Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 03 de abril de 1997 Páx. 3.012

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 66/1997, do 21 de marzo, polo que se modifica parcialmente o Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios.

No uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente; seguindo o vieiro que nos marca o ordenamento xurídico, sustentado no principio de cooficialidade lingüística (bilingüismo), que é o carácter que imprime a normativa finalista, sinalada principalmente nos artigos 3, 14, 27 e 139 da Constitución española, no 5 e 27.20º do Estatuto de Galicia, na Lei 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo e na Lei de Galicia 3/1983, de normalización Lingüística, así como a reiterada xurisprudencia do Tribunal Constitucional; por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, tralo dictame do Consello Escolar de Galicia e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinteún de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícanse os apartados 1º, 2º e 3º do artigo 1 do Decreto 247/1995, do 14 de setembro, polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, e quedan coa seguinte redacción:

«1. A Administración educativa de Galicia e os centros de ensino dela utilizarán, con carácter xeral, a lingua galega e fomentarán o seu uso tanto nas súas relacións mutuas e internas como nas que manteñan coas administracións territoriais e locais galegas e coas demais entidades públicas e privadas de Galicia.

2. Os documentos administrativos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións e dos centros de ensino dependentes dela redactaranse, con carácter xeral, en galego, e neles constará o nome do centro e o topónimo do concello ou entidade de poboación na súa forma oficial.

3. As actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes, tales como actas, comunicados e anuncios, redactaranse, con carácter xeral, en galego. Tamén se redactarán en galego as actuacións administrativas que se realicen por solicitude de persoa interesada, agás nos casos en que ela pida que se fagan en castelán.

Artigo 2º

Modifícase o artigo 10 do Decreto 247/1995, do 14 de setembro, que terá a seguinte redacción:

En todo caso, para facer efectivo o dereito á educación, os profesores e profesoras adoptarán as medidas oportunas co fin de que os alumnos que non teñan o suficiente dominio da lingua galega poidan seguir con aproveitamento as ensinanzas que nesta lingua lles impartan.

Terase en conta o establecido no Decreto 79/1994, do 8 de abril, sobre exención da materia de lingua galega no ensino básico e medio, así como, na orde que o desenvolve.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

2320