actividades escolares complementarias, actividades extraescolares e servicios complementarios dos centros privados en réxime de concerto.

Este decreto contén a nova ordenación destas actividades e servicios distinguindo o réxime que lles é aplicable en función da definición que se efectúa en cada un deles.

Así, no caso das actividades escolares complementarias e das actividades extraescolares, a distinción radica no horario; horario lectivo nas actividades escolares complementarias; fóra de horario lectivo nas actividades extraescolares.

A distinción entre actividades escolares complementarias, por unha parte, e actividades extraescolares e servicios complementarios, por outra, radica no procedemento de autorización; así, as primeiras son autorizadas polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do consello escolar; as segundas son aprobadas polo consello escolar, por proposta do titular do centro, dándolle comunicación ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As actividades escolares complementarias e actividades extraescolares, por unha parte, e servicios complementarios, por outra, teñen unha diferenciación clara; as primeiras forman parte da programación xeral do centro, as segundas non.

Cómpre agora unifica-los prazos, modelos e contidos das solicitudes nos procedementos que deben segui-los centros concertados para logra-la autorización por parte da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria das actividades escolares complementarias, así como coa regulamentaria comunicación das actividades extraescolares e servicios complementarios.

Na súa virtude, ó abeiro do disposto na disposición derradeira primeira do Decreto 444/1996, do 13 de decembro, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.

A solicitude de autorización das cantidades que se percibirán por cada actividade complementaria axustarase ó modelo que se xunta como anexo I da presente orde.

Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

a) Certificación na que conste a aprobación por parte do consello escolar das cantidades que se percibirán pola actividade escolar complementaria, así como a data en que se produciu a dita aprobación.

b) Memoria na que se expoñan de forma sucinta as razóns que xustifican o prezo para o que se solicita autorización.

Segundo.

As solicitudes de autorización de prezos polas actividades escolares complementarias deberán presentarse no mes de setembro do ano correspondente ó curso académico no que se van desenvolve-las ditas actividades. En ensinanzas postobrigatorias poderán presentarse no mes de outubro.

Terceiro.

1. A comunicación á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria das actividades extraescolares e servicios complementarios así como dos prezos que os usuarios deberán aboar axustarase ó modelo que se xunta como anexo II e realizarase antes do 30 de setembro do ano correspondente ó inicio do curso escolar no que se van presta-los ditos servicios; en ensinanzas postobrigatorias poderá realizarse no mes de outubro.

Xuntarase á comunicación no caso de comedores escolares e transporte escolar unha memoria económica que amose o seu carácter non lucrativo. Ademais, se o prezo proposto para eses servicios é superior ó prezo medio establecido pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para os centros públicos do contorno, xuntarase xustificación detallada das circunstancias que motivan ese incremento.

2. Excepcionalmente, poderá comunicárselle á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a realización de actividades extraescolares e dos correspondentes prezos que se deberán pagar por estas no mes de xaneiro, cando se trate de actividades aprobadas polo consello escolar en función de circunstancias que non puideron preverse antes de comeza-lo curso escolar.

Cuarto.

1. A autorización solicitada para a percepción de cantidades por actividades escolares complementarias entenderase concedida se, transcorrido un mes desde a finalización dos prazos ós que se refiren os apartados segundo e terceiro desta orde, non recaese resolución expresa sobre esta.

2. Mentres non se produce a autorización correspondente, os centros poderán cobrar a conta as cantidades devengadas polas citadas actividades.

3. Se a cantidade autorizada resultase inferior á que se viña percibindo, deberanse devolve-los importes cobrados de máis, podéndose descontar dos recibos posteriores. De non ser autorizado, os centros deberán devolve-la totalidade.

Quinto.

1. A autorización de prezos entenderase referida a un curso escolar. Non obstante, de manterse as actividades escolares complementarias en cursos sucesivos, non se requirirá novo proceso de autorización sempre que as cantidades sexan modificadas de acordo coa variación que experimente o índice de prezos ó consumo interanual. Neste caso, comunicaráselle a modificación das cotas á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Calquera outra modificación deberá ser previamente autorizada, de acordo co procedemento previsto nesta orde.

2. As modificacións nas cantidades percibidas como contraprestación por actividades extraescolares ou servicios complementarios comunicaránselle á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sempre que experimenten variación.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección para dictar tódalas disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o seguinte día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

1738