Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Xoves, 17 de abril de 1997 Páx. 3.624

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 4 de abril de 1997 pola que se establecen as normas para o desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa.

O Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais, normativa estatal de carácter básico, require o seu desenvolvemento para adecualo ás peculiaridades propias da Comunidade Autónoma, adaptando e actualizando a Orde do 27 de abril de 1994, en materia de saneamento gandeiro.

As campañas de saneamento gandeiro supoñen un instrumento fundamental para o control e erradicación da tuberculose, a brucelose, a leucose enzoótica e a perineumonía contaxiosa bovina, sendo imprescindible a identificación individual dos animais consonte o R.D. 205/1996, do 9 de febreiro, para despois das diferentes probas diagnósticas poder diferencia-los animais sans daqueles que padecen algún tipo de enfermidade, así como no momento de documentalos consonte o Decreto 355/1994, do 2 de decembro, tanto para o transporte e comercio pecuario coma para as accións individuais que haxa que realizar sobre eles, co fin de acadar un dos obxectivos básicos da sanidade animal, como é a cualificación sanitaria das explotacións segundo o establecido nos RR.DD. 379/1987, do 30 de xaneiro, modificado polo 103/1990, do 6 de xaneiro e 1114/1992, do 18 de setembro.

O reto da competitividade no marco da Unión Europea mantendo o gando cun status sanitario axeitado e o elevado nivel sanitario acadado nas explotacións galegas, froito da intensidade con que se viñeron realizando as campañas de saneamento gandeiro, conseguiron que a práctica totalidade das cortes teñan capacidade para obte-la máxima cualificación sanitaria, o que supón para Galicia o maior logro no ámbito agropecuario.

Así mesmo, ese nivel sanitario acadado supuxo para os gandeiros un claro aumento productivo e un maior valor económico dos animais procedentes de rabaños cualificados sanitariamente.

Ademais, co fin de que non repercuta negativamente nos logros e cualificacións sanitarias alcanzadas, precísanse as esixencias ós operadores comerciais de gando para o movemento pecuario como principal vía de comercialización das reses.

Por último, débense aplica-las maiores garantías sanitarias ós animais procedentes de explotacións non pertencentes a Galicia, cun status sanitario inferior debéndose, ademais, fomenta-lo abastecemento coa propia recría das explotaciones con maior cualificación sanitaria.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3, en relación co artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia mantense como área de erradicación obrigatoria para as enfermidades de tuberculose, brucelose, leucose enzoótica e perineumonía no gando vacún -estabulado e libre- e brucelose no ovino e cabrún.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos da aplicación desta orde, entenderase por:

a) Animal: calquera animal das especies bovina, ovina e cabrúa.

b) Explotación: calquera establecemento, construcción ou, no caso de cría ó aire libre, calquera lugar no que se teñan, críen ou manipulen animais, incluíndose en todo caso os pastos comunais.

c) Titular ou posuidor: calquera persoa física ou xurídica responsable dos animais, mesmo con carácter temporal.

d) Pastos comunais: calquera lugar de titularidade ou uso compartido no que pasten animais pertencentes a un ou a varios titulares ou posuidores, ou coa autorización dos titulares do lugar.

e) Operador comercial: persoa física ou xurídica que figura inscrito no rexistro de operadores comerciais de gando da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e que se dedica á compravenda e comercialización de gando. Para estes efectos, considéranse en todo caso operadores comerciais aqueles titulares ou posuidores que manteñan un recambio de animais superior ó 30% dos reproductores non baseado en motivos sanitarios ou zootécnicos.

Artigo 3º.-Lista de explotacións e libro de rexistro.

1. Tódalas explotacións gandeiras que figuren na lista de explotacións terán un código de explotación agraria (CEA), que identificará as instaladas en Galicia e os seus titulares.

2. Todo titular dunha explotación agraria disporá dun libro de rexistro actualizado correspondente ás especies que aloxe, no que se farán consta-los animais presentes na explotación e se anotarán as incidencias producidas por mor da compravenda, nacemento ou morte de animais.

Artigo 4º.-Identificación dos animais.

1. É obrigatoria, para tódolos efectos, a identificación individual mediante marcas auriculares ofi

ciais dos animais das especies vacúa, ovina e cabrúa, conforme o disposto no Real decreto 205/1996, do 9 de febreiro.

2. Os animais que carezan de identificación ou que, téndoa, sea ilexible ou estea alterada, non poderán asistir ós pastos comunais nin a feiras ou concentracións de gando. Se perdesen a marca, permanecerán na explotación ata que sexan novamente recoñecidos e identificados.

3. A marca que posúa un animal deberá figurar nos documentos sanitarios ou de transporte na forma e documentos recollidos no Decreto 355/1994, do 2 de decembro, carecendo de validez os documentos que non reflictan o número de identificación.

4. Os titulares ou responsables dos animais que unha vez identificados e controlados sanitariamente perdan as marcas identificativas deberán facelo constar no libro de explotación, no apartado da res que corresponda e comunicar inmediatamente esta circunstancia na respectiva oficina comarcal da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. A reidentificación solicitarase ó xefe de área dos servicios veterinarios oficiais correspondente, que, logo das averiguacións pertinentes, decidirá sobre ela, mantendo en todo caso correlación entre a marca antiga e a nova.

5. O disposto no anterior apartado será tamén de aplicación para aqueles animais que durante o seu transporte perdan a marca de identificación.

Artigo 5º.-Operadores comerciais e intermediarios.

1. Os operadores comerciais de gando que ademais sexan titulares ou garden relación coa titularidade dunha explotación permanente, deberán contar cunhas instalacións independentes desta, como explotación de trato, lugar de descanso ou concentración dos animais obxecto de compravenda.

A compatibilidade de ámbalas dúas actividades esixirá que, a xuízo dos servicios veterinarios oficiais, se reúnan as debidas garantías sanitarias que eviten o contaxio directo ou indirecto de epizootias. Se os técnicos veterinarios detectasen incompatibilidade entrámbalas actividades, levantarán unha acta que poderá dar motivos á suspensión da autorización de operadores comerciais de gando.

2. Os operadores comerciais deberán estar autorizados e en posesión do carné correspondente e da documentación establecida no R.D. 205/1996, do 9 de febreiro. Así mesmo, os seus vehículos e explotacións de trato estarán rexistradas nos servicios provinciais de Producción e Sanidade Animal e Vexetal.

3. Os operadores comerciais están obrigados a comercializa-los animais coa correcta acreditación sanitaria, de acordo co Decreto 355/1994, do 2 de decembro y a Orde do 23 de agosto de 1995.

4. Para efectos de movemento pecuario e de acreditación sanitaria, dado que a situación sanitaria dos animais e por tanto das explotacións pode cambiar, no caso dos cotexos, só se poderán utilizar dentro do prazo de validez dos documentos orixinais. Así, o cotexo quedará sen efectos no momento en que se realice unha nova revisión sanitaria de tódolos animais da explotación.

En todo caso un cotexo nunca terá validez máis alá dun período de seis meses desde a data en que se realizou o cotexo.

Artigo 6º.-Gando de monte.

1. Os titulares que posúan gando en pasto comunal teñen a obriga de poñer ó dispor dos servicios técnicos veterinarios tódolos seus animais para realiza-las probas diagnósticas de saneamento gandeiro e proceder á súa identificación. A non presentación dalgún animal implicará a perda da cualificación sanitaria de tódolos animais e explotacións afectadas.

2. Cada pasto comunal terá unha única cualificación sanitaria que afectará a tódolos animais que se atopan aproveitando o devandito pasto. Esta cualificación sanitaria (unidade epizootiolóxica) determinará, se é o caso, a cualificación sanitaria da explotación estante. Unicamente terán acceso ós pastos comunais os animais debidamente identificados e procedentes de explotacións coa mesma cualificación sanitaria.

3. Naqueles animais dos que, no momento de realiza-lo saneamento gandeiro, se descoñeza a súa titularidade, serán inmobilizados durante setenta e dúas horas, coa finalidade de realiza-las probas diagnósticas pertinentes e, se os animais son diagnosticados positivos, procederase ó seu inmediato sacrificio, segundo o previsto na normativa vixente. Se os resultados son negativos, rexistraranse nun C.E.A. provisional e poranse a disposición dos posibles donos dentro do prazo e conforme as disposicións aplicables.

Artigo 7º.-Obrigas dos titulares de gando.

1. O gando que presente dificultades de manexo deberá ser inmobilizado polos seus donos, propietarios ou posuidores co obxecto de que poidan realizarse coas debidas garantías as probas diagnósticas, de tal xeito que non se poña en perigo a integridade física das persoas e dos animais.

2. O gando que paste en liberdade estará reunido e inmobilizado en mangas, currais ou explotacións no momento de realizaren as probas.

Artigo 8º.-Enfermidades e probas sanitarias.

1. As enfermidades obxecto de campaña serán:

a) Tuberculose: o diagnóstico da tuberculose será efectuado polos técnicos veterinarios mediante a proba intradérmica da tuberculina. O lugar de apli

cación, a dose, a concentración, así como a metodoloxía e a interpretación da proba, realizarase de acordo co establecido no anexo I do R.D. 2611/1996, do 20 de decembro. A revisión efectuarase en tódolos efectivos de gando vacún da explotación con idade superior a seis semanas.

b) Brucelose: o diagnóstico efectuarase en tódolos animais bovinos de máis de doce meses de idade, nos ovinos e cabrúns de máis de seis meses e, en todo caso, cando o animal xa se atope en xestación.

c) Leucose enzoótica bovina e peripneumonía contaxiosa bovina: o diagnóstico efectuarase en tódolos animais de máis de doce meses de idade.

2. As probas serolóxicas que sexan necesarias, aplicables ás enfermidades dos apartados b) e c) realizaranse única e exclusivamente nos laboratorios autorizados, sexan ou non dependentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, a partir das mostras obtidas polos técnicos veterinarios e utilizando as técnicas oficialmente aprobadas, segundo o anexo II, III e IV do R.D. 2611/1996, conforme ós protocolos detallados polos laboratorios nacionais de referencia para cada enfermidade.

3. As probas da tuberculina, toma de mostras e cobertura de documentos serán realizadas exclusivamente polos técnicos veterinarios expresamente autorizados, tendo estes atribuídas funcións de control, averiguación e investigación, de acordo co establecido na Lei e Regulamento de epizootias e demais lexislación concordante.

4. O aviso para a execución das campañas de saneamento gandeiro realizarase mediante bandos, carteis ou os medios de comunicación que resulten máis axeitados, nos que se indicarán a data e probas que se van realizar. Os gandeiros e/ou propietarios ou posuidores de gando vacún, ovino e cabrún están obrigados a presta-la colaboración e axuda necesarias para a correcta execución da campaña.

Artículo 9º.-Acreditacións sanitarias.

1. As acreditacións sanitarias serán comunicadas ós titulares ou posuidores mediante documento que reflicta a situación sanitaria da corte, dunha destas dúas formas:

a) Comunicado de saneamento: en folla de cor branca e que corresponderá a explotacións que nalgunha das dúas últimas revisións tivesen animais positivos, incorporasen animais procedentes de explotacións sen cualificación sanitaria e/ou se encontren animais con acreditación sanitaria deficiente.

b) Explotación cualificada sanitariamente: en folla de cor verde e que corresponderá a explotacións nas que se realizaron dúas probas consecutivas con resultados negativos, segundo o establecido nos RR.DD. 379/1987, do 30 de xaneiro, modificado polo 103/1990, do 6 de xaneiro; 1114/1992, do 18 de setembro e 2121/1993, do 3 de decembro.

2. Unha vez iniciadas as probas nunha corte queda prohibido o traslado e venda dos animais ata obte-los resultados daquelas, agás se se traslada directamente a un matadoiro, feito que se xustificará cun certificado de sacrificio dos servicios veterinarios oficiais do matadoiro. A partir dese momento, para efectos de movemento pecuario e de acreditación sanitaria, perden validez os documentos citados no apartado 1 se foron emitidos nunha data anterior.

Artigo 10º.-Marcaxe de reses positivas.

1. Tódolos animais diagnosticados positivos a calquera das enfermidades obxecto de campaña de saneamento gandeiro, a criterio técnico dos veterinarios actuantes, serán marcados obrigatoriamente na mesma orella na que se implantou a marca oficial, cun trade en forma de T. Para completaren a identificación das reses positivas, os veterinarios actuantes confeccionarán un documento individualizado no que, se as características raciais o permiten, se incluirá a silueta do animal positivo que acompañará á documentación sanitaria necesaria para o seu posterior sacrificio. Esta circunstancia farase constar no libro de explotación polo técnico que realice o diagnóstico.

2. Naquelas explotacións nas que o titular ou posuidor dos animais non permita o control sanitario, a identificación dos animais ou a marcaxe das reses diagnosticadas positivas, os veterinarios actuantes procederán a levanta-la correspondente acta e á intervención cautelar da explotación, quedando prohibido o movemento pecuario, tanto de entrada como de saída, sen prexuízo das accións administrativas, civís ou penais que correspondan.

Artigo 11º.-Sacrificio obrigatorio.

1. Os animais marcados oficialmente como positivos polos veterinarios dos equipos de campo serán sacrificados antes dos trinta días naturais seguintes á data de notificación e marcaxe.

2. O sacrificio dos animais positivos poderase realizar:

a) Nos matadoiros e días autorizados para tal fin.

b) Nos lugares autorizados para isto polos servicios veterinarios oficiais.

3. Os matadoiros interesados no sacrificio destes animais deberano solicitar á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para súa autorización.

4. O incumprimento da orde de sacrificio dos animais positivos ás probas das enfermidades de campaña, independientemente de cando se realizase o diagnóstico, sen prexuízo das responsabilidades administrativas, civís ou penais que procedan, facultará os servicios provinciais de Producción e Sanidade Animal e Vexetal para acometer, en execución subsidiaria, o sacrificio das reses afectadas, acción que se poderá poñer en práctica unha vez rematado

o prazo establecido para o sacrificio, realizándose por conta do obrigado.

5. Os técnicos veterinarios facilitarán ós gandeiros no momento da marcaxe con T, a documentación sanitaria necesaria, coa única finalidade de traslada-las reses marcadas ó matadoiro. Os gandeiros esixirán ós tratantes, entradores ou transportistas que trasladen as reses ó matadoiro, a entrega do xustificante de traslado delas sendo, en caso contrario, responsables dos animais ata o seu sacrificio.

6. Os animais marcados con T serán conducidos directamente desde a explotación de orixe ó matadoiro, sen escalas intermedias nin con outros animais, agás que estes fosen cargados no mesmo lugar de orixe e teñan o mesmo destino. Irán provistos da documentación sanitaria correspondente, sendo o seu traslado responsabilidade do transportista.

7. A saída de animais marcados con T, para o seu sacrificio fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá ser autorizada expresamente polo Servicio de Producción e Sanidade Animal e Vexetal da provincia onde se atope a explotación, logo de solicitude do interesado.

Artigo 12º.-Medidas de prevención.

1. Finalizado o sacrificio dos animais positivos procederase á limpeza e desinfección dos locais e utensilios da explotación, así como tratamento do esterco ou fluídos procedentes destes animais e será posta en corentena a explotación con anterioridade á introducción de animais novos.

2. Os medios de transporte utilizados para o traslado de animais positivos na campaña de saneamento gandeiro serán correctamente limpados e desinfectados antes de abandona-las instalacións do matadoiro e, en todo caso, previamente ó embarque doutros animais.

3. Os pastos nos que permanecesen anteriormente animales positivos non poderán ser reutilizados ata que transcorra un prazo mínimo de sesenta días. Excepcionalmente, poderase autorizar un prazo menor polos servicios veterinarios oficiais, no caso de bovinos que unicamente poidan saír dos ditos pastos para sacrificio ou para instalacións de engorde con destino posterior ó matadoiro.

Artigo 13º.-Vixilancia oficial e seguimento das explotacións afectadas.

1. As explotacións que por mor da campaña de saneamento gandeiro tivesen algún animal positivo quedarán baixo vixilancia oficial, autorizándose exclusivamente a saída de animais cando vaian destinados ó matadoiro.

2. No caso de explotacións que carecesen de capacidade suficiente para a ceba dos seus propios tenreiros, sempre que isto non traia risco sanitario e tralo informe favorable previo dos servicios vete

rinarios oficiais, poderase autoriza-lo traslado, ben directamente ou a través dun mercado autorizado para o efecto, de animais de menos de doce meses a un matadoiro ou cebadeiro autorizado que teña actualizado o seu libro rexistro de explotación. Estes animais seguirán baixo control oficial sendo necesario, cando proceda, acreditar documentalmente o seu sacrificio.

3. Nas explotacións baixo vixilancia oficial manterase un control sistemático tendente a recuperar ou consegui-la cualificación sanitaria das explotacións. Non obstante, poderase autoriza-la incorporación de animais antes de recupera-la cualificación sanitaria trala solicitude previa dirixida ós servicios veterinarios oficiais.

Artigo 14º.-Medidas complementarias.

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias poderá ordena-lo sacrificio daqueles animais que, aínda con resultados negativos, se atopen en explotacións con antecedentes epizootiolóxicos que aconsellen o devandito sacrificio, sempre de acordo co informe técnico dos servicios veterinarios oficiais competentes.

Artigo 15º.-Incorporacións e reposición.

1. A incorporación de gando que proveña doutra explotación, independentemente de cal sexa a súa procedencia, deberá ser comunicada polo gandeiro receptor no prazo máximo de cinco días, contados a partir da súa entrada na explotación, na oficina comarcal da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes que lle corresponda, para iso achegará obrigatoriamente a documentación válida de acreditación sanitaria da explotación de orixe. Esta documentación será dilixenciada indicando o animal que se incorpora, o nome e apelidos do gandeiro receptor, o C.E.A. correspondente e a data en que se produce a incorporación, perdendo este documento validez para efectos de movemento pecuario.

2. Deste feito, por parte da oficina comarcal darase traslado ó correspondente Servicio Provincial de Producción e Sanidade Animal e Vexetal indicando o número de identificación e documentación presentada para os efectos de actualización da base de datos.

3. Toda incorporación de gando a que se refire o apartado anterior quedará reflectida no libro rexistro da explotación. O persoal técnico da consellería visitará a explotación, se é o caso, para comproba-la documentación e realiza-las probas que considere necesarias.

4. Os animais, sexa cal sexa a súa procedencia, que se trasladen sen identificar e sen a documentación sanitaria establecida no Decreto 355/1994, do 2 de decembro e na Orde do 23 de agosto de 1995 serán inmobilizados en destino durante un tem

po non superior a setenta e dúas horas, para proceder á comprobación da situación sanitaria da explotación de orixe e ó recoñecemento dos animais polos servicios veterinarios oficiais, enviando ó matadoiro máis próximo os animais que carezan de identificación ou se descoñeza a súa orixe. Os custos que orixinen a inmobilización e comprobación sanitaria correrán por conta do titular ou posuidor dos animais.

5. Ó igual que a incorporación dos animais á explotación a saída deles rexistrarase polo titular da explotación no libro correspondente, cos datos básicos establecidos no R.D. 205/1996, do 9 de febreiro e segundo o modelo establecido no anexo I da Orde do 16 de xullo de 1993.

Artigo 16º.-Vacinación contra a brucelose.

Mantense a prohibición de vacinación contra a brucelose no gando vacún, ovino e cabrún de todo o territorio da Comunidade Autónoma.

En caso de presentación de focos activos de brucelose e considerando as características epizootiolóxicas deles poderanse adoptar, excepcionalmente, accións de profilaxe vacinal baixo control do Servicio de Producción e Sanidade Animal e Vexetal correspondente, con inmobilización de efectivos e prohibición de traslado de animais, agás para matadoiro.

Artigo 17º.-Campañas sanitarias especiais.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes instrumentará as campañas sanitarias especiais que fosen necesarias para investigación, control e erradicación daquelas enfermidades en que as circunstancias epizootiolóxicas o aconsellen.

Artigo 18º.-Utilización de material e productos de saneamento gandeiro.

Queda prohibida a posesión e utilización da tuberculina, os antíxenos para diagnóstico e productos inmunizantes das enfermidades obxecto desta orde, así como as marcas de identificación, que só poderán ser utilizadas polos veterinarios, laboratorios ou entidades que autorice expresamente a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

Artigo 19º.-Prohibición dos tratamentos.

Queda prohibido todo tratamento terapéutico ou desensibilizante contra as epizootias obxecto da presente orde.

Artigo 20º.-Feiras, mercados e concentracións de gando.

1. Tódalas feiras, mercados ou calquera outra concentración de gando das especies bovina, ovina e cabrúa terán a consideración de explotacións, deberán estar previamente autorizadas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e os seus responsables deberán levar un libro rexistro de entrada e saída dos animais.

2. Tódalas feiras e mercados terán debidamente separadas e sinalizadas dúas zonas, en atención ás condicións do recinto:

a) Para animais de reproducción.

b) Para animais de abasto.

3. Os animais reproductores ou destinados á reproducción só poderán asistir debidamente identificados e coa súa correspondente documentación de cualificación sanitaria e, se é o caso, de traslado.

4. Os animais de abasto só poderán asistir debidamente identificados e coa súa correspondente documentación sanitaria recollida no artigo 9º desta orde e de traslado, se é o caso, e os seus únicos destinos serán o matadoiro ou un cebadeiro.

5. Os concellos, organismos responsables e/ou as entidades organizadoras disporán dos medios necesarios para o cumprimento da presente orde, impedindo a entrada dos animais que non se axusten a ela.

Artigo 21º.-Indemnizacións.

1. Os gandeiros que sacrifiquen animais por mor da campaña de saneamento gandeiro dentro do prazo establecido no artigo 11º terán dereito a percibi-la correspondente indemnización, de acordo á existencia e crédito axeitado e co baremo en vigor e aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

2. Para o aboamento da indemnización será condición imprescindible o sacrificio, de acordo coas condicións establecidas na presente orde, de tódalas reses positivas da explotación do gandeiro.

3. Para os efectos do cómputo do prazo para o dereito ó pagamento de indemnizacións teranse en conta as datas de execución da campaña, de marcaxe e de sacrificio. Naquelas explotacións nas que exista negativa a realiza-la campaña, marcaxe ou sacrificio, tomarase como data de execución ou marcaxe a da acta levantada polos veterinarios actuantes.

Artigo 22º.-Perda do dereito á indemnización.

1. En consecuencia co establecido nos artigos 153 do Regulamento de epizootias e 17.2º do R.D. 2611/1996, do 20 de decembro, perderase o dereito á indemnización por sacrificio de reses positivas en campañas de saneamento gandeiro cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Aparezan na corte reses bovinas, ovinas e/ou cabrúas sen identificar, non existindo causa xustificada para isto.

b) Existan mostras de manipulación na documentación sanitaria e/ou marcas de identificación.

c) A totalidade das reses non foi sometida a campañas nos anos anteriores tendo idade para isto.

d) Exista evidencia de calquera manipulación que poida altera-la fiabilidade dos resultados nas probas prácticas ou laboratoriais.

e) Que se vendesen ou adquirisen animais quebrantando a inmobilización sinalada no artigo 13 desta orde, ou se incorporase á explotación algún animal que non proceda de explotación cualificada sanitariamente, se descoñeza a súa orixe ou careza de acreditación sanitaria suficiente.

f) Que o sacrificio se leve a cabo en lugares ou matadoiros non autorizados ou nos situados fóra de Galicia sen autorización previa para o traslado.

g) Non se sacrifiquen tódalas reses positivas no prazo de trinta días naturais a partir da data de marcaxe coa T ou de notificación da positividade.

h) Que a corte se atope nun estado de deficiente hixiene e desinfección, o non cumpra coas normas técnicas que en cada caso se establezan.

i) Non se declare a incorporación dos animais procedentes doutras explotacións no prazo e condicións establecidas na presente orde.

2. Tampouco se terá dereito á indemnización por sacrificio cando as probas fosen solicitadas por instancia de parte, non eximindo isto o cumprimento das normas establecidas para o desenvolvemento das campañas oficiais de saneamento gandeiro.

Disposicións adicionais

Primeira.-O cumprimento do disposto na presente orde e, en todo caso, a realización da campaña de saneamento gandeiro serán requisitos imprescindibles para a entrega da acreditación sanitaria da explotación a que se refire o artigo 9º.1.

Segunda.-As infraccións administrativas en materia de saneamento gandeiro sancionaranse de acordo coa Lei do 20 de decembro de 1952, Regulamento de epizootias, do 4 de febreiro de 1955 e o R.D. 1665/1976, de actualización de sancións e demais lexislación concordante.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas tódalas disposicións normativas de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

1910