Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Venres, 06 de xuño de 1997 Páx. 5.434

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 29 de maio de 1997 pola que se convocan prazas de educadores bolseiros para o centro de asistencia e educación especial Santiago Apóstolo da Coruña dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como unha bolsa de investigación no eido das persoas con minusvalidez.

O Estatuto de autonomía para Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas individualizadas, logo da correspondente convocatoria pública e con suxeición a criterios obxectivos.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 287/1993, do 10 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, así como no Decreto 291/1993, do 11 de decembro, polo que

se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, así como na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, establécense os requisitos xerais para as subvencións e axudas que conceda a Administración autonómica, ás que se adaptará a presente orde, que atende en todo caso, ós principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Coa presente convocatoria preténdese:

A) Dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial o centro de asistencia e educación especial Santiago Apóstolo, persoal que, como contrapartida, gozará de aloxamento e mantenza gratuíta nel durante o curso escolar 1997-1998, así como de axudas para sufraga-los gastos ocasionados polo pagamento de matrícula académica e material escolar.

B) A realización de traballos de investigación no eido das persoas con minusvalidez.

Entre outros fins, na Lei de orzamentos para 1997 citada, na aplicación orzamentaria 11.02.212D.480.1, existe crédito axeitado e suficiente para este gasto.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convoca-la cobertura de 12 prazas de educadores-bolseiros para o curso escolar 1997-1998, no centro de asistencia e educación especial Santiago Apóstolo dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais (modalidade A), así como dunha bolsa de investigación no eido das persoas con minusvalidez (modalidade B).

Segundo.-Condicións dos solicitantes.

Son requisitos para participar na seguinte convocatoria:

Xerais:

a) Ser español/a.

b) Non perder con anterioridade a condición de educador-bolseiro por causa imputable ó solicitante.

c) Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade.

Modalidade A: educadores-bolseiros no centro Santiago Apóstolo.

a) Ter unha idade comprendida entre os dezaoito e os vintecinco anos, ámbolos dous incluídos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

b) Estar cursando estudios superiores nunha facultade ou nun colexio universitario e ter aprobados integramente dous cursos dos devanditos estudios ou ter rematados estes durante os cursos 1994-1995 ou 1995-1996.

Modalidade B: bolsas de investigación.

Ter finalizados estudios nalgunha facultade ou colexio universitario nos cursos 1992-1993, 1993-1994, 1994-1995 ou 1995-1996. Terán preferencia os que remataron os estudios de psicoloxía, psicopedagoxía, socioloxía e traballo social.

Terceiro.-Solicitudes.

Os interesados deberán dirixi-la solicitude anexa, segundo o caso, á Dirección Xeral de Servicios Sociais, edificios administrativos San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, ou á Delegación Provincial de Sanidade e Servicios Sociais na Coruña, r/ Gregorio Hernández, 2-4, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia DNI.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas, e, se é o caso, título académico que capacite para participar ou resgardo de que se solicitou a súa expedición.

-Currículum vitae do solicitante.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir da data en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-Dereitos dos adxudicatarios:

Modalidade A: educadores-bolseiros no centro Santiago Apóstolo.

A) A concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro de 1997 ata o 30 de xuño de 1998. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ó bolseiro a normal realización dos seus estudios.

B) O pagamento por parte do centro de ata 26.300 ptas. para gastos de matrícula, logo da xustificación do correspondente gasto.

C) O pagamento por parte do centro de ata 13.150 ptas. para adquisición de libros relacionados cos estudios cursados polos bolseiros nas condicións fixadas no apartado b).

D) O pagamento por parte da Dirección Xeral de Servicios Sociais da contía de 9.200 ptas. mensuais, logo de certificación do servicio prestado pola dirección do centro.

E) Ó remata-la estadía no centros, seralles entregado un diploma acreditativo pola devandita dirección xeral, logo do informe favorable do director do centro das prácticas realizadas.

Modalidade B: bolsa de investigación.

A) O importe da bolsa será de tres millóns de pesetas. Esta cantidade aboarase da seguinte maneira:

* 2.200.000 pesetas, distribuídas nas correspondentes mensualidades, das que se descontarán as

retencións fiscais procedentes, logo de certificación do servicio prestado pola dirección xeral.

* O resto do importe aboarase, se é o caso, en concepto de indemnizacións por visitas e desprazamentos, logo de acreditación dos gastos realizados.

B) Ó remata-la bolsa seralle entregado un diploma acreditativo, pola Dirección Xeral de Servicios Sociais, logo do informe favorable do xefe de Servicio de Atención a Persoas con Minusvalidez.

Quinto.-Duración da bolsa.

A duración da bolsa será do 1 de setembro de 1997, ó 30 de xuño de 1998, na modalidade A, e do 1 de setembro de 1997 ó 31 de xullo de 1998, na modalidade B.

Sexto.-Financiación.

O gasto financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.212D.480.1.

Sétima.-Obrigas dos bolseiros.

Modalidade A:

A condición de educador-bolseiro obriga a este a realiza-las tarefas que a dirección do centro lle encomende en relación coa atención dos acollidos nel, en hora de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.

Modalidade B:

1. O bolseiro queda obrigado á realización dun traballo de investigación no eido das persoas con minusvalidez:

-O estudio da repercusión en materia de integración socio-laboral dos proxectos que, promovidos por entidades de iniciativa social no ámbito da minusvalidez e cofinanciados pola Dirección Xeral de Servicios Sociais, foron aprobados na convocatoria 1995-1997 da iniciativa emprego e desenvolvemento de recursos humanos. Capítulo horizón do Fondo Social Europeo, así como dos presentados á convocatoria 1997-1999 da mesma iniciativa.

2. O bolseiro está obrigado a acudir á Dirección Xeral de Servicios Sociais, en horario de 9 a 2 da mañá, a segui-las indicacións que lle dicte a Dirección Xeral de Servicios Sociais e a presentarlle os informes que resulten pertinentes á vista do programa de traballo que se aprobe no seu momento.

3. O bolseiro deberá entregar tres exemplares do traballo realizado, cada un deles acompañado dun resumo con extensión comprendida entre cinco e dez páxinas (formato A4), a dobre espacio, no que, de forma sucinta, se recolla o contido e principais ideas do traballo realizado. Así mesmo, os traballos deberanse presentar en soporte informático baixo contorno Word Perfect.

Oitava.-Procedemento de selección.

Para a adxudicación de prazas procederase da seguinte maneira:

Modalidade A: educadores-bolseiros no centro Santiago Apóstolo.

Unha comisión, presidida polo delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais na Coruña ou persoa en quen delegue, sendo vocais o xefe da Área de Servicios Sociais da Coruña, un representante da Dirección Xeral de Servicios Sociais, un funcionario designado polo delegado provincial e o director do centro, examinará as solicitudes, valorando no seu conxunto os seguintes datos, por orde de preferencia:

-Expediente académico.

-Animación sociocultural e coñecementos específicos en actividades deportivas.

-Motivo da solicitude.

-Situación económica.

-Ter sido educador-bolseiro dalgún centro dependente desta consellería.

Terán prioridade os solicitantes con estudios en facultades de psicoloxía, pedagoxía e escolas universitarias de EXB, ademais de enfermería.

Confeccionarase unha lista das solicitudes recibidas, elevando a correspondente proposta ó delegado provincial, antes de que pasen vinte días naturais, contados a partir do seguinte a aquel no que remate o prazo para presenta-las instancias.

A resolución correspóndelle ó delegado provincial competente logo de fiscalización da Intervención, e comunicarase tanto ó centro como a tódolos solicitantes. O prazo máximo para resolver será de tres meses, contados a partir do día seguinte á data de peche da respectiva convocatoria. Se no dito prazo non se dictase resolución expresa, entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

Os seleccionados terán de prazo ata o 1 de novembro para presenta-la documentación requirida para o efecto pola Delegación Provincial da Coruña. De non cumprirse tal esixencia non se procederá a ningún pagamento.

Modalidade B: bolsa de investigación.

Para a valoración dos méritos crearase un tribunal, presidido polo director xeral de Servicios Sociais ou persoa en que delegue, e do que formarán parte como vocais o subdirector de Acción Social, o xefe do Servicio de Atención a Persoas con Minusvalidez, un técnico do mesmo servicio, e como secretario, un funcionario designado polo director xeral.

O tribunal non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente, ben presentando os orixinais ou ben as correspondentes fotocopias debidamente cotexadas.

O tribunal deberá valorar no seu conxunto os seguintes datos por orde de preferencia:

-Coñecementos acreditados da iniciativa europea emprego e recursos humanos. Capítulo horizon.

-Ter sido bolseiro nas convocatorias anteriores.

-Expediente académico.

-Currículum vitae.

-Motivo da solicitude.

-Situación económica

O tribunal, á vista dos proxectos e currículum dos solicitantes, decidirá a adxudicación da bolsa ó candidato que considere por orde de méritos e capacidade.

O tribunal poderá declarar deserta a bolsa convocada.

No caso de que a persoa proposta renunciase á bolsa, a adxudicación recaería automaticamente na que a siga en puntuación, e así sucesivamente.

Oitava.-Natureza da relación bolseiros-Administración.

Os seleccionados adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Novena.-Dereitos de autor e publicación dos traballos.

A aceptación da bolsa de investigación implica a cesión dos dereitos de autor a favor da Dirección Xeral de Servicios Sociais, que reserva para si o dereito de publica-lo traballo.

Décima.-Revogación ou interrupción no desfrute das bolsas.

O director xeral de Servicios Sociais resolverá a perda da condición de bolseiro polo incumprimento das súas obrigas, ausencias inxustificadas ou, se é o caso, por non cumpri-la disciplina do centro, logo dos informes pertinentes.

O suposto de revogación obrigará ó adxudicatario a reintegrarlle ó Tesouro Público as cantidades percibidas ata o momento de acordarse aquela. No caso de interrupción do goce da bolsa o director xeral, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá se procede esixi-la devolución total ou parcial das cantidades aboadas, ou suspender ou anula-los pagamentos pendentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 1997.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3621