Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Venres, 27 de xuño de 1997 Páx. 6.247

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 155/1997, do 5 de xuño, polo que se declara o parque natural do Invernadeiro.

Os montes do Invernadeiro conforman un lugar de grande importancia ecolóxica no ámbito da comunidade galega, tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe o que, engadido ó seu actual estado de conservación e de illamento con relación ás vías e núcleos de poboación, o converten nun lugar excepcional que é necesario protexer e preservar na salvagarda dos seus valores naturais.

O seu réxime de propiedade, no que unha soa leira, de 5.722 ha, pertence a un único propietario, a Xunta de Galicia, -e és probablemente a maior superficie continua de propiedade pública existente en Galicia-, así como o feito da inexistencia no seu interior de núcleos humanos habitados, pode facilitar enormemente a súa xestión.

Estes recursos naturais necesitan dun ordenamento que asegure a súa persistencia e conservación compatible co uso público e desfrute da natureza neste espacio tal e como se sinala na Lei 4/1989, na cal se establecen os plans de ordenamento destes recursos e as directrices para a súa conservación.

As actividades de conservación e mellora dos hábitats que se desenvolveron no Invernadeiro nos últimos anos potenciaron fortemente os seus valores naturais, de tal xeito que, ó día de hoxe, aparece como merecente de ser denominado como parque natural.

Debido a que xa hoxe os Montes do Invernadeiro son na súa totalidade propiedade da Xunta de Galicia sen ningún tipo de servidumes nin núcleos de poboación no seu interior, que por Decreto 74/1985, do 21 de marzo, foi declarado refuxio de caza e tamén desde aquela data prohibida a pesca en tódalas augas do seu territorio, que por Orde do 15 de novembro de 1989 foi declarado como espacio natural en réxime de protección xeral e que por Orde do 8 de xaneiro de 1990 xa se estableceron normas de funcionamento para as actividades de uso público neste espacio, acórdase pospoñe-la aprobación do preceptivo plan de ordenamento dos seus recursos naturais ata o prazo máximo dun ano a partir desta data, segundo o sinalado no artigo 15 da Lei 4/1989, sobre conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres.

Por estas razóns, e por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa

reunión do día 5 de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A finalidade do presente decreto é o establecemento dun réxime xurídico especial de protección para o espacio denominado O Invernadeiro, mediante a súa declaración como parque natural, de acordo co establecido nos artigos 13 e concordantes da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais, e da flora e fauna silvestres.

Este réxime xurídico especial oriéntase á protección e conservación da súa flora, fauna, constitución xeomorfolóxica e paisaxe, de acordo coas súas características, tanto físicas como socioeconómicas e xurídicas.

Artigo 2º

1. O parque natural do Invernadeiro abrangue unha superficie de 5.722 ha, e está constituído na súa totalidade polos montes do Invernadeiro, situados no termo municipal de Vilariño de Conso, na provincia de Ourense.

Os seus límites xeográficos sinálanse no anexo I do presente decreto.

2. Malia o disposto no punto anterior, a Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, poderá incorporar ó parque outros terreos entremeiros con el que reúnan as características axeitadas, en calquera dos seguintes supostos:

a) Que sexan propiedade do Estado, logo da conformidade deste.

b) Que sexan propiedade da Comunidade Autónoma.

c) Que sexan doados voluntariamente polos propietarios para tal efecto.

d) Que se consideren axeitados para mellorar e garanti-la conservación do espacio natural.

3. Consonte o artigo 10.3 da Lei 4/1989, a inclusión de novos terreos no espacio natural leva aparellada a declaración de utilidade pública, para os efectos expropiatorios dos bens e dereitos afectados.

Neses casos, corresponderíanlle á Comunidade Autónoma de Galicia os dereitos de tanteo e retracto en tódalas transmisións onerosas inter vivos de terreos situados dentro do parque.

Para o exercicio dos ditos dereitos, o transmitente notificará fidedignamente á Administración autonómica as condicións esenciais da transmisión pretendida e, se é o caso, o transmitente e o adquirente remitiranlle copia da escritura na que se instrumentou a citada transmisión.

O dereito de tanteo exercerase nun prazo de tres meses e o de retracto nun ano, ámbolos dous contados dende a correspondente notificación, que deberá efectuarse en todo caso, e será requisito necesario

para inscribi-la transmisión no rexistro da propiedade.

4. Sen prexuízo do anterior, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar permutas de terreos propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia e dos organismos dependentes dela, por outros situados no interior do espacio protexido ou na súa periferia, por iniciativa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, e do acordo co disposto na lexislación de patrimonio.

Artigo 3º

1. Calquera actividade, uso ou aproveitamento que se desenvolva no interior do espacio natural protexido deberá ser aprobado e supervisado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

2. Naqueles casos en que as accións que e vaian desenvolver poidan derivar nunha perda dos valores naturais ou paisaxísticos do espacio requerirase un estudio previo sobre a incidencia ambiental da actividade proposta.

Artigo 4º

1. De acordo co establecido no artigo 15.2 da Lei 4/1989, no prazo máximo dun ano, contado a partir da entrada en vigor do presente decreto, redactarase o plan de ordenación dos recursos naturais deste parque natural. Neste plano, completado no seu momento co que se estableza, logo no plan rector de uso e xestión, regularanse os usos dos recursos naturais, as actividades e actuacións de todo tipo que incidan ou poidan incidir neles, así como no destino das instalacións existentes.

2. O Plan de ordenación dos recursos naturais será elaborado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, e logo dun trámite de información pública, deberá ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. A súa aprobación definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. O Plan de ordenación dos recursos naturais constituirase como o principal instrumento de planificación do espacio natural, e as súas disposicións constituirán un límite para calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física. De acordo co que establece o artigo 4 da Lei 4/1989, deberá conter, alomenos, os seguintes extremos:

-Unha delimitación do seu ámbito territorial.

-Unha definición do estado de conservación dos recursos naturais, ecosistemas e paisaxes.

-Unha determinación das limitacións relativas ós usos e actividades e dos réximes de protección, concretando as actividades, obras e instalacións que deban someterse á avaliación de incidencia ambiental.

-Un establecemento de criterios de referencia orientadores na formulación e execución das diversas políticas sectoriais que inciden no seu ámbito territorial.

Artigo 5º

1. Sen prexuízo do previsto neste decreto e no desenvolvemento posterior do Plan de ordenamento dos seus recursos naturais, establécense as seguintes prohibicións e zonificación coas súas correspondentes normas de uso:

-Zona de Reserva Integral.

-Zona de Protección Especial.

-Zona de Uso Público Restrinxido.

Os límites xeográficos de cada zona sinálanse no anexo II do presente decreto.

2. Prohíbese en todo o ámbito do parque natural:

-A caza e a pesca.

-Prender lume fóra dos edificios e instalacións habilitadas para iso.

-A acampada e o bivaqueo.

-Os vertidos contaminantes ás augas.

-Os vertidos de lixo, entullo e residuos sólidos.

-A apertura de novas pistas para vehículos motorizados.

-O acceso con motocicletas de trial ou desprovistas de silenciador ou o encendido de radios e aparatos de audición fóra dos lugares habilitados.

-A destrucción ou deterioración de calquera instalación, edificio ou obxecto do parque natural.

a) Zona de Reserva Integral.

Constituída polo territorio do parque natural onde se conservan os máis singulares e importantes valores naturais, e onde pola fraxilidade, rareza e diversidade dos seus ecosistemas se fai necesario preservarla de calquera actividade humana.

Nesta zona permítese unicamente:

-A investigación para traballos científicos de acordo co disposto no punto 3 deste artigo.

-O acceso a pé e a circulación de vehículos a motor, por persoal propio do parque natural, e unicamente pola pista existente na actualidade. Excepcionalmente poderán acceder outros vehículos en casos de urxente necesidade como na extinción de incendios forestais.

-A mellora, cando sexa necesario, da pista existente denominada do Figueiro e da devasa perimetral, sempre e cando iso non supoña ningún cambio nos seus trazados, dimensionamento ou capa de rodadura orixinal.

Prohíbese con carácter xeral en toda a zona de reserva integral: o acceso a pé, agás investigadores e persoal propio do parque, ou en casos de extrema necesidade; a introducción de especies de fauna ou flora; e a recollida de material biótico ou abiótico.

b) Zona de Protección Especial.

Constituída por unha área ou franxa intermedia de defensa da Zona de Reserva Integral e de amortecemento entre esta e a de Uso Público Restrinxido, onde se conservan valores naturais e ecosistemas de grande interese a preservación dos cales pode compatibilizarse con determinados usos no territorio.

Nesta zona permítese, así mesmo, o sinalado para a zona de reserva integral:

-O emprego de vehículos de motor a través das pistas existentes polos investigadores autorizados.

-A mellora das pistas e devasas existentes sempre que non supoña modificacións no trazado, dimensionamento ou capa de rodadura orixinal.

-O mantemento dos peches cinexéticos existentes e da súa fauna.

-As labouras de restauración forestal e de tratamentos selvícolas e aproveitamentos en atención á preservación xenética das masas arboradas preexistentes e á conservación do solo.

-A reintroducción de especies de fauna e melloras no seus hábitats cando se trate de especies moi minguadas nas súas poboacións ou que desaparecidas hoxe haxa constancia da súa existencia nestes territorios na antigüidade.

-A retirada de material vexetal que quedará á disposición da Consellería de Agricultura para plans de restauración forestal, preferentemente no parque natural ou no territorio anexo pertencente ó macizo central ourensán.

-O acceso a pé, restrinxido e controlado, polos carreiros e pistas existentes, para actividades de educación ambiental.

c) Zona de Uso Público Restrinxido.

Constituída polo territorio do parque natural destinado preferentemente ó uso e desfrute da natureza polos visitantes e polos usuarios da aula da natureza alí existente. Debido á existencia nesta zona de valores naturais de importancia que tamén é necesario conservar, o uso público do territorio desenvolverase dun xeito controlado.

Para os visitantes e os usuarios da aula da natureza rexerán con carácter xeral as normas que se establecen nos puntos 4 e 5 deste artigo.

Con carácter xeral para esta zona de uso público restrinxido permítese, así mesmo, do sinalado para as dúas zonas anteriores:

-As repoboacións forestais e os tratamentos selvícolas e os aproveitamentos con criterios para masas protectoras tendentes á restauración do bosque autóctono, do bosque mixto ou, en último caso, á persistencia das masas arboradas existentes.

-O funcionamento da estación de desove sita na Ribeira Grande e a obtención de alevíns e ovos embrionados para o programa de mellora xenética e incremento da calidade dos salmónidos con destinos á repoboación dos ríos da nosa Comunidade.

-A apertura de novas sendas para o seu uso exclusivamente a pé como rutas de sendeirismo.

-O acceso en vehículos motorizados ata as casas existentes na Ribeira Pequena e tan só en turismos (non autobuses) ata a aula da natureza na Ribeira Grande, e non poderán traspasa-los visitantes estes dous límites de accesibilidade en vehículos.

-O acceso a pé polos camiños e pistas sinaladas como rutas de sendeirismo.

-As comidas, unicamente nos lugares sinalados para o efecto.

-As soltas de animais procedentes dos peches cinexéticos existentes na actualidade.

3. Normas para a investigación.

a) Os plans de investigación están concebidos co obxecto de profundizar no coñecemento do medio natural, flora, fauna, ecoloxía, dinámica e outros aspectos da natureza.

b) Para que un plan ou proxecto de investigación poida ser levado a cabo no ámbito do parque natural, cómpre que sexa presentado previamente para a súa aprobación, pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes cunha memoria detallada, na que se incluirán, cando menos, os seguintes puntos:

-Obxectivos perseguidos.

-Duración dos traballos.

-Materiais que se van empregar.

-Metodoloxía.

-Actividades de campo que se van realizar.

-Número, personalidade e currículum dos investigadores.

-Responsable do programa ou plan.

-Aval dunha entidade ou persoalidade de recoñecido prestixio científico. No caso de non posuíla, farase responsable o propio investigador ou o equipo que presenta a memoria.

c) O número máximo de persoas que poden acceder simultaneamente ó espacio natural para a realización do seu proxecto ou plan de investigación será de dez persoas, cun tempo máximo de estadía continuada de 15 días.

d) Para a realización destas actividades de investigación poderanse utiliza-las instalacións que se indiquen na autorización, sempre que fosen solicitadas.

e) O investigador ou grupo de investigadores estarán obrigados a facilitarlle á Consellería de Agricultura un exemplar do traballo que quedará nas propias instalacións do espacio natural para estudio, consulta e contribución ó seu coñecemento.

f) En ningún caso, as actividades de investigación poderán alterar ou entorpece-los labores de xestión e administración do parque natural, nin as outras actividades de uso público deste.

g) Os investigadores quedan obrigados a respecta-las normas xerais de funcionamento do parque natural dos Montes do Invernadeiro.

h) Tódalas actividades ás que fai referencia esta disposición serán autorizadas con carácter gratuíto.

i) Facúltase o órgano administrativo superior responsable da xestión do espacio natural para dicta-las normas complementarias que se precisen.

4. Normas para as actividades de educación ambiental.

As aulas da natureza teñen unha finalidade basicamente didáctica e estarán suxeitas ás seguintes normas:

a) Serán levadas a cabo en grupos, acompañados dos monitores correspondentes. Os grupos serán preferentemente de escolares da Comunidade Autónoma de Galicia e deberán presentar un programa das actividades que vaian realizar.

b) O número máximo de participantes nestes grupos será de 54 persoas, acompañados dun máximo de 4 monitores ou profesores.

c) O tempo máximo de estadía na aula da natureza por grupo será de como máximo catro días, ampliables excepcionalmente ata un total de 7 días.

d) Os grupos deberán realizar unha solicitude previa diante das delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para poder desenvolve-las actividades de educación ambiental no parque natural. Estas solicitudes serán remitidas á Delegación Provincial de Ourense, onde serán seleccionadas e atendidas por rigorosa orde e en función do número de visitas anteriores e do citado programa que presente cada grupo.

e) A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes elaborará un programa de actividades de aulas da natureza que complemente as actividades que teñan prefixado os grupos, nos aspectos relativos ó coñecemento do medio natural, ós seus elementos, a súa dinámica, a ecoloxía, ou outros factores de interese.

f) A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes porá á disposición dos grupos da aula da natureza monitores convenientemente capacitados en actividades docentes no medio natural, que compartirán de xeito permanente o tempo de estadía dos devanditos grupos, así como os medios materiais axeitados para a realización das actividades.

g) Será imprescindible para a autorización de uso das instalacións e acceso ó parque natural, que os grupos de usuarios inclúan e respecten, nos seus propios programas, as actividades que os monitores da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes teñan previsto realizar.

h) Os grupos respectarán as instalacións materiais que se poñan á súa disposición. Así mesmo, comprometeranse a cumprir escrupulosamente as normas xerais de funcionamento e conservación do parque natural. Do mesmo xeito, terán especial coidado en

non alterar ou molesta-las outras tarefas, programas ou actividades propias do funcionamento, xestión ou administración do parque natural.

i) Para as actividades da aula da natureza adicaranse as edificacións cos seus dormitorios, comedor, servicios e instalacións anexas que para tal fin foron acondicionadas, e o resto do territorio habilitado para educación ambiental do parque natural será o soporte básico para poder realizalas.

5. Normas para visitantes temporais.

Posibilitaráselles o acceso a aquelas persoas que, de xeito temporal, queiran visita-lo parque natural, e estarán suxeitas ás seguintes normas:

a) O tempo de duración da visita será, como máximo, dun día, desde dúas horas despois do mencer ata unha hora antes do solpor.

b) Somentes se poderá acceder logo de solicitude e autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, a través dos seus servicios centrais, delegación provincial de Ourense e dependencias que se sinalen para o efecto.

c) O número máximo diario de visitantes autorizados será de 30 en días laborais e 50 en festivos, sábados e domingos.

d) As áreas e itinerarios que poderán ser empregados por este tipo de visitantes serán os sinalados para o efecto, e son na súa meirande parte itinerarios a pé, sen que poidan ser alterados por iniciativa do visitante.

e) As actividades que se poderán desenvolver concretaranse nas áreas autorizadas e sinaladas para o efecto.

f) Os visitantes absteranse de recoller ou sustraer calquera tipo de material biótico o abiótico ou calquera obxecto, na súa integridade ou en partes, así coma modificar calquera elemento que se atope no parque natural.

g) Poderáselle facilitar ó visitante, no momento de acceder ó espacio natural, a información, guía de comportamento, actividades e localización de usos permitidos, así como, planos descritivos da situación das distintas zonas.

Artigo 6º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes como órgano encargado da salvagarda, xestión e administracción do parque natural, terá como funcións prioritarias:

a) Velar polo cumprimento das normas establecidas neste decreto e das que se establezan de xeito complementario no Plan de ordenamento dos recursos naturais.

b) Propoñer e potencia-la ampliación do parque natural coas outras serras estremeiras do macizo central ourensán.

c) Propoñer normas e realizar propostas dirixidas a unha eficaz defensa dos valores naturais do parque natural.

d) Promover estudios, investigacións e actividades educativas e culturais e fomenta-la súa divulgación.

e) Promove-la celebración de convenios e acordos para os fíns que establece o presente decreto con outras administracións públicas ou privadas.

f) Promove-lo achega de fondos e axudas para a defensa e conservación dos seus valores naturais e a potenciación das actividades de educación ambiental, información, difusión e divulgación destes valores.

Artigo 7º

1. Con posterioridade á aprobación do Plan de ordenación dos recursos naturais, elaborarase un Plan rector de uso e xestión, que terá unha duración máxima de cinco anos, e no que se incluirán alomenos:

a) As directrices específicas de ordenación e uso do parque natural.

b) As normas de xestión e as actuacións necesarias para a conservación e protección dos seus valores naturais e para garanti-lo cumprimento das finalidades de investigación e interpretación dos fenómenos naturais, educación no coñecemento da natureza, así como o uso e desfrute polos visitantes.

c) As normas oportunas para a utilización racional dos recursos naturais, a execución das actuacións precisas para o mantemento do equilibrio ecolóxico e a concesión de subvencións e outros auxilios ás explotacións agrícolas, gandeiras e forestais e ás actividades cientificas, culturais e recreativas que puideran realizarse no ámbito deste decreto.

2. Todo proxecto de obra, traballo ou aproveitamento que non figure no plan rector ou nas súas revisións e que se considere necesario realizar, deberá ser xustificado debidamente, tendo en conta as directrices daquel, e autorizado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 8º

A dirección técnica do parque natural corresponderá ó director-conservador designado polo director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

Artigo 9º

O Concello de Vilariño de Conso, onde se atopa o parque natural, terá preferencia para a obtención de axudas e subvencións relacionadas coa potenciación do medio natural e que contribúan ó seu desenvolvemento socioeconómico.

Artigo 10º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes instará á suspensión de toda actividade que non dispoña da autorización preceptiva, non se axuste ás

condicións desta ou incumpra as prescricións do presente decreto.

Artigo 11º

A infracción do réxime de protección establecido para o parque natural ou a non observancia da normativa vixente, serán sancionadas de acordo co disposto na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre ou nas normas que, se é o caso, poidan substituíla e demais disposicións que a teor da natureza da infracción resulten aplicables, e das que se deriven dos plans de uso e xestión que se desenvolvan.

Disposición adicional

Primeira.-As actuacións urbanísticas derivadas da lexislación sectorial deberán axustarse ás limitacións establecidas no presente decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións, de igual ou inferior categoría, se opoñan ó disposto no presente decreto, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para dicta-las disposicións necesarias para desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO I

DELIMITACIÓN XERAL DO PARQUE NATURAL DO INVERNADEIRO

Límites:

Norte: Monte comunal de Camba (concello de Laza), Serra mixta de Queixa (concello de Chandrexa de Queixa) e mais montes comunais de Vilariño de Conso.

Leste: divisoria das concas dos ríos Ribeira Grande e Conso no concello de Vilariño de Conso.

Sur: Encoro das Portas e Monte comunal de Campobecerros (concello de Castrelo do Val).

Oeste: Monte comunal de Camba (concello de Laza).

ANEXO II

ZONIFICACIÓN ESPECIAL DO PARQUE NATURAL DO INVERNADEIRO

O Parque Natural do Invernadeiro queda dividido para efectos da súa zonificación en tres grandes áreas das cales a área norte e a zona de reserva integral,

a área central, a zona de protección especial e a área sur, a zona de uso público restrinxido. Estas tres grandes zonas quedan delimitadas por dúas liñas que cortan tanxencialmente no sentido leste-oeste o parque natural.

-Liña divisoria entre a Zona de Reserva Integral e a Zona de Protección Especial.

Desde o alto de Cabeza da Veiga do Fial límite do parque polo oeste e cota de 1.562 m seguindo a divisoria de augas entre a Corga de Teixeiroá e a Veiga do Rocín ata a cota de 1.113 m, segue en liña recta ata a desembocadura da Corga de Cenzoá e subindo por esta corga chégase ata o alto das Pozas, cota de 1.544 m no límite leste do parque natural.

-Liña divisoria entre a Zona de Protección Especial e a Zona de Uso Público Restrinxido.

Desde o alto do Birlauto, cota de 1.374 m no límite oeste do parque baixa pola Corga do Bidueiral ata o río Ribeira Pequena, que segue augas abaixo ata a desembocadura da Corga do Conso, sobe por esta corga ata o alto de Cabeza do Brozo, cota de 1.352 metros, segue a divisoria de augas entre as dúas ribeiras en dirección surleste ata o Alto de Picas da Veiga de Meda de 1.289 metros. Baixa cara ó leste polo Regato do Lobo ata o río da Ribeira Grande que segue augas abaixo ata a desembocadura da Corga das Cembas pola que sobe ata o alto de Cenzoá, cota de 1.555 m e límite leste do parque natural.

5008