Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 03 de abril de 1997 Páx. 3.012

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de marzo de 1997 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións para a construcción ou reforma de instalacións deportivas náuticas así como para a adquisición de equipamento deportivo náutico.

A Secretaría Xeral para o Deporte, tendo en conta a constante melloría que se vén producindo en Galicia na área dos deportes náuticos, a importancia que este sector representa pola especial configuración xeográfica da nosa comunidade e, así mesmo, o custo que representa dispoñer tanto dunhas instalacións específicas como do equipamento deportivo axeitado, en constante avance técnico coa implantación de novos materiais, e co fin de evita-lo estancamento na desexada progresión destes deportes, faise imprescindible o apoio ás entidades deportivas oficialmente recoñecidas e é por iso polo que se convocan axudas económicas para a construcción ou reforma de instalacións deportivas náuticas e para adquisición de equipamento deportivo náutico.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Serán obxecto de subvención as seguintes accións:

a) A construcción de instalacións deportivas náuticas ou a realización de obras de reforma de instalacións deportivas xa existentes que teñan un orzamento que non exceda de dez millóns de pesetas.

b) A adquisición de equipamento deportivo náutico de competición.

Artigo 2º.-Solicitantes.

Poderán solicitar subvencións ó abeiro da presente orde, as federacións deportivas galegas con modalidade náutica recoñecida e as entidades deportivas inscritas no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas de Galicia e adscritas a unha federación deportiva galega dunha modalidade náutica. En ámbolos casos os solicitantes deberán ter participado en competicións de carácter oficial nas dúas últimas tempadas.

Artigo 3º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos impresos oficiais, segundo modelo que se xunta como anexo I á presente orde.

Achegarase tamén:

Para os solicitantes do apartado a) do artigo 1º:

-Documento acreditativo da propiedade dos terreos ou, no seu defecto, do dereito de utilización durante dez anos e permiso do propietario para a realización das obras.

-Anteproxecto ou memoria valorada da obra que se pretende realizar.

Para os solicitantes do apartado b) do artigo 1º:

-Orzamento e relación do equipamento que se pretende adquirir.

En ambos casos achegarase unha memoria da entidade solicitante na que se incluirán entre outros: antigüidade, adestradores, número de deportistas nas dúas últimas tempadas, principais logros deportivos acadados, así como unha breve xustificación do interese deportivo das accións pretendidas.

Artigo 4º.-Lugar de presentación.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral para o Deporte, (estadio multiusos de San Lázaro, s/n -15890 Santiago de Compostela), nos servicios provinciais da Secretaría Xeral para o Deporte, ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Subvención máxima.

O importe máximo das axudas ás que fai referencia o apartado a) do artigo 1º será de cinco millóns de pesetas; de dous millóns cincocentas mil pesetas para as solicitudes ás que fai referencia o apartado b) do artigo 1º, cursadas por clubs deportivos e de cinco millóns cando teñan por beneficiarias as federacións deportivas galegas.

Artigo 6º.-Comisión avaliadora.

Unha vez recibida a documentación das solicitudes de axudas ó abeiro da presente orde, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a comisión avaliadora, que estará formada por:

Presidente: subdirector xeral de Deportes.

Vocais:

-Xefe do Servicio de Contratación e Xestión Económica.

-Xefe do Servicio de Coordinación Deportiva.

-Xefe do Servicio de Supervisión de Proxectos e Seguimento de Obras.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral para o Deporte.

O presidente da comisión, á vista da acta, elevará a proposta ó secretario xeral para o Deporte para a resolución definitiva das subvencións.

Artigo 7º.-Outorgamento.

Para a concesión das axudas obxecto da presente orde teranse en conta os seguintes criterios:

-Importancia e nivel da actividade deportiva federada desenvolvida pola entidade.

-Número de licencias deportivas nas dúas últimas tempadas.

-Interese deportivo do proxecto.

-Antigüidade da entidade solicitante.

-Para as solicitudes do apartado a) valorarase que o solicitante sexa propietario dos terreos ou instalacións onde se pretenda a realización das obras ou reformas, ou no seu defecto a duración do dereito de utilización deles.

Artigo 8º.-Notificación e aceptación.

A resolución das subvencións seralles notificada ós solicitantes nun período de tres meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes.

Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º.c a contrario sensu, da Lei de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común).

Os promotores dos expedientes aprobados estarán obrigados a presentar, no prazo de trinta días naturais, unha declaración na que aceptan a axuda xunto coa preceptiva licencia de obra, así como os condicionamentos ós que quedan sometidos pola presente orde.

Naqueles casos nos que no dito prazo improrrogable non se produza contestación, entenderase que se renuncia á subvención. A comisión avaliadora reunirase de novo para proceder a propoñer nova concesión de subvencións, con cargo ás renuncias que se produzan.

Artigo 9º.-Prazo de execución e xustificación.

Os beneficiarios das axudas correspondentes ó apartado a) do artigo 1º quedan na obriga de presentar ante a Secretaría Xeral para o Deporte as preceptivas licencias de obra. Así mesmo tanto os beneficiarios do apartado a) como os do b) do artigo 1º deberán acredita-lo remate das obras ou a recepción das subministracións adquiridas con anterioridade ó día 15 de setembro de 1997.

O incumprimento do prazo de xustificación da subvención á que se refire o parágrafo anterior dará lugar á perda do dereito ó cobro da axuda outorgada e posibilitará a reasignación de tales créditos nos termos previstos no último parágrafo do artigo 8º.

O importe das axudas concedidas será abonado contra a presentación de factura ou facturas acreditativas de ter realizadas as obras ou adquirida a subministración do equipamento deportivo, sen que se efectúe anticipo ningún antes da oportuna xustificación global e completa da actuación. Unha vez rematadas as obras ou adquirido o equipamento deportivo, procederase á súa recepción, acto ó que deberá asistir un representante da Secretaría Xeral para o Deporte e do que deixará constancia por medio da oportuna acta.

Artigo 10º.-Obrigas complementarias.

Os promotores que resulten subvencionados quedan obrigados a:

-Asumir ó seu cargo os aumentos que se produzan, no caso de que o custo das obras resulte superior á valoración prevista no orzamento, ou ben por revisión dos prezos, adicionais, prórrogas e outros supostos.

-Utiliza-lo logotipo de Deporte Galego en tódolos investimentos que resulten subvencionados ó abeiro da presente orde.

-Someterse ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ó Consello de Contas.

Artigo 11º

Para as accións subvencionables ó abeiro da presente orde existe crédito por importe de corenta e oito millóns oitocentas mil pesetas (48.800.000 ptas.) na aplicación

orzamentaria 04.04.355A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 12º

Nos aspectos non contidos na presente orde observarase o disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupuestario de Galicia, e na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

2109