Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Xoves, 17 de abril de 1997 Páx. 3.644

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE MOAÑA

ANUNCIO.

Aprobadas polo Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria realizada o día 24-10-1996, as bases xerais e específicas das prazas vacantes do cadro de persoal orzamentario, e modificadas no Pleno do 30-1-1997 que a continuación se relacionan polo miúdo, contidas na oferta de emprego público 1996, disponse a convocatoria pública de probas selectivas de conformidade coas bases aprobadas:

Bases xerais para a cobertura das prazas incluídas na oferta pública de emprego de 1996.

Primeira.-É obxecto da convocatoria a cobertura das prazas incluídas na oferta pública de 1996 aprobada polo Concello de Moaña e que son as seguintes:

Dúas prazas de garda da policía local, correspondentes á escala de Administración especial, servicios especiais do grupo D, vacantes no cadro de funcionarios.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

1. Seren españois e maiores de idade, por canto tódalas prazas convocadas implican exercicio de potestades públicas.

2. Non padecer enfermidade nin defecto físico que impida o normal desenvolvemento da función (informe médico).

3. Estar en posesión da titulación que para o posto se esixe e que figura nas bases particulares.

4. Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera das administracións públicas, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

5. Non atoparse en ningunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade previstas na lexislación vixente.

6. Ter ingresado na Tesourería do concello a cantidade fixada como dereitos de exame.

7. Cumpri-los demais requisitos para o ingreso nas respectivas bases particulares.

Terceira.-Instancias.

1. As instancias nas que se solicita tomar parte nos correspondentes procesos selectivos presentaranse no rexistro xeral do concello, debidamente reintegradas, no prazo de vinte días naturais a partir da publicación do anuncio da convocatoria no BOE poden tamén presentarse do xeito previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Nas súas instancias os interesados manifestarán que reúnen tódolos requisitos esixidos nas bases da convocatoria, e deben xunta-lo xustificante de ter aboado o corres

pondente dereito de exame, que se fixa en 2.500 pesetas.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de instancias o alcalde aprobará a lista de admitidos notificaráselles ós excluídos a causa da súa exclusión para que poidan reclamar contra ela no prazo de dez días.

Quinta.-Tribunal cualificador.

Estará composto polos seguintes membros:

Presidente: o alcalde ou concelleiro en quen delegue.

Secretario: o do concello ou funcionario en quen delegue.

Vocais: o concelleiro delegado de tráfico; un representante da Xunta de Galicia, nomeado por ela; un representante de cada un dos grupos políticos da corporación, nomeados por eles; o sarxento xefe da policía local do concello e un representante dos delegados de persoal do concello, con voz e sen voto.

Tódolos vocais deberán posuí-la titulación ou especialización igual ou superior a esixida para o acceso a praza convocada.

Nomearanse suplentes para cadanseu membro do tribunal. O seu nomeamento farase público no taboleiro de anuncios do concello, xunto coa relación de excluídos. O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen asistencia de alomenos a metade máis un dos seus membros.

Sexta.-Procedementos selectivos e cualificación dos exercicios.

Serán os que figuren nas bases específicas (particulares).

Sétima.-Cualificación final.

Será a que resulte da suma das puntuacións acadadas en tódolos exercicios. Os respectivos tribunais proporán o seu nomeamento ou os aspirantes que acaden a mellor puntuación sen que poidan propor a máis aspirantes que o número de postos convocados.

Oitava.-Presentación de documentos e nomeamentos.

Os aspirantes propostos presentarán na secretaría do concello dentro do prazo de vinte días naturais a partir de que sexa publicado no tabolerio de anuncios a proposta de nomeamentos, os documentos acreditativos de que reúnen os requisitos esixidos na base segunda da convocatoria. Se dentro do prazo indicado e, salvo circunstancias de forza maior, os aspirantes propostos non reúnen os devanditos requisitos, non poderán ser nomeados e quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades nas que puidese ter incorrido por falsidade na instancia de solicitude.

Nese caso, o tribunal poderá formular nova proposta de nomeamento a favor do aspirante que, supe

rada a totalidade do proceso selectivo, o siga na orde de puntuación. Os nomeados deberán tomar posesión do seu cargo no prazo de 30 días naturais contados a partir de que lle sexa notificado o nomeamento.

Novena.-Incidencias.

O tribunal queda facultado para resolve-las dúbidas que se presenten e adopta-las decisións precisas para o normal desenvolvemento dos procesos selectivos ó abeiro da lexislación en cada caso aplicable.

Bases particulares das prazas de garda da policía local.

Condicións dos aspirantes.

1. Titulación esixida: graduado escolar ou equivalente.

2. Procedemento selectivo: oposición-libre.

3. Requisitos específicos:

1. Estar en posesión como mínimo do carné de conducir das clases A2 e B2, na data en que remate o prazo de presentación de instancias.

2. Non supera-los trinta anos de idade.

3. Compromiso de portar armas, se é o caso, chegar a utilizalas este compromiso realizarase mediante declaración xurada e por escrito.

A fase de oposición constará dos seguintes exercicios eliminatorios:

A) Probas de aptitude física:

1. Forza flexora de brazos: desde a posición de suspensión pura e total extensión dos brazos. Realizaranse un mínimo de cinco flexións, asomando o queixo por riba da barra e estendendo totalmente os brazos. Para as mulleres, a mesma proba cun mínimo de tres flexións.

2. Salto de lonxitude sen carreira: saltar cara a adiante cos dous pés ó mesmo tempo e sen coller carreira. Permítese o balanceo de pés desde o talón ó metatarso sen perde-lo contacto co chan. Tomarase a medida desde o sinal máis atrasado que deixe o aspirante. A distancia mínima será de 2,25 m os homes e 1,95 as mulleres.

3. Abdominais e lumbares: en posición horizontal e suxeitos os dous pés, o aspirante incorporarase co seu tronco cara ós xeonllos. En posición horizontal e boca abaixo, cos pés suxeitos, o aspirante elevará o seu tronco cara a arriba . Os homes deberán realizar 25 exercicios de cada clase en 30 segundos e as mulleres 20 no mesmo tempo.

4. Flexións: partindo da posición de ángulo recto, formado entre a cabeza, pés e mans do aspirante co chan, realizará flexións de brazos, tocando o chan co peito, para logo voltar á posición inicial. Os homes deberán realizar un mínimo de 30 flexións e as mulleres 20.

5. Velocidade: carreira de 50 m, con saída de pé e cos brazos estendidos ó longo do corpo, pés separados, con pernas estendidas e tronco rectos. O tempo mínimo será de 7,3 segundos para os homes e 8,3 para as mulleres .

6. Resistencia: percorrer 1.000 m lisos. Para os homes, o tempo mínimo sera de 4 minutos e para as mulleres, 4 minutos e 30 segundos.

En tódalas probas físicas, agás a de resistencia, admitiranse alomenos dous intentos, e quedarán eliminados os que non superen cinco probas.

B) Exercicio escrito:

Obrigatorio e eliminatorio, con dúas partes:

1. Contestación por escrito, durante un tempo máximo de dúas horas, a dous temas, sacados ó chou, cada un dunha das dúas partes que figuran no programa anexo.

2. Exercicio práctico relacionado coas funcións e materias relacionadas co cargo.

C) Entrevista co tribunal:

No discurso da cal o aspirante deberá responder ás preguntas que se lle formulen relacionadas co posto que vai desempeñar en relación cos coñecementos e personalidade do aspirante entre os que estará tamén o coñecemento do idioma galego. Outorgaráselle 1 punto pola entrevista e 1 punto si os aspirantes acreditan que superaron os cursos de iniciación e perfeccionamento do idioma galego.

D) Recoñecemento médico:

Os opositores aprobados deberán presentar certificado médico e un exame psicotécnico, no que se acredita non padecer enfermidade orgánica, nin defectos físicos ou psíquicos que impidan ou dificulten o exercicio profesional das tarefas propias de garda da policía local; poderá o tribunal e, se é o caso, a alcaldía ordenarlles un recoñecemento médico ós aspirantes aprobados.

6. Cualificación dos exercicios: o exercicio a) cualificarase de 0 a 10 puntos. O exercicio b) cualificarase de 0 a 10 puntos, quedando eliminados os que non acadaran un mínimo de 10 puntos no conxunto do exercicio. O exercicio c) cualificarase de 0 a 2 puntos. O exercicio d) cualificarase de apto ou non apto, e serán eliminados os que non acaden a cualificación de apto.

7. Cualificación final: será a que resulte da suma das puntuacións acadadas na oposición, non podendo o tribunal propoñer para o seu nomeamento máis de dous aspirantes.

8. Nomeamento de funcionarios en prácticas: os aspirantes propostos polo tribunal serán nomeados funcionarios en práctica e deberán supera-lo curso correspondente na Academia Galega de Seguridade para seren nomeados en propiedade gardas da policía local do concello. Durante o tempo que permanezan nesa situación percibirán as retribucións que lles

correspondan polo soldo e pagas extraordinarias do grupo D agás nos períodos en que as prácticas se desenvolvan no posto de traballo.

ANEXO

Bases da policía local

Parte primeira.

1. A Constitución como norma fundamental do Estado.

2. A Constitución. Título preliminar. Dereitos e deberes fundamentais dos españois. A organización do Estado na Constitución.

3. Principios xerais do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (Lei 30/1992, do 26 de novembro).

4. A Administración do Estado. Caracterización xeral. O Goberno. A Administración periférica do Estado. O delegado do Goberno nas comunidades autónomas.

5. Estatuto de autonomía de Galicia. A Administración autonómica. Características xerais.

6. O réxime local español. As entidades que figuran na Administración local española. A súa autonomía de acordo coa Constitución.

7. O municipio. Concepto e elementos. O termo municipal. A poboación. Órganos de goberno do concello e o seu funcionamento.

8. A función pública local. O persoal ó servicio do concello e a súa clasificación. Dereitos e deberes dos funcionarios. Réxime disciplinario.

9. Organización da policía local. Estructura . Principios básicos de actuación. Colaboración con outras forzas e corpos.

10. Normativa sobre policías locais: réxime de ingreso, promoción e mobilidade. O Regulamento da policía local do Concello de Moaña.

Parte segunda.

1. A policía local como policía administrativa desde a perspectiva da lexislación do réxime local: ordenanzas, bandos e demais disposicións ou actuacións municipais.

2. A policía local como a policía xudicial desde a perspectiva das normas estatais e autonómicas que lle atinguen. Dereitos do detido.

3. A ordenación do tráfico. Principios xerais e normas de circulación. Normativa reguladora.

4. Sinalizacións de tráfico. Criterios para ordena-lo tráfico no núcleo urbano. Adiantamentos, detencións e estacionamentos.

5. Circulación de automóbiles: clasificación, requisitos administrativos. Permisos de conducir: concepto, clases e facultades que confiren. Licencias de conducción.

6. O accidente de tráfico: concepto e clases. Investigación de accidentes. O atestado.

7. A Lei de seguridade vial: estructura e principios xerais. Protección civil. Principios básicos de actuación e función da policía local.

8. Delictos dos funcionarios públicos contra o exercicio dos dereitos das persoas recoñecidas polas leis. Detencións ilegais. A entrada en domicilio.

9. Delictos dos funcionarios públicos no exercicio do seu cargo: infidelidade na custodia de documentos. Violación de segredos. Suborno de funcionarios. Denegación de auxilio.

10. A Lei 3/1992, de coordinación das policías locais de Galicia. Principios. Órganos de coordinación. O réxime estatuario das policías locais de Galicia.

Moaña, 14 de febreiro de 1997.

Xabier Abalo Costa

Alcalde

2872