Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Luns, 30 de xuño de 1997 Páx. 6.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 157/1997, do 29 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Moeche (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construcción dunha nova casa do concello.

O Concello de Moeche (A Coruña), en sesión celebrada o día 3 febreiro de 1997, acordou aproba-lo proxecto de construcción dunha nova casa do concello e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de abril de 1997 baixo o número 4681.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de maio 1997, nº 6113.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque son os terreos idóneos para a construcción dunha nova casa do Concello, construcción permitida urbanisticamente, xustificando a urxencia no estado

lamentable no que se atopa a actual casa do Concello, que carece das mínimas condicións de salubridade e seguridade, que fan precisa a utilización do procedemento de urxencia, e igualmente debido á necesidade de dispor de terreos con celeridade para consegui-lo cofinanciamento do proxecto por outras administracións, dentro deste exercicio orzamentario.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de maio de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Moeche (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de construcción dunha nova casa do concello.

Santiago de Compostela, vintenove de maio de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5054